2 dic 2006


Cita con Blanco Amor
(Andolilña sábado 2 dec.)

Andou o Eduardo Blanco Amor mundo adiante e dedicou toda a súa obra literaria (e parte da xornalística) a falar de Ourense. Onte foi homenaxeado na súa Auria natal nunha serie de actos convocados polo PEN Club. Dende hai tres anos repítese esta cita con Blanco Amor, organizada por Luís González Tosar e que este ano contou con Víctor Freixanes como orador no cemiterio de San Francisco: ao seu arredor varios mozos e mozas de institutos ourensáns leron os seus propios textos de evocación do creador de A esmorga.
Por escribir moito da súa cidade non tería dereito a esta e a moitas homenaxes que recibe, pero si por ser un dos nosos creadores máis universais. Nas súas obras fixo aboiar un mundo de personaxes marxinais, ocultas pola Boa Sociedade: daquela eran esmorgantes ou prostitutas, hoxe o autor ourensán escribiría, creo, unha novela na que quizais fosen enfermos de sida os protagonistas. Onte celebramos tamén o Día Mundial contra a marxinación destes enfermos: dúas datas ben unidas polo azar. Blanco Amor reclamaría os dereitos que a estes cidadáns lles corresponden: por exemplo, o local do Comité Antisida que lle negan algúns veciños do barrio de San Francisco ourensán.
(Na imaxe, unha das mellores fotos de Blanco Amor. E todas son magníficas!)

13 comentarios:

Anónimo dijo...

É bo recordar a Blanco Amor, ese magnífico narrador, home fascinante, contraditorio, heroico e humana ao mesmo tempo.
A súa literatura non estaba inserida nos esquemas patrocinados por Galaxia (con excepcións, claro), que xiraban no entorno do elemento cunqueirano-foleano.
Cun pouco máis de respaldo, Blanco Amor daría aínda mellores frutos literarios dos que deu en galego.

Anónimo dijo...

Home, señor Swann, estar non estaría Blanco-Amor no "entorno do elemento cunqueiriano-foleano", pero o certo é que foi Galaxia quen publicou os libros de Blanco-Amor e loitou por eles contra a censura. É certo que a Ramón Piñeiro, moi pouco "realista" nas súas inclinacións literarias, lle gustaba moito máis, como talvez intente sinalar vostede, a literatura de Álvaro Cunqueiro e Ánxel Fole, que ademais eran amigos persoais seus, e que nunca coincidiu coas opinións que elevan "A esmorga" á mellor novela galega do século XX. Pero Blanco-Amor, como case todos os escritores galegos daqueles anos, tivo en Galaxia e nos seus directivos -e Piñeiro era o director literario da Editorial- un apoio imprescindible.

Anónimo dijo...

Non. Tívoo de Francisco Fernández del Riego. Efectivamente, publicáronlle as obras en Galaxia (practicamente non había outra editorial!).
Do que me laio é de que non o "animaran", como fixeron con Cunqueiro e Fole. Preguntouse vostede porque só publicou tres narracións en galego?
Hai, nos prólogos que Piñeiro redactou para diversas novelas e libros de contos, toda unha teoría sobre o que debe ser a narrativa galega. Non debemos esquecer que el era o director literario da editorial (case da única que había), e polo tanto responsable de decidir que se publicaba, o que lle daba un enorme poder. Hoxe unha situación así é impensable, pero non sei se alguén por aí os analizou.
En fin, alguén que lea este fío pódeme responder, como fixeron algúns a outras afirmacións miñas, "Piñeiro nestes momentos estaría sorrindo". E eu retruco: "Sorriso estilo "perdoavidas"?" Nunha época na que o galeguismo se resolvía en condicións precarias e de xeito personalista (paternalista?) porque só había unha editorial, as cousas funcionaban así.

Anónimo dijo...

Uf, prezado Marcel, outravolta con Ramón Piñeiro? Agora seica tamén ten el a culpa de que Blanco Amor non escribise máis obras en galego?
Non cre que é excesivo cangar nas súas costas todos os "males" do país?
Un cordial saúdo.

Anónimo dijo...

A febleza presente do nacionalismo e os recorrentes afáns cainistas no seu seo veñen daquela.

Anónimo dijo...

Esaxera, meu amigo, esaxera, e moito. Un saúdo.

Anónimo dijo...

É un pouco contraditorio o que di, señor Swann. Piñeiro, en efecto, tal como vostede di, era quen decidía que se publicaba ou non se publicaba en Galaxia. El tiña, a este respecto, a última e derradeira palabra, non Del Riego. Se Blanco-Amor publicou en Galaxia foi porque Piñeiro, a pesar de non terlle estima persoal a EBA e mesmo de non ser un devoto da súa literatura, o consideraba un escritor galego valioso e importante co que había que contar. Supoño que non lle botará tamén vostede a "culpa" a Piñeiro de que lle gustase máis Cunqueiro que Blanco-Amor. Porque ata aí poderíamos chegar...
Outra das súas interrogantes ten unha resposta moi doada. Se EBA non publicou máis en galego foi porque el era e quixo ser toda a súa vida un profesional da escritura. Un escritor profesional. E tendo a man unha lingua como a castelá e un mercado tan amplo como o arxentino, era lóxico que escribise nesa lingua a maior parte da súa obra xornalística e varias das súas obras literarias, aspirando ademais a que lle rendesen grandes cantidades de cartos, pois a el gustáballe moito a boa vida e o gran mundo. Neste aspecto, o mérito de Blanco-Amor ao dedicarlle tanto tempo, enerxía e talento a escribir algunhas excelentes obras en lingua galega é verdadeiramente extraordinario.

Anónimo dijo...

Concordo con don Leituga 1.

Anónimo dijo...

Concordo con don Leituga 1.

Anónimo dijo...

Vendimado.

Anónimo dijo...

Que quere dicir con "vendimado"? Grazas.

Anónimo dijo...

"Morra o conto (e veña un neto)"
"Y punto" (Fraga Iribarne)
Colleita xa vendimada

Anónimo dijo...

Agora entendo!
Pois nada, quedamos para tomármonos un bo neto de viño da recente vendima (que lle parece da Ribeira Sacra?), e xa está. E convido eu á primeira ronda.
Unha aperta.