10 mar 2007


Os da pancarta, de Miguel Suárez Abel
(El Correo Gallego, 10 marzo)

José Mª Aznar retratou mellor que ninguén o que sente (¿sentía?) a dereita polas manifestacións na rúa, cando, con motivo das imparables concentracións de cidadáns por mor da guerra de Iraq, falou nun mitin con evidente desprezo dos da pancarta. Coa expresión viña a resumir perfectamente o que sempre se pensou desde a dereita: que saen á rúa os que non teñen outra cousa que facer, os manipulados, os resentidos, os revolucionarios, os gamberros e os que carecen de clase, agora que se leva iso de que desapareceron as clases sociais. No fondo, a dereita sempre aceptou que os asuntos públicos deben resolvelos os abogados do Estado, censores de contas, notarios, rexistradores da propiedade e cidadáns preparados, serios, que non se enredan con panfletos, consignas, algaradas, berros e rebumbios propios de outras épocas.
Pero co emborcallados que saíron as dereitas nas últimas eleccións, parece que aquela concepción dos da pancarta deu un xiro tan sorprendente coma irrefreable. Talvez contaxiados polo éxito dos socialistas, abandeirados daquelas manifestacións contra da guerra, entenderon que non se chega ó poder, se non é ben sulfatados dunhas numerosísimas manifestacións de cidadáns que berran o seu descontento e claman xustiza entre cánticos, saltos, bandeiras e todo tipo de efusións emotivas que caldean estas procesións laicas. E velaí nos teñen ó Sr. Rajoy, antes irónico e sereno, irritado e mobilizado para conquistar números que se sumen á pancarta. E conquístaos, vaia que si: aí teñen señoras de rosario e Loewe enfervorizadas con slogans de chusma; señores de orde e paz, alteirados e airados contra os que exercen o poder; a traballadores pacíficos e sempre dispostos a manter o status quo decididos por unha vez a berrar ben alto que eles tamén saben defendeu a unidade, a dignidade, a firmeza, a lei, a xustiza, o que se defenda. Non se sabe se esta viraxe tan rotunda, de ridiculizar os da pancarta a levar unha na boca e na fronte, proporcionará os réditos que se buscan porque ás veces ás manifestacións cárgaas o demo, pero o que si aparece claro e sen fisuras é o cambio radical que experimentaron os dirixentes de dereitas despois de perder as últimas eleccións. Ata esquecen principios tan incuestionables como o de deixar as pancartas para os esquerdosos. Para min que á dereita acaíalle mellor a filosofía Aznar, pero nunca se sabe, se cadra cóllenlle gusto e a ver quen lles arrinca a pancarta da man, o berro ronco da gorxa.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Este artículo me ha gustado y está en la línea divertida y crítica que acaba transmitiéndonos un pensamiento paradójico y es que Don Mariano ahora gusta de vociferar e inventar extrañas romerías con banderitas rojas y gualdas cuando hacía poco esto solo era de canallas y gañanes.

Le han cogido el gustillo a las manis y esto es novedoso cuando menos.

Este artículo al menos se"moja" y deja ver la mejor faceta del señor Suarez Abel como articulista a diferencia de aquel de las dos Españas que era una caja vacía.