14 ene 2010

Non lles teño máis remedio...
AFONSO VÁZQUEZ-MONXARDÍN
La Región, 12-01-2010

Pois paréceme que non lles teño máis remedio que falar do famoso ‘decreto do galego’. O certo é que a cuestión da lingua non me atrae, se cadra por estar toda o día dándolle voltas. Pero en fin, polos oficios que
me cadraron -non sei se polo de arqueólogo de andar enredando nas cousas propias e antigas, polo de docente de traballar con mozos e futuro, ou por este pasatempo ocasional de opinador e entretedor do lector- creo que debo expresar a miña opinión.
De partida, a primeira impresión é o erro cometido por Feijóo ao incumprir a primeira premisa do político: hai que resolver máis problemas dos que se crean, ou sexa, a resolución do problema non pode ser un problema moito máis grande que o problema mesmo. Ligada con esta, está a sensación doutro erro cometido por Feijóo: empeñar a súa palabra públicamente cun grupo de presión que non podía controlar, como Galicia Bilingüe.
Neste sentido, en vez de adoptar unha postura presidencialista de distancia das actitudes enfrontadas, a favor e en contra, para poder promover terceiras vías que animasen á promoción do galego desde esoutro punto de vista -cordial el lle chama- apoiouse, creo que inxenuamente, nun dos extremos.
A terceira impresión é un erro de Feijóo no control dos ‘tempos e formas’. Se quería derrogar o decreto de 2007, derrógao como primeria medida de goberno e punto. Queda en vigor o anterior e ao tempo convoca unha mesa de lingua entre as forzas políticas ao abeiro, por exemplo, do Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, pois é un tema que excede, como todos asumimos, o debate político partidario. Galicia Bilingüe, Mesa, Consello Escolar de Galicia, Asociación de Directores, sindicatos, etc. serían elementos consultables, pero non dirixirían a reflexión da cuestión lingüística no país, que ben vemos ao lugar onde nos levou a falta dunha dirección decidida.
Creo tamén que boa parte do problema vén da obvia politización do tema. Non de hoxe, por parte deste Goberno que caeu inxenuamente na cuestión, senón desde hai anos. Non vén a nada dicir agora desde posturas promotoras de galeguización que non había problema ningún cando a Mesa convocou unha alucinante folga no ensino (26/11/2008) contra o Goberno bipartito, en clave interna puramente electoral
(simplificando, sectores do BNG contra a convivencia BNGPSOE) uns meses antes das eleccións. Sospeito que por cousas como esa levan baixando xa tres eleccións autonómicas seguidas. E municipais.
Vexo a necesidade dun recambio de liderados e actitudes nos pólos lingüísticos. Nin Gloria Lago nin Callón, por moito que digan, parecen xente de entendementos senón de mobilizacións. Sabemos, ademais, que nas tres forzas políticas hai xentes de sensibilidades distintas, con tema transversal que é. Non é o mesmo o que diría Paco Vázquez que Xosé Bugallo. Non é o mesmo o que diría Negreira que Baltar junior. Non é o mesmo o que dirían Rodríguez ou Callón que Anxo Quintana.
Por iso, para chegar a difíciles acordos na liña dos foros de reflexión do Consello da Cultura Galega ou da fundación de Anxo Quintana, deberían deixar estes temas, todos eles, nos elementos máis proclives a acordos, a consensos e non ‘externalizar’ o problema pasándolle unha desmedida responsabilidade, case imposible de xestionar, a instancias inferiores. O proxecto común Galicia existe en canto tal, e non é só a suma de vontades de pais de alumnos e de consellos escolares. Creo eu.

12 comentarios:

Anónimo dijo...

Señor Monxardín, non sei porqué, nos seus artigos, adoito presentir un lixeiro tufinho desmovilizador.

apicultor dijo...

Paréceme moi inxenuo presupoñer inxenuidade nun Presidente da Xunta e no seu goberno en conxunto.

O PP e Feijóo utilizaron conscientemente o tema da lingua como arma electoral para arrepañar un mangado de votos, sen importarlle os destrozos que isto podía causar. Tal cálculo estratéxico paréceme calquera cousa menos inxenuo.

En todo caso, posibles "erros" cometidos pola Mesa e adláteres no seu momento non xustifican "erros" moito máis graves que teñen demoledoras consecuencias. Non son equiparables uns e outros, certamente.

Este borrador de decreto non ten o apoio de ninguén, absolutamente de ninguén, agás do PP e do sindicato ANPE. Que todo o mundo concorde no seu rexeitamento, algo quererá dicir, non?

Daquela, de onde ten que partir unha postura de flexibilidade para chegar a un novo consenso básico? Do goberno, naturalmente. Farao? Teño serias dúbidas. As recentes declaracións de Anxo Lorenzo indican que non se vai por aí.

En todo caso, veremos como evolucionan os acontecementos...

Eu, de momento e por se as moscas, animo a que todo o mundo vaia á folga o día 21.

Que é precipitada?
En absoluto, porque hoxe si son necesarias as medidas de presión.
Que hai que esperar a que se publique o decreto?
Para nada, porque despois xa non hai remedio.
Que se a convocan "os extremistas" (Lorenzo dixit) de sempre e é darlle bazas?
Pois a min iso, hoxe por hoxe, tráeme absolutamente sen coidado.

Neste momento hai cousas moito máis importantes que ir de tiquismiquis e andala collendo con papel de fumar.

Porque hoxe o problema está, como diría Pondal, na ruda adversidade urxente.

arume dos piñeiros dijo...

A folga no ensino é a principal resposta? NOn se verá demasiado centrada nese ámbito a protesta coas consabidas consecuencias no ámbito de pais e nais e da sociedade en xeral? Non sería mellor unha resposta cidadá, xa que é á cidadanía á que compete este asunto, co ensino como parte digamos substancial?
Outra pregunta que me gustaría formular e formulo é: "E despois da folga, que facer?

Anónimo dijo...

Considero que a folga no ensino é moi oportuna neste momento porque aí é onde o governo situou o epicentro da súa demagoxia, sen ter para nada en conta as funestas consecuencias que entrañaba.
Os que se empeñaron en xogar con pólvora foron eles e non se mostraron moi esquisitos á hora de poñeren en xogo a súa artillería pesada ( alguén debería facer a crónica ou reconto das decisións que foron tomando e os apoios cos que foron contando ata levar ao país a unha situación tan lamentable como a que se vive nestes intres. Podería ficar na nosa historia particular da infamia).
É absurdo pretender que todo se debeu a supostos plantexamentos maximalista: Simplesmente, non existiron. É a pedra angular sobre a que se elaborou a Grande Mentira.
En esencia, ninguén tivo posicións maximalistas non sendo eles mesmos.A execución do decreto do bipartito , aínda nos seus máximos, sería unha medida ponderada e razonable. A anos luz do que pasa en Catalunya (como estamos vendo) que vai moito máis alo e conta cos avales do propio Tribunal Constitucional.
Neste momento, o governo móstrase incapaz de manexar esta crise, está sobrepasado polos acontecementos, e clama no deserto. A gran falacia, desmorónase e as medidas que anuncian son desconcertantes, inexecutables e dunha ínfima calidade política e xurídica (e a cousa non fixo máis que empezar).
Entre profesores, alunos e incluso pais, empeza a cundir o pánico.
Se neste momento o conflicto está nos centros é porque aí é onde eles o quixeron situar. É a súa responsabilidade. Sería suicida non dar unha resposta contundente.

Un coñecido dijo...

Señor Monxardín o outro día gustaballe a lingua a fartar e até nos recomendaba recetas e procedimentos e hoxe dinos que non lle atrae falar dela. Caramba, que volatil e inconsitente é vostede nos seus gustos, para non se fiar!.
Agradéceselle que neste artigo non botase man de recursos e figuras literarias como no anterior, sae gañando.
Mais vaiamos ao cerne, comete vostede unha impostura cando di:
"Nin Gloria Lago nin Callón, por moito que digan, parecen xente de entendementos senón de mobilizacións"
A equidistancia entre Lago e Callón é o resultado dunha distorsión comunicativa que nunha persoa comoa vostede, profesor de idioma galego, e sobradamente informado sobre a vida cultural e política do pais, non pode ser inocente.
É vostede culpabel Monxardín de intoxicación contra o idioma galego. A diferencia entre a demagoxia de Galicia Bilingüe, dirixida polas FAES, e os contidos e analisis sociolingüisticos dos que parte a Mesa non son equiparabeis, e vostede sábeo en conciencia, pero prefire facer como se non, vaia a saber porqué...?.

Coido moi acertado o posicionamento do Apicultor.

Arume esta é unha folga do ensino porque afecta principalmente a este, e as xentes implicadas no ensino, son cidadáns, ou non?. Arrime o ombro e puxe para que dispois da folga o decreto estea socialmente deslexitimado, por moito que o legalicen cos votos do Pp no parlamento.

Xosé M. González dijo...

Coincido en que a batalla debía ser máis social, permanente e institución por institución. Canto a manifestacións, cómpre dosificar e saber parar a tempo; unha folga escolar sempre ten custo e, sabendo en que condicións se adoitan convocar e seguir moitas delas, non demasiada credibilidade. Pero, visto o descontento ante diferentes aspectos do proxecto de decreto e maila dinámica de comparecencias de Feijoo, paréceme obvio que esta folga procede. Terá o PP o instinto político que sempre lle supuxemos?

Por certo: non me pareceu nada adecuado convocar para o 21, unha vez máis, manifestación en Santiago. Pero tamén a hai local, en Lugo cando menos, pola tarde. E iso si que é boa idea, levar a exteriorización indesmentible da protesta a todo o país.

arume dos piñeiros dijo...

Eu creo que neste tipo de combates non basta con crer que un ten a razón, pensar que o outro está atribuladísimo, imaxinar que clama no deserto e que desta non se salva. Porque se non ocorre nada diso e fallamos de novo nos pronósticos, nas estratexias e en tantas outras cousas voltamos a manexar a mesma desilusión de sempre.
Eu puxarei, pero teño a suficiente liberdade para pensar (coma sempre fixen) se a estratexia é a máis idónea e a máis eficaz. Eu sempre teño esa dúbida e pretendo manifestala. Non valo para aceptar sen máis as consignas.
Cando digo que debería ser un movemento cidadán (co ensino como bandeira) é porque hai moitos cidadáns que non teñen fillos/as nin son profesores/as e non teñen oportunidade de amosar o seu rexeitamento cando lles concerne de forma fundamental.

Anónimo dijo...

Parece certo que a táctica do PP de activar os conflictos para chegar ao poder e desactivalos inmediatamente cando se chega a el, neste caso, non lle está dando resultado.
Se alguén fai un percorrido polos foros de debate abertos polo país (Voz , Faro, Correo, incluidos) farase unha idea de que dimensións está tomando este asunto.

Feijóo estase empregando a fondo pero a maniobra de atraer ao PSOE non parece que funcione.
Ninguén duda que terá capacidade de mover as súas fichas, mas este asunto xa o absorbe demasiado. Non está cómodo e non pode delegar no seu conselleiro (supoño que preferirá que estea calado e desaparecido).
A nova táctica de situarse equidistante dos extremistas é moi dificil de soster, habida conta de que ata agora só se apoiou no extremo máis radical.
O argumento de que os galegos votaron contra o anterior decreto, queda eivado polo feito de que os votos que lle deron a victoria, son menos que os do bipartito.
Pero, fora do conflicto estrictamente lingüístico, nos centros de ensino témese que, por mor dunhas medidas tan improvisadas e pouco ponderadas, as consecuencias sexan caóticas. Todo o mundo é consciente que o do ingles é unha ocurrencia para saír do paso, que non ten viabilidade ningunha, pero pode levar moita confusión aos centros

AVMF dijo...

¿Culpabel de intoxicación?, meu coñecido.
¿Tan mala era a receita da lingua estufada?
¿Ou será por dar unha opinión libre sobre o actual debate?
Compráceme a resposta de Apicultor -a ruda adversidade urxente-, as puntualizacións de Arume -o exceso de centralidade no ensino e o ¿Que facer? despois- , e outras achegas desde posicións diversas. Algunhas, claro, non as comparto. Iso de que empeza a cundir o pánico paréceme excesivo. Esta custión non nos interesa máis ca uns poucos. Por desgracia.
Pero en fin, este é un espazo de liberdade.
Creo que o de intoxicación, sobra. Estou atento. Pero non teño porque coincidir coas valoracións que fagan outros. Na defensa da lingua existe, de feito, unha pluralidade. Non é de recibo iso de se non estás comigo ao 100 por 100 es un intoxicador. Eu non lle recoñezo o canon a ninguén. E xa está. Certamente estou empezando a aburrirme de ver insultos así. Se cadra é mellor non deixar que suban os meus artigos aquí, e punto. Debate si. Pugna, si. Repugna, non.

Un Coñecido dijo...

Non é o meu desexo que deixe de colgar os seus artigos aquí, Monxardin, hainos dos que gusto, e outros non, como estes dous últimos, pero en calquera caso, penso que debería de seguir colgandoos, téñollos lido moi bos.

Repecto da intoxicación eu afirmei que vostede non é inocente no uso dunha concreta distornión comunicativa. Se vostede ten outro termo mais apropiado
para denominar o que eu sinalo como intoxicación, estou razonabelmente disposto a retirar a miña calificación.

E coido que de insultos nada, non cometa exceso de susceptibilidade, e asuma as consecuencias creo que mesuradas e educadas, do exercicio da publicidade, ainda que non sexan sempre do seu agrado.

E por último nesta cuestión da lingua, hai unha especial sensibilidade e irascibilidade no ambiente, porque que compre delicadeza, e digoo tamén por min.

Un saudo.

detective crepuscular dijo...

Eu tamén me manifesto a favor da folga do 21 como resposta á política do PP de Feijóo, que non é outra que a que lle inspira a caverna FA-ESpañolista. Eu tampouco vexo inxenuidade no governo encabezado pola cabeza de Feijóo, que forma parte desa outra cabeza mais una/grande/y/libre de Aznar e compañía. Esta xente ten un sentido patrimonial de Galicia, pensa que lles pertence por direito propio e que a sua é terra apropiada para calquer dislate e asovallo, para calquer experimento desgaleguizador. Teima vella a dos señoritos "populares", que non queren ouvir falar doutra cousa que non sexa dunha Galicia española e só española (eso si, con su exótico colorido regional a prueba de años jacobeos). Nestas vacacións relín algunhas crónicas de Julio Camba recollidas no libro PLAYAS, CIUDADES Y MONTAÑAS (1916)que falan de Galicia e dos galegos e chamoume a atención unha delas que viña a dicer mais ou menos isto: "El problema de Galicia es el galleguismo, etc." (lamento non ter aquí o libro para copiar literalmente as suas palabras). E insistía e satirizaba "malévolamente" sobre a figura do galego que exercía a todas as horas de "profesional del galleguismo". Cuando lin aquilo pensei no PP e na filosofía política que guía o governo de Feijóo. O problema de Galicia é o "galeguismo" (xa non digo nacionalismo), ese costume rústico de querer ver as cousas con ollos propios e non con ollos prestados ou impostos, é o xeito de pensar desta xente. Por iso queren desgaleguizar Galicia, esborrallar a sua identidade, deixala irrecoñecíbel. Como se o feito de querermos ser galegos fose unha vergoña, un delito. Como se os votos fosen o mellor aval para facer de Galicia a tumba do galego (co apóstolo dentro, por suposto). Para desfacer Galicia. Merecen unha e mil folgas. Home non.

Anónimo dijo...

O sindicato Comisións Obreiras anunciou hoxe que secundará a folga xeral no ensino, convocada pola plataforma Queremos galego, para o próximo 21 de xaneiro tras 'esgotar todas as vías de diálogo coa Consellaría de Educación', despois de que, segundo reflectiron, a Xunta 'rompese o consenso anterior'.