13 mar 2008


CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1908: O ENTERRO DE CURROS
(A imaxe procede dos fondos da RAG)

O enterro de Curros na Coruña foi un dos grandes eventos culturais de todo o século XX. Ningún escritor galego tivo unha despedida tan apoteósica. Colocáronse bandeiras nos balcóns, pecharon antes os comercios, os Círculos Recreativos enloitaron os seus balcóns, encendéronse as farolas do alumeado público e cubríronse de crespóns, e disque corenta mil persoas acompañaron o féretro na cidade herculina. O poeta de Aires da miña terra morre o 7 de marzo de 1908 no Centro Asturiano da Habana por un problema cardíaco. Ás 11 da mañá o seu corpo é trasladado aos salóns do Diario de la Marina e é embalsamado por médicos do Centro Galego, para ser trasladado ao día seguinte a esta sede, segundo contan Belén Fortes e X.A. García López. Institucións como o Casino Republicano coruñés (do que Curros era socio honorario), a Liga de Amigos e a Academia Galega, presidida por Murguía, son os primeiros en declarar o seu pésame. O 10 de marzo a Asociación da Prensa da Coruña, que presidía Manuel Casás, lanzou a idea do traslado do cadáver á Coruña. La Voz de Galicia informa con detalle destas xestións, mentres outros medios respostan con indiferencia á morte do poeta celanovés (véxase a crónica detallada destes días en Curros Enríquez. Crebar as liras, A Nosa Terra, 1987).
O 20 de marzo o cadáver de Curros zarpa no vapor Alfonso XIII dende A Habana. Con el veñen José López Pérez, presidente do Centro Galego (contra o que Curros escribira un poema moi crítico); o egrexio compositor Castro Chané e o poeta Nan de Allariz, representando ao Diario de la Marina da Habana. Os restos do poeta chegan o 31 de marzo á Coruña, cobertos pola bandeira de Cuba, e son recibidos por concellais da cidade e representantes das asociacións promotoras do traslado. Neses días vendéronse “infinitos” exemplares dunha tarxeta postal coa foto de Curros en Bonaval, depositando flores no sartego de Rosalía (o 27 de setembro de 1904), co seu poema “Na tomba de Rosalía” no reverso. A prensa ofrece detalles da capela ardente instalada na planta baixa da Casa do Concello da Coruña, con Curros rodeado polo escudo da cidade e a bandeira galega e acompañado, en primeiro lugar, do seu fillo Adelardo e da súa irmá Ramona. O 2 de abril, ás 3 da tarde, tivo lugar o multitudinario enterro que, despois dunha dura polémica entre partidarios dunha cerimonia civil e outros dun enterro relixioso, finalmente foi polo rito católico, como quería o seu fillo Adelardo. O cadáver repousou no nicho 92 do 3º departamento do cemiterio de San Amaro, cedido polo Concello.
O 3 de abril celébrase unha velada fúnebre no Teatro Principal coruñés na que participan Murguía, Filomena Dato, Manuel Lezón, Lisardo Barreiro, Alfredo Vicente, Linares Rivas, Cabeza de León, Manuel Casás, Lugrís Freire e López Pérez. O 12 de abril haberá tamén no Teatro Circo da Coruña un novo acto en honor de Curros e en protesta polo seu enterro católico: este foi auspiciado polo Casino Republicano, Unión Campesina, Antocha Galaica, Jóvenes Republicanos Librepensadores, Escola Laica e outras asociacións radicais. Alí léronse algúns dos poemas máis críticos do celanovés como “A igrexa fría”, “Mirando ao chau” ou “Diante dunha imaxe de Iñigo de Loyola” e pronunciáronse fortes ataques contra os “ajesuitados” da cidade en expresión do Sr. Arias, de Antorcha Galaica. Non faltaron as críticas a Vicenti e a Adelardo Curros por permitir o ritual relixioso. En cambio, o Sr.Martín, de Izquierda Solidaria, comparou a Curros con Jesucristo e M. Martínez dixo que o cemiterio da Coruña quedaba secularizado dende o momento no que alí era enterrado Curros. Tamén en Madrid houbo unha velada necrolóxica no Ateneo por iniciativa de Segismundo Moret.
(Ver Comentarios)

14 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

RECUPERO ESTE TEXTO, QUE TAMÉN USEI O MARTES NO LICEO, da miña serie "Cen Anos de Historia Cultural", que se publicou nos inicios da mesma (a serie comezaba en 1906). Van tamén, agora, outros dous textos desa páxina (publicada en GALICIA HOXE, xaneiro 2006), sobre ese mesmo ano:

2. A REVOLUCIÓN DE 1846.
No mesmo ano 1908 saiu á rúa en Madrid o primeiro tomo das Obras Completas de Curros Enríquez, preparadas polo seu fillo Abelardo (incluíndo Aires da miña terra e O divino sainete). Foi tamén o ano en que apareceron as Gallegadas, do médico lugués Xesús Rodríguez López, volume mixto de prosas e textos que inclúe varios relatos en galego como “As papas”, “O resucitado” e “Os arangaños”. Manuel Amor Meilán publica en Lugo o seu estudo El obispo de Orense Quevedo y Quintano como patriota y como político; Francisco Tettamancy dá ao prelo en A Coruña o volume La revolución gallega de 1846, saudado con entusiasmo en A Nosa Terra; a coruñesa Sofía Casanova entregaba a novela Más que amor, e Uxío Carré Aldao, un dos protagonistas da Cova Céltica, sacaba en A Nosa Terra o seu “Refraneiro galego”e tres libros máis: unha historia da Coruña entre 1808 e 1908; unha achega á Guerra da Independencia en Galiza e o titulado Idioma y literatura de Galicia. Valle-Inclán publicaba unha das súas “comedias bárbaras” máis populares, Romance de lobos.
En agosto celebrouse a I Asamblea Agraria de Monforte, organizada por Solidaridad Gallega e Rodrigo Sanz. Na Coruña inaugurábase o Salón París, o primeiro cinematógrafo estábel do país; o Orfeón Pontevedrés subía aos escenarios a zarzuela Unha boda na Ulla, de Manuel Novoa Costoya, e no Ferrol Eduardo Sánchez Miño recuperaba a súa Escola Dramática Galega, que levaría ás táboas neste ano Mareiras e Escravitú, ámbalas dúas de Lugrís Freire.
O 17 de agosto nacía en Lugo El Progreso, “Diario Liberal”, e en Buenos Aires reaparecía o Correo de Galicia, da man de Xosé Rodríguez Lence; outros xornais desa quinta foron El Tea, decenario republicano-agrario de Ponteareas; La Acción, libertario coruñés; Compostela, revista literaria desta cidade; El Eco de Villalba, no que colaborou Noriega Varela; La Opinión de Tui; Santos e Meigas, revista semanal ilustrada na Habana, e A Terriña, na mesma cidade cubana.

3. XAN DAS BOLAS.
O capítulo de nacementos do ano 1908 ofrece tamén moitos
nomes a subliñar. Entre outros, os de escritores como o coruñés Xenaro Mariñas del Valle, que sería membro das Irmandades da Fala e autor de teatro cunha prolífica obra que se move entre o simbolismo e a pegada valleinclanesca. Da mesma quinta eran Xosé Otero Abeledo, “Laxeiro”, o gran fabulador natural de Lalín, artista primitivista e expresionista e creador dun mundo irrepetible, e Urbano Lugrís, un dos fillos de Manuel Lugrís Freire (Día das Letras Galegas 2006), pintor bohemio, gran artista surrealista e, sen dúbida, un dos meirandes intérpretes do noso mundo mariñeiro en todas as súas perspectivas. En Muxía nacía o fotógrafo Ramón Caamaño, un nome recuperado nos últimos anos para a historia documental da fotografía do século XX, e na Coruña facíao Xan das Bolas, nome cinematográfico de Tomás Ares Penas, que dirá pouco aos novos, pero que representa toda unha etapa da imaxe dos galegos no cine español a través de películas como Botón de ancla: unha imaxe ben coñecida, o galego pailán, humilde e traballador, marcado polo seu forte acento e escasa cultura; nesa liña, en papeis breves, o actor coruñés participou en máis de 200 títulos.
Tamén naceron en 1908 o pontevedrés Ramón Barreiro Vázquez, director de cine, tanto no xénero documental como de ficción (que fixo parodias do cine de aventuras como El pirata Bocanegra ou El otro Fu-Man-Chú); José Sotomayor, militar republicano natural de A Pobra, que militou no Partido Galeguista e sería un dos protagonistas do secuestro do barco Santa María no ano 1959 en protesta contra o franquismo; e Arturo Souto Vizoso, natural de San Martiño de Xubia (Narón) e autor dun libro sobre ferroláns egrexios.
En 1908 morre en Madrid a escritora Emilia Calé y Torres de Quintero, que colaborara no Álbum de la Caridad; falece tamén, xa cego, Manuel Rodríguez Rodríguez, escritor de Viana do Bolo e autor de “O fantasma” e “Os biscoitos do crego” (publicados en 1907).

Anónimo dijo...

Un enterro, "evento cultural"? Nin "evento" (calco da lingua de chaquespeare) nin "cultural".

Marcos Valcárcel López dijo...

Comprobo, publicado o post, que aparecen dúas ligazóns na palabra Cuba que eu non puxen (da CIA ou?). Para Xulio: se podes eliminalas, faino.

Anónimo dijo...

Cómo é vostede,MS. Chámase "evento cultural" a calquer "eventualidade" na que haxa moita xente culta xunta (non da Xunta). XD.

Anónimo dijo...

Dicionario da RAE:

3. m. Cuba, El Salv., Méx., Perú, Ur. y Ven. Suceso importante y programado, de índole social, académica, artística o deportiva.

Anónimo dijo...

En realidade, adoita a chamarse "acto cultural" a calquer acto no que haxa moita xente xunta. Mesmo se non é "culta". Por exemplo: un "concerto" no que un par de "músicos","postos hasta o cú" de todo,e no que a xente fuma canutos,se emborracha, mexa,e deixa o mobiliario urbano escarallado, é un acto cultural.Páganno instituciós culturáis (concellerías,etc). E case nunca barato.

Anónimo dijo...

Vou tomar unhas cervezas polos viños ourensáns. O meu "acto cultural" favorito dos xoves. Que teño a cabeza coma un pan por culpa dos catro tonos do chino.:P

Pra meu amigo XMGlz:
:P son dous ollos e unha boca coa lingua fora.

Anónimo dijo...

Da Coba, alado mensaxeiro, cando é que paga un viño polo silente e místico Allariz???????????

Aquí tamén lle hai bares de lindas empregadas.

ENTÓN, QUE LLE POÑO??? RIBEIRO, MENCÍA, RIBERA DEL DUERO, RIOXA TAL VEZ.... VOSTEDE NON É DE AQUÍ, POIS NON, SEÑOR

Anónimo dijo...

Estou de acordo con MS.

A expresión "evento cultural" para un enterro non é, en principio, moi axeitada. "Evento social", penso, quizais si o fose.

Anónimo dijo...

Acto é palabra máis suxerente ca evento. "Fotocopias en el acto" é unha das expresións máis surrealistas que coñezo.

Anónimo dijo...

Sabe ben vostede,amigo Medela, que gosto moito da Ziralla ,e que adoito a rematar como un "saco de viño", como din os gabachos, en faissant des petites promenades polas súas rúas. Téñolle moito cariño á esa vila desde que soupen, fai moitos anos, que o meu abó vendéu alá, moi ben vendidos, dous marraus que lle quitaron a fame á miña familia moito antes de que eu nacera.Pero eso é outro conto.Desculpe, pero veño do acto do Xesteira , e bebín algo de máis (así e todo, podo guiar, que sopléi no alcolímetro que teño e dame 0.46, pero a dona non me deixóu tomar o volante entre as mans, porque dí que escomencéi a decir que tiña "dous pi radiáns", e que cando falo así e da curvatura do espacio-tempo, e do seu tratamento tensorial, non podo guiar). Ejem.
Estaban moitos persoeiros do BNG, concelleiros e tente alcalde incluido, e tamén do PSOE (alcalde) e do PP (mulleres maiormente). Non vin ao Marcos. Non sei se estaba, pero é que cheguéi tarde, e xa algo afectado de etano-di-ol.
Eu págolle un viño a vostede, e á súa dona. E unha "Mirinda" prá rapaza.Anque creo que xa non hai "Mirindas". De boa gana. QUe os cartos en libros i en viños son os mellor gastados, prao meu gusto. E a rapaza da foto é ben guapa. Como din os brasileiros: "Non ha mulher feia.Vôcé bebéu pouco".

Anónimo dijo...

E grazas por compararme con Hermes, Mercurio ("alado mensaxeiro"). Algo significa pra mín ese Deus. Hai unha peza no museu ourensán que o representa. Foi atopada moi perto de donde eu nacín, no que en outro tempo se chamóu "Castello Barensi". Pero a historia de cómo se atopóu, que me foi relatada por familiares directos, non llela podo contar.

Anónimo dijo...

Coincido con vostede, Arume d.p.
"Acto" leva connotaciós dunha "acción", de algo no que a xente toma iniciativas, participa. "Evento" leva connotacións de pasividade, de mero "suceso", de algo que ocurre ao marxe da nosa vontade.

Anónimo dijo...

Pero ben mirado, depende do adxectivo. Repare, amigo da Cova, na diferencia entre acto sexual e evento sexual. O segundo soa a despendole orxiástico, mentres que o outro soa a prospecto de condóns.