Mostrando entradas con la etiqueta Ben-Cho-Shey. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ben-Cho-Shey. Mostrar todas las entradas

11 ene 2009

A MIRADA RETIDA
RETRATO NA ESCOLA
Marcos Valcárcel


Encántame esta foto. Agasallouma Javier Martínez Randulfe hai uns meses, sabedor da miña devoción por “Ben-Cho-Shey”. É unha aula do Colexio Concepción Arenal cando o dirixía don Ángel. A don Ángel encontreino eu varias veces nos xornais da preguerra, sempre defendendo con firmeza a liña do galeguismo católico que el profesaba. A foto podería ser dos primeiros anos 70 ou un pouco antes: ampliada no ordenador recoñécense ó fondo algúns libros de texto cos símbolos franquistas habituais nesa época. Detéñome na imaxe ampliada e vexo que se pode distinguir ata o máis mínimo aceno dos rapaciños e das cativas que sentan nos pupitres: danme gañas de empezar unha novela na que o primeiro capítulo sería o retrato físico e psicolóxico destes picariños. Quizais vostede, amable lector ou lectura, sexa un deles. Aquel día faláballes Xosé Ramón e Fernández Oxea, mestre de mestres. De que lles falaría, dalgún escritor do Día das Letras Galegas? Eu non sei o título da conferencia, pero sei que aquel día “Ben Cho Shey” falou do amor ó país e á nosa cultura, do respecto polo noso idioma e os nosos topónimos, da dignidade das xentes labregas.

6 jul 2008


DEFENSA DA LINGUA DE NOSO. Ben-Cho-Shey contra a diglosia
Galicia Hoxe. 06.07.2008. Imaxe: BCHS cos Brais Pinto, Otero Pedrayo e Alonso Montero, en Madrid, 1958.

A constante que mellor define toda a andaina vital de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, coñecido popularmente como Ben-Cho-Shey é o seu compromiso constante, durante moitas décadas da súa vida, en defensa da lingua galega. Utilizando como plataforma a prensa escrita, BCHS asinou centos de artigos, unha boa parte dos cales tiñan como centro a exaltación do noso idioma e a crítica a aqueles que o perseguían ou desprezaban. Nesa campaña permanente BCHS apelou a todo tipo de argumentos e recolleu toda a liña de defensa que dende o século XIX foron establecendo tantos escritores e xornalistas arredor da causa da lingua. Así, os seus artigos refugaban a condición dialectal do galego e o reivindicaban como idioma de seu; recorrían o seu glorioso pasado histórico e literario e, ademais, criticaban, moitas veces desde o humor e a ironía, as actitudes do señoritismo que refugaba da propia lingua e os comportamentos diglósicos dos cidadáns e tamén das autoridades. (...)
Artigo completo

4 jul 2008


Mediados dos 60.
Pan por pan venres 4 xullo. Imaxe: Guerra Campos.

A mediados dos anos 60 o galeguismo entraba nunha nova etapa: nacían partidos novos, nacionalistas e marxistas, e tamén novas asociacións culturais. Méndez Ferrín escribía, en 1965, unha “Carta a un católico gallego” pedindo a introducción do galego na liturxia. Ben-Cho-Shey foi un dos máis constantes nesa demanda e apelaba con acerto ós ditados do Concilio Vaticano II para xustificar esa demanda: se a Igrexa non o fai así, dicía en 1966, será unha Igrexa “clasista e deixa de ser católica ou universal para ser a Eirexa dos ricos, dos señoritos e dos que mandan”. Cara 1968, en Ourense e noutras cidades permítese por vez primeira misar en galego. Pero houbo posicións moi reticentes como o bispo Guerra Campos, que escribiu ós outros bispos pedindo cautelas neste tema. Seica chegou a dicir naqueles días: “Yo no me presentaría ante Dios en alpargatas”.

3 jul 2008


O país e a causa do idioma ("Ben-Cho-Shey" anos 60)
As fotos, do curso de Celanova, enviounolas A. Piñeiro. Presentoume nese acto o historiador Julio Prada, que me acompaña na mesa.

En “Vaites co señorito”, un artigo de 1950, premiado en Buenos Aires:
“A cousa parece fatal e irremediable: de vez en cando xurde un señorito sin moito que facer e ganas de chamar sobre si a atención dos demais e en vez de porse unha desas camisas detonantes, que agora levan os “snobs” e das que e foi un precursor o “Divino Hojalatero”, dálles por agarrar a pruma, do xeito dunha vasoira, e póñense a esbardallar. ¿Contra que? ¡Pois contra que había de ser, meu santo!, contra do idioma galego, que é o que ten a culpa de cantos males ocorren na nosa terra, dende o esgarabello da pataca ata a falla das sardiñas, que foxen das nosas costas por non escoitar falar en galego ós mariñeiros. O día que saían ó mar falando en señorito, ás sardiñas caeráselles a baba e meteranse nas redes feitas unhas parviñas e dicindo pró seu escamallo: “Istes si que son mariñeiros cultos e non os que falan esa xerga do galego” (Faro de Vigo, 13-12-1950).


En "Xa cho dixen", La Noche, 23-2-1965:
"Os piores nemigos de Galicia están dentro dela e nela naceron, como nacen os vermes dentro da froita, pra se manter dela e apodecrela pola sua desgracia e desgracia do país".

2 jul 2008

PAN POR PAN mércores 2 xullo. Ben-Cho-Shey.

Convidado por Jesús de Juana, tócame hoxe falar en Celanova de Ben-Cho-Shey, nos cursos de verán do campus. Personaxe fascinante o BCHS, por moitas razóns. O máis galeguista de todos os galeguistas, dixo alguén. Só falaba castelán cando non lle quedaba máis remedio, sinalou Fole. Con ese motivo tiven que revisar os seus libros e moitos dos seus artigos: escribiu centos e a metade deles en defensa do galego e contra o señoritismo que desprezaba o idioma de noso. Moitos dos seus artigos seguen tendo total actualidade: por desgraza. Non mudaron tanto as actitudes, as condutas. Persiste a diglosia: onte mesmo, nun faladoiro da radio, todos falan castelán ata que introducen dúas ou tres frases en galego. Frases que queren retratar o servilismo dos galegos ante o cacique. Un uso tópico, que consolida o prexuízo e asocia o galego á incultura, ó atraso. Que diría o BCHS?

4 may 2008



Homenaxe pendente (Ben-Cho-Shey)
Pan por Pan domingo 4 maio 2008
(retrato de Tudó)

A festa dos Maios, de tan fondas raíces populares, tivo grandes valedores. A comezos do século XX os homes da Liga de Amigos do Corpus e fundadores das primeiras Irmandades da Fala, xentes como Hixinio Ameixeiras, Prado Lameiro, García Nóvoa. Na posguerra, o inesquecible “Ben-Cho-Shey”, que así coñecía todo o mundo a Xosé Ramón e Fernández-Oxea. El foi a alma dos maios durante moitos anos: participaba sempre nos xurados e gardou fotos, coplas e todo tipo de documentos arredor da festa, que hoxe se conservan na Biblioteca da Deputación. Unha pequena mostra dese tesouro está exposta na Avenida de Pontevedra. Auria ten unha débeda con este home, mestre, etnógrafo, erudito, xornalista, bibliófilo e político galeguista. Xa sei o que escribiu na tampa do seu último apousento en San Francisco. Pero era brincadeira: non lle fagamos caso niso.