9 mar 2008

Destruid esa "raya" (Curros)

“Destruid esa “raya”, que separa como una muralla de odio, una familia de hermanos, convirtiéndola en extranjera, y sobre las ruinas de esa muralla tended el puente por el cual se comunique y enlace el corazón de Galicia al corazón de Portugal, restableciendo la obra de Dios, que destrozaron los reyes; y haciendo que uno y otro se completen por justaposición, viviendo en el porvenir como vivieron en el pasado, unidos por los lazos de la fraternidad y del amor, según conviene á pueblos de la misma raza y con la misma historia”.

Con esta cita de Curros, recupero (en COMENTARIOS) un artigo meu sobre a presenza de Curros en El Correo de Celanova (1893-1895). Saiu nun número da revista Arraianos (non o teño agora a man) e tamén nas Actas do I Congreso Internacional Curros Enríquez, celebrado en Celanova no 2001 (Consello da Cultura Galega, 2004, 2 tomos): no segundo tomo está un amplo traballo meu, titulado "CE na prensa ourensá e celanovesa: un xornalista republicano-federal", tomo I, pp. 557-591.

2 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

CURROS ENRÍQUEZ EN EL CORREO DE CELANOVA
Marcos Valcárcel
Curros Enríquez foi durante toda a súa vida xornalista, home da prensa, o gran fenómeno democrático do século XIX; en máis dunha ocasión autodefiniuse como periodista e constatou por escrito o seu amor á prensa e o carácter de paixón que tiña este oficio na España decimonónica (por exemplo, na carta ó director de La Concordia de Vigo que publica El Heraldo Gallego o 15 de abril de 1877).
Coincide neste aspecto con outros moitos escritores do seu tempo, que mesmo na súa andaina vital foron máis considerados na súa faciana de xornalistas, fundadores e impulsores de xornais que na perspectiva de poetas ou escritores: velaí os casos, para os ourensáns, de nomes tal notables como Valentín Lamas Carvajal ou Francisco Álvarez de Nóvoa, contemporáneos do de Celanova.
Na época que viviron todos eles chegábase ó xornalismo “por razones muy parecidas –y a veces eran las mismas- a las que llevaban a un puestecillo en la frondosa administración civil del Estado. La protección de un cacique o de un político de aldabas con veleidades literarias”(Mainer, 1981, p.67). Ó longo do século o mundo da prensa vaise convertindo de forma lente nunha profesión, pero sen deixar de ser tamén, moitas veces, unha vía para a carreira política ou para o éxito literario. Era, desde logo, unha profesión reservada para xentes con paixóns literarias e políticas, dispostas a soportar difíciles condicións de traballo e presións moi fortes das empresas e editores. Os medios máis destacados podían preparar o camiño para acceder ó poder político, mesmo desde posicións progresistas como sucedería nos anos da Segunda República, pero os xornais máis humildes eran tamén a menudo refuxio de fracasados noutras profesións, ó prezo de sacrificar por un sustento económico outro tipo de ilusións máis nobres. A iso era ó que se refería Alejandro Lerroux en 1901 cando afirmaba que o xornalismo soía ser “refugio de fracasados en la literatura, hospital de inválidos de otras carreras, o camino por donde marchan en carrera desenfrenada las ambiciones políticas” (citado por Mª Cruz Seoane e Mª Dolores Saiz, ...., p.44). Outras veces a necesidade dun soporte económico mínimo ou as presións das autoridades explicaban viraxes políticas tan sorprendentes como as dun Lamas Carvajal partidario incondicional dos liberais de Vicente Pérez cando sae á rúa El Eco de Orense para, poucos anos despois, transformarse en inimigo frontal desas mesmas posicións políticas e abrirse, pola contra, ás teses dos antes moi criticados conservadores.
Daremos agora conta das súas colaboracións ocasionais no único xornal de Celanova do que temos constancia da súa presenza: El Correo de Celanova. Trala súa marcha a Madrid con 14 ou 15 anos (1865-1866), Curros só regresa a Galicia, para traballar no xornalismo e na Facenda, no ano 1877, e permanece en Ourense ata 1883; marcha de novo a Madrid, onde permanece ata 1893 e logo marcha a Cuba, en 1894, tras unha brevísima estancia (xaneiro-febreiro 1894) en terras ourensás (López Varela, 2000, pp.379-380). A vida profesional do Curros xornalista ourensán, pois, redúcese a só seis anos, tralos cales as súas pegadas nos medios locais son colaboracións enviadas desde Madrid ou desde Cuba ou tiradas doutros xornais. Nese breve período a súa firma estará en xornais como El Heraldo Gallego, O Tío Marcos d´a Portela ou El Eco del Liceo, entre outros.
Por outra parte, a vila natal de Curros Enríquez é quizais a vila da provincia ourensá con menor vitalidade periodística ó longo do século XIX e inicios do XX. En Verín, por exemplo, sucedéronse ata 15 cabeceiras locais nese período e hai outras 13 en Ribadavia, e arredor de 6 ou 7 no Carballiño ou no Barco de Valdeorras. En Celanova, en cambio, só temos noticias de catro cabeceiras, dúas no século XIX e outras dúas nos inicios do XX. Serían elas El Correo de Celanova (1893-1895); La Discusión (1895-1896); La Voz de Celanova (1909-191?); e El Eco de Celanova (1917-1919). De todas elas só coñecemos fondos da primeira, grazas a unha colección conservada na Biblioteca Nacional de Madrid (da que nos pasou unha copia fotocopiada o amigo Antonio Piñeiro).
El Correo de Celanova foi un semanario editado na vila natal de Curros Enríquez entre os anos 1893 e 1895 polos grupos de vocación republicana da mesma. Saiu á rúa o 11 de setembro de 1893 e durou ata o 12 de maio de 1895, cun total de 68 números publicados e unha breve interrupción entre agosto de 1894 e febreiro de 1895 ó ser procesado por “supuesto delito de lesa majestad”, e logo absolto, o seu director. Imprentábase no taller ourensán de Antonio Otero e tiña a súa redacción na na rúa de Pardo Bazán, 3, de Celanova; subtitulouse inicialmente “Periódico semanal” e logo “Semanario republicano”, editándose os domingos cun total de catro páxinas, a catro columnas. O seu director e principal impulsor foi Luciano Meleiro Tejada, que tamén dirixía a Unión Republicana da vila, sendo sustituído ocasionalmente por Leopoldo Seoane.
Trátase dun xornal de gran interés político, moi valioso para a información historiográfica das comarcas de Celanova, Bande e Cortegada. De nidia propaganda republicana, tivo boas relacións con “El Derecho” ourensán e moi malas cos medios máis conservadores, singularmente cos carlistas como “La Lealtad”; publicou con certa frecuencia colaboracións de Pi y Margall e Emilio Castelar e textos de Víctor Hugo, o escritor e símbolo republicano falecido poucos anos antes (1885). Nos seus editoriais El Correo de Celanova pronunciouse pola idea da “redención social por medio de la democracia republicana” (17-II-1895) e abordou temas tan relevantes como a divulgación do novo socialismo, as causas do anarquismo, a emancipación da muller, o caciquismo rural, a necesidade da instrucción pública, a crítica da usura e da emigración ou a guerra de Marrocos, ademais da crítica da Monarquía e a defensa constante da República. Os mesmos títulos da sección editorial exemplifican o seu carácter combativo e radical: “A la lucha” (5-XI-1893), “Abajo los tiranos” (12-XI-1893), “Sólo la revolución” (4-III-1894), “Guerra al caciquismo” (13-V-1894), etc. Mantivo ademais fortes polémicas cos xornais conservadores de Ourense e, sobre todo, co carlista La Lealtad, que dirixía Valentín de Nóvoa.
Este semanario republicano prestou abundante atención ó seu conveciño poeta e compatriota de militancia antimonárquica. O poeta colaborou con escasas prosas, pero significativas. Sorprende non encontrar poemas do autor no semanario que o loubaba a cotío, para o que aventuramos dúas explicacións. En primeiro lugar, a ausencia case total de textos en galego (só no último número aparece o poema “As follas secas” de Castor Elices); en segundo lugar, o semanario, polo seu carácter político, acollía con certa frecuencia poemas satíricos e de propaganda republicana de autores locais e non galegos (Eulogio Jurado Fernández, Enrique Tormo, Manuel Marzal y Mestre, etc.), todos en castelán, pero raramente publicaba poemas “non militantes”, limitación á que quizais Curros non se quixo someter nese momento.
A primeira referencia a Curros neste medio aparece no seu segundo número, o 17 de setembro de 1893, nun artigo de redacción sobre “Las fiestas del Cristal”: inicíase o texto cun cuarteto de “A Virxe do Cristal” e unha defensa do poeta lembrando a excomunión do Bispo contra Curros, utilizándose o argumento de que a polémica e condea do libro “Aires da miña terra” puido, sen pretendelo, contribuír ó esplendor e concorrencia da romería de Vilanova, dado que, segundo o redactor, “esa obra que ha inmortalizado el nombre de su autor ha sido leída, lo mismo por el hombre de ciencia, como por el falto de ilustración; por el pobre como por el rico; así por el anciano como por el joven; contribuyendo a esa circunstancia los hechos de ser el autor hijo de esta villa y el haber desenvuelto una tradición referente al asunto de un sitio conocido. Y tanto como esto ha influído sin duda el anatema lanzado por el Prelado de Ourense contra el señor Curros”. O redactor semata a referencia expresando a súa ledicia polo feito de sucumbir ante o progreso as insensatas pretensións de vergonzosas e infamantes institucións arelantes “de un tiempo que pasó para no volver”.
No seguinte número (3) aparece, en primeira páxina e en forma de carta ós “Señores redactores de “El Correo de Celanova” (24-IX-1893) unha longa colaboración de Curros enviada desde Madrid e datada o 6 de setembro. O artigo é un saúdo entusiasta á iniciativa de lanzar un xornal republicano en Celanova, chamado a extirpar “uno de los focos más perniciosos del caciquismo gallego” en referencia á súa propia vila natal. Curros afirma que esta iniciativa debe estar encamiñada “a defender y consolidar la autonomía regional, base y condición necesaria de la prosperidad de los pueblos”, tarefa que se presenta como “santa cruzada que marcha a rescatar el sepulcro y a vengar la sangre del Mariscal”. Por riba das súas figuras retóricas, o texto abonda en afirmacións rexionalistas, utilizando mesmo o lema de Monroy “América para los americanos” e a necesidade da defensa do ser e existir de Galicia: “Galicia siente también la necesidad de su defensa, porque siente, como todo organismo, la necesidad de vivir”. Hai asimismo unha crítica nidia ó que se define como un “imposible cosmopolitismo, para quienes el todo puede existir sin la parte, la vanidad (sic) sin la unidad y sin los átomos el universo”; rexéitase a política da Restauración e o cunerismo, acusando ós representantes de Galicia en Cortes de defender os intereses da Rioja ou León, “porque allí está la voluntad, el interés y la familia de su jefe (...) Acabemos de una vez con esa política bizantina, buscando dentro de nuestra tierra, en torno nuestro, lo que no hemos encontrado ni encontraremos nunca fuera”. Creo que é un dos textos máis próximos á conciencia rexionalista por parte de Curros e unha crítica daqueles que renegan dos intereses galegos en función da “patria grande” e da “humanidad”, “patria y humanidad que se condensan y se resumen á la postre en el tanto por cierto del empréstito que se prepara, en una credencial de Director ó en la sonrisa de gratitud de una dama influtente y generosa”.
A segunda parte e remate do artigo adícase a un tema de gran querencia no poeta celanovés: o seu iberismo e prolusismo, chamando ós conductores do novo xornal a facer un labor de “reintegración geográfica” no que respecta a Celanova, Galicia e a nación irmá Portugal. Parte Curros da definición como absurda e artificial da fronteira con Portugal, “trazada por el dedo de la codicia sobre un territorio que hizo indivisible la naturaleza, y cuando tuvo que aceptarla por virtud de tratados y de pactos solemnemente acordados en ese monasterio entre los reyes de Castilla y Portugal, hubo de sentir un estremecimiento semejante al que sentiría si de un tajo le partieran el corazón”. Chama, pois, Curros a rematar con esa chaga aínda aberta e rematar coa condición de “raianos” dos labregos de Celanova, abrindo desde Galicia as mans cara Portugal:
“Destruid esa “raya”, que separa como una muralla de odio, una familia de hermanos, convirtiéndola en extranjera, y sobre las ruinas de esa muralla tended el puente por el cual se comunique y enlace el corazón de Galicia al corazón de Portugal, restableciendo la obra de Dios, que destrozaron los reyes; y haciendo que uno y otro se completen por justaposición, viviendo en el porvenir como vivieron en el pasado, unidos por los lazos de la fraternidad y del amor, según conviene á pueblos de la misma raza y con la misma historia”.
Curros volve aparecer no xornal, de forma indirecta, meses despois, nun artigo de redacción titulado “Variedades. La ... Pardo Bazán” que é unha crítica á decisión de designar unha rúa da vila co nome desta escritora, da que o redactor afirma descoñecer os méritos que legou á mesma para honrar a súa memoria. O texto é claramente denigratorio da escritora (“hace unos cuantos años que la señora de Bazán vino a Celanova á correr una “juerguecita”...) e mesmo contén desagradables alusións machistas; ademais sulíñase o agravio da designación cando carecen dese honor figuras máis vencelladas ás rúas de Celanova como o médico Fernández Losada e “el inspirado poeta” Curros Enríquez, “dos hombres que juguetearon en ellas en su infancia y que han dado fama y nombre al pueblo que las vió nacer, el uno con sus celebradas poesías, y el otro manejando el escalpelo para mitigar los sufrimientos de la humanidad paciente” (5-XI-1893).
O 25 de febreiro de 1894 o xornal adícalle un novo artigo ó poeta con motivo da súa marcha a Cuba. Sulíñase a súa condición de “periodista insigne” e “consecuente republicano progresista”, cun labor destacado en “El País” de Madrid. O asinante do artigo, o republicano Leopoldo Seoane, afirma asimesmo descoñecer as verdadeiras causas de tan imprevista resolución, intuíndo que sería o coñecemento perfecto das miserias que encerra unha sociedade corrupta o que animou ó poeta para alonxarse da súa terra por máis ou menos tempo. Semanas despois dáse conta da homenaxe celebrada á súa chegada a Cuba por parte do Centro Galego da Habana (“Justo homenaje”, 11-III-1894) e aprovéitase de novo para salientar que á figura de Curros “no supo tratarle su pueblo natal con el respeto y cariño a que es acreedor” co agravio de homenaxear pola contra ós que o xornalista califica como medianías e “mamarrachos”.
Xa desde Cuba Curros manda outro artigo longo en prosa titulado “Croquis literario. Las mujeres del naturalismo” (17-II-1895), a súa última colaboración no xornal celanovés. Trátase dun artigo de crítica literaria no que o poeta amosa as súas distancias con algúns aspectos da estética da nova novela naturalista, en concreto o tratamento da muller en personaxes como a “Virginia” de Bernardino de Saint Pierre, a “Corina” de Madame Stäel ou as personaxes literarias “Nana, Gervasia, Safo” de Zola e outros autores, considerados polos seus autores como “documentos humanos” e dos que Curros afirma que “serán también un día rechazados como documentos falsos, absurdos o repugnantes por una crítica superior, inspirada en ideales que hoy no se han determinado todavía, pero que llegarán a formularse en el progresivo desarrollo de los conocimientos, en un estado mental más perfecto de las sociedades y en nociones del arte que hoy apenas se vislumbran”. Parte o escritor da convicción de que poetas e novelistas copian sempre a realidade, pero considera que a evolución da humanidade, mellorándose e transformándose, fará esquecer estes “siniestros personajes de las novelas para los cuales guardó el arte sus colores más sombríos” e que, pese á súa apariencia de realidade no presente en que escribe o crítico, “adolecen, sin embargo, de lo más esencial a nuestra naturaleza, el libre albedrío, cuya ausencia les convierte en eternos esclavos de la fatalidad, seres ficticios, de los cuales cabe sospechar si fueron creados para halagar convencionalismos en moda o para producir efectos pasajeros y estímulos malsanos en la imaginación de los lectores”.
Descoñecemos se este artigo de tese literaria, publicado nun medio local, foi reproducido moitas máis veces, anque sabemos que fora xa publicado en La Tierra Gallega varios meses antes, no n.41 deste xornal, en outubro de 1894 (López Varela, 1998). En calquera caso, no mesmo Curros tomou posición sobre a polémica provocada polas novas estéticas naturalistas, impulsadas e teorizadas pola súa antagonista dona Emilia Pardo Bazán, mantendo o poeta celanovés distancias nidias co retrato dos personaxes femininos por parte da nova escola; foi este un dos escasos debates ó respecto nos medios galegos, anque sobre a estética naturalista tamén se pronunciaron escritores como Francisco Álvarez de Nóvoa e Heraclio Pérez Placer (Martínez Jiménez, 1993, pp. LIII e ss.).

BIBLIOGRAFÍA
- López Varela, Elisardo (1998), A poesía galega de Manuel Curros Enríquez, Deputación de A Coruña, dous tomos.
- Mainer, José Carlos (1981), La Edad de Plata (1902-1939). Ensayo de interpretación de un proceso cultural, Madrid, Cátedra.
- Martínez Jiménez, Jorge (1993), edición de Francisco Álvarez de Nóvoa. Beira o Barbaña. Paisaxes, Sada, Ed. do Castro.
- Seoane, María Cruz e Dolores Saiz, María (......), Historia del periodismo en España, Madrid, Alianza Editorial, 3 volumes.
- Valcárcel, Marcos (1987), A prensa en Ourense e a súa provincia, Deputación Provincial de Ourense.
------------------------ (2001), “Curros Enríquez na prensa ourensá e celanovesa: un xornalista republicano-federal”, en Actas do I Congreso Internacional Curros Enríquez e o seu tempo, Santiago, Consello da Cultura Galega, pp. 557-595.

Anónimo dijo...

Interesante a reflexión de Curros. Pregúntome cantos coma el, na prensa dos seus días, expresaron ese tipo de desexo, mesmo despois da construción da ponte sobre o Miño en Tui-Valeça.