Manuel Vilanova
O xoves pasado, 30 novembro, a "Revista das Letras" de Galicia Hoxe publicou un número especial dedicado a A esmeralda branca, de Manuel Vilanova, libro do que xa falamos aquí. O monográfico inclúe o texto de presentación que eu preparei para o Encontro de Escritores Ourensáns no Liceo, do que tiro só un pequeno anaco:
Ten Manuel Vilanova coñecemento do segredo que converte a paixón e o silencio reflexivo en auténtica poesía. Foi el dotado das claves para manexar a linguaxe de símbolos que á vez oculta e desvela a realidade das cousas: esmeralda, nácara, auga, a Meiga omnipresente, o poder dos agoiros, as aves e os gatos, etc. Ten Manuel Vilanova a voz solemne, a musicalidade sempre perfectamente medida, o acento dos himnos que constrúen unha patria, a épica poderosa da poesía como celebración, a Historia convertida en sentimento, a erudición en bágoas e desgarro se fose necesario...
Recolle Vilanova as mellores voces dos grandes poetas que antes que el transitaron por estes vieiros, fúndeos nunha soia voz auténtica, plenamente persoal, e achégalle a eses ecos a súa mensaxe cálida, a placidez do seu evocar luces e sombras, paisaxes de sempre que se revelan como novas ó abeiro dos seus versos. É tamén Vilanova un gran paisaxista, un artista das cores e dos matices fuxidíos, un alumno exemplar de Otero, Cabanillas, ou Silvio Santiago, que converteron a palabra en paleta de gamas infinitas:
Contra o abrente, dentro da zona
dos Chaos, onde D. Ramón fala co esplendor do gando
expandense os vales da Peroxa de Coles, de contornos máis dubidosos,
por toda esta terra, entre o fume das lareiras
e o esplendor do val, se pasas algún día
na canción aberta de maio
é fácil albiscar a súa sombra.
Como o millo colorado
ten o gran vermello.
Poucos poetas tamén existen no noso país, e nos outros países, con tan fondo alento na linguaxe das hierofanías. Os mitos e os ritos son o territorio natural do poeta, que converte en mito a historia e é quen de anular o paso do tempo,ó cabo intranscendente, inicuo e absurdo cando de poesía se trata. Como lle sucedera ó monxe da paxariña que cantou o noso rei Afonso, nos versos de Vilanova hai outra realidade que escapa do ritmo asasino das agullas do reloxo. Está o poeta no segredo dos mitos e el mesmo nos confesa:
Os símbolos, a medida que traballan en nós,
Forman novos trazos no rostro,
Guían o noso ollar cara ás profundidades do espírito
E forzan as nosas mentes a movérense nas direccións máxicas.
E por iso a poesía é nos grandes poetas maxia, invocación sagrada, esconxuro, medicina e alimento necesario. Pregúntase Vilanova polo seu presente antiquísimo, polo sentido exacto con que viviron os primeiros homes de Barbantes, cando había xacios dos ríos,/ as mulleres que vivían nas augas e chamaban polos homes, / eran loiras, tiñan longos peitos e podían mudar en gatos; por ese intre máxico en que se empezou a enterrar os homes e alguén ergueu unha pedra chantada no chan para comunicarse cos espíritos supremos e deixar testemuño a xentes que virían despois, despois do soño de moitos séculos:
Hai entón no dolmen un salto cualitativo, unha nova concepción da vida?
Un pantócrator da vida fora o dolmen
ao longo deste tempo
que os homes de hoxe xa non ven,
pois non nos enterran con gatos.
(Pódese acceder ó especial completo, en PDF, dende a web de GALICIA HOXE)
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
No hay comentarios:
Publicar un comentario