Mostrando entradas con la etiqueta mocidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta mocidade. Mostrar todas las entradas

8 nov 2008


Incomunicación
andoliña 8-11-08
Ilustración de E. F. Granell

En todas as épocas houbo diferenzas entre xeracións e tamén desconfianzas mutuas. Xa saben do filósofo grego que se queixaba, hai moitos séculos, da vida ousada e desordenada dos mozos do seu tempo. É normal que mozos e adultos e vellos lean libros distintos, escoiten música moi diversa ou sigan programas de televisión e películas moi dispares entre si. Sempre foi así e iso non vai cambiar polo de agora.
O que quizais non pasou nunca, non deste xeito dende logo, é que se chegase a formas de comunicación tan arredadas que fosen incomprensibles entre si. Onte vin, nunha reportaxe televisiva, como interpelaban a persoas da rúa para que descifrasen este enigma: ktaptccr oi, unha simple mensaxe de móbil como as que usan os nosos fillos acotío. De trinta anos para enriba ninguén era capaz de ler aí nada. Por baixo desa idade, en cambio, a comprensión era doada e absoluta: a mensaxe preguntaba ¿
Que te apetece hacer hoy?
Deixemos agora as regras de ortografía, condenadas ó esquecemento co novo sistema. O certo é que mozos e adultos están hoxe ben incomunicados en moitos aspectos: quizais a linguaxe do móbil non fai máis que referendar, con contundencia, esta realidade.

21 oct 2008



Menores e delito
PAN POR PAN martes 21 outubro
Imaxe de Carel Fabritius, pintor holandés do s. XVII


Que pracer poden encontrar uns rapazotes en coller unha indixente indefensa que dorme no caixeiro e plantarlle lume? Iso é o que se debería pescudar no xuízo que se celebra estes días, pero a linguaxe xurídica non ten os recursos necesarios para explicar a banalidade do mal.
A fiscalía de Cataluña pide medidas para imputar penalmente ós menores de 16 anos. Argumenta, e por desgraza é verdade, que hai rapaces de 14 ou mesmo de 12 anos que cometen delitos graves ou que son usados polos adultos para a delincuencia habitual. Sabendo que son impunes porque a Lei ampara ós menores de idade. O problema non ten solución doada e non sei se pode solucionar rebaixando a idade penal: os especialistas debería debater ó respecto. Pero si sei que unha sociedade con cativos de 12 anos delincuentes ten un grave problema. Que é unha sociedade enferma. E necesita un diagnóstico urxente.

12 abr 2008


Acúfenos.
Pan por Pan sábado 12 abril
Isto que me sucede de cando en vez tamén lles terá pasado a vostedes: vou polo corredor dalgún edificio oficial ou mesmo pola rúa e escoito unha música; miro aquí e alá e non hai fío musical. Ata que me decato de que pasa un mozo perto de min, conectado a un deses aparatiños de música portátiles e decátome de onde ven o ritmo misterioso: do aparato do rapaz, escoitando tecno ou rap, en teoría para si mesmo. A que altura debe ir esa música para que sexa escoitada tamén dende fóra? Leo nun xornal que o uso destes aparellos está a facer aumentar os acúfenos en moitas persoas: ruídos fantasma que non teñen cura, como tintineos do cerebro ou ruídos neuronais. Algunhas persoas escoitan asubíos tan intensos e persistentes que case non poden durmir: unha sensación realmente horripilante. En fin, aviso para ós mozos que algún día deixarán de selo: por favor, baixen o volume.

8 nov 2007

Violencia, comunicación, lapotes (máis achegas ó caso de Boiro)

Tanto Bieito Iglesias ("Lapotes", ECG) como Xosé M. Pereiro (El País, "Palizas en la red") abordan hoxe na prensa o caso de Boiro e a presenza da violencia xuvenil na sociedade.

Ofrecemos lo que el público quiere, es la disculpa que dan los directores de pista, a menudo encogiendo los hombros como dando a entender que además de lo que piden, es lo que se merecen. Hace cien años ya explicó ese fenómeno un editor conservador como Joseph Pulitzer: "Una prensa cínica, mercenaria y demagoga producirá con el tiempo gente igual de abyecta". Anteayer, un acusado de cuatro violaciones reconocía haber cometido una, y que había confesado las otras tres bajo amenazas de la policía: "Me dijeron que registrarían mi casa y avisarían a la prensa". Yo también habría confesado. (Xosé M. Pereiro)

Pero os feitos, que son o único irrefutable que hai no mundo, sinalan aos pais por non ensinaren aos fillos (tal vez por sentírense inferiores diante de modernas e marabillosas criaturas que tan ben manexan o telefoniño); ao business mediático aganado por xuntar diñeiro exhibindo remakes ridículos do circo dos gladiadores; ao espectador paspán que abre a boca perante un ramo de violencia animalesca sufrido por primates escasamente evoluídos, idéntico aos que mostran os documentarios naturalistas de sobremesa.
Que hai de novo? A novidade non está na violencia, maior en calquera etapa histórica pasada (os nosos avós desfacían as festas a paus); é novidoso o protagonismo dos menores e o afán de televisalo todo, mesmo falcatrúas que antes se tapaban. Os pequenos non teñen medo e os grandes non teñen vergoña. (Bieito Iglesias)

1 nov 2007

Discurso pobre sobre o botellón
Andoliña sábado 3 novembro. Imaxes: Autoretrato como Baco enfermo, de Caravaggio, 1594; e Os borrachos, de J.Ensor, 1886.

Escoito nunha emisora de radio falar a un sociólogo sobre o tema de maior actualidade: o botellón. Afirma que os mozos amosaron, inventando este sistema, unha gran creatividade para acceder a formas de lecer propias sen deixarse estafar nos pubs e discotecas. Isto é certo e algúns aínda engaden que se trata dun xeito especial de “cultura” (Cultura e Democracia, por certo, deben ser as palabras máis sobadas, gastadas e manipuladas en todos os idiomas do mundo).
O discurso progresista adoita rematar aquí, pero semella pobre de máis. Habería que engadir, cando menos, que o dereito a esas formas de lecer non inclúe o de molestar con ruídos e escándalo ós veciños, que non teñen a culpa. Nin o de atentar contra o patrimonio urbano. E tamén sería pertinente recoller logo as toneladas de lixo que se deixan nas prazas: como produto artístico, pouco orixinal.

E non sobraría unha reflexión adicional: a quen interesa esa apoloxía do consumo de alcohol que é para moitos, non para todos, o botellón? Supoño que, pasados uns anos, cando cheguen adultos cos fígados estragados ós hospitais, o Estado buscará unha solución: para rebaixar sequera o desbocado gasto sanitario, como pasou co tabaco.