Justo Beramendi recibe o Premio Nacional de Ensaio
O recoñecemento á súa obra ‘Dde provincia a nación’ é “un avance moi importante” para os libros en galego
"O nacionalismo galego hoxe está estancado" e "o nacionalismo catalán, a longo prazo, é o máis perigoso, para a estabilidade na unidade do Estado", asegurou este historiador, quen leva estudando os nacionalismos desde hai 25 anos. "O sentimento nacional catalán en Cataluña é o máis forte de todos os nacionalismos periféricos. Ten un futuro moito máis claro, mentres que o nacionalismo vasco está encerrado no seu propio labirinto desde que naceu", asegurou. "Se se respectan as regras do xogo democrático, cada un ten as súas razóns. Por que lles temos que obrigar ós que son nacionalistas pero demócratas vascos, galegos ou cataláns a non selo?", argumentou o historiador para quen que un Estado sexa independente, "non ten moito sentido xa" na UE.
Respecto ó nacionalismo galego, recoñeceu que aínda que parece que está "máis forte, porque está participando o Goberno, en realidade, descendeu en apoios, deputados, e eu creo que se atopa nunha tesitura difícil" e advertiu de que corre o grave risco de quedar "enquistado no seu papel de acólito do socialismo en Galicia e non pasar de alí". O nacionalismo galego tivo un gran crecemento nos 80 e 90, ao seu ver e soubo arranxar as súas "diferenzas internas" e ademais beneficiouse de que o PSOE en Galicia tivo uns anos "autenticamente desastrosos". Por iso, produciuse un "transvasamento de votos bastante grande desde o ámbito do socialismo ó ámbito do bloque galego". Logo "o PSOE recompuxo a súa figura, resolveu os seus problemas internos e está recuperando parte do electorado que perdeu".
4 comentarios:
Desde unha perspectiva completamente imparcial (advirto esto por se alguén supon en min relación máis ou menos directa co autor) o libro de Justo Beramendi é, á marxe de discrepancias concretas sobre estructura, estilo e conclusións, extraordinario e merecente, con todas as honras, dun lugar preminente na cultura galega. Que lle dean un premio desta categoría constitúe un recoñecemento máis (que seguro que lle presta e se acaso pode prestar aos lectores que desfrutaron con el) ao que xa era un indiscutible fito no ensaio galego.
Noraboa.
Nota: sería interesante aproveitar o premio para dar cabida ás discrepancias con ideas do libro, do mesmo teor daquela interesantísima querelle suscitada por Anxo Angueira no seu día.
Qué magnífico debate houbera daquela aquí. Agora que o releo grazas á ligazón de Arume, parécenme extraordinariamente fecundas todas e cada unha das intervencións, que xa non lembraba por ser eu un desmemoriado.
Coido que habería que recuperar un pouco daquela tensión intelectual no debate, un tanto alicaída ultimamente. Pero tampouco hai que agobiarse: hai ciclos. Corsi e ricorsi ou algo así, que viña a dicir Vico.
O doutor Beramendi afirma textualmente: "Por que lles temos que obrigar ós que son nacionalistas pero demócratas vascos, galegos ou cataláns a non selo?"
Ben, esperemos tamén que María Escario non obrigue aos que non son nacionalistas españois nin seareiros do Real Madrid a selo. Digo isto porque penso que non hai nacionalista español que sexa demócrata.-
Non lin aínda o libro de Bermamendi, pero coñezo, doutras lecturas, as súas teses fundamentais, que quedan reflectidas no seu propio título. Hai en Beramendi unha vontade de construir un relato homoxéneo que comeza na Provincie e remata na Nación, que fai ao final transparente a lóxica histórica que preside ese desenrrolo. De maneira que todo aquilo que se escape desa lóxica é tratado tácita ou expresamente como unha "anomalí". Velaí a razón do insuficiente tratamento do "galeguismo" da xeración Galaxia, ou do autonomismo-federalismo doutras opcións: todas elas son opcións que poñen en cuestión a coherencia do relato. E voume á praia, que vai un dia estupendo.
Publicar un comentario