13 may 2009


Pleno da Real Academia Galega celebrado o ano pasado en Vigo con motivo do Día das Letras dedicado a Álvarez Blázquez
FOTO: Axencias

Cara ao 17 de maio Contra o non-futuro.

Nun acto inédito, a Academia Galega en pleno amosará hoxe a súa inquietude polas incertezas que anuncia a política lingüística de Núñez Feijóo

MARÉ . SANTIAGO(Galicia-Hoxe)

A Real Academia Galega (RAG) fará hoxe público un comunicado sen ambigüidades sobre as incertezas que rodean o idioma galego tras a chegada do Partido Popular (PP) á Xunta. Os académicos, que se reunirán ás doce do mediodía na sede coruñesa da institución, están preocupados non só pola deriva legal que creará a derrogación do Decreto do Ensino do galego -unha das primeiras medidas do presidente Alberto Núñez Feijóo- senón que temen tamén polo futuro dun idioma que, ano ano, perde un significativo índice de falantes.
A institución académica pide que o idioma quede fóra de "controversias partidarias"
A CORUÑA, 12 Maio (EUROPA PRESS) -

A Real Academia Galega (RAG) cualificou hoxe de "preocupante" as primeiras decisións anunciadas polo novo Goberno autonómico en materia lingüística ao entender que "todas" son "desprotectoras" do idioma galego. Esta institución pediu tamén que o idioma quede alleo a "controversias partidarias". Así se recolle nun comunicado, aprobado polo plenario da institución académica, e ao que hoxe deu lectura o presidente da RAG, Xosé Manuel Barreiro acompañado pola executiva desta institución.

No 'Comunicado do plenario dá RAG nas vésperas do día dás Letras Galegas', a RAG expresou a súa "preocupación" ante as polémicas sobre o idioma "partidarias a maioría das veces, e nacidas ben do exceso de celo, ben do prexuízo lingüístico e que deben ser superadas pola acción dun goberno que aspire a ser de todos os cidadáns", remarcou.

"A convivencia, o respecto e a harmonía deben presidir en todo momento as actuacións que se desenvolvan en torno á lingua", insistiu a RAG, que pediu tamén "unha política estratéxica e decidida" por parte da Administración para promover accións que o "igualen" con outros idiomas que non se viron "oprimidos na súa historia".

REFORZO NO AMBITO ESCOLAR

Por iso, reclamou, entre outras medidas, "reforzar" a presenza do galego no ámbito escolar, con especial atención nas idades máis temperás. A RAG sinalou que debe facerse "respectando" o idioma das familias, pero cunha "política activa" para promover o coñecemento do galego.

Advertiu tamén que esta política lingüística non debe quedar "reducida" ás aulas, senón non orientarse tamén a outros ámbitos da vida como a empresa, a universidade, as actividades vinculadas ao ocio ou as novas tecnoloxías.

A RAG defendeu, así mesmo, o proceso de normalización lingüística e achacou aos "contrarios" deste proceso de "manchar a palabra normalización coma se significase agresión aos que non teñen o galego como lingua habitual". Ao respecto, sostivo que isto xerou tamén un "falso concepto de liberdade, que parecen entender como dereito a non falar nunca o galego".

No seu comunicado, solicitou o cumprimento de catro principios básicos para que o galego "non" sexa un problema, senón unha oportunidade", concluíu. Así, demandou un "compromiso" para que evitar a "controversia partidaria" sobre o galego e o impulso do "multilingüismo".

PLAN DE NORMALIZACION

Tamén solicitou o desenvolvemento do Plan de Normalización da Lingua galego que aprobou por unanimidade o Parlamento galego e o impulso dunha "cooficialidade simétrica dentro da Constitución na que todos os cidadáns teñan dereitos e deberes co castelán e co galego".

Ao termo do acto, Barreiro instou a toda a sociedade, empezando polos medios de comunicación a "responsabilizarse da situación do galego". "É preocupante o que está caendo", indicou en referencia ao uso ideolóxico e político do idioma.

Por outra parte, o presidente da RAG, evitou concretar se o acordo do plenario sobre o comunicado lido hoxe foi por unanimidade. "Aquí está representada a voz da RAG", respondeu a preguntas dos xornalistas sobre esta cuestión.










O pasado 30 Abril, presentounos en AURIA "Para seguir bailando"

8 comentarios:

ms dijo...

Parece que se presentan hoxe tres novos libros sobre Ramón Piñeiro. Espero que teñan algo máis que aportar que os dous que lin. Un deles é unha biografía moi resumida que non aporta "res" sobre o homenaxeado, e a ela se engaden unhas cen páxinas a xeito de escolma da súa obra. En fin, o típico libriño formato "letras gallegas".

O outro libro ten máis delicto. Seica é parte da tese de doutoramento, pero parece un resumo do xa publicado sobre a obra política de Piñeiro. "Tese", desde logo, hai pouca, aínda que algo se deixa albiscar ao final. O autor ou ben carece de pericia co galego ou ben na editorial fixéronlle a trasnada de non lle asignar un corrector.

País!

Anónimo dijo...

Podería Ms dicirnos a que libros se refire?

Anónimo dijo...

O mellor libro sobre Ramón Piñeiro é O vento do espírito, de Risco a r. Piñeiro, de Carlos Fernández. E o de C. Casares. Falta por publicar a tese de M. Barros, que din que promete moito.

ms dijo...

(1) VIDA E OBRA DE RAMÓN PIÑEIRO. Galaxia.

(2) RAMóN PIñEIRO E A ESTRATEXIA DO GALEGUISMO (1939-1982). Ed. Edicións Xerais de Galicia. 2009.

Agardo con interese o libro coas cartas que R. Piñeiro lle enviou durante anos a Basilio Losada (ed. Galaxia), así como o de Xesús Alonso Montero, nesa mesma editorial.

O de M. Barros aínda vai tardar. Creo que a súa "inaudita" tese principal é que Piñeiro non era nacionalista...

Anónimo dijo...

Nada inaudita esa tese Ms. Probe, dende esa perspectiva entendense moitas accións de Piñeiro.
Apréciase certa decepción pola agardada polemica e revitalización da vida intelectual que este dia das letras adicado a Piñeiro puidera suscitar.

ms dijo...

Non hai debate ningún, e menos aínda con libros coma o segundo que referenciei, ou con declaracións "á galega" (sic) como as que hoxe lle escoitei a Antón Baamonde en Vieiros:

"Cal é a pegada de Piñeiro na sociedade galega actual?
"Podo responder, á galega, con outra pregunta: como se mide a influencia dun home na vida dun país? É difícil sabelo; el significou durante o franquismo a lexitimidade do galeguismo anterior á guerra civil, e despois mantivo certas posturas moi discutidas que non podo valorar se foron acertadas"

!!!!!

Anónimo dijo...

Vieiros:

Un retrato "non haxiográfico" de Piñeiro

Francisco Pillado e Pilar García Negro acompañaron á autora na presentación de 'Ramón Piñeiro, a expresión cultural dunha estratexia política'.
M.S.P. - 16:48 13/05/2009
Tags: día das letras laiovento mercedes queixas piñeiro ramón piñeiro

No seu breve ensaio, Mercedes Queixas repasa a vida de Ramón Piñeiro, "un fío polo que se pode ir desfacendo o nobelo do século XX", salientando principalmente a súa preocupación e as súas análises sobre a lingua, "visto dende a perspectiva actual demóstrase o pouco que andamos". Queixas defende que toda a actividade cultural realizada por Piñeiro foi sempre a praxe dunha estratexia política moi definida, que o afastou do nacionalismo e que culminou coa súa incorporación como independente ás listas socialistas. Salienta o proceso de liquidación do Partido Galeguista e lembra unha carta que Rodolfo Prada lle remitiu a Piñeiro en 1976 na que lle reclamaba que erguese de novo o Partido Galeguista, para participar nas primeiras eleccións democráticas, algo que foi rexeitado por Piñeiro.

Na presentación de Ramón Piñeiro, a expresión cultural dunha estratexia política (Laiovento), Francisco Pillado salientou que "non era fácil atopar un autor que falase de Piñeiro na nosa liña editorial". Malia recoñecer o traballo de Piñeiro a prol da lingua e o papel xogado pola Editorial Galaxia, Pillado valorou moi negativamente o intento de galeguización dos partidos españois, "que resultou un fracaso, como estamos vendo estes días" e recordou algunhas accións da vida política de Piñeiro, como a votación pola que o Parlamento galego expulsou en 1982 aos tres deputados do Bloque-PSG, na que Piñeiro e os demais 'galeguistas' integrados no PSOE votaron a favor.

Pilar García Negro, que presentou o libro da súa antiga alumna, Mercedes Queixas, incidiu, ao igual que Pillado no "fracaso galeguizador" de Piñeiro e comentou que malia coincidir na análise da situación da lingua expresada polo intelectual de Láncara en 'A Linguaxe e as Linguas', "ese obxectivo de socializar o uso urbano da lingua non se podía isolar do resto dos ámbitos da sociedade, como a política, como fixo Piñeiro". Tamén lle criticou o que cualificou de "control ferreño da produción cultural doméstica", lembrando unha conversa mantida con Avilés de Taramancos na que o poeta se laiaba do "seguimento" que Piñeiro realizaba das actividades dos autores literarios.

Anónimo dijo...

Piñeiro naquela ocasión, independentemente de ser independente votou a favor da expulsión dos deputados nacionalistas.
Podía absterse, non, sería mais digno.

A pervivencia de Piñeiro todos estes anos mantivose na esperanza dun pacto galeguista sobre a cultura entre As tres forzas políticas maioritarias actuantes no pais, pero o desenvolvimento da dinámica de partidos fixo, fai e fará imposibel ese pacto transversal, polo que Piñeiro quedará esquecido.