18 may 2008





Unha xornada ben intensa (2. Parada do Sil)
O noso corresponsal en Parada do Sil, contertulio habitual, mandounos estas fermosas fotos e esta crónica da homenaxe a Dora Vázquez. Por alí andaban o poeta Víctor Campio e Manolo Blanco e, por suposto, o alcalde, Paco Magide.
VIDA E LATEXAR COMUNITARIO NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS (corresponsal)
Alén dos fastos e fastíos oficiais, pode haber vida na celebración do Día das Letras Galegas. Nas terras privilexiadas da Ribeira Sacra sen ir máis lonxe.

Parada do Sil é un concello da provincia ourensá, entre fermosísimos soutos e carballeiras. A súa fronte encóntrase unha nova corporación dirixida por Francisco Magide. Home rexo, traballador e con ideas, está a desenvolver un labor que está xa a mudar a fasquía dun concello até non hai moito abandonado da man de deus e da administración. Sen pretensións de andar todos os días nas fotos, pero coa ambición de dignificar a terra e os seus habitantes, o Paco impulsa nos veciños a participación comunitaria, desde os plenos (aos que acoden regularmente uns sesenta e onde se lles dá resposta ás súas inquedanzas) até a celebración de actos culturais. Tal como no día de hoxe, 17 de maio de 2008.

Arredor de centocincuenta persoas participaron nas sinxelas pero emotivas celebracións. Nelas honrábase á poeta ourensá de noventa e cinco anos Dora Vázquez, pero non só en calidade de escritora, senón como mestra rural, pois desde 1933 ocupou praza na aldea de Teimende durante dezaoito anos. Moitos antigos alumnos, cos seus fillos e netos, non faltaron á cita.

No local do concello, no que non collía unha alma máis, proxectouse o vídeo “Homenaxe a Dora Vázquez”. Despois fixo a laudatio, con brevidade e elegancia, o excelso poeta Víctor Campio, do minoritario gremio dos líricos non afectados (atentos á inmediata publicación dunha antoloxía súa polo Pen Club: (re)descubrirán unha voz única). O tamén poeta Manuel Blanco Luís (camiñante que coñece palmo a palmo os secretos do Himalaia) recitou, con voz limpa e grave, algúns poemas da autora. A Coral “Auria Canta” pechou esta primeira parte co Himno Galego.

A continuación inaugurouse unha modesta “Praza Dora Vázquez”, volveu cantar a Coral e, de seguido, veciños e convidados compartiron parola arredor dun xeneroso ágape mentres saía o sol. Na súa confección participaron tamén xentes da localidade (con especial mención ao panadeiro: excelente bica, delicioso pan), quen atenderon a todos os presentes con familiar cordialidade. O vídeo foi distribuído entre os asistentes, que marcharon coa agradable sensación de que, en efecto, pode haber vida e latexar comunitario de verdade no Día das Letras Galegas. Excúsase dicir que non se viu por alí autoridade ningunha agás as locais: nin conselleiros, nin delegados, nin altos responsables políticos, nin cargos académicos. Vida e latexar comunitario en estado puro.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Mágoa non poder asistir.

Un afectuoso saúdo para Víctor Campio (de quen esperamos como auga de maio o seu libro), para o Manolo e para o Paco (e esposa).

Anónimo dijo...

Houbo máis xente que no acto oficial de Vigo.

Anónimo dijo...

Saúdos a Paco, moi traxeado nesta nova andaina, aos que cita o Apitcultor e a todos os presentes. Desde logo tamén houbo maís xente en Gondomar que en Vigo... e menos coche oficial. O país (cultural) esgállase. A realidade por un lado -veciños, escolas...- e os "popes" e as subvenciós por oturo.

Anónimo dijo...

A ver se é verdade, etxe. A ver.

Anónimo dijo...

Para quen nos os coñeza.

Os da foto de arriba son á esquerda Manolo Blanco (con barba e chaqueta clara, gran narrador oral de exóticas historias de sherpas) e á dereita Víctor Campio (pelo cano e bigote, a elegancia humana personificada).

Os da foto de en medio son Paco Magide (alcalde traxeado para a ocasión) e Dora Vázquez (unha señora estupenda aos noventa e cinco anos).

Na foto inferior, un burro come placidamente nun prado en fronte do lugar onde houbo o ágape, alleo aos fastos... de Vigo.

Anónimo dijo...

Despois de repasar, sen éxito, unha chea de fíos e post na procura dalgunha intervención de Paco Magide, deduzo que, si como se di é contertulio habitual, emprega un nick.
Anónimos han ser , logo, os parabéns que lle envío polo atinado da súa xestión ó fronte do concello do seu pobo.Parabéns que van acompañados dunha aperta tan cálida e sentida coma a que él me deu a min cando a precisei.

Anónimo dijo...

Nas fotos de prensa parecéume ver ao comisario de policía Angel Barrera,nese acto.

Anónimo dijo...

Non, home, Malvela, entendeu mal. O que é contertulio habitual son eu, o corresponsal autor da crónica, non o Paco Magide, que terá outras cousas máis importantes que facer.

Anónimo dijo...

Xa sabemos que os políticos teñen cousas máis importates que facer que escribir nun blog. Habitualmente, facer acto de presenza "chorra" na inauguración "chorra" de calquer acto "chorra". E dar boa conta dos pinchos e do viño. A conta dos cartos do contrbuinte ou de empresarios. Esto último, aínda peor pra o contrbuinte, a medio e longo plazo.
Falo en xeral, non do alcade de Parada de Sil en particular. Que non se de por aludido, si non procede.