23 oct 2008

HOMENAXE A ANTÓN PULIDO: dous discursos


Chegáronme, vía Monxardín, dous discursos da Homenaxe ó pintor Pulido: o do alcalde de Amoeiro e o de Bieito Ledo. Velaí unha breve escolma. E os textos completos en Comentarios.


Antón Pulido Nóvoa, soubo, en palabras de Otero Pedrayo –Señor desta Casa Grande de Trasalba e Mestre de Mestres das Letras Galegas-, “acoller e entronar no seu espírito a elegancia severa dos Chaos de Amoeiro, desta Lombardía galega”. Este espírito xa o posuía na súa infancia, cando gabeaba entre as polas das cerdeiras de Bóveda para outear as paisaxes que logo percorrería co seu pincel. Só coas boas verbas da súa nai Carmen, o neno Antón accedía a baixar a terra da realidade esbozando, logo, ante a ollada fascinada do seu pai Isaac, unha arte extremadamente madura para tan curta idade. Ese fillo, que aprendeu a amar sen condicións -como as súas irmás Carmen, Rosa i Esther- adquiriu, tamén, rango de defensor da cultura galega na Xunta de Galicia e no Museo de Arte Contemporáno de Santiago. Maís aló da Administración, Anton Pulido Nóvoa acadou calidade de grande e admirado artista, celebrando exposicións que viaxan a mecas da arte actual como Tokio, Taiwan ou Nova Iorque, sendo motivo de exemplo e orgullo para a terra que o viu nacer e criou.

Sen pretender exercer de experto na crítica artística, non parece atrevido sinalar que a obra de Antón Pulido Nóva zumega as cores das súas vivencias con tons intensos, vivos, rotundos, sonoros e audaces, nunca preñados de estridencia, e cunha tintura de melancolía que reflicte a clase tan especial de amor que aprendeu a profesar pola xente e o seu entorno. A soidade dos que se enfrontan na súa intimidade cos retos da vida, patente nos seus cadros, é un hábil contrapunto da súa pintura respecto dunha personalidade gregaria que gusta e se sinte cómoda no calor das múltiples amistades que profesa, moitas delas hoxe aquí presentes.

DA LOA DE BIEITO LEDO:
Como non se ía a discorrer, como non se ía avivar o enxeño se tiñamos que erguernos ás sete da mañá e ducharnos con auga fría (cando tocaba facelo). Dicían que puña as carnes duras e que a algunhas tamén as abrandaba e que fortalecía a alma. Ter meditación e logo misa, almorzo, limpeza, e o resto do día sesións de estudo e clases de mañá e tarde; xantar e cea en silencio con lectura, dous recreos, un a media mañá e outro a media tarde; era obrigatorio durmir a sesta; rosario antes da cea e exame de conciencia antes de ir para a cama e así tódolos días menos o xoves á tarde e os domingos que saiámos de paseo. Poñámonos xa nos retóricos (15, 16 e 17 anos), con sotana, faxín, esclavina e bonete, en fila de a tres que rompiámos ó chegar a Reza ó lado do pai Miño e improvisabámos unha pelota de farrapos e puñámonos xogar. Imaxinemos que fose maio, o mes de María e, claro, coa calor e o exercicio suábase, e aparecía a sede que tratabamos de apagar con aquela máxima do noso prefecto: “Hay una fuente, tengo sed, luego no bebo”, que se cumpría ó pé da letra. Sufrir é malo, pero ter sufrido…

E así o intelectus apretatus de Pulido foise pouco a pouco configurando coa prosodia et ars metrica latina e o grego que impartía maxistralmente D. Francisco Botana. Lembremos a Ilíada e a Odisea de Homero, a Eneida de Virxilio, coa literatura de D. Agustín Madarnás que ata lle contaxiou a aficción a Carlos Casares, coa Escolástica de San Tomé e coa Summa teologorum.

Pero Antón Pulido era moito máis ca un estudiante. Era xa artista. Primeiro como tiple e máis tarde Tenor Solista da Escola Cantorum do Seminario. Especializouse en canto gregoriano en Salamanca. Máis aínda: afinaba, ensaiaba e dirixía a rondalla que en días especiais nos espertaba cunha serenata. Artista tamén, deseñaba e pintaba carteis que competían cos de Evencio Domínguez, que tiña unha técnica especial, e logo cadros ó óleo da man do profesor Cárcamo.



2 comentarios:

Anónimo dijo...

LOA DE BIEITO LEDO

“Díxolles Deus a Adán e Eva: Mandade en canto hai na terra, nomeando os peixes do mar, os paxaros do ceo, os animais domésticos e os réptiles; as árbores, as herbas, as rochas e canto vaia aparecendo á vosa vista. Esta capacidade de nomear ídea transmitindo duns a outros ata o fin do mundo.Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo.” A Biblia, libro do Xénese, capítulo 1, versículos do 24 ó 30.

Como poderán comprender, esta cita está sacada do hebreo e cunha tradución moi libre, pero dáme pé para recordar a Isaac e Carmen que herdaron ese poder de nomear os seus catro fillos cos nomes de Maricarmen, Antonio, Rosa María e María Ester Pulido Nóvoa.

Nomear é, por tanto, un acto de poder, de soberanía, de dominio. O Papa nomea os bispos e cardenais. O Presidente da Xunta ós Conselleiros. Otero Pedrayo nomea testamenteiro o seu amigo Francisco Fernández del Riego. Os mariñeiros nomean os peixes: ollomol, peixesapo, sanmartiño. Os labregos nomean: rula, paspallás, lucecú, montes en man común, bocarribeira….

Os Adáns e Evas que foron habitando estas terras dos Chans de Amoeiro cos nomes: Trasalba, Abruciños, Bóveda, Cornoces, Fontefría, Parada, Rouzós…

Así é, e non pode ser doutra maneira, como foron aparecendo as diversas e variadas línguas que hai no planeta Terra e que a todos nos enriquecen.

E a Corporación do Concello de Amoeiro nomea por unanimidade en sesión do pleno do pasado día 25 a Antón Pulido Fillo Predilecto desta terra que o viu nacer e medrar.

Pero quén é Antón Pulido que teña tales méritos para que o Concello o nomee co máis alto honor que podia ter un ser humano...?

Para explicar tan complicada tarefa bastaríame recordar a un amigo meu, un crego que acababa de ser destinado polo Monseñor Temiño, bispo de Ourense, para unha das parroquias de Castro Caldelas. Falo do ano 1968. O bo do meu amigo, que exercía e practicaba a teoloxía da liberación, tivo que sacar en procesión o Santo Antonio, avogoso dos porcos, o día 17 do mes de xaneiro. Cando entrou na igrexa, despois do breve paseo e colocado ó lado do presbiterio na súa peaña, o crego, dirixíndose ós seus fregueses, que ateigaban a igrexa, díxolles: "Aí o tendes, aí o tendes". Logo foi explicándolles que o que alí estaba era un anaco dun castiñeiro que tallara un artesán e que mesmo o puxera moi guapo coa pintura que lle dera, que mesmo tiña cara de santo milagreiro. E desmontoulles isto último por aquilo dos ofrecementos de lacóns, cachuchas e demais partes do porco que a xente lle ofrecía para que o animal chegase san e cebado ó día da matanza. Rematou a prédica dicindo que os milagres, de facelos neste caso, correspondíanlle ó veterinario.

Pois ben, a min bastaríame dicir: "Aí o tendes". E ó mellor con isto xa chegaba.

Se a paciencia de todos vostedes mo permite, terei que dicir algo máis. Terei que comenzar recoñecendo que Antón Pulido está feito, tamén, de castiñeiro, da madeira destas centenarios árbores que arrodean esta Casa Grande de Cimadevila, morada temporal de Otero Pedrayo, que como todos saben naceu na rúa da Paz en Ourense.

Esta madeira de que está feito o noso amigo logrou o cerne, que se logra ata os 12 anos, en Bóveda dentro dunha familia de seis membros como antes dixen e medrando por dentro naquela escola unitaria a onde se ía de 5 a 14 anos e que rexentaba seu pai; o silabario coas primeiras letras; a pizarra e o pizarrín para sumar, restar, multiplicar e dividir, as 4 regras; facer quebrados, raíz cadrada e raíz de tres; ler e escribir correctamente, algo de historia, xeografía, sobre todo os ríos de España: viña todo na Enciclopedia Álvarez

Os que se preparaban para o ingreso no Seminario de Ourense, como é o caso que nos ocupa, tiñan que ter memorizado con preguntas e respostas o catecismo do Padre Astete: “Quién es Dios?. Dios es nuestro Padre que está en los Cielos, que premia a los buenos y castiga a los malos”.E así de cabo a rabo.

Ano 1.956. Varios centos de rapaces preséntanse ós exámes de ingreso para o Seminario. Aprobaron 120 e entre eles Antón Pulido Nóvoa. A dicir verdade, a súa procedencia social era do grupo dos privilexiados. Explícome. Arredor do 80% eran fillos de labregos, practicamente analfabetos. O resto eran de vilas ou da cidade, e a maioría deste grupo eran “hijos del cuerpo” que era como entón se lles chamaba ós fillos dos mestres do “Cuerpo de Magisterio” e ós fillos do “Cuerpo de la Guardia Civil”. Todos eles tiñan máis autoestima e máis rodaxe, e dominaban algo máis o castelán, circunstancia que lles permitía que non lles tocasen o florón.

Esa madeira de castiñeiro da que esta feito Antón Pulido foi collendo tempero e forma, mesmo pintura (e disto falaremos logo) nos dous anos na comunidade dos latinos (1ºe 2º), nos tres seguintes nos retóricos (3º,4º e 5º), tres anos de filosofía e tres de teoloxía. Faltáballe algo más dun ano para rematar.

Que lle rendeu de todo este período? Intelectus apretatus discurret que rabeat.

Como non se ía a discorrer, como non se ía avivar o enxeño se tiñamos que erguernos ás sete da mañá e ducharnos con auga fría (cando tocaba facelo). Dicían que puña as carnes duras e que a algunhas tamén as abrandaba e que fortalecía a alma. Ter meditación e logo misa, almorzo, limpeza, e o resto do día sesións de estudo e clases de mañá e tarde; xantar e cea en silencio con lectura, dous recreos, un a media mañá e outro a media tarde; era obrigatorio durmir a sesta; rosario antes da cea e exame de conciencia antes de ir para a cama e así tódolos días menos o xoves á tarde e os domingos que saiámos de paseo. Poñámonos xa nos retóricos (15, 16 e 17 anos), con sotana, faxín, esclavina e bonete, en fila de a tres que rompiámos ó chegar a Reza ó lado do pai Miño e improvisabámos unha pelota de farrapos e puñámonos xogar. Imaxinemos que fose maio, o mes de María e, claro, coa calor e o exercicio suábase, e aparecía a sede que tratabamos de apagar con aquela máxima do noso prefecto: “Hay una fuente, tengo sed, luego no bebo”, que se cumpría ó pé da letra. Sufrir é malo, pero ter sufrido…

E así o intelectus apretatus de Pulido foise pouco a pouco configurando coa prosodia et ars metrica latina e o grego que impartía maxistralmente D. Francisco Botana. Lembremos a Ilíada e a Odisea de Homero, a Eneida de Virxilio, coa literatura de D. Agustín Madarnás que ata lle contaxiou a aficción a Carlos Casares, coa Escolástica de San Tomé e coa Summa teologorum.

Pero Antón Pulido era moito máis ca un estudiante. Era xa artista. Primeiro como tiple e máis tarde Tenor Solista da Escola Cantorum do Seminario. Especializouse en canto gregoriano en Salamanca. Máis aínda: afinaba, ensaiaba e dirixía a rondalla que en días especiais nos espertaba cunha serenata. Artista tamén, deseñaba e pintaba carteis que competían cos de Evencio Domínguez, que tiña unha técnica especial, e logo cadros ó óleo da man do profesor Cárcamo.

Seguindo o río do tempo decidiu abandonar o Seminario e acaba enseguida Maxisterio, tempo no que se encontra con Fina Cid. Ámbolos dous exercen esta loable profesión primeiro en Casaio e posteriormente en Barcelona, onde Pulido é, ademais e durante varios anos Director do colexio público Juan Ramón Jiménez. Neste período nacen os seus tres fillos, que nomea Antonio Luís, María José e Belén, dándolle esta última o pasado día 11 a dignidade de avó con Simón.

O artista nace e faise, licenciándose en Belas Artes en Barcelona con especialización en pintura e grabado.

Chega a Vigo en 1981 e pronto fai oposicións a profesor de debuxo para Bacharelato que saca co número dous de Galicia. Anos máis tarde funda a academia Novoarte onde prepara, entre outros, a alumnos para entrar nas Escolas de Belas Artes. Nesta profesión de docente, de mestre, todos lle recoñecen unha grande capacidade de transmisión, mesmo de entusiasmo que sabe contaxiar con naturalidade.

Xa dixemos que era artista na música, artista no grabado e gran profesional no ensino. Foi Director Xeral de Cultura e puxo a andar o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago, sendo o seu primeiro Director.

Non podemos esquecer a súa inmensa xenerosidade no deseño e maquetación de carteis, dípticos, medallas, logotipos, coleccións de libros que ten feito gratis et amore para os Premios da Crítica Galicia, grupo Aletheia, o libro homenaxe a D. Paco del Riego así como a dirección e maquetación da colección Artistas Galegos da editoril Nova Galicia.

Quédanos a súa prolífica producción como pintor, que enceta no ano 1973 da man de D. Xesús Ferro Couselo con prólogo de D.Ramón Otero Pedrayo e que se celebra no Museo Arqueolóxico de Ourense. As últimas foron en Vigo, no Centro Social Caixanova e no Edificio Simeón en Ourense, da man da Deputación provincial.

Foi autor do retrato de Otero Pedrayo que preside este salón e co que Pulido agasallou á Fundación que leva o nome do patriarca das Letras Galegas -de Fernández del Riego que cun seu outro retrato adorna como presidente o salón da Real Academia Galega-, do retrato do primeiro Reitor da universidade de Vigo, aquí presente Sr. Espada Recarey, e do de D. Ramón Piñeiro, a que sen apenas coñecer fai falar coas mans, tal como él facía.

Antes de rematar terei que dicir como pinta. Ó meu modesto ver, penso que imita ós romanos que entraron por Portela do Home, foron colocando miliarios por onde foron pasando e aprendendo dos nativos por terras de Lobios, Santa Comba de Bande, Celanova, Ourense ata chegar a Lugo onde fixeron a muralla que ten dous mil anos. E cómo a fixeron...? Como a ían facer…! Pedra a pedra nos ratos libres.

E o noso homenaxeado pinta pincelada a pincelada nos ratos libres e os seus cadros van durar polo menos tanto como duren en diante as murallas de Lugo.

Pero Antón Pulido, aparte de estar feito de madeira de castiñeiro destas terras de Amoeiro das que tanto presume e coas que tanto se identifica (vallan como mostra os cadros da primeira etapa: paixaxes, caracochas, velliñas en entrañable parrafeo…) é moito máis ca un artista en música, en pintura. Como di o poeta Carlos Oroza Pulido ten porte de Emperador Romano con cara anxelical.

Eu creo que se parece ó profeta Daniel do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago que segundo o profesor Moralejo Alvarez é a única escultura en pedra que hai no mundo que sorrí. E por qué sorrí Antón Pulido?
• porque ten unha alma tan grande que non lle cabe no peito
• porque di que vai durar 120 anos
• porque ten moitos amigos
• porque ten sentido do humor
• porque é capaz de debuxar en dous minutos a caricatura de calquera
• porque sabe combinar tan ben as cores que, onde non había nada, deixa un “abismo”, un “camiñante”, unha “mariña”, unha “carballeira”, unha “maternidade”, un “karmese” que tanto están gustando en Pekín, motivo que o leva a pensar que ata os 120 que vai durar ainda lle vai dar tempo de pintar un cadro para cada chinés.
E hoxe sorrí porque a terra que o viu nacer e medrar o fixo Fillo Predilecto.

Corporación Municipal, Sr. Alcalde, as homenaxes hai que facelas en vida. Parabéns pola decisión, parabéns ó noso amigo Antón Pulido, parabéns que lle imos demostrar con un sorriso e un aplauso.

Anónimo dijo...

DISCURSO DO ALCALDE DE AMOEIRO

Discurso Fillo Predilecto Antón Pulido Nóvoa

Moi bos e emocionados días, Benquerido Sr. Subdelegado do Goberno, Sr. Senador, Sr. Secretario Provincial da Consellería de Cultura, Sr. Comisario Provincial da Policía en Ourense, Sres. e Sras. da Real Academia Galega e do Padroado da Fundación Ramón Otero Pedrayo, Sr. Alcalde do Concello de Coles, Sra. Concelleira de Educación do Concello de Ourense, Autoridades, membros da Corporación Municipal de Amoeiro, familiares do homenaxeado, veciñas, veciños, amigas e amigos.

Hoxe é un día de ledicia e esplandor nos anales deste fermoso lugar. Un lugar cunha istoria tan fonda e rica como pouco divulgada, con pegadas que arrancan do neolítico e flúen, ó través dun colmado caleidoscopio de efemérides, ata os nosos días.

Entre a lenda e a tradición, este foi lugar de arribada de múltiples pobos ata a chegada dos romanos, de xentes de Amonario ou Amonarium entre os séculos X e XII, Bailía ou territorio de encomenda da Terra de Castela baixo a Orde do Temple, e Dignidade Eclesiástica ou Gran Arciprestazgo dos Chaos d’Amoeiro no noroeste do Arcedinato do Bubal. No ano 1535, a reforma administrativa sitúao entre os 182 concellos de Ourense, sendo, documentadamente, parte do condado de Ribadavia en 1547. Por fin, en 1836 constitúese, por sí, nun dos 92 concellos actuais desta provincia.

En definitiva, Amoeiro, cruce de camiños e crisol de sangues, é rico en experiencias, señorial en pazos, casas grandes e mansións, fervente nos seus cauces, balcón de Ouense e mirador do Miño, fronteira permeable de coñecementos e sabiduría acumulados o longo dos séculos.

Que mellor agasallo para esta terra que recoñecer, en vida, a valía, ata agora esquecida, das súas xentes. Homenaxeando a arte, a cultura e as cualidades persoais dos nosos fillos dignificamos o elo máis sublime da nosa istoria: o que nos enaltece por enriba das diferencias e dignifica a nosa humanidade.

Antón Pulido Nóvoa, soubo, en palabras de Otero Pedrayo –Señor desta Casa Grande de Trasalba e Mestre de Mestres das Letras Galegas-, “acoller e entronar no seu espírito a elegancia severa dos Chaos de Amoeiro, desta Lombardía galega”. Este espírito xa o posuía na súa infancia, cando gabeaba entre as polas das cerdeiras de Bóveda para outear as paisaxes que logo percorrería co seu pincel. Só coas boas verbas da súa nai Carmen, o neno Antón accedía a baixar a terra da realidade esbozando, logo, ante a ollada fascinada do seu pai Isaac, unha arte extremadamente madura para tan curta idade. Ese fillo, que aprendeu a amar sen condicións -como as súas irmás Carmen, Rosa i Esther- adquiriu, tamén, rango de defensor da cultura galega na Xunta de Galicia e no Museo de Arte Contemporáno de Santiago. Maís aló da Administración, Anton Pulido Nóvoa acadou calidade de grande e admirado artista, celebrando exposicións que viaxan a mecas da arte actual como Tokio, Taiwan ou Nova Iorque, sendo motivo de exemplo e orgullo para a terra que o viu nacer e criou.

Sen pretender exercer de experto na crítica artística, non parece atrevido sinalar que a obra de Antón Pulido Nóva zumega as cores das súas vivencias con tons intensos, vivos, rotundos, sonoros e audaces, nunca preñados de estridencia, e cunha tintura de melancolía que reflicte a clase tan especial de amor que aprendeu a profesar pola xente e o seu entorno. A soidade dos que se enfrontan na súa intimidade cos retos da vida, patente nos seus cadros, é un hábil contrapunto da súa pintura respecto dunha personalidade gregaria que gusta e se sinte cómoda no calor das múltiples amistades que profesa, moitas delas hoxe aquí presentes.

Libre doutras ataduras profesionais, a fonte da súa inspiración mana hoxe máis forte que nunca, volcandose, si cabe, aínda con máis paixón que antaño sobre os seus lenzos, loitando sen tregua coa trementina, co afán arrebatador e vitalista que sempre lle serve de compaña.

Por outra banda, non cabe descuido algún con Bóveda e Amoeiro. Antes ben, están omnipresentes nas verbas de Antón Pulido Nóvoa e nas súas lembranzas sendo, a partires de agora, Bóveda e Amoeiro nai e pai deste fillo no que todos nos veremos reflectidos.

Parabéns para o noso primeiro fillo predilecto, e parabéns para o Concello de Amoeiro.