1 mar 2008


Compostela.
Pan por Pan sábado 1 marzo

Como sería a Compostela do século XIX, na que viviu a nai fundadora das nosas letras, Rosalía de Castro? Hai algúns estudos históricos que poden dar pistas ó respecto, pero a propia poeta deixounos unha xeira de poemas nos que a cidade compostelá está ben presente: “Na Catredal”, “Amigos vellos”, “Sin terra”, “San Lourenzo”, etc. Era o Santiago das igrexas e das campás, e das neniñas pedindo na porta da Catedral, e tamén a Compostela que vai río arriba cara Padrón. O Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos veñen de axuntar eses poemas, un total de once, nun volume titulado “Versos a Compostela”, introducido por Xesús Rábade Paredes, en edición bilingüe, cunha serie de fotos antigas, dos tempos da poeta. A Compostela da permanencia que xa anunciaba Rosalía: “I as pedras quedan..., e cando eu morra,/ ti, catredal,/ ti, parda mole, pesada e triste,/ cando eu non sea, ti serás”.

No hay comentarios: