20 oct 2008



CRÓNICA DE URXENCIA DO ACTO DE TRASALBA CON ANTÓN PULIDO (Afonso Monxardín)

Onte celebrouse no salón de actos da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba o acto formal polo que o pintor Antón Pulido pasou a ser fillo predilecto do Concello de Amoeiro. Sen dúbida un dos actos máis fermosos e redondos que se ten celebrado na casa de Otero Pedrayo.
Moita representación de compañeiros, excompañeiros e amigos vidos de toda Galicia– José María Fonseca, Bieito Ledo, Modesto Hermida, Xesús Ferro Ruibal, Alfredo Conde, Victor Vázquez Portomeñe, o compañeiro Soto, Antonio Rodriguez, Ramón Castromil... moitos veciños de Bóveda e Amoeiro, algunhas autoridades variadas como Ana Garrido, algunha ausencia como a do Delegado de Cultura, representado polo secretario da Delegación, etc. moita música a cargo de Caramuxo, excelente cuarteto de seis –como se fartou de dicir, simpatiquísimo, o mantedor Xesús Ferro-, moito sorriso tornado incluso ocasionalmente en risa coa intervención do galardoado.
Pero vaiamos por partes.
O auditorio cheo a rebentar. Máis xente que nos premios Trasalba de xuño. Na mesa, presidindo o Alcalde de Amoeiro, Rafael Rodriguez Villarino. Parece boa xente. (Coa broma do de “cacadelavaca” situou a Amoeiro no mapa e sacou uns cartiños para o equipo de futbol e sentado na primeira fila estaba o ex-alcalde de Amoeiro, todo un detalle).
O mantedor, eficacísimo Xesús Ferro. Dá e reparte palabras e vai intercalando naturalmente a música entre elas, e logo entre as numerosas adhesións –da Academia, de Ferrín, de Freixanes, da Universidade, do CGAC...-que comentou que tiñan case todas en común a felicitación primeiro ao Concello de Amoeiro, por escoller ben, e polo acerto de facer a homenaxe en vida do homenaxeado- e anécdotas do éxito de Antón –como que ten exposición aberta hoxe na China-,etc.
Comeza o alcalde facendo un repaso fermoso e medido pola historia e xeografía do concello. O segundo, Bieto Ledo, como amigo e compañeiro de seminario, fai unha laudatio fermosísima, repaso de vida e obra dun neno traste, fillo do mestre de Bóveda, ao que para “domalo” por consello do crego, meten no seminario onde coincide con Bieito Ledo, con Antonio Rodríguez, e con outros moitos. «Antón ten porte de emperador romano con faciana anxelical, parécese ó profeta Daniel do Pórtico da Gloria». Bieito Ledo debe publicar esa laudatio, ben podia enviala a este blog. A continuación a concelleira de Cultura de Amoeiro, le a acta de concesión da dignidade. Logo o galardonado fai un discurso lírico e simpático contando a súa relación con Otero... o día que foron ver a paisaxe desde o penedo que hai ao pé da Igrexa de Bóveda e como lle ensinou co caxato os sete arciprestados que se vían... Pulido evocou as noites pechas, as lúas negras, o aire que batía co medo na cara, os contos populares, os produtos da terra, a familia –á que lle agradeceu todo o que lle tiveron e teñén que aguartar- ... Dicía que o acusaban de presumir de Amoeiro, pero iso era cousa ben fácil. Os mellores pazos, os máis fermosos carballos... Contou do novo netiño que lle acaba de dar a súa filla máis nova hai uns días... En fin, o alcalde puido quedar encantado. Acto entrañable, fermoso e nada coñazo.
Logo a maioría dos presentes foron comer a un deses pazos, o de San Damián, a tres ou catro quilómetros do de Otero. Sen dúbida un dos lugares máis fermosos de Galicia. Recomendable facer unha excursión a estas terras. Sempre.

No hay comentarios: