O home das pombas
Andoliña sábado 19 abril
Estou a agardar polo autobús, na Alameda de Ourense, e el achégase, silandeiro. Un home de máis de sesenta anos, diría eu, ben vestido, cun xersei de la (vai frío en Auria) e gafas. De seguro, xubilado ou quizais prexubilado dalgún oficio onde sobraba nas contas de resultados. Chega con dúas bolsas de plástico dun supermercado, e sitúase preto do monumento a Cuevillas. De súpeto, vese rodeado de pombas, máis dun cento delas, que o agariman por todos os lados. Unha sóbelle a unha man, outra polo medio do brazo, outras nos ombreiros.
O noso amigo bota alí un bo anaco, por riba da media hora, a espallar todas as migas de pan que trae nas bolsas do Froiz, sempre acompañado polos arrolos das pombas. As aves non paran de voar e de deseñar complicadas rotas máis ou menos elípticas ó seu arredor. O espectáculo é fascinante: toda unha ópera da natureza diante dos ollos. O home está feliz, notáselle ben: estou seguro de que nese momento, se puidese escoller, non preferiría estar en ningún outro lugar.
No mundo do libre mercado e da apoteose do capital, o aceno deste home, repetido a diario, non ten ningún "valor", dito sexa en termos pecuniarios. Quizais por iso sexa, porén, un xesto útil.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
9 comentarios:
Para romper o lirismo, hai quen opina que as pombas son coma ratas de cidade, que ensuxan todo e que se reproducen dun modo preocupante.
Sei desa caracterización, amigo Apicultor, que tamén se aplica ás gueivotas. Pero hoxe é sábado: non me estrague o lirismo, home...
Vale, vale. Agora mesmiño vou cunha barra de pan a alimentar as pombas como ese señor :-).
O lirismo verbo das pombas xa o estragóu o Konrad Lorenz, fai moitos anos, nun dos seus libros .
Se encerramos nunha gaiola dous cas ou dous lobos, loitarán entre sí, pero sin usar armas naturáis mortáis, e somentes hasta que un se "rinda" ao outro e se estableza o status, que establecerá quén come primeiro, etc.
Pola contra,se engaloiamos dúas pombas, loitarán despiadamente hasta a morte, a pesares de ser o símbolo da paz por antonomasia.
A explicación é sinxela. Dúas pombas non teñen ocasión de loitar nunca, en condiciós naturáis. A máis débil pode fuxir voando en calquer momento. Por eso non se desenrolaron evolutivamente ,por innecesarias,inhibidores da agresión mortal intraespecífica. O que sí sucede no caso dos lobos.
Pero tampouco é cousa de estragar o sábado. As pombas despertan en nós sentimentos "maternáis" pola forma da cabeza, que nos lembra a dun bebé. Sobre todo no que atañe ás proporciós relativas entre a frente e o papo. Os cachorros de moitas especies despertan en nós esa impresión. No caso das pombas, mesmo os adultos. Hai unhos famosos dibuxos explicativos no famoso libro "o estudo do instinto" de Tinbergen, que compartíu o Nobel con Lorenz.
A banda sonora do post, non pode ser outra: PREMER...
A próxima vez que lle voten migas de pan ás palomas, comproben que a maioría cómenllas os gorriós. Son infinitamente máis "finos". Sen estorbar, rápidos e desapercibidos. Parecen xaponeses.
Palomas=pombas (columba palumbus).
gorriós=pardaos (passer domesticus).
Volvendo aos velliños que lle dan de comer ás pombas. Eu tamén me fixo neles, moitas veces. Eles observan ás pombas, eu obsérvoos a eles(alguén me observará a mín. E o "eye in the sky" ,ollo no ceo, observándonos a todos).
Outros lévanlle pan aos patos e ás pitas de auga do Barbaña, ao seu paso polo parque do mesmo nome. E hai unhas cantas señoras que lle levan comida ás noites aos gatiños vagabundos que proliferan en solares abandoados da parte vella. Imaxino que se sinten acompañados e útiles pra alguén.
Eu, tamén lle voto de comer ás pombas de vez en cando, no parque. Pero gústame xogar con elas. Vou botando as migallas, unha a unha, a intervalos de tempo variables e alonxadas aleatoriamente unhas das outras,pra facelas correr pra un lado e pra outro. Incorpóranse outras que perciben, desde lonxe, o espectáculo. E os pardaos, inadvertidos, que lle marchan coa meirande parte , como xa dixen.
Cós patos do Barbaña, algo parecido...
Publicar un comentario