ESCRITORES E GUERRA CIVIL (e 3)
Andoliña xoves 5 xullo
Alonso Montero leva moitos anos a traballar na recuperación da Memoria histórica, ou republicana, como el prefire. Impulsor de múltiples traballos sobre escritores republicanos e exiliados, foi tamén animador, no Día das Letras Galegas, do rescate de figuras como Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Ferro Couselo e Blanco Torres.
No libro que comentei nestes días ten o interesado nestes temas múltiples propostas útiles: velaí a carta de Víctor Casas a Gómez Román pedíndolle a futura reorganización do Partido Galeguista, xa “cun matiz netamente esquerdista”. Ou as reviravoltas do poeta e xornalista Xulio Sigüenza ata dedicarlle os seus “Poemas del Imperio” a Jesús Suevos, de seguro para sobrevivir na nova situación política.
Creo que é bo que saían á luz pública todas estas sombras. Cunqueiro sobrevivirá como o gran escritor que foi malia estas sombras innegables. Máis difícil o ten Risco: segundo me contan os editores, aínda non está perdoado. Carlos Casares escribiu en “Un país de palabras” páxinas sensatas sobre os escritores galegos colocados no ceo e no inferno. Quevedo, Celine ou Ezra Pound tamén estarían neses infernos e non o merecen. Tampouco, creo eu, Risco nin Cunqueiro.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
6 comentarios:
Quevedo foi, a xulgar polas súas epístolas onde podemos albiscar probas relativamente sinceiras, racista e xenófobo (contra xudeus e estranxeiros de toda especie), aristocrático (da fidalguía montañesa, defensora da limpeza inmaculada de sangue), católico e catolizante (de sesgo xesuítico), homófobo (os buxarróns italiáns eran os seus prefiridos), espía e ladrón (o labor de secretario do Duque de Osuna permitiulle o contacto coa recadación dos virreinatos de Nápoles e Sicilia), adulador (con chiscadelas de diatriba entre liñas) e traidor á monarquía austriaca coa moi probable alianza co seu nemigo natural o rei francés. Todas estas características sumadas non impediron que o exilio, o ostracismo, o castigo, a prisión (durante case tres anos en León) e o desprecio dos poderosos foran etapas frecuentes e habituais na súa vida. Tal vez porque o mundo no que el vivía (o do epicentro mesmo da corte madrileña dos Filipos III e IV) participaba de ideas e pensamentos afíns e o único que os diferenciaba era unha habilidade especial para contentar a todo o mundo da que Quevedo carecía por completo.
Graciñas por retomar o libro (e non tanto o autor, como fixeron algúns participantes deste blog). Ogallá tivese tempo para lelo con tranquilidade.
E falando das teimas dalgúns personaxes da época de Quevedo. Até que punto a obsesión pola "honra" e a limpeza de sangue agochaban certos temores da nobreza e a fidalguía a que outras xentes usurpasen os seus privilexios económicos? Cren vostedes que o sentimento antisemita , por exemplo, era "real"?
Imos ver, dende a óptica de Alonso Montero, e aínda que non lin o libro, e coñecendo o autor, calquera que sobrepasase a liña trazada que vai dende a adhesión inquebrantable os principios republicáns e os ideais utópicos do socialismo -contra o que teño persoalmente as miñas prevencións- D. Jesús -así o chamabámos aínda non fai moito nunha commemoración do Instituto de Lugo, onde nos deu clase- xa ergue o dedo acusador e examina situacións e textos, pero non pensa no acusado, a súa vida, o entorno hostil, a grande prevención do réxime contra dos intelectuais, e en fín a sensación de derrotados, como dicía Fole que sería o último que lle pediría para alguén.
Coñecín a Cunqueiro e certo é que non-o teño como exemplo de fidelidade a case nada, polo que cando a ARUME describe a QUEVEDO, describe a CUNQUEIRO, tal cual.
No caso de Quevedo hai que falar de antixudeismo. O concepto de antisemitismo é cousa máis moderna que a Quevedo non lle acae moi ben.
En todo caso, hai centenares de miles de páxinas sobre este asunto do antixudeismo na idade moderna, con especial fincapé en escritores como Quevedo que de forma (máis ca) explícita elaboraron discursos contra os xudeus.
Nesa diatriba furibunda e radical mestúranse consideracións relixiosas, raciais, económicas e sociais. Non hai discernimento posible: o xudeu aparece compendiando todos estes elementos negativos. Son caracteres inseparables. E polo tanto o antixudeismo de Quevedo é total, sen aristas. Antixudeismo doctrinal ao acusar aos xudeus de homicidas de Cristo. Racial ao describir con tendencia á caricatura grotesca os rasgos fisionómicos dos xudeus, determinados como o mal absoluto. Económicos ao cifrar neles o poderío do comercio e, sobre todo, das finanzas (pensemos nos banqueiros de orixe xudeu instalados en Portugal aos que acudiu o rei Felipo IV e o conde-duque para paradóxicamente combater a herexía en Europa). E sociais por constituiren, como sinala Marcel Swann, unha ameaza ao poder instituido pola aristocracia privilexiada coa exención de impostos e de reclutamento militar.
QUevedo, como tantos outros na súa época (non todos, por suposto), explotaba ese antixudeismo en todos eses frontes; non esquecía ningún elemento. Polo que facer distincións en se era antixudeu por conveniencia ou por convicción semella imposible.
Jospeh Pérez sinala repetidas veces no seu libro sobre "Los judíos en España" o crucial papel da Igrexa Católica na produción sistemática de prexuízos, desconfianza e odio contra os xudeos.
Por certo, ¿leeron en El País o artigo de Ramonet sobre o antisemitismo en Galicia, produto da súa tan comentada charla en Redondela? En moitos anos é o artigo de Ramonet co que máis de acordo estou.
Sobre os xudeus levan recaído múltiples prexuízos e acción punitiva conseguinte. Teñen aspecto confesional, cultural e económico, e seguramente en todo iso hai base xenofóbica ou desconfianza (rexeitamento, temor) do que é diferente. Seguramente xogaron aí o seu papel cada unha das institucións existentes (eclesial, gremial...) e probablemente ningunha tivo dimensión especialmente salientable, porque cada unha desempeñaba o seu papel. Historias semellantes, con protagonistas diferentes, podemos probablemente atopar en calquera sociedade con grao de civilización medianamente desenvolvido; pode resultar chocante aquí o concepto "civilización", pero non por iso deixa de resultar totalmente acaído.
Hai, con todo, outra cara da cuestión: non se debe supor que a minoría menos poderosa mantén actitude totalmente inocente ou inocua. Que os xudeus formaron grupo pechado, que terían algún tipo de política grupal, supoño que é realidade incontestable.
Cal foi o seu alcance? Ata que punto algún dos excesos populares exercidos sobre eles non puideron responder, en parte, a abusos económicos ou usuras? Será Shylock pura argallada infamante?
A cuestión de quen tiña o poder político, na Europa medieval, non admite dúbida; ora ben, tamén me parece que debeu haber cadeas parciais de acción e reacción. Non se trata de ver quen é o ovo e quen a pita; a esta altura, pouco importa. Si de pór as cousas en humano punto; sobre todo, cando segue en vigor (e tanto) unha certa explotación maniquea do agravio histórico.
Publicar un comentario