3 ene 2009

Idiomas irreais.
M.A. FERNÁN VELLO, Galicia Hoxe 2 de enero de 2009
Felipe de Borbón e Letizia Ortiz, máis coñecidos como Príncipes de Asturias, felicitaron o Nadal cunha tarxeta escrita en castelán e en inglés. Xoán Carlos I e Sofía de Grecia utilizaron exclusivamente o castelán nas súas felicitacións e Elena de Borbón, máis afrancesada, incluíu tamén a lingua de Molière. Finalmente, Cristina de Borbón, duquesa de Palma de Mallorca e residente en Barcelona, utilizou só o castelán na súa postal de felicitación, esquecendo o idioma propio da nacionalidade histórica na que decidiu vivir. A Casa Real española, como se ve, ignora os idiomas oficiais do Estado, e non lles ten sequera ese típico e mínimo aprezo sentimental que se exhibe en datas tan sinaladas. O certo é que está ben fixada en España, resulta máis que obvio, unha forma de exclusividade impositiva do español, tanto no plano simbólico como no real, e os outros idiomas non se consideran, non se recoñecen, non existen. Se no conxunto de España se falan catro idiomas oficiais, sendo un deles o idioma maioritario do Estado, ¿por que se despreza a riqueza, o gran patrimonio histórico, cultural e social que representan os outros tres? Octavio Paz, premio Nobel de Literatura, definiu a poesía medieval galega como unha das xoias da Humanidade. E en galego escribiu o rei de Castela Alfonso X o Sabio. Chama poderosamente a atención a falta de sensibilidade lingüística e a falta de cultura humanística da Casa Real borbónica. Viven noutro mundo e o galego, o catalán e o euskera son, para eles, idiomas irreais.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois xa que non fan outra cousa, ben podían aprender as linguas dos seus dominios.
Especialmente o principe... A ver se de tan alto que é non lle chega o riego á cabeciña.
Que carallo lles custaba copiar a Eroski.

Anónimo dijo...

Gloria Lago "versus" Sánchez Camacho
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, dixo estoutro día que en Galicia se vive unha situación de "casi fascismo" no que se refire á política lingüística, e falou tamén esta señora de "opresión" e "política impositiva" por parte da Xunta. "Y esto puede provocar que la Comunidad termine como Cataluña o peor", afirmou Lago. Xulguen vostedes, lectores de boa fe. Eu xa me sinto incapaz de navegar en augas que reflicten formas grotescas, desviadas, tremendistas, esperpénticas; formas tinxidas do kafkiano máis perverso, alambicadas sombras da confusión, o falso servido con máscara, a terxiversación como a máis impura das malas artes e a provocación á intelixencia e ao sentido común como aproximación á náusea. "Como Cataluña o peor", di esta señora. E, mentres se di isto, sen ningunha caste de pudor intelectual, a senadora e presidenta do PP catalán, Alicia Sánchez Camacho, afirma o seguinte, referíndose a Cataluña: "En la calle hay convivencia normal entre ambas lenguas" (?), nosotros vivimos con normalidad con las dos lenguas. La sociedad catalana siempre ha sido generosa y de acogida". Palabras textuais. Xa que logo, realizo a seguinte pregunta. ¿Quen mente, quen manipula, quen falta á realidade, Lago ou Sánchez Camacho? A primeira fala de "casi fascismo" e de "opresión" referíndose a Galicia, e di que podemos acabar como Cataluña ou peor. E a segunda, a presidenta do PP catalán, fala de "convivencia normal" e de que a sociedade catalá foi sempre xenerosa e de acollida; como ben saben, por outra banda, milleiros de galegos que se viron obrigados a emigrar a terras catalanas. ¿Por que Lago utiliza a "patraña": mentira ou noticia fabulosa, cuxa orixe é pura invención? ¿A que vén tanta extravagancia e tanta excentricidade? ¿Actúa de boa fe, racionalmente, alguén que fala de "case fascismo" para referirse á situación da política lingüística en Galicia? ¿É iso real? ¿Sabe esta señora o que é fascismo? "Como Cataluña o peor". O falar non ten cancelas. E os abismos da senrazón están á volta.