4 jun. 2008

As dúas escolmas
Andoliña mércores 4 xuño

Tras o desastre da guerra, os galeguistas do exilio interior fixeron análise da situación. A traxedia afundiu o labor de Nós, de Ánxel Casal e do Seminario de Estudos Galegos, as súas plataformas culturais de preguerra. Non quedaba nada: non se publicaba en galego nos xornais, só algún poemiña medieval nalgunha revista. O máis difícil debeu ser manter a esperanza, non deixar de crer na Terra. Dende 1947 cada novo aceno é un acto de fe patriótica: os versos de Iglesia Alvariño, as revistas de posguerra, a Editorial Galaxia, etc.
Deberon pensar, naquel momento, na necesidade de chantar ben as raíces, de gardar a memoria do noso patrimonio cultural. Por iso erguen o seu esforzo para inventariaren a riqueza literaria do país, para crearen libros que permanezan no tempo. Esa foi a intención da Escolma de Poesía Galega que lanza a editorial Galaxia no 1953. Xosé Mª Álvarez Blázquez prepara os tomos I e II, a poesía dos trobadores e os versos galegos dos séculos XIV a XIX: "unha fervenza de beleza", di con xeito Darío Xohán Cabana. E con acerto tamén, Galaxia e o Consello da Cultura Galega publican agora unha reedición facsímile desas dúas xoias: dous tomos de entusiasta e intelixente amor ó noso país.l

32 comentarios:

Pepe Preguntas dijo...

¿Podíase naqueles anos "crer na Terra" e, ao mesmo tempo, crer na orde política e social franquista? Dígoo porque non poucos dos que publicaban en galego daquela (o propio Aquilino Iglesia Alvariño se non me trabuco) tiñan igualmente unha posición favorable a Franco.
¿É sempre nítida a liña que supostamente separaría unha cousa da outra? Dito doutro xeito, ¿non houbo galeguistas franquistas e franquistas galeguistas? ¿Foi o galeguismo cultural daquela época -ou cando menos parte del- sempre e en todo momento antifranquista?

Anónimo dijo...

Tanto como explicar o que vostede di, o que cómpre é explicar como hai tanto galeguista stalinista, maoista, castrista, e como os houbo admiradores de Albania e de Korea do Norte

arume dos piñeiros dijo...

Pepe Sócrates: é vostede moi perverso. Mira que ir por aí insinuando tales cousas! Claro que o anónimo que lle contesta, tampouco non é manco. A pregunta miña, por non ser menos, é: teñen patente de corso?

Anónimo dijo...

arume: podería poñer máis exemplos de galeguistas franquistas, ademais dese que citou pepe preguntas?

Xosé M. González dijo...

Eu penso que cumpriría distinguir situacións. Un caso coma o de Noriega Varela (notorio apoiante franquista), que en galego o que debía facer básica ou unicamente era poesía, posiblemente se explica como costume ou práctica sostida desde a publicación de Montañesas ou a súa incorporación á literatura galega cun pé no Rexurdimento. Aquilino (que morreu no 1961) sentimentalmente debía ser un galeguista, e quizá podería ter chegado a nacionalista se o franquismo non lle proporcionase seguranza á súa condición seica fondamente conservadora; non dubido de que tería clara simpatía (no literario e, supoño, tamén no persoal) con xente coma Cunqueiro -de complicado encadramento ideolóxico e político- ou Cabanillas, que non vexo en absoluto próximo a Franco.

No seu día, seguramente proclives ou non opostos a Franco deberon levar no coche aquela pegatina Falemos galego; gardas civís adictos ao Movimiento poderían rir co Catecismo do labrego. Se ao termo galeguismo lle fose dada dimensión puramente sentimental, ou aínda que se lle apuxese certa adhesión cultural, sentiríanse aludidas ou inclusas persoas de moi diferente cariz e pensamento. Se se fala de galeguismo político (e a cousa pode resultar inevitable), algún ou moitos devanditos poñerían prietas las filas. Et caetera.

A cousa dá para moito máis, sei que as ideas devanditas presentan furados, pero o tempo e ocupacións dan o que dan. Teñan bo día.

arume dos piñeiros dijo...

Seguro que se poño algún de claro vencello franquista, dirán que non era galeguista. E á inversa. E ademáis haberá quen sosteña que ser galeguista é incompatible co franquismo, de xeito que quedan excluidos un feixe (nunca mellor dito) deles.
Pero abofé que Filgueira, Cunqueiro ou Risco (de seren galeguistas) entrarían no lote (de seren franquistas e non esa sutileza magnífica de que eran falanxistas e, por tanto, abominaban do propio Franco: ja). De Otero prefiro que Apicultor ou o dono da casa digan algo.
[Queda a dúbida de se a pregunta se refire a outras épocas posteriores: digamos anos 70, pero aínda así...]

marcos valcarcel dijo...

Vostedes xa coñecen as respostas e as de XMG e Arume son moi axeitadas. Houbo nomes próximos ó franquismo e mesmo en cargos (Filgueira) ou na súa contorna de afinidades (Risco e Cunqueiro). Non sei ata que punto tal condición era incompatible co seu galeguismo emotivo, do que quizais nunca renegaron totalmente: de feito, moitos deles reincorpóranse ó galego e publican na nosa lingua en canto puideron. O caso de Otero nada ten que ver con isto: houbo mesmo intentos de utilización da súa figura dende o franquismo que el rexeitou expresamente.
O que si é certo é que houbo unha compoñente católica e tradicionalista nunha boa parte do galeguismo (todos os citados e moitos máis) que nalgúns aspectos (relación coa Igrexa, nacional-catolicismo) puideron coincidir coas estratexias do franquismo ó respecto.
A cousa é moi complexa, ben o saben vostedes, e facer de xuíces morais a estas alturas quizais sexa demasiado ousado.

arume dos piñeiros dijo...

De tódolos xeitos, esa dimensión puramente sentimental da que fala Saavedra ou ese galeguismo emotivo do que fala Valcárcel non están moi lonxe (e con perdón) de certo colorido folclórico que invade a outros lugares. Eu, sen un compoñente político, non son quen de comprender o galeguismo. O aprecio pola lingua (e uso, mesmo en circunstancias difíciles) ou polos costumes propios non supón iso que damos en chamar galeguismo. Iso creo.

Anónimo dijo...

Homenaxe ao gaite(i)ro galego. Ribadeo. Agosto de 1965. Fraga Iribarne. Álvaro Cunqueiro (mágoa que non poidamos escoitar as súas palabras). Himno galego. Coro Toxos e Flores.

Gústanme este tipo de documentos. Este, desde logo, era o galeguismo que estaba mellor visto.

Primeira parte

Segunda parte

apicultor dijo...

Interesantísimo debate. Celebro grandemente que o blog volva polos seus fueros.

Cómpre, en efecto, discernir. E unha das cousas a ter en conta é a porosidade do galeguismo de postguerra (digamos de 1945 até 1975). Con tal termo quero significar que nel confluiron persoas do máis diversas, con posicións e matices políticos diferentes, unidas todas polo común denominador de preservar a cultura en galego.

O que houbo foi un proxecto de integración galeguista no que a política era o de menos e a cultura o de máis. Conviviron nese galeguismo persoas que eran antifranquistas en diversos graos (loxicamente máis nunha dimensión “pasiva”) con franquistas con diversos graos de adhesión ao Réxime.

Coido que esa foi a intención de Ramón Piñeiro e Paco del Riego: integrar a todos os integrables, recuperalos para a cultura galega alén das posicións ou afinidades políticas concretas. Foi, pois, un proxecto conscientemente culturalista (no mellor sentido da palabra) no que tiñan cabida desde o galeguismo máis sentimental ou emotivo (tanto o apolítico como o proclive ao franquismo) até o galeguismo implicitamente máis político (e antifranquista).

Relacionado con isto último, pero noutro plano diferente aínda que osmoticamente relacionado, Piñeiro e del Riego tamén fixeron un labor proselitista coas novas xeracións ás que si tentaron imbuír de determinadas orientacións de galeguismo político (non de nacionalismo en sentido estrito).

Moitas veces ofrécese un relato mitificado dese galeguismo de postguerra, facendo equiparable sen máis o ser favorable á potenciación da cultura galega a ser antifranquista. Cousa que non era sempre así.

Naturalmente, isto non lle resta un ápice de importancia ao labor titánico, pero coas súas inevitables eivas, desenvolvido polo núcleo duro do galeguismo de postguerra.

Medela mozo de Kyra dijo...

Apicultor: Grazas.

apicultor dijo...

Non hai de qué, Medela. A mandar! Fago votos para que se recupere axiña desa doenza primaveral (non sei se lle sería de estar tantas horas á fronte do ecrán).

Med@ dijo...

Gripe, gastroenterite e esgotamento nervioso.
Peor foi en Stalingrado, lembra??

Saúdos e grazas de novo.

arume dos piñeiros dijo...

Sabe Metella: o canario que teño na casa canta cando lle poño Modugno no teléfono móbil. Vaia por vostede, pois.

jacques delapierre dijo...

A pregunta formulada amén do que dín acertadamente os meus antecesores na palabra, estriba en si se diferencia entre o antifranquista galeguista e o marxista.
O franquismo ou millor dito os franquistas, gañadores da guerra, conxunto cos falangistas consideraban enemigos os marxistas e os galeguistas, xa que nacionalistas galegos -polo que hoxe se entende como nacionalista non había.
Se tes falado de vagar con Manolo Beiras chegabas a conclusión de que si eres galeguista o réxime non te acolle e xa que non te integras nel, pasas a considerate militante antifranquista. Pero nese antifranquismo a partires do 1.950 foise diferenciando e distanciando do marxista do que se decatou o propio réxime, momento no cal foi atraendo perto de sí, a todos os galeguistas que por cuestións relixiosas e profesionais e primordialmente culturais fóronse desmarcando da liña marxista que impoñía o nacionalismo.
Na tertulia do Méndez en Lugo, sendo produndamente galeguistas todos, había máis síntonía entre os que eran comunistas -Alonso, Manuel María, Novoneyra- e da outra banda máis heteroxeneidade, Celestino, Fole, Pimentel, Anxel Xohan, Cunqueiro, Carballo e máis culturalismo no senso que lle da o Api.

jacques delapierre dijo...

Por outra banda, prégenlle o Saavedra que lles colgue o seu artígo de hoxe do Progreso.
Que lles dicía eu, xa o teño a puntiño, necesita un empurronciño. Nas próximas votamos a centrodereita.

marcos valcarcel dijo...

Ben dito, J.Delapierre, no que se refire á contorna luguesa. E iso que o Fole novo (dos anos republicanos) era un "roxo" de coidado, e marxista: logo mudou, neste aspecto.
Comparto tamén a brillante análise de Apicultor que admite maiores desenvolvementos.
(A ver se somos capaces de manter un debate serio neste fío, sen caír en "malos rollos"...)

marcos valcarcel dijo...

Delapierre, o XMG debe andar ocupado. Eu busquei o seu artigo na web de El Progreso, pero de momento non o encontrei.

Metullius Lupariae dijo...

Grazas, Lord of Piñeiros: Estou a ver que a paisaxe siciliana non se diferencia moito coa de Calvos de Randín, terra 'magnética' para min.

O amigo Modugno ten máis sentimento do que pensaba.

Grazas, amigo, un saúdo.-

Avisador dijo...

Contención, Medela, contención. Esa é a consigna: non acaparar demasiado.

Medela conténdose dijo...

PROMETO SER BUENO, ESPECTRAL OJO QUE TODO LO VE.-

Anónimo dijo...

Comentario dun lector:

Ollo: non confundamos os "malos rollos" cos comentarios máis ou menos críticos. Ítem, non metan a todos os anónimos no mesmo saco. Moitos anónimos participan, pasan o seu tempiño aquí, aportan cousas e, polo tanto, teñen tanto dereito coma vostedes, señores (faltan señoras) habituais, a dicir o que lle saia da alma. Fóra dos que se dedican a insultar, terían que preguntarse por que hai tanta xente que escribe aquí e non sae do anonimato. Equilicuá?

E para concluír, e isto vai especialmente para un dos que participan neste fío, faga o favor de non vocear o "nick" de antigos participantes en van. Queda claro ou téñollo que explicar outra volta?

Anónimo dijo...

Que está achegando vostede de interese ao tema que se debate neste fío, señor anónimo coñecido de sempre? Por que volve sempre ao de sempre? Non é mal rollo o que fai? Como se chama logo o de vostede? Acougue. Sen polémicas estériles, please. Non estregue o fío.

lourixe dijo...

Señor das Uvas, se non está suscrito, coido que non pode acceder á edición en .pdf de El Progreso até as 12:00h do día seguinte. Daquela haberá que agardar a mañá para ler e linkear o que foi publicado hoxe.
Roxos arrepentidos haivos ben máis dos que o confesan. A un deles fai referencia unha viñeta de Romeu neste mesmo blog.

apicultor dijo...

Velaí o artigo do Saavedra.

El Progreso, MIRA LUGO / Xoves

Creto

Xosé M. González.

Por veces, o Lugo actual e moderno imítase ao meu Luguiño da infancia e xuventude. Parecía entón que onda nós todo chegaba tarde: a estrea das películas; a primeira discoteca, Pipper’s, cando en calquera outra cidade galega levaban anos danzando a cores. Confirmou tal apego á remisión que ata o remate do século XX a data dun levantamento militar antidemocrático (18 de xullo) se mantivese como denominación para certa populosa avenida. Quizá tamén que, estes últimos días, constitúa materia de gran portada unha moción conxunta do PP e mailo BNG.

O partido conservador e o grupo nacionalista fixeron súa no concello unha proposta de conservación ambiental. Apenas dá creto, leo, o alcalde que se apoia naquel para aprobar os seus proxectos e orzamento; vese, por outra banda, tipificado o asunto como mostra de tanxencia entre extremos políticos. E eu recupero, decididamente, a vella sensación de lentitude local á hora de asumir ou procesar as novidades; quizá por efecto da dieta tradicional, seica os lugueses debemos ter a dixestión lenta.

Recapacítese. Durante anos, circulou o tópico de que PP e BNG eran tan incompatibles que mesmo o saúdo mutuo resultaría operación delicada; adoitaba ser paralelo á noción de que ningún axente social de peso (empresarios, por exemplo) tomaba en serio os nacionalistas. De maneira obvia para quen observa, unha figura destacada no BNG foi concelleiro de Economía en Lugo, agora é conselleiro de Industria na Xunta e en ambos lugares suscitou notable e positivo xuízo entre investidores e promotores privados. Igual máis discretamente, pero sen segredo, hai tempo que Feijoo e Quintana manteñen interlocución e non sempre acaban en total desacordo. Sorprende, logo, a contumacia e resistencia do tópico.

Extraendo como extraía particular beneficio, ao PSOE non lle viña mal esa premisa ou hipoteca segundo a cal os outros dous grupos nunca se poderían concertar; así se entenden certas manobras políticas suscitadas na bastante desigual relación que mantiñan co seu habitual socio nacionalista. Cando no 2003 o Bloque forzou en Vigo a caída de Pérez Mariño, foi patente que a premisa deixaba de ser útil; e aínda que siga tendo algunha viabilidade como reclamo electoral, convén ila abandonando. Nesta altura, os tres grupos políticos tentan seducir cara ás catro esquinas da realidade social. Dialogan, chegan a acordo e isto non fixo máis ca empezar, en Lugo como fóra. Dean creto.

05/06/2008

lourixe dijo...

Primeiro Corcubión e despois Lugo... pobres alcaldes socialistas treizoados alevosamente cando só procuran o ben do pobo...

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Curioso enlace: Luis Pimentel.

Anónimo dijo...

González, xa te vexo militando no PPdeBNG.

Pepe Preguntas dijo...

Dado que o BNG é a terceira forza política en liza, ¿considerarían normal, lóxico e mesmo desexable que se convertese nun partido bisagra que ora pacta co PSOE ora pacta co PP en función de múltiples variables?

Xosé M. González dijo...

Interesantísima e medida a introdución a Pimentel que achega o Arume. A cuestión do(s) código(s) lingüístico(s) utilizado(s) non é simple: hai quen ten negado que usase o galego como primeira lingua nunca (coa idea de que todos os textos en galego eran traducidos), e nalgún caso, por cuestión de rima, tal suposición nte improbable; u vez máis, lamento falta de tempo para máis desenvolvemento. Engado un par de pezas de elección persoal.

O ENTERRO DO NENO POBRE

Punteiros de gaita
acompañábano.
O pai de negro;
no mar, unha vela
branca.

Os amiguiños levábano.
Non pesaba nada.
Abaixo, o mar;
o camiño no aire
da mañá.
Il iba de camisa limpa
e zoquiñas brancas.
Os amiguiños levábano.
Non pesaba nada.


NAI DE GALICIA

Chámate Rosalía:
non vaias.
Nin camelias
nin campás.
Guinda ise delantal
de camposanto
que levache sempre.
Berra forte, érquete;
chama ós teus afogados
e ós teus mortos;
fálalles duro.
Na túa pelvis de seixo
hai un neno de terra.
Aí estás preñada
enriba do acantilado
frente a un mar tenebroso.
Berra forte, érguete.
Levanta as maos,
e abre ises ollos craros e limpos.
Olla ó ceo
Deus espera algo de ti.

Xosé M. González dijo...

Tocante ao outro asunto: resulta revelador este rebumbio arredor da moción conxunta BNG-PP, solicitanto a instancia de ADEGA que o trazado dunha travesía (responsabilidade do ministerio de Fomento) se desvíe para salvar unha carballeira. Sobre todo, considerando que Orozco pacta co PP orzamento, outras cousas, di o PSOE que é un acto de responsabilidade en beneficio da cidade e poucas cadeiras se moven.

En fin, non pasa nada: Laxe, portavoz do Bloque, declarou antonte que una vez y nada más (imaxinen a este González con cara de póker). E non hai noticias sobre unha posible integración do alcalde no PPdeSG. O Mississipi por onde adoitaba, e eu co choio consabido. Haxa bo día.

marcos valcarcel dijo...

Graciñas polo documento, Arume. Boa cousa que se poidan empezar a ler os versos do gran Pimentel na lingua italiana.