Dona Emilia Pardo Bazán Empeza hoxe (
martes 3 outubro) na Coruña, na Academia Galega, un Simposio sobre o xornalismo de dona Emilia Pardo Bazán. Falarei no mesmo do xornalismo galego do século XIX e lembrarei algúns sucesos esquecidos, desenterrados das páxinas amarelas dos xornais. Dona Emilia tivo grandes defensores en Ourense, como Juan Neira Cancela. E tamén detractores. En 1893 os republicanos que editaban “El Correo de Celanova” protestaban iradamente contra a decisión de designar unha rúa co nome da escritora. Dicían que nada legara a Celanova a creadora de “La Tribuna”, fóra de ir por aló “a correrse una juerguecita”. Engadían unhas desagradables alusións machistas e logo pedían para as rúas de Celanova os nomes do médico Fernández Losada e do poeta Curros Enríquez, colaborador dese diario. Ás veces, polo visto, os republicanos tamén se equivocan.
Xornalistas do XIX. O periodismo ten hoxe un prestixio merecido: conste que non entra nesa categoría o que algúns chamados “periodistas” ornean nalgúns programas de televisión. No século XIX os xornalistas carecían de formación específica e a maioría das persoas que chegaban a ese oficio facíano polas mesmas vías que conducían á administración civil do Estado, ó abeiro dun cacique ou dun político con veleidades literarias. Por iso dixo en 1901 Alejandro Lerroux, o republicano histórico, que o xornalismo en España era “refugio de fracasados en la literatura, hospital de inválidos de otras carreras o camino por donde marchan en carrera desenfrenada las ambiciones políticas”. Aínda así, quedaron na memoria nomes ben egrexios de xornalistas do XIX e principios do XX: dalgún xeito o sistema acaba por depurar os elementos máis espúreos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario