10 may 2007

Carta ós/ás candidatos/as das municipais
(Estase difundindo esta carta, que quero tamén reproducir aquí. Imaxe de Martin Kipñpenberger)

Prezado/a señor/a:
EsCULcA é un Observatório de ámbito galego que traballa na defensa dos direitos e liberdades públicas garantidos na Constituizón e nos Tratados Internacionais. Teña a ben pois, receber a nosa opinión sobre algo que atinxe, estatutariamente, o núcleo dos nosos obxectivos e traballos. Como ben sabe V., o Estado español é aconfesional, o que debe implicar "un princípio de neutralidade dos poderes públicos en matéria relixiosa". Este princípio veda "calquer tipo de confusión entre funcións relixiosas e estatais". Portanto, a neutralidade do Estado obriga-o a proibir-se a si próprio calquer concorréncia, xunto dos cidadáns, en calidade de suxeito de actos ou actividades de signo relixioso. Asi consta na Constituizón e asi o declara o Tribunal Constitucional, garante final dos direitos e liberdades públicas; entre eles o do direito a liberdade relixiosa e da aconfesionalidade do Estado. Pois ben, V. encabeza unha lista eleitoral que concorre às próximas eleizóns municipais para exercer, de acordo co seu programa e ideário político, as funcións que lle atribuen as Leis. Igual dicemos dos outros membros da súa candidatura, que aspiran a obter un posto na corporación municipal como representantes da soberania popular. Non cabe a menor dúvida de que todas as potestades e funcións que corresponden aos cargos públicos son exclusiva e estritamente de carácter civil. Como tamén é certo que son os cidadáns, como tais, e non como crentes/non crentes, os que exercen os seus direitos democráticos votando os seus lexítimos representantes, aos que corresponderán funcións de governo ou oposición. Por conseguinte, emprazamo-lo/a a facer o compromiso público, con ocasión da campaña eleitoral que agora comeza, de que nen V. nen os membros do seu grupo político participarán, en canto membros da corporación municipal (correspondan-lles ou non funcións de governo), en actos, ritos, procisións ou celebracións de carácter relixioso, e manterán un respeito escrupuloso ao principio de aconfesionalidade e neutralidade do Estado en relación coas diversas igrexas ou cultos relixiosos existentes. Os nosos mellores cumprimentos.
Por EsCULcA, o seu Presidente. Fernando Martínez Randulfe.

14 comentarios:

Anónimo dijo...

Excelente iniciativa.
Os laicos, os verdadeiramente laicos de teoría e práctica, agradecémola.

Xosé Manuel Carreira dijo...

Eu só lles pediría aos políticos, de todas a cores e sabores, que pensasen un pouco máis nos que temos que traballar para eles nestas datas.

Se metemos moitas horas extras (noites e fins de semana, e de balde, na maioría dos casos) para rematar os proxectos e obras que non fixeron os señores nos anos anteriores grazas á súa mala planificación polo menos agradeceríase un trato agradábel.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Qué lles pode ocurrir aos candidatos (e maila troupe) non fagan, non queiran ou pasen de tal compromiso? Qué vai facer o observatorio? Denuncialos ao xulgado? Aldraxalos con palabras soeces e malsoantes? Ou sinalalos co dedo? Eu, que detesto a mera presencia da igrexa (xa non digo calquera intervención), atopo esta iniciativa, de boa intención, un pouco inxenua e, sobre todo e con perdón, moi inútil.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Quixen escribir "que non fagan...".

Anónimo dijo...

Eu véxolle utilidade. Talvez non inmediata nin, dende logo, conminatoria. Pero o simple feito de recibir unha comunicación deste tipo, realizada dende unha organización que se autotitula "observatorio dos dereitos humanos", que publica periodicamente un boletín e que reune a medio cento de persoas, algunhas delas, como o propio Randulfe, bastante coñecidas, é unha forma de incidir democratica e lexitimamente na creación dun estado de conciencia que nos poida levar, andando o tempo, a un verdadeiro exercicio práctico de aconfesionalidade por parte dos representates públicos.
Nese sentido, a demanda dos "esculcas" paréceme que pode ser unha pequena pero tamén útil contribución.

Anónimo dijo...

O estado ten que garantir tantos dereitos que non sei se se lle estará acumulando o choio. Por exemplo, o dereito dos cidadáns a acceder a unha vivenda digna e a non ter que emigrar. Tamén a que nunha canle de televisión pública non emita lixo e contibúa ao encefalograma plano a nivel cultural.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Sempre o alcalde (o do meu pobo recibe aos reis magos no balcón para darlles as chaves das casas dos nenos) pode acollerse á última parte do famoso 16.3. Non participa nas procesións: simplemente coopera ;)
Ninguna confesión tendrá carácter estatal. Los poderes públicos tendrán en cuenta las creencias religiosas de la sociedad española y mantendrán las consiguientes relaciones de cooperación con la Iglesia Católica y las demás confesiones.

Anónimo dijo...

Se só se levaran adiante iniciativas en base a súa utilidade máis ou menos inmediata, o 99% das propostas e protestas carecerían de sentido.

Teño a lixeira sospeita -non sei por qué- de que todos os candidatos e políticos nin se van dignar a contestar a dita requisitoria. Nin os do PP, nin os do PSOE, nin os do BNG.

E qué. Iso os promotores da inciativa -aínda dentro da súa inxenuidade- supoño que xa o terán en conta, e os que apoiamos a proposta tamén.

O fundamental neste caso, como ben apunta Leituga 1, é "incidir democratica e lexitimamente na creación dun estado de conciencia que nos poida levar, andando o tempo, a un verdadeiro exercicio práctico de aconfesionalidade por parte dos representates públicos".

Os dereitos, e a Súa plasmación concreta, non é algo dado dunha vez e para sempre. Primeiro houbo que mobilizarse socialmente a prol dos mesmos, logo tiveron que tomar carta normativa e, finalmente, aplicarse efectivamente... E nesas andamos aínda.

E algo semellante ocurre cando se trata de determinadas responsabilidades dos poderes públicos. No caso que nos ocupa, aínda estamos nos albores da mobilización.

Sen dúbida, o camiño é longo e tortuoso, como afirmaba aquela fermosa canción dos Beatles. Digo por non citar o máis manido dito machadiano.

Anónimo dijo...

Serven para reflexionar sobre este asunto, os seguintes textos de Isonomía. Revista de teoría y filosofía del Derecho, nº 24, 2006:

Sobre a laicidade

Anónimo dijo...

Cal dos artigos aconsella, amigo APC?
O segundo, que leo ao azar polo título interesante, di que España é un país laico, en flagrante contradicción co texto constitucional. Non sei se ten importancia, e disto sabe máis un constitucionalista (chamade a Blanco Valdés, que seguro le este blog), pero hai que recordar que España non é país laico: e aconfesional, que, segundo teño entendido é matiz xurídico diferenciador, e cun certo privilexio para a Igrexa Católica, que aparece citada expresamente na Constitución. A reforma inmediata dese capítulo si sería unha boa batalla en favor do laicismo.

Anónimo dijo...

Desgraciadamente, creo que ten razón, Arume. O "privilexio de mención" adquirido pola Igrexa Católica na Constitución -e nin unha soa palabra dese texto é insignificante- foi unha das varias cesións que houbo que lle facer ás forzas post-franquistas coas que os demócratas tiveron que pactar a Carta Magna.

Anónimo dijo...

Pero home, Leituga, se temos unha Constitución macanuda... e a Transición (con maiúsculas) é un modelo para nacións menos desenvolvidas democraticamente... como se lle ocorre dicir que os privilexios da igrexa católica forman parte das varias cesións que houbo que facer cos post-franquistas...

Anónimo dijo...

Naturalmente que ten razón Arume no da igrexa e a Constitución. Pero eu non recordo que o artigo ao que se refire cometera tan craso erro, se ben é certo que tampouco tomei notas nin, talvez, o lin todo o tempo coa debida atención.

En todo caso será algo circunstancial, porque os textos apenas se refiren á cuestión española substantivamente, senón que, sobre todo, son reflexións filosóficas e políticas de alcance máis ou menos xeral por parte de tres mexicanos e un italiano, se agora non lembro mal.

De todas formas, achegan ideas interesantes para o debate, mesmo, se cadra, para disentir delas.

Anónimo dijo...

Mágoa non poder cortar e pegar, pero Salazar fala concretamente de España e de Italia. Tamén quero dicir que empregar o DRAE para definir conceptos, cando os académicos definen tal termo moitos anos atrás, é complicado. A vixencia do diccionario é relativa; sempre hai que ter en conta cando se completou o lema correpondiente. No caso do laicismo, tal palabra non figura ata o ano 1914 e laico tampouco co sentido que ten agora. Curiosamente, o termo laico sempre vai asociado por contraposición (coma lego) aos que reciben as ordes relixiosas. Polo tanto, para un Estado é mellor a indiferencia que establecerse por oposición a algo. En fin, son cousas de filólogo, ás que non convén dar pábulo.