14 abr 2008


A AVENTURA DO VOLTER (1)
La Región 14 abril 2008. Imaxe: cadro de Xaime Quessada dos anos 60. (En Ourensanía hai xa unha boa xeira de fotos do Volter e dos seus artistiñas).

Con Risco. Conmemórase na cidade, por parte da asociación Amigos da República e no aniversario do 14 de Abril, a lembranza dos Artistiñas ourensáns do Volter que marcaron a vida cultural ourensá dos anos 60, da man de Vicente Risco. Arredor do creador de “O porco de pé” axuntábanse para falar de todo o humano e o divino os primeiros integrantes do faladoiro: os pintores Xaime Quessada e José Luís de Dios e o escultor Acisclo Manzano. O centro físico dos encontros era a taberna do Tucho na praza do Eirociño dos Cabaleiros, que Risco bautizou como O Volter xa que lle lembraba un café de Zürich, o emblemático Café Voltaire. Ó grupo inicial incorporáronse logo os pintores Virxilio e Xavier Pousa e os escultores Manuel Buciños e Arturo Baltar e na contorna movéronse outros escritores e artistas.
O grupo naceu formalmente xa falecido Vicente Risco, pois foi en setembro de 1963 cando se organizou unha homenaxe a Risco no Volter, presidida por don Ramón Otero Pedrayo, e cando se procedeu á decoración daquela taberna con pinturas e poemas nos paredes, hoxe todos desaparecidos, igual que o propio local, para propia vergoña da autoestima dos ourensáns e dos galegos.
Os murais. A investigadora Sofía Tros de Ilarduya dedicou un libro á aventura do Volter (Ronsel, 1998) e alí cita as obras plásticas e poéticas representadas nas paredes. Entre as principais, a alegoría de “La Puerta de paja” que pintou José Luís de Dios, de 216 por 330 cm., na que aparecen os personaxes desta novela e na banda dereita o propio Risco contemplando o mural e na esquerda os personaxes do Volter: o Tucho, Quessada, Acisclo, Conde Corbal e o propio José Luís de Dios. Outros frescos eran o “Lobigato” de E. Ortiz; “Érguete Galicia” e “Mueran los enanos”, de Xaime Quessada; e tamén se colgaron debuxos a lápiz e pluma de Risco (“Animales”), paisaxes a plumiña de Luís Trabazo e varia táboas de Virxilio, Prego e Antonio Quesada. O tono rebelde da convocatoria quedaba ben cifrado nos títulos das pezas de Quessada ou nos textos que incluíu este artista como “Viva sempre Tovar” e “¡Érguete Galicia pedra a pedra, érguete Galicia e medra”.
Resistencia. A aposta dos “artistiñas” inscribíase nas coordenadas da resistencia cultural das novas xeracións que aboian nos anos 50 e 60: un tempo marcado polo antifranquismo, o galeguismo e a percura dunha renovación estética na arte galega. Como indica con acerto Sofía Tros, todo iso prodúcese sobre un relevante substrato cultural (a cidade da Xeración Nós) e coas achegas dun grupo de persoas que colaboraron con eles e potenciaron o seu labor: entre outros, o crítico e pintor Luís Trabazo, o escritor Ernesto Gómez del Valle, o director do Museo Xesús Ferro Couselo e os mestres de artistas Manuel Prego de Oliver e Antón Faílde. A triste historia da negación cultural do franquismo explica que descoñecesen, en cambio, a obra dalgúns artistas das vangardas galegas como Cándido Fernández Mazas e Manuel Méndez, dous ourensáns esquecidos naquela altura.

5 comentarios:

Ana Bande dijo...

Ben triste a desaparición dese máxico tabernáculo. Eu aínda tiven a sorte de sentar nesas mesas e mirar os deliciosos grafittis dos artistiñas. Teño por aí unha foto do letreiro do Voltair que fixen cando xa presentía que pouco ía durar. Estaba a punto de agallasalo a vostede coa foto pero veño de vela xa colgada no seu arquivo fotográfico.Así e todo colgareina no bló para non esquecela. A derradeira vez que a vin estaba decorando un bar ¿serío queixo pan e viño? E digo eu, ¿non hai ningunha foto das paredes do Voltaire por aí perdida?

Marcos Valcárcel López dijo...

Amiga Ana Bande:
podo informarlle que había un álbum de fotos do interior do Volter, que conserva J.A.Almeida (dato do libro de Sofía Tros). Un paxariño amigo dime que se vai converter en libro, publicado pola Consellería de Cultura.

Anónimo dijo...

Era unha tertulia política ademais de cultural? Non vezo ao sr Risco enleado en política.
Outras cidades tiveron tamén un florecer cultural desde os anos 50, dentro da cutrería xeneralizada. (Mesmo había homes da cultura pro-franquistas, aínda que este detalle non se resalte moito.) De calquera xeito, moitos deles (pintores, escritores) tiveron que coller o camiño da emigración.

Marcos Valcárcel López dijo...

Para este último anónimo:
Velaí o gran paradoxo. Risco, home conservador (na ideoloxía política, non na estética), católico e de dereitas, formou grupiños de xentes, como os artistiñas, de esquerdas: mesmo o seu fillo Antón saiulle desa corda.
Polo que sabemos, tal contaron moitas veces Carlos Casares e Xaime Quessada, non se falaba de política nesas tertulias nin Risco recordaba o seu pasado como pensador e líder galeguista.

Anónimo dijo...

Interesante, Marcos, botar luz sobre persoas e movementos aínda pouco coñecidos.
Non podemos dicir que todos os que participaban nas movidas culturais daquela época fosen antifranquistas. Agora ben, está claro de abondo que os franquistas eran unha minoría, e que os froitos que deu a súa obra non chegaron a ningures.
Na Coruña dos anos 50, tamén houbo un movemento de artistas (especialmente poetas e pintores). Eran a peña "Amanecer", polo bar onde se reunián, aínda que tamén o facían na Asociación Cultural Iberoamericana, unha especie de "Clube da Unesco", que foi a que organizou a representación coruñesa de "O incerto señor don Hamlet" de Cunqueiro no 59.