28 jul. 2008

LAICISMO. E TRES FOTOS.
La Región 28 xullo 08


Laicismo. No recente congreso federal do PSOE anunciáronse unha serie de medidas laicistas que logo quedaron en nada. Os alcaldes de Santiago e Lugo, socialistas os dous, opuxéronse ás mesmas, por exemplo. Aínda máis, supoño que para xustificarse, Sánchez Bugallo, o alcalde compostelán, declaraba nunha entrevista que el non percibía que a sociedade demandase máis laicismo. Pois depende onde se mire. Como todo. Nestes días as Xuventudes Socialistas de Galicia sacaron un comunicado reclamando que non se participase, dende instancias políticas, en cerimonias relixiosas. O concello vigués, da man do concelleiro de cultura (nacionalista), o ourensán Xesús López Carrera (fillo de Anselmo L. Morais), vén de desvincularse tamén da procesión oficial do Cristo da Victoria. E hai moitos datos estatísticos (matrimonios relixiosos e civís, etc.) que indican que un sector cada vez máis numeroso da sociedade non quere que a vida política siga subordinada ás mitras episcopais. Dende logo un partido progresista como o PSOE debería atender estas demandas e non outras máis inconfesables. Unha sociedade plenamente democrática casa moi mal con rituais que fan depender dun Apóstolo ou dun santiño calquera a solución do paro, do terrorismo ou do cambio climático.
Dúas fotos. Dúas fotos foron noticia estes días. Polo seu valor expresivo, a foto do monarca collendo a Adolfo Suárez polos ombros está cargada de significado: en calquera persoa minimamente sensible, esperta un sentimento de empatía co líder político da Transición castigado pola enfermidade. A outra foto para a historia foi a da recuperación do pazo de Baión. En tempos vimos os colectivos antidroga loitando contra as mafias do narcotráfico ó pé da porta dese pazo: a escena recreouse con xeito na película “Heroína”, de Gerardo Herrero. Agora vemos a Carme Avendaño, en nome dos que loitaron con tanto esforzo e intelixencia, atravesar fachendosa esa porta como símbolo da vitoria da sociedade civil contra Oubiñas e similares. Ó seu carón, o presidente da Xunta e o ministro de sanidade, Bernat Soria, e outras autoridades: se eu fose responsable de protocolo pediríalles que se quedasen tres ou catro pasos por detrás nese momento. O impacto da foto sería aínda maior no recoñecemento dunha xusta causa.
Karadzic. A outra foto da semana pode ser a da detención do criminal de guerra e exlíder dos serbios de Bosnia, Radovan Karadzic. Algúns autores matinan niso tan clásico de que a cara é o espello da alma: dende logo a fisionomía do carniceiro de Saraxevo hai anos, con vestimenta militar, non inspiraba para nada confianza. Pero un sinxelo disfrace con longas barbas brancas e lentes xa o converteron nun xeito de místico e curandeiro case bonachón. A Xustiza chega con 13 anos de retraso, pero chegará e Karadzic será xulgado polo Tribunal Penal Internacional da ex-Iugoslavia: as vítimas non merecen menos. En fin, tamén hai aquel dito de non fiarse nunca das aparencias.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

ENQUANTO HÁ FORÇA
Psiquiatra plenamente responsábel
XOSÉ A. GACIÑO, Galicia Hoxe 28-7-08
Sorprendeume sempre que un dos grandes axitadores da crispación criminal que sacudiu á Iugoslavia poscomunista fose psiquiatra. E aínda que sabía que tamén eran psiquiatras os que practicaban métodos como os electrochoques, que tiñan máis de instrumento de tortura que de recurso terapéutico, prefería quedarme coa idea de que a Psiquiatría pretende restablecer o equilibrio mental das persoas desequilibradas, e nesa idea non encaixaba un personaxe como Radovan Karadzic, presidente da denominada República Serbia de Bosnia, que se dedicaba a desequilibrar mesmo aos seus partidarios para que desafogasen toda a súa agresividade contra os bosnios non serbios, que cometían a ousadía de pretender organizarse sen a tutela de Belgrado.

Esa tutela,baixo o particular réxime comunista do croata Tito (líder dunha resistencia antinazi na que predominaban os serbios), estivera camuflada tras unha estructura teoricamente federal, pero na que o control do verdadeiro poder (o partido e o exército) estaba maioritariamente en mans serbias, e os serbios (como os rusos na desaparecida Unión Soviética) extendéronse polos diferentes territorios,nunha boa parte como membros da burocracia dirixente.

Desaparecido Tito, o suposto equilibrio federal empezou a mostrar a súa fraxilidade. Fixéronse patentes as tensións reprimidas polo control do partido único, ata o punto que derivaron en enfrontamentos armados con episodios dunha enorme crueldade e dunha ferocidade que parecía desterrada do territorio europeo tras a derrota nazi.

Nos episodios máis indignantes, xuridicamente definidos como xenocidio, aparecen, como responsábeis máis cualificados o psiquiatra Karadzic, como líder político, e o xeneral Ratko Mladic, como xefe militar, este aínda en paradoiro descoñecido. Doce mil civís mortos no asedio de Saraxevo e oito mil homes musulmáns asasinados en Srebrenica son as cifras máis arrepiantes desta triste historia.

Con psiquiatra ou sen psiquiatra entre os líderes, as distintas guerras que se sucederon na Iugoslavia poscomunista volvían mover á desesperanza sobre a evolución moral da humanidade. Poñían a guinda da fatalidade no remate dun século vinte que esnaquizara os vellos soños progresistas da Ilustración. E facían retroceder moralmente a unha Europa que cría superados a maior parte dos seus diaños históricos coa súa coidadosa construción dunha estrutura de unidade.

A detención de Karadzic, doce anos despois de ser acusado de xenocidio e de crimes de guerra polo Tribunal Internacional da Haia, recorda un pouco á caza aínda non rematada de criminais nazis (estes días andan a buscar en Chile a Aribert Heim, un dos doutores morte que experimentaron nos campos de exterminio).

Coma eles, ocultábase baixo unha aparencia amábel, a dun simpatico Papá Noel que vendía remedios alternativos e mesmo daba charlas sobre as vantaxes dunha vida san. Richard Holbrooke, o diplomático estadounidense que levou as negociacións que desembocaron no chamado Acordo de Dayton, firmado en París en 1995, recordaba estes días o aspecto físico de Karadzic e resaltaba os seus "ollos sorprendentemente tenros".

A pensadora Hannah Arendt elaborou a súa teoría sobre a banalidade do mal, cando seguiu o xuízo ao nazi Adolf Eichman, que se presentaba como simple executor dun plan de traballo en cadea, que casualmente consistía en eliminar xudeus.

Non se trata de seres monstrosos ou psicópatas incontrolados, senón de persoas correntes, burócratas eficientes ou psiquiatras brillantes, que, nunhas circunstancias determinadas, e dentro dun proxecto compartido por moitos outros, son investidos de poder sobre a vida e a morte. E por iso, porque son persoas en pleno uso das súas facultades, teñen que afrontar a súas responsabilidades ante un tribunal.

Anónimo dijo...

Resultáronme penosas as declaracións de Bugallo a respecto das "tradicións relixiosas". O mesmo das declaracións de Chacón en El País sobre o mesmo tema en relación coas forzas aramadas; que unha ministra cumpra a lei, obviedade evidente, non quere dicir que non aspire a cambiala, sobre todo si se chama "progresista".
É progresista o PSOE, ou só o é en relación ao PP?

arume dos piñeiros dijo...

Non hai vontade política de rematar con este status, aínda que sexa pola vía da indiferencia ou da sutil marxinación de todo canto cheire a relixioso. Eu xa non lles pido a un partido progresista moderado (ata onde?) que milite no laicismo radical e que pida incendios de igrexas (unha boa opción en moitos casos, especialmente as construidas despois do vaticano II e mesmo algunhas de kitsch neogótico): resulta xa impensable a estas alturas. Pero esíxolles, polo menos, que non me amolen con declaracións de fonsecas resesos, arzobispos laicos con sede en Raxoi. Que vaian de turiferarios, de pais de nenos estudiosos na Unav, de místicos entregados aos ollos grandes da virxe, pero que limiten as súas palabras ao rezo íntimo (por suposto, sacrílego, je, je) e disimulen, por respecto á vella tradición de Iglesias, as súas ambicións de conquerir (de)votos entre capelas.

Pablo dijo...

Pensar que o PSOE é de esquerdas ou progresista hoxendía é estar in albis. Que copia cousas desa pretendida esquerda ou progresía para quedar ben na foto, sobre todo perante o outro partido, por suposto. Pero este estado segue tendo leis franquistas -os acordos co Vaticano non son outra cousa, aínda que morrera xa o ferrolano- e unha fundación chamada Francisco Franco, por exemplo. E logo de entrar hai 20 anos na UE, que non me veñan con que se poden "reabrir feridas"...

arume dos piñeiros dijo...

Eu creo que o PSOE é un partido progresista. De 0 a 10, sendo 0 a extrema dereita e 10 a extrema esquerda, o PSOE ocupa, para min, o 6. E, coma min e coma media, os respostadores a tal pregunta nas enquisas máis recentes. O progresismo dun partido depende máis do que pensen os demáis del que das propias esencias, cousa ben difícil de determinar por moita formación política que presumamos.
Como ensinan, por certo, para tantas disciplinas as ciencias humanas que traballan máis con criterios relativos que con parámetros definidos.

[Non fai falta engadir que ser progresista non dá ao PSOE patente de corso nin, por suposto, seducción para o voto]

Anónimo dijo...

Os do PSOE son laicistas cando lles convén á súa andorga electoreira. Póñenlle unha vela a Deus e oura ao Demo. Ao alcaide Bugallo, despois de rogarlle ao santiño que haxa paz no mundo e que en Galicia nos toque a pedrea do que decidan en Madride, só lle queda bicar o santo. Por que non vén o Juancar a bendecir o choio? Ou é que ten moito que facer de briboneo por Mallorca?