15 oct. 2008


Traficantes de insectos,
de XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN (Faro VIgo 13-10-08)

Cando eu era neno pasaba moito tempo a observar o que pasaba nun tanque de auga situado, para regar, en certa horta da cidade de Ourense próxima ao río da Barbaña. Chamáronme a atención uns pequenos esgarabellos que vivían nas augas verdosas, que nadaban moi ben e que, de tarde en tarde, subían á superficie sacando o abdomen e se proveían dunhas burbullas, non finaceiras senón de ar, que levaban consigo ás profundidades nas que habitaban. Unha vez que conseguía apañar algún individuo e depositalo no bordo do tanque, o becho soía despregar as alas membranosas e saía voando coma mesma habelencia coa que un momento antes navegaba a bucío. Nunha ocasión, e só nunha, vin, nun relanzo do Miño, contra os herbais que daquela había onda a acea e cachón de Oira, como un insecto moi parecido na forma aos esgarabellos do tanque pero grandísimo, subía á superficie e puña en contacto a cabeza co ar para, logo de facer visibel un instante o seu corpo poderoso e ovalado, perderse de novo nas fonduras do río. "É unha vacaloura de río" -díxome o Suso, que me acompañaba-. En verdade, aínda que o insecto de Oira ofrecía unha certa semellanza coa femia da vacaloura, non era tal. Supoño que o que vin daquela no Miño era un coleóptero da familia ou superfamilia dos Hydrophilidae, moi seguramente, un especimen do grande esgarabello acuático cuxo nome é Hydrous piceus. O insecto do tanque ao que me referín anteriormente pertencería a outra familia, a dos Dyscidae, e podía ser o coñecido como Acilius sulcatus.Pasado domingo ofrecéronme no quiosco, en compañía de determinado xornal, un fascículo que trataba, penso que de xeito claro e correcto, dos esgarabellos acuáticos. Comprei decontado tal literatura que, para a miña sorpresa, estaba acompañada dun poderoso exemplar de insecto da familia dos Hydrophilidae que na publicación se presentaba, sen nome científico, como "escarabajo buceador asiático". O exemplar viña empacado nun bloque de metracrilato e, en tanto non o dou clasificado, el está agora no meu despacho en lugar privilexiado pois tivo a virtude de me retrotraer á infancia facendo as veces da magdalena ranurada en forma de vieira da que fala Proust nunha pasaxe memorábel. Ora ben, considero ilícito o tráfico de insectos que supón esta oferta. Os sete euros que custa o becho e mailo folleto, de divulgación entomolóxica revelan un tráfico de animais en grande escala que non debería estar permitido. Quen queira coleccionar insectos, que saia á natureza a cazalos, e aínda así que o faga con moito respecto. Calquera das especies de esgarabellos acuáticos merece a mesma consideración que calquera das especies de baleas e de mamíferos mariños que tanto lles preocupan (e con razón) aos ecoloxistas e amigos da Natureza. Debemos defender a biodiversidade e o tráfico de insectos como este ao que nos estamos a referir representa un negocio ilícito e non sei se constitutivo de delito ecolóxico ou non.
(Nota de M.V.: sempre haberá sitio nas Uvas para os artigos de Ferrín, sobre todo os que evocan a súa infancia ourensá. O clima literario deste non está lonxe do conto "O Suso": o mesmo Suso que se cita no artigo?)

9 comentarios:

XDC dijo...

Vaia, non hai moitos días referíame eu a estes Dysticus noutro fío, a santo de non me lembro qué. A mín impresionábame máis a forma lavaria deste insecto, que parece un mostro.

A mín tamén me chamóu a atención a promoción de insectos, e inda máis a de mariposas, con determinadas revistas. Tamén me preguntéi sobre a sua legalidade. Pero teño as miñas dudas de que sexan verdadeiramente exemplares reáis en todos os casos, anque os anuncien como tales.

lobo neghro dijo...

Dacova estabamos a falar dos zapateiros. Precisamente a este insecto é o que algúns lle chamaban equivocadamente zapateiros.

Eu concordo con Ferrín, pero nalgún caso debe de haber millóns de exemplares e non hai millares de coleccionistas. Imaxinada as "langostas" de áfrica. Eso non xustifica estas modas pero eu para tranquilizarme penso nesa posibilidade.

Teño medo que alghún día saquen unha revista con pelo de lobo.

Anónimo dijo...

Xa o di a miña mamá. O José Luís, o primo da Marisol, de pequeno, sempre andaba enredando con caixas de mixtos cheas de bichiños asquerosos...

lobo neghro dijo...

Ademáis o José Luís souca vos era un neniño repoludo, colorado, impecablemente vestido, fronte a todos os demáis que andaban suxos e a pelourazo limpo. Ó José Luís asoballábano a hostias e mirade no que deu. De ghrande anda a defender ós asoballados, á patria asoballada, metáfora do que foi él de pequeno.

Sí, sí tamén se lle daba por a bichuallada que aghora chaman "entomoloxía".

Anónimo dijo...

Vaiche boa...un "importantísmo" festival de cine en Ourense e nin un comentario no blog... e son mais de 600.000 euros... Están tolos estes de Ourense (ao mellor moi sanos)

XDC dijo...

O cine e o teatro son intocables, Anónimo, desde que alguén os metéu no saco da "cultura", a palabra máxica inhibitoria da agresión dialéctica. Outro exemplo da influencia da linguaxe no xeito de pensar. Nos países anglófonos, onde eses espectáculos entran na categoría do "Enterteinment", a actitude é moito menos reverencial.

Anónimo dijo...

Relacionado co que apunta XdC:

INVESTIGADORES COINCIDEN EN QUE SE PRECISA TEMPO PARA CONSEGUIR QUE O PúBLICO SE ACHEGE AO TEATRO
A mercadotecnia chega ao teatro

http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=13232

lobo neghro dijo...

De que teatro está vostede a falar? Efectivamente. É posible que un teatro, "o sacralizado" teña pouco público. Pero eu, e moitos máis pertenecémoslle ó "terceiro teatro". Pregúntenllo o Benitiño da Casa da Xuventude de Ourense. Como xa apuntara eiquí unha vez, somos moitísimos, o teatro é tremendamente vizoso e forte, presente en todo-los recunchos da vida, pulando, e non o recoñecemos.

Tamén se escribe moito teatro no blog, outro tipo, pero teatro. E escoménzase a representar, véxase a sesión de fotografías no San Froilán 2008. Pero é unha representación novedosa porque vai acompañada a veces de vídeos, de guións "amasados" e voltos a refacer. É teatro andar a crear personaxes, otorgarlle personalidades dispares ós da fotografía...
Se chegho a ir , eu ía de lobo.

Eu fagho teatro cada vez que entro no local do Dacova, meto a patiña e rosmo. E non vou practicamente nada ó teatro oficial.

Grazas dacova por a reflexión e ó anónimo que lle sighe.

Pode que a cultura teña que fuxir do que é administración, e políticos. Mellor dito a creatividade, que non a cultura, pode que esté diametralmente oposta a oficialidade e son incompatibles.

arume dos piñeiros dijo...

Vacaloura ou bacaloura? En asturiano, vacaloria ou bacaloria?