Mostrando entradas con la etiqueta corrección política. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta corrección política. Mostrar todas las entradas

13 sept 2008


DON LIMPO
Pan por pan SÁBADO 13 setembro.

Están situados, cando se fan enquisas, nos peores postos da consideración social. A costa de moito traballo, estrés continuo e o móbil sempre na man. Falo de políticos en exercicio e non lles teño, poden crerme, ningunha envexa. Todos os días teñen vinte xuntanzas para repetir o mesmo, unha presión excesiva de protocolo e propaganda e ata algunha cea inevitable na que lles poden poñer vieiras amnésicas ou coquinas contaminadas. A algúns ademais tócalles cada cousa!
Por exemplo, no Parlamento Europeo hai unha comisión que estuda como regular a publicidade sexista. Ata aí todo vai ben. Pero o xornal “Público” informa que entre os anuncios considerados como discriminatorios están os de marcas como Dolce & Gabanna e Don Limpio por usar “un físico musculoso que podería implicar que só os homes fortes son abondo poderosos para acabar co lixo”. Sen comentarios.

17 jul 2007


Pobres Tintín e Hergé
Andoliña 17 xullo


Indignados están hoxe moitos amantes da banda deseñada e non só os seguidores da liña branca de Hergé e o inmortal Tintín. Como xa sucedera cos contos tradicionais, dos Grimm e Andersen, os novos inquisidores dedícanse agora a censurar o cómic clásico. As teorías da corrección política, que impulsaron antes carapuchiñas feministas e similares, poden chegar ó esperpento. Unha vez aceptada a premisa inquisitorial, non hai volta atrás: todo é posible no reino do disparate.
Porque censura é o que fai o Observatorio Británico contra a Discriminación cando obriga a varias cadeas de librarías a acantoar o álbum Tintín no Congo por presentar varias viñetas nas que os negros son vistos como "retrasados" e "submisos colonizados". O propio Hergé refugou deste álbum e confesou que era, tamén na súa ideoloxía, froito dos prexuízos do mundo burgués da súa época. E xa está: non entender iso é non comprender que é unha obra de arte como produto histórico, que como tal debe ser lido, pero non corrixido.
O seguinte paso será vetar as películas de Tarzán de Jhonny Weismuller e facer unha versión pacifista e branda da Ilíada. O conto é triste, que dicía o noso Castelao. E non rían. Todo se andará.