17 dic 2008

Tempo e terra de enchentes
Afonso Monxardín, GALICIA HOXE 16-12-08

E non me refiro só ás dos ríos que van medrados coas augas abondosas deste mes de decembro que desafían, como é normal, as previsións apocalípticas dos agoirentos desertizadores compulsivos; non. Refírome aos xantares do traballo, ás ceas de amigos e, por fin, ás paparotadas familiares que nos cercan na cerna deste inverno caroal. A sociedade laica avanza imparable pero fai un alto no camiño para nun piedoso -e interesado- exercicio de flexibilidade santificar as festas como está mandado... na mesa. O paroxismo da maratón a piques de comezar é ese entrañable disparate noso que fixo que despois da megacea do vinte e catro veña o hiperxantar do vinte e cinco.
Polbo e bacallau pola vella, lagostinos e pavo, pola nova. Pero é que nós, non somos inocentes de todo. Somos un país que fai -ou facía-do bo e do moito comer, un auténtico sinal de identidade. ¿Ata que punto de educación se debe levar a insistencia/resistencia de "cómalle un pouco máis"? ¿É lícito servírenche máis no prato sen preguntar? ¿Cal é o protocolo do desexo e a fartura na mesa na nova Galicia emerxente?
Na de antes, da sociedade tradicional esmorecida, a fartura contábase máis polo que quedaba nas fontes e pratos que polo que se daba comido. Así, cóntase na casa que unha vez cando a miña bisavoa de Gustei tiña nove anos, cousa que debeu ser a finais do XIX, ocorréuselle acabar coa posta de vitela que quedaba na fonte da carne e escurrichar a fonte dos grelos e patacas para que nada voltase á cociña. Cousa que acontecía na casa de comidas do Cuanda, onde logo estaría a Rexedora, e foi tal por ser día de feira en Ourense e viren eles festeiros ao trato do vacún desde a aldea da bocarribeira. O meu tataravó, ese do que andan as iniciais aínda ensarilladas entre debuxos xeométricos nas bastas colchas de tear, vermellas, azuis e brancas, ou sexa don José Vázquez, por mal nome o Rangán, tanguido polo peso da tradición, tivo que pedir outra fonte só para que quedase. Nin seica probala puideron. Tal é o que comeran xa.
Despois, no camiño de volta, caeulle unha boa rifa á nena Remedios. Houbera que pedir máis porque non ían os do Cuanda pensar que había fame na casa nosa... Aínda máis cós tempos -que cambian de todo-, cambian as mentalidades. E bendito cambio. Léveno con calma.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Non se preopcupe, Etxe, que có que sobra da festa, cómese tres ou catro días. Os platos que adoitan a prepararse en cantidade excesiva, xa son os que permiten a sua conservación, ou "reciclaxe".

Si algo sobra para o can, dícese "para o can tamén é festa".

Os ingleses fan tamén unha empanada coas sobras.Chámanlle "Resurrection pie" ou "Resurrection meat".

Igual tamén nós teríamos que decir "resurreción" ,no canto de "reciclaxe", que quizáis sexa castelanismo,non MEdela?.

Anónimo dijo...

Pois agora non lle estou certo, amigo Dacova. Pola morfoloxía da palabra penso que vén do francés, e a través da linguaxe periodística, pasou talvez para o castellano, e de aí para o galego.
Tamén existe en português standart, 'reciclagem'.
Evidentemente, resurrección é palabra galega de seu, adoptada directamente do latín.

Anónimo dijo...

Estou a verificar... Nun dicionario de português derivan 'reciclagem' do francés 'recyclage', aínda que non sei como foi importada esta palabra para o castellano e/ou galego.
Supoño que o profesor González poderá deitar luz sobre o caso.-

Anónimo dijo...

Precisamente no blog Balonga hai un post sobre boa educación na mesa, pero non me engancha o post directo, enlazo o blog:PREMER.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Unha pregunta, amigo Medela, e non quero ser indiscreto: como se pronuncia: Edgár ou Édgar? Vostede ben sabe que os Óscar que se escoitan con máis frecuencia en Asturies son Oscár. De toda a vida.

Anónimo dijo...

Aquí as sobras son un delicioso prato chamado xa-te-vin.
tamén está outro de sobras que chaman roupa - vella.

Anónimo dijo...

Non é nada indiscreto, Arume; você é un monumento á discreción.
Édgar, pronúnciase Édgar, paroxítona.
Edgar Breogán é un afillado da miña muller; outro día cóntolle a historia da imposición de tal binomio nominal. Foi un acto kamikaze-banzai baixo a miña responsabilidade.
Ouviu, Arume? Aínda hai poucos días escoitei unha nai vociferante chamar polo cativo de mocos a colgar: [eibraján], que seica é Abraham pronunciado á californiana.
Outro caso que arrepía: [yóna], que despois de breves pescudas seica resulta da pronuncia argüidamente arizoniana de Jonah.
Foi detectado por unha amiga miña, en aldea vitivinícola do Ribeiro de Avia, en plena campaña de vendima, unha [maráia], talvez pronuncia ao modo Bronx de Mariah.
Claro é que dicir 'grazas' soa ben raro...
Virxe do Viso, dános paciencia!!!

Anónimo dijo...

Arume: 'Christopher' estivo na moda hai uns anos, lembra??

Anónimo dijo...

En Allariz haille tamén un 'Mailof'.
Arrepiante historia, tamén, Arume; cóntolla no próximo contubernio.