28 sept 2008


Vanse os mellores
Por motivos de saúde, non poderei, como sería o meu desexo, acudir á despedida cívica do amigo de vello Xesús R. Jares. O blog Brétemas informa deste acto que terá lugar hoxe mesmo en Vigo.
Nacido en Viana do Bolo hai 53 anos, foi un dos nomes fundamentais da historia da renovación pedagóxica e da Educación pola Paz en Galicia. Hai uns poucos anos presentamos no Liceo algúns dos seus últimos libros cando xa loitaba, con todas as súas forzas, contra os fados do destino.
Hoxe é só o día das lembranzas, do seu labor en Auria no nacionalismo popular, hai máis de 30 anos, na Auriense ou na A.C. Os Nemetanos de Viana, que el impulsou naquelas datas.
Tamén o día para acompañar á familia, á súa dona Paz e á súa filla Sira, e a todos os seus familiares e amigos, entre os primeiros tamén o poeta Román Raña, irmán da súa muller.
(A engadir...)
ANDOLIÑA mércores 1 outubro
XESÚS R. JARES

Souben da triste nova por unha nota necrolóxica no xornal “La Región”: nacera en Viana do Bolo, hai 53 anos. Lembro que alí impulsou no seu día a Agrupación Cultural Os Nemetanos e tamén o nacionalismo popular de ERGA e da AN-PG: coñeciámonos de vello, hai máis de 30 anos. Falo de Xesús R. Jares, falecido o pasado sábado en Vigo. A nova conmocióname aínda que fora temida xa hai algún tempo: o propio Suso despediuse no limiar dun seu libro dos seus seres queridos. Unha grave enfermidade cruzóuselle no fatal destino, pero non logrou derrubar o seu espírito nestes anos, de seguro tan duros.
No ano 2005 presenteille no Liceo ourensán o seu libro “Educar para la verdad y la esperanza”: tan fermoso título sintetiza con acerto toda a filosofía que conduciu a andaina vital de Suso Jares. Foi un nome fundamental na historia da pedagoxía, da renovación educativa e dos movementos de Educación pola Paz. Todo iso é moi importante e remito ó lector a Brétemas, o blog de Manuel Bragado que relembra con xeito ese longo e intenso labor. Pero por riba de todo foi unha excelente persoa. Por iso escribín na miña bitácora: “Vanse os mellores”. Unha aperta para os seus familiares e os seus moitos amigos.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Entérome agora mesmo desta triste e mala noticia. As miñas sentidas condolencias a familiares e amigos. Coñecín hai anos un pouco a Suso, sabía do seu traballo, sempre me pareceu unha persoa honesta e traballadora. Descanse en paz.

Trebi dijo...

Recordo coñecelo, en Aula de Cultura Caixa Galicia-Ourense.
Teño a sua firma nun seu libro.
Troullerao X.M.Cid o organizador en Ourense das Xornadas.
O pesame a Familia-

Anónimo dijo...

Boa xente. Moi boa xente.
Quédanos o seu suco aberto.
En Paz.

Anónimo dijo...

O titular do Marcos non pode ser máis atinado: vanse os mellores.
Malia saber da gravidade do seu estado, non deixei de estarrecer coa mala nova.

Xabimusic

Marcos Valcárcel López dijo...

BRÉTEMAS publica o texto de M.Bragado no actop civil.
Tamén o lembrou esta tarde, no seu programa da TVG, Xosé M. Piñeiro, e despois, falando de Paul Newman, comparounos por apoiar os dous causas solidarias e humanitarias.

Anónimo dijo...

Moi interesantes e sentidas as palabras de M. Bragado sobre o noso amigo Suso Jares, pero eu quixera aportar un par de datos que non figuran para completar a súa biografía.
O primeiro fai referencia á súa faceta musical, por moitos descoñecida: nos anos 8o formou parte do grupo de mozos ourensáns que puxeron en marcha a agrupación de música folk: "Arco da vella" aínda que abandoou logo o proxecto.

O segundo, recolle unha etapa importante na súa vida profesional: mestre na escola de Astariz (Castrelo de Miño). Daquela estaba eu na de Quins (Melón), na mesma comarca do Ribeiro e mantivemos unha fecunda correspondencia escolar entre ámbalas dúas escolas. Incluso, nunha ocasión, celebramos un día de convivencia entre as dúas escolas, cunha visita a Quins dos seus alumnos e alumnas.
Estas prácticas estaban inspiradas polo Movemento Freinet no que ámbolos dous participábamos.

Eu creo que o Suso non deixou de ser nunca un mestre de escola.

Xabi.

Pedro Incio dijo...

Eu adoraba a Suso Jares, un dos grandes activos da nosa pobrísima sociedade.