Mostrando las entradas con la etiqueta Xustiza. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Xustiza. Mostrar todas las entradas

15 dic 2008


OS XUÍCES, A ROMANA, O ÁRTICO
Marcos Valcárcel, La Región, 15-12-08

Os xuíces. Son protagonistas todos os días e non sempre para ben. Vexo na TV unha nai angustiada: a súa filla morreu atropelada por un automóbil que ía facendo trombos, dentro del dous mozos sen ningunha cabeza. Chegado o xuízo, o máis novo queda en liberdade porque era menor de idade: faltábanlle só seis horas para cumprir a idade que o levaría ó cárcere. A nai, profesora de instituto, fala do concepto de responsabilidade e dos erros da Lei do Menor. Conclúe contundente: estamos mandando á sociedade a mensaxe de que matar unha moza, neste caso a súa filla, é gratis. Outra historia: outra nai, de escasos recursos culturais e xordomuda, irá ó cárcere por pegarlle unha labazada a un fillo. Os seus veciños protestan manifestándose, non entenden. Basta escoitar ós pais para entender o que pasou. É absurdo que esta nai vaia ó cárcere e quede en nada a historia da moza atropelada. Xa sei que os xuíces só aplican as leis, pero tamén as interpretan. E deberían facelo de xeito que esa aplicación sexa un feito comprensible pola sociedade. Se non é así, a sociedade mal pode confiar nunha Xustiza tan arbitraria e desconcertante.
A romana. É demasiado doado facer leña sobre a última babecada de Fraga. Son os dirixentes do PP os que terían que mover os fíos para procurar que don Manuel non teñas tantas ocasións de meter a pata. Con 86 anos enriba, a verborrea de Fraga obriga logo ós altos dirixentes populares a esculcar nas máis surrealistas explicacións para cada un dos seus disparates, como lle tocou a dona Soraya coa peregrina historia da “romana”. Quizais Fraga quixo dicir “pendurar”, en galego, e non ponderar: mal parados quedaban, en calquera caso, os nacionalistas, os periféricos enténdase. Non fala Fraga do nacionalismo español, que é o seu, ese ten tanta forza que xa nin se recoñece. En fin, unha máis de don Manuel, que dixo non hai moitos anos que el tamén era da mesma “tribo” de Beiras. Precisamos políticos que non falen de tribos nin de colgar a ninguén, con romana ou sen ela: iso tamén é certo.
Unha imaxe. No programa “Informe semanal” emiten unha interesante reportaxe sobre o futuro do Polo Ártico, terra de ninguén que se disputan diversos países próximos polas súas grandes potencialidades enerxéticas (petróleo e gas). Por desgraza, as grandes industrias non se rexen pola súa sensibilidade medioambiental e non van chorar polos efectos do cambio climático e o desxeo dos polos. Iso significa, entre moitas outras cousas, desaparición de especies e da biodiversidade. Unha estudante de doutorado usa unha imaxe moi acaída como metáfora do presente: imos todos no mesmo avión e, pouco a pouco, vanlle caendo as parafusas que unen as súas pezas. Cada especie que se perde, aló vai outra parafusa. Canto durará o avión en marcha?
(Imaxe: un dos moitos xuíces que retratou H. Daumier)

21 oct 2008



Menores e delito
PAN POR PAN martes 21 outubro
Imaxe de Carel Fabritius, pintor holandés do s. XVII


Que pracer poden encontrar uns rapazotes en coller unha indixente indefensa que dorme no caixeiro e plantarlle lume? Iso é o que se debería pescudar no xuízo que se celebra estes días, pero a linguaxe xurídica non ten os recursos necesarios para explicar a banalidade do mal.
A fiscalía de Cataluña pide medidas para imputar penalmente ós menores de 16 anos. Argumenta, e por desgraza é verdade, que hai rapaces de 14 ou mesmo de 12 anos que cometen delitos graves ou que son usados polos adultos para a delincuencia habitual. Sabendo que son impunes porque a Lei ampara ós menores de idade. O problema non ten solución doada e non sei se pode solucionar rebaixando a idade penal: os especialistas debería debater ó respecto. Pero si sei que unha sociedade con cativos de 12 anos delincuentes ten un grave problema. Que é unha sociedade enferma. E necesita un diagnóstico urxente.

18 oct 2008


GARZÓN. PAN POR PAN 18-10-08


Non teño coñecementos xurídicos abondo para saber qué vai pasar coa primeira causa contra o franquismo que Garzón vén de abrir buscando culpables de máis de 110.000 desaparicións ata 1952. Pase o que pase, non se pode negar o papel pedagóxico e rehabilitador da iniciativa de Garzón, chea de significados.


O auto xudicial do xuíz é un documento abraiante: lémbrase nel a entrevista dun xornalista americano con Franco en Tánger onde o ditador se manifesta disposto ‘a matar a media España, al precio que sea’. Ou as consignas asasinas do xeneral Queipo de Llano autorizando ‘a matar, como a un perro’ a cal quera que ousara opoñerse á rebelión. Datos coñecidos polos historiadores, pero non por toda a xente e tampouco polas xeracións novas que ás veces só teñen referencias inconexas sobre a barbarie de 1936.

O río da procura da verdade aberto xa non secará: necesita expandirse cara o mar.

4 abr 2008


Lembranza de Sebastián Martínez-Risco. Xustiza e lingua galega.
(Da serie OURENSE, UNIVERSO LITERARIO (39), de M. Valcárcel)

Desempeñou durante 17 anos a presidencia da Academia Galega nun período moi relevante (1960-1977): institucionalización do Día das Letras Galegas, creación do museo Pardo Bazán, etc.; nun traballo recente lembraba Alonso Montero os esforzos de Sebastián Martínez-Risco para homenaxear, en anos ben difíciles, a figura de Castelao. De feito, con el de presidente, a RAG editou a conferencia do rianxeiro sobre o “Humorismo”, adicoulle en 1964 o segundo Día das Letras Galegas, publicou un número monográfico sobre Castelao do seu Boletín en 1975 e textos como o discurso de ingreso de Fole, en 1963, sobre “Castelao i a tradición galeguista”. O labor de Sebastián, como sucede en moitas figuras do galeguismo desta hora, foi poliédrico: poeta, novelista, ensaísta, xurista, animador cultural, etc. Foi, sen dúbida, un dos artífices do proceso de restauración cultural na Galicia da posguerra, como demostra X.R. Freixeiro no seu estudo Sebastián Martínez Risco na cultura galega (Laiovento, 1994); mesmo cedeu o seu despacho profesional para a reunión fundacional clandestina que preparou a creación do Partido Socialista Galego (PSG), andaina da que andaban perto xentes como Fernández del Riego e Fermín Penzol. Tamén fixo xestións importantes para emendar as acepcións pexorativas da voz “gallego” do diccionario da Real Academia Española. Home de elevada formación intelectual, foi poeta modernista de novo, cando colaboraba en La Esfera de Madrid, e despois publicou volumes líricos como Nadaliñas ou Trebol Poético (Recuerdo de Compostela) (Roel, 1943), que conta cun gabancioso prólogo de Santiago Amaral (Otero Pedrayo). Publicou tamén a novela La tanza negra (1943), que narra o conflicto planteado a un xuíz nunha vila sometida ó dominio dun cacique contra quen ten de dictar sentencia; Carballo Calero, que estudou esta novela, vía no seu estilo pegadas de Azorín e Valera. A súa obra ensaística e xurídica é moi ampla, pero cómpre destacar estudios como O sentimento da Xustiza na literatura galega (discurso de ingreso na Academia, 1953); Presencia da lingua galega (1973); Las ideas jurídicas del Padre Feijóo (1973); Valores espresivos da obra de Castelao (1975), Raíz galega de Valle Inclán; Jurisconsultos gallegos: Paz Nóvoa, etc.
Paga a pena ler con atención os estudios de Sebastián Martínez-Risco. Por exemplo, Presencia da lingua galega, que non só recolle a evolución histórica e literaria do noso idioma e defende a identidade substancial do galego co tronco luso-brasileiro, senón que plantea os seus principais problemas á altura de 1973: a súa necesaria presencia na didáctica e na escola, na igrexa e nos medios de comunicación social, mesmo a imprescindible introducción do galego na función notarial e nos Tribunais. O seu discurso de ingreso na Real Academia Galega en 1953, que fora respostado por Manuel Banet Fontenla, é outro texto excepcional: un rigoroso e exhaustivo traballo sobre “O sentimento da Xustiza na literatura galega” que viaxa ata os trobadores medievais e a literatura popular para reflectir cómo viron os galegos a función da Xustiza ó longo dos séculos. Polo estudio do erudito pasan os escarnios medievais (Xohán Airas, Esteban da Guarda, etc.), Valle Inclán, o Padre Sarmiento, Curros Enríquez, Rosalía, Ramón Cabanillas, Lamas Carvajal, Pérez Placer, as coplas populares, etc. Por certo, abundan as opinións moi críticas sobre xuíces, escribáns, avogados, alguaciles e testemuñas. Fálase tamén dos preitos (“O preito do pobre na proba morre”). Velaí esta fermosa copla da voz do pobo: “Tres cousas che fallan, Vila,/ si o preito queres gañar:/ ter razón, saber pedila/ e máis que cha queiran dar”.
(Engádese unha ficha biográfica en COMENTARIOS).

1 abr 2008

en poleiro alleo (entrada n.1751)
Cadea de erros na Xustiza, de Xosé M. Sarille (ECG, 1-IV-08)

Estamos falando dunha administración pouco exemplar durante todo o período democrático. Non hai tantos anos que se publicaban sentencias nas que se absolvía a violadores porque a muller levaba unha saia demasiado curta. Unha administración lenta, anticuada, con moito poder discrecional, poucos filtros democráticos, e con pegadas moi marcadas do Antigo Réxime, non do franquismo, senón do réxime anterior á Idade Moderna. O sistema xudicial ten que reformarse e deixar de ser unha administración onde priman as castas, distante da sociedade á que ten que servir e que ademais sempre se xustifica.
Non abonda cunha investigación puntual sobre este crime, cómpre un cambio profundo que modernice a xustiza e rexa aos seus membros polas mesmas normas e obrigas que as vixentes para o resto da sociedade.


Viaxeiros e turistas, de Afonso Vázquez-Monxardín (Galicia Hoxe 1-IV-08)

O contrario do viaxeiro élles claramente o turista. O turista cambia a consulta do expediente, a redacción do informe, a atención ao cliente, pola interpretación dun mapa imposible de volver dobrar ben, a consulta ao paisano que resulta ser de fóra e a redacción mental dalgunha reclamación que outra. Turista é o que durante un tempo non se enfada co compañeiro de traballo, senón coa copilota por non cantarlle a saída da autoestrada correcta. Ese que cambia a ordenada cola da caixa do súper pola vociferante fila da tenda de souvenirs; o que troca o atasco de entrada na cidade na saída da autoestrada, polo atasco de entrada na pequena vila, como Santillana del Mar, por exemplo... Para que vexa ben o que é un turista, agora que lembro, as únicas persoas coas que falei en Santillana antes de escapar de alí, foron un camareiro negro -polo acento non debía ser de Cantabria-, unha camareira suramericana, un hippie alemán que montara unha tenda e un galego que me fixo un oco na barra dun bar para pedir o meu viño. A vida do turista é moi dura.