Un drama europeo
Andoliña martes 20 maio
Andoliña martes 20 maio
Nun posible guión de cine a secuencia está moi clara. Gaña as eleccións nun país mediterráneo un líder populista e conservador, ademais de millonario e dono dos grandes medios de comunicación. Gaña logo un candidato fascista na capital dese Estado. Hai fotos de entusiasmo das masas, brazo en alto, que se difunden por internet. Neses mesmos días morre un mozo dos golpes recibidos por parte de militantes fascistas: sen motivo, ó chou. Os xornais contan que hai máis de 50.000 militantes fascistas nese país. Estas novas nos xornais fannos pensar que estamos a ler o guión dunha película de denuncia dos anos 60. Ou que xa a vimos asinada por Bertolucci ou por Pontecorvo.
Os políticos que gañaron as eleccións intensifican as súas declaracións racistas e xenófobas. Nalgunhas cidades empezan a arder campamentos de xitanos: moitos deles, serbios ou romaneses, volven cara ós seus fogares. Disque a Mafia está detrás dos ataques vandálicos, nunca espontáneos: os que atacan tamén son pobres, pero as vítimas son aínda máis pobres. As construtoras da Mafia edificarán logo vivendas sobre ese chan queimado. Non, non hai casualidades. E isto tampouco é un guión de cine: está a suceder na Italia dos nosos días.
1 comentario:
Hai que paralos. Pero se a política de inmigración -en particular a referida a xitanos romaneses- se aló resulta parecida á que parece ser a de aquí, o certo é que non axuda nada.
Igual é tema interesante para debullar.
Publicar un comentario