14 oct 2008


TARDE AFRICANA EN SAN FROILÁN
(Luzada contubernal), de Xosé M. González

Beireando o parque Rosalía de Castro, a rúa Puro Cora fervía de postos, vendedores, transeúntes. En tarde sabatina, véspera das Mozas, o tempo meteorolóxico resolvera definitivamente comportarse, á par da policía. Cousa tal remexía no caletre o Abdul, cincuenta anos, rala barba, chilaba e bonete, entremedias no xentío e aínda axexante. Os días anteriores, a operación contra-manteiros dera duro na súa mercadoría e gaños. Pero o cidadán xeralmente non lles era hostil, e cara a hoxe teoricamente había un acordo de tolerancia final; nada, porén, que merecese confianza definitiva.

No cruzamento Ribadeo-Puro Cora proliferaba o artigo no chan; coiro, discos. Maior e experiente, Abdul exercía o seu primado honorífico e referencial non perdendo ollada sobre os compatriotas máis mozos; agora mesmo, por exemplo, Muhammad falaba lucindo un pouco usual, branco e pleno sorriso, o mesmo que tacitamente ostentaban Ahmed, Amin e o curmán, alí mesmo ao lado. Todos eles dando fronte ou esguello a un weex aparentemente en leria co Muhammad; finalmente, o branco ergueu unha man acenando despedida e o xesto cordial, matizado talvez por un aquel de estrañeza, demorou algúns segundos en abandonar as faces.

Seguiu a andar, a conveniente explicación admitía espera. De súpeto, alguén o interpela, mecanicamente responde e un hábito tan inveterado coma a propia existencia demora comprensión acaída para o suceso inesperado, impensable, case marabilloso: aquel weex, o mesmo branco anteriormente albiscado onda os compatriotas, alto practicamente á súa par, algo falto de Kawar sobre a fronte, estáballe falando en wolóf e xa marcha; reaccionando, chámao decontado: “Kai!” e inquire o modo e ocasión da necesaria e nada accesible aprendizaxe lingüística. “Aquí, en Lugo, hai moi bos enseignants, tal este home”; a apurada negativa, un tanto somnolenta, do indicado, a media risa do que fala africano suxiren broma, así é que retribúe con beizos, menos con ollos e marcha adiando interpretacións, devolvendo atención á njaay. O outro retoma vía cara ás barracas e non anda só, hai outros cinco varóns (un dille ao primeiro algo como “Dakowa”) e tres jigeen en trato notoriamente igualitario. O Abdul nada manifesta, nada amosa da súa desaprobación; como for, unha ausencia de meses, a evidencia súpeta das dúas esposas aló en Dakar impón a súa lei, carne, sangue; e estes femininos, agraciados, rotundos continentes fan evocar, á marxe da vontade, a crianza de numerosa prole.

Chega á praza de Avilés, vira e colle camiño cara a un edificio de Recatelo, onda a Casa Rivas. De alí vén agora ese mociño novo, o Mâlik: “Baye! Antes, un weex que viña de por aí arriba faloume en wolóf. Paréceche que sería un policía?”. O Abdul non contesta, cavila. “Quizá, pero non deixes derramar a vida, non paga a pena cismar moito niso. Estamos nas mans de Allah, o Grande, o Misericordioso, abenzoado sexa o seu Santo Nome”.

11 comentarios:

Anónimo dijo...

Vaia. Nin nos meus soños máis ambiciosos me imaxinaría en "Entre hOrtas e Portas".

Moitos dos senegaleses desa festa residen habitualmente en Italia. Nun momento dado,un deles,pretendendo falar español, díxome "Tiene un accendino?". Eu respondinlle "Duma tox. Ñungi waax mechero fii". "Non fumo, e aiquí chámanlle mechero". O tío quedou mirando alternativamente pra min e pró pito apagado que tiña na man, pensando seguramente: "Non o entendo. Como podio ter alucinaciós si esto non é hachís, e pra máis está apagado".

Por certo, oín comentar que o alcalde de Lugo se queixóu na radio na masiva influencia de "manteiros" senegaleses. Non sei se foi certo.

Anónimo dijo...

Non escoitei a Orozco ao respecto. Si é certo que a afluencia dos tales vendedores debeu bater récord, tamén a presión policial algúns días e non deixou o asunto de ter reflexo na opinión pública e publicada locais.

Quen sabe o que pensaría ese senegalés, Da Cova. Ou ao mellor aprazou o pensamento, coma o Abdul.

Anónimo dijo...

O senegalés pensou: "Madia leva".

Anónimo dijo...

De primeiras, na confusión e cor local. Reflectiu, e a conclusión era obvia: "Manda carallo".

Anónimo dijo...

Unha das figuras máis características da artesanía senegalesa é "o pensador":PREMER. Seguro que os asistentes ao San Froilán viron moitas similares,á venta. Dí moito do respeto que sinte esa xente pola "xente que pensa". Non sei onde lín que Picasso se inspiróu nese tipo de figuras traducionales senegalesas pra desenrolar o seu cubismo. Téntéi de buscar esas imaxes utilizando en google a palabra wolof pra "pensador" ("xalaatkat")e quedei pasmado:PREMER.
Se premen na foto aparece:PREMER.
Nese texto en wolof da wikipedia asómbrome por varias cousas. Unha de elas, que a palabra "premio" dise igual que "bonito" ("neex"). (Neexalub Nobel= O "bonito" que é Nobel). Eso retrotráeme á miña infanza na aldea, onde as vellas tamén decían "bonito" (sustantivizado) pra significar "premio". "SI te portas ben douche un bonito").

Anónimo dijo...

Algo fixen mal. O segundo enlace no comentario anterior é:PREMER.

Anónimo dijo...

Na miña aldea tamén me daban un "bunito", ata o de aghora non o relacionei con premio senon con xoguete. Para mín, daquela, era o mesmo. Pode ser. Sorprendente.

Anónimo dijo...

Nas "cartas ao director", na Voz de hoxe,unha cidadana luguesa, Lina Miranda, quéixase, entre outras cousas, de que o San Froilán parecéu "un zoco subsahariano". Tamén de que as festas parecen concebidas pra os de fora, e non pra os de Lugo.Non está na edición dixital.

Anónimo dijo...

Claro que onde estea un zoco lugués (ben metido eso si), que se quite o subsahariano.

Anónimo dijo...

Un "bunito" era obviamente un xoguete. QUé outro "premio" se lle pode dar a un rapá? . Pero cando se usaba esa palabra no canto de "xoguete", era porque tiña a connotación de "premio" ,previamente pactado ,por algunha causa. Non eran sinónimos en outras circunstanzas.

Anónimo dijo...

Sobre a carta da Lina Miranda, escrita no ton habitual dela: hai moitos anos que certas voces demandan que as barracas marchen do centro da cidade; os que se fan escoitar e ler adoitan ser veciños da zona do parque. Antes, o argumento central (aparte do evidente feito de que resulta molesto para eles) era que resultaba "terceiromundista"; agora, co pretexto senegalés, cambia ao do zoco.

O meu punto de vista é claro: quen todo o ano vive en espazo céntrico e privilexiado, é lóxico que ceda parte da súa comodidade durante uns días para a festa de todos. Considero que o meu punto de vista debe ser maioritario en Lugo, aínda que non se fixo ningún referendo.

En todo caso, inclúo catro enlaces, dous en contra e dúas a prol..