12 dic 2008



Cartas marcadas.
de Bieito Iglesias, ECG. 11-12-08

A xeración literaria galega do seiscentos (os nados, como o coche, en 1957) sufriu xa as dolorosas baixas de Luísa Villalta e Ramiro Fonte, aínda que cos efectivos restantes compón un batallón capaz de lidar en calquera xusta poética. Vexan se non uns cantos soldadiños de chumbo que podemos dispor no campo dos xogos minervais: Manuel Rivas, Pilar Pallarés, Gonzalo Navaza, Caride Ogando, Alberto Avendaño, Xavier Queipo, Antón Reixa e este lerenda (Non me poño de primeiro a fin de evitar que me censuren co dito "o burro dediante para que non se espante", para non espantalos a vostedes co egotismo típico do oficio de artistiña).
Como nenos alumeados nos últimos cincuenta, vímonos expostos a diversos andazos epocais, por exemplo á epidemia de parálise infantil. Pilar e mais eu non libramos da poliomelite malia que o serólogo estadounidense Jonas Edward Salk xa desenvolvera en 1954 a primeira vacina inxectable eficaz contra esta doenza; pero Eisenhower, que visitou a Franco por ese tempo, esqueceuse de enviar o remedio xunto coas bases militares.
O doutor Egas Moniz, Nobel de medicina en 1949 e neurocirurxián expeditivo, por parte de practicar lobotomías escribiu unha História das cartas de jogar onde dá noticia das belas barallas con motivos wagnerianos nas que a dama de copas toma o aspecto de Brunhilde, aquela valquiria que Sigfrido espertou cun bico dun sono secular. Pois ben, o virus da polio chámase tamén Brunilda, igual que a Bela Adormecida, e estivo a piques de arrastrarnos á súa somnolencia letal ao envolvernos nunha aperta febril.
Algúns cincuentóns que safaron daquela, padecen hogano a síndrome pospolio e aspiran a que o goberno os retire tras anos de traballo, para evitar dores e deterioros presentes. Será boíño, amais de "buenista", Zapatero? Atenderá unha demanda xusta pero que lle producirá poucos votos?


1 comentario:

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

"Algúns cincuentóns que safaron daquela, padecen hogano...": quen serán?