25 sept. 2007

a cultura da queixa no BNG,
de Xosé M. Sarille (ECG 25 set.)

Existe dentro do Bloque unha vella tradición, que consiste en lamentarse permanentemente polas rebaixas, os esquecementos de compromisos e as novas posicións da organización. Quéixanse as tendencias que se consideran máis consistentes ideoloxicamente, ás que chamaremos a, fronte ás outras, que producen eses cambios, que se contemplan, en troca, como menos comprometidas e máis lixeiras e que chamaremos b. As primeiras, a, están lideradas pola UPG e persoas soltas que aprenderon nese partido, mentres que as b van cambiando cos tempos: ao comezo eran os de Beiras, despois tamén algúns dos de Camilo Nogueira e agora toda esa xente que rodea a Anxo Quintana.
O ritual consiste no seguinte. Algúns de b, os que sexan, toman unha decisión, que por primeira vez se anuncia publicamente. Por exemplo, que a organización xa non é de esquerdas, senón que iso lle vén dado milagrosamente por ser nacionalista. Só importa Galiza, amigas e amigos, proclama o líder. Entón ao comezo os da UPG laiaranse, somos de esquerdas, afirmarán, o que lles serve para cerrar filas, cultivar unha certa ortodoxia de grupo, e dentro da propia tradición, explotar o elemento da lexitimidade, que é un valor engadido moi rendíbel.
Mais ao cabo dun ano, ou antes, aparecerá unha nova cuestión, que pode ser por exemplo o visto e prace da dirección, nomeadamente do portavoz nacional, para que os políticos do pasado e do presente cobren quince mil eurazos vitalicios só por teren estado na política, fosen útiles ou inútiles. Entón a UPG aborda o novo asunto, sen acenos públicos grandes, pero dando a entender que por eles non sería, e que as cousas dentro da organización son como son. A avantaxe desta nova controversia é que xa non se volverá sobre a anterior, sobre as esquerdas ou non esquerdas, porque hai que atender a nova xeira, cerrando filas e cultivando a ortodoxia de grupo. Un xeito peculiar de estar no contexto, de funcionar na engrenaxe do poder sen renunciar a unha especie de vixilancia de principios, de virtude afectada, que ten como única característica a demora dun ano na aceptación dos recortes. E así sucesivamente.

30 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

TRASLADO DEBATE ARTIGO SARILLE:
Tomeime a liberdade de traelo ata aquí, para telo máis a man.

Anónimo dijo...

Xosé M. González dijo...
Diríase que Sarille liquida nesta lexislatura balance de décadas. Digo eu que terá este BNG cuxa case metafísica agroma vizosa en calquera fío e a calquera altura.

Imposible entrar en terra tan fértil en hipertexto coma este último artigo. Só citarei tres evidencias do atento: nin o BNG nin os seus precedentes se declararon nunca de esquerda; o da mutua implicación nacionalismo / de esquerda soa a vello vello; o dos quince mil euros foi rectificado, á marxe de matices.

Pero non me esforzarei; xa se sabe que eu, diga o que diga ou se cadra porque digoo que digo, carezo de credibilidade nestes asuntos.

arume dos piñeiros dijo...
"Nin o BNG nin os seus precedentes se declararon nunca de esquerda":
comorrrrrrr?

Xoan da Coba dijo...
XM Glz: Facía moitísimos anos que non oía de forma tan explícita eso de que "nin o BNG nin os seus precedentes se declararon nunca de esquerda"...

Xoan da Coba dijo...
Vaia,Arume.Chocóunos a mesma frase.

Xoan da Coba dijo...
Similar frase oínlla fai anos a un histórico do Bloque (xa falecido).
Outra que lle oín foi: "Eu non estóu contra o terrorismo en abstracto:estóu contra o terrorismo por que beneficia á dereita."

apicultor dijo...
Non mo tome a mal, González, pero véxoo moi descolocado, habida conta que se esgota un argumento manido: son sempre os non (ou os anti) nacionalistas os que teñen a teima de criticar o BNG.

Mais agora, como é Sarille quen o fai, e con tanta contundencia, e ao que non se lle pode negar a condición de nacionalista, o argumento cae polo seu propio peso e queda invalidado de seu.

Daquela, e non mo tome a mal, vostede non ve outra saída que caír no nominalismo ou no formalismo, dicindo iso tan pintoresco, e falso na práctica, de que " nin o BNG nin os seus precedentes se declararon nunca de esquerda". E o di a despeito de declaracións, programas e actuacións. Ou tamén que o dos quince mil euros foi rectificado... esquecéndose dicir que coa boca pequena.

O BNG ten as súas contradicións internas e son moi fortes, e, por veces, o cemento que o une creba. Que outros partidos tamén teñen contradicións internas? Por suposto. Pero díganse, expóñanse, profúndese nelas, nada o impide e sería moi saudable facelo máis do que se fai. Aí hai un gran campo por explorar para os críticos nacionalistas. O que non é de recibo é descualificar (con palabras tan inocentes como teima, moda, deporte nacional) a aqueles outros non nacionalistas e que, por haches ou por bes, critican o BNG (algún siareiro na emigración dirían "atacar", pero estes dislates non contan).

Xosé M. González dijo...
Pode vde. consultar os documentos da AN-PG e os do BNG; se encontra neles definición específica de esquerda, dígamo.

Na época da AN-PG (fins dos setenta, comezo dos oitenta), a expresión máxica era "socialista", "polo socialismo", lema ou salmodia equipolente. A miúdo había que facer o que eu agora, aclarar que a Asemblea Nacional-Popular Galega non se declaraba polo socialismo, senón que era unha organización "por unha Galicia ceibe e popular". O do socialismo deixa de estar de moda e aparece a máis fluída ou gasosa expresión "de esquerda". Cando o BNG é fundado (no 1982, este sábado conmemórase en Riazor o cuarto de século), participan na fundación colectivos diversos; e xaora, non todos se acollen á tal vitola.

Suxiro: valórense as liñas políticas, estímese se se quere a ideoloxía ou actitudes dos afiliados individuais. No meu entender, e en síntese apertadísima, o Bloque é unha organización nacionalista de perfil progresista, cuxas políticas están fortemente marcadas pola atención ás maiorías sociais, non hai moito chamadas "populares"; a gran (inmensa, supoño) maioría dos seus afiliados actuais considéranse "de esquerda".

De palabras me preguntan, de palabras contesto.

Xosé M. González dijo...
E desculpe, Apicultor, que non lera o seu: eu non descualifico, cualifico. Que Sarille é nacionalista supoño que segue sendo obvio; que baixo as súas duras críticas xace moita materia omitida e discutible, coido que tamén.

Pon vde. en min, Apicultor, palabras e argumentos que non utilizao desde hai ben anos, desde logo máis cós que que ten este blog; francamente, polo que me toca estráñame en vostede. Como tamén me estraña, e non só en vde., que por veces saltemos do nominalismo ao fondo das cousas, segundo din os que portugueses, sem dar por isso.

A letra é a que é; a práctica, tamén. Entendo que o cuestionamento de certos termos faga que salten as alarmas; fagamos o que fagamos, o tempo actúa.

apicultor dijo...
Segue caendo nun nominalismo estéril que oculta a realidade. Mais agora non teño tempo para proseguer polemizando.

Só un pequeno apontamento: cando se funda o BNG en 1982 todos os que participaron na mesma -e non digamos xa os máis relevantes- eran inequivocamente de esquerdas, usaran esta palabra ou termo análogo. Se vostede se refire ao PNG de Peña, saberá que non participou no acto fundacional.

marcos valcarcel dijo...

Participaron na fundación do BNG:
UPG, partido comunista por propia definición (m-l); unha parte do PSG, socialista; COLECTIVO SOCIALISTA, grupo reducido de antigos militantes do PSG; militantes independentes afiliados antes á AN-PG, non definidos como colectivo ideolóxico; grupo de independentes de Beiras (Xardón, etc.), nunha liña socialista.
Non quixeron integrarse despois de participar no proceso, GALICIA CEIBE, esquerda independentista (incluído PGP, comunista) nin ARCO DA VELLA, de acenos anarquistas. Esquerda Galega (saída do POG), socialdemócrata, que xa existía, non quixo participar no proceso por non coincidir cos fins e estratexia do novo BNG.

Xosé M. González dijo...

Traslado, corrixido, o comentario enviado ao outro fío antes do comezo deste:

O de que eu -e non os demais- caia no nominalismo, e aínda máis o de que ese fose estéril, terá ou tería que demostralo. Ten vde. feito valer aquí o principio de que as disposicións legais "xeran realidade"; afirmo eu o mesmo da palabra e a expresión.

O BNG non se declara de esquerda, e iso fornece unhas posibilidades de acción política máis relevantes das que arestora moitos lle outorgan; ao mellor incluso máis amplas daquelas que acadou o PSOE -e ese si que se declara de esquerda, cousa que non sei se colma o celo- a partir da gobernación felipista e as colateralidades de Barrionuevo ou Solchaga (non mentemos a bicha económica anterior), poño por caso entre outros. E é que as accións de goberno, nomeadamente aquelas que se verifican en instancias executivo-lexislativas, dan medida relevante e por veces mesmo insospeitada.

A gran maioría dos afiliados, colectivos e base (a inmensa maioría ou, se cadra, case totalidade tanto do chamado BNG-partido coma do chamado BNG-sociedade) sitúanse no que arestora é denominado a "esquerda política". Iso ten consecuencia inevitable, desexable e notoria tanto no perfil da organización coma no seu actuar; pero non cambia o que os papeis explican nin polo tanto é patente de flagrante incoherencia. Que sorprende? Xaora. Case non sorprendeu o outro González cando forzou a retirada da palabra "marxista", verbi gratia; e as sorpresas que esperan nos anos que nos sexan outorgados, meus estimados contertulios, nados todos para aquí da Cortina de Aceiro e ben me entenderán.

No 1982, Apicultor, había en Riazor algún colectivo que dificilmente encaixaría no concepto da esquerda política; citemos, por caso, o colectivo Arco da Vella, non integrado ao final probablemente de diversas resultas que ao mellor hai algún momento para dilucidar. Xa as cousas ían en cambio.

Incoherencias e contradicións no BNG? Xaora, e por benvidas as teñan. Falar de asuntos similares noutros grupos? Fágase, en efecto, fágase, que eu nin teño tempo nin ganas de furgar nas evidencias epidérmicas. Por min, seguir tratando en exclusiva do nacionalismo nin me molesta nin me parece negativo para o tal. Xa saben: mellor que falen dun aínda que sexa ben (frase gloriosa do meu primeiro responsable político, e xa choveu).

marcos valcarcel dijo...

Unha opinión non sei se psicolóxico-política ou o que sexa: teño a impresión de que unha boa parte dos militantes do BNG (a maioría?) considéranse máis de esquerda que os seus propios cadros políticos. Non digo que isto sexa bo ou malo. Por exemplo, en Ourense, a cotío formáronse maiorías de esquerda radical cos votos da UPG e de moitos exmilitantes por diferentes motivos da UPG (que seguían a situarse aínda máis á esquerda, moitos deles da CIG). Cando menos no nivel psicolóxico, estes militantes teñen moi clara a personalidade de "esquerda" (case radical, diría eu) do BNG e non sei se será doado convencelos doutra cousa...

Xoan da Coba dijo...

Non sei porqué lembro agora unha etapa de coqueteos entre Beiras e Fraga,cando ambos erán líderes das súas respectivas formaciós en Galiza.

apicultor dijo...

Se non entendín mal, as teses de González resumidas poderían ser as seguintes:

* Uns (PSOE) presumen de esquerdas pero, en realidade, actúan máis ben como de dereitas.

* Outros (BNG) non se proclaman nin de dereitas nin de esquerdas, pero en realidade veñen ser máis de esquerdas, aínda que non lles convén dicilo porque así: 1) Teñen unha marxe maior de manobra no plano político, 2) Poden arañar máis votos entre o electorado, 3) Poden actuar hoxe como esquerda, mañá como dereita -ou viceversa- e pasado mañá como medio pensionistas, segundo conveña en cada momento polo ben supremo de Galicia (isto último o digo eu e non González, naturalmente).

E un matiz de pura lóxica. Se os do colectivo Arco da Vella estiveron no acto fundacional do BNG pero á final non se integraron nin participaron na súa formulación programática, non ten sentido poñelos como exemplo de nada. E menos de que non eran de esquerdas. Eran anarquistas, non? Pois que eu saiba o anarquismo, con todos os matices que se queiran, pode ser englobado dentro da categoría esquerdas. Claro que tamén hai quen se considera "anarco-capitalista", pero coido que este non era o caso. En resumo, todos, absolutamente todos os grupos e colectivos que estiveron no acto fundacional do BNG eran de esquerdas (máis radical ou máis moderada, pero de esquerdas), participaran ou non participaran despois no "experimento".

Xaime dijo...

Como eu polo que aquí se dedude estou do outro lado do río, so plantexo unha cuestión:
Durante toda a campaña eleitoral, tanto o PSOE como o BNG, presentarónse como que ían a levar a esquerda a maioría dos concellos de Galicia.
Que eu saiba en ningún Concello o BNG pactou co PP ningún Goberno municipal, ergo o PP e de dereitas e o BNG se sitúa na esquerda.
De todos modos entendo a Xosé Manuel no sentido de que tal e como se presenta o BNG, non se define de esquerdas senón nacionalista, ainda que os seus militantes dicen ser cento por cento de esquerdas, que de decilo a selo realmente hai un treito.

Xoan da Coba dijo...

De tódolos xeitos,eso de ser de esquerdas ou de dereitas,se algún senso tén é nas OBRAS,por que no interior da cabeza,un pode ser o que queira e vivir nun mundo máxico de fadas e trasnos. A mín esos que dín que son de esquerdas pero non se lles ve nos actos lémbrame a eses que din que son emperadores do imperio mogol.(Ambolos dous poden dicir que non teñen ocasión de demostralo)

marcos valcarcel dijo...

Creo que ten razón XDC: a cousa non é tanto o que cada partido declare a nivel teórico (niso ía o de nominalismo)nin sequera a perspectiva propia que teña cada un dos seus militantes, o seu propio imaxinario ideolóxico.
Quizais as preguntas pertinentes fosen estas (ou semellantes):
1. A praxe política do BNG no goberno é nacionalista antes que nada?
2. A citada praxe BNG é de esquerda?
3. A mesma pregunta para o PSdG?
4. Se as anteriores fosen positivas, en que se diferencia a esquerda do BNG da esquerda socialista?
e 5. Demanda realmente o país unha práctica política de goberno de esquerda?

Xosé M. González dijo...

Eu non son o eséxeta do BNG, e non me gustaría acabar ocupando aquí tal papel, nin tácita nin explicitamente; desa maneira poderei evitar tamén -tentarei, polo menos- que fagan eséxeses do meu propio pensamento, sobre todo comigo diante. (Vou ser un pouco brusco: dicía un mando na miña mili "delante de mis cojones", xa me desculparán o toque de color).

Pero, en síntese: Marcos realiza un achegamento estatisticamente bastante axeitado á actual realidade das cousas, mutatis mutandis; o Xaime algo atina tamén, se ben na campaña das municipais non se falou en tal sentido da "esquerda" -precisamente-, senón do cambio e a renovación (acerta de pran cando indica que non hai pactos PP-BNG, nin os vai haber proximamente, Quintana dixit aínda o outro día, nunha desas intervencións das que ninguén -vaia, hom- se decata); o Xoán da Coba entra nun punto de principio arredor do que eu tentaba andar desde o primeiro, se ben el o di mellor.

E o Apicultor interprétame. Ben, a súa eséxese é súa, e xa que se dirixe ao tendido eu tamén, e en ton forzosamente menor:

a) É de ver que do PSOE falei de paso e non fixen balance.

b) O BNG fai política, coma calquera. E polos feitos os coñeceredes.

c) Arco da Vella non se integrou no incipiente BNG por diversos motivos, algún deles diría eu -que estaba alí- puntual. Non se integrou pero non era rexeitado, e ese é feito relevante de cara á súa consideración como parte do propio proceso. O anarquismo non é esquerda (notoriamente, tampouco non é dereita); e de aí a relatividade e carácter gasoso de certos termos e conceptos en segundo que contextos.

Que no BNG do 1982 non había centro nin dereita? Xaora. Que non se manifestaba de esquerda? Igualmente certo, se non me confundo. Que a grande maioría dos que alí estaban si que se consideraban de esquerda? Por suposto, e moitas e máis rotundas cousas, por certo.

Hai evidencias que ningún parvo probablemente discutiría; unha delas é o bosque de puños que se ergueu o 25 de xullo na Quintana durante moitos anos. É certo que se seguen erguendo moitos, pero menos; e que certos persoeiros, en función da súa representatividade orgánica, nunca o fixeron, malia ser aceno absolutamente correspondente coa súa posición ideolóxica (excluímos a Beiras, sempre persoal e intransferible).

Non hai como estar calado para que non te entendan ao revés. Pero esta lingua, é que non para quieta.

Xosé M. González dijo...

Ao confeccionar o anterior envío non lera o cuestionario valcarzán; é interesante, pero desculpen, en todo caso será mañá. Teñan boa noite.

arume dos piñeiros dijo...

O anarquismo ou é de esquerdas ou entón convenlle a glamourosa pero necesaria precisión de anarquismo de salón ou anarquismo conservador. Unha contradictio in terminis da que moitos gustan. Pero quixera eu preguntar cantos viñan sendo naqueles grupos fundacionais e o máis importante, cantos compoñentes chegaban a ter cada un? Non mo tomen a mal. Pero é que ás veces (máis ben case sempre) recordo A vida de Brian naquela escea no circo coas discusión entre os distintos grupos políticos. Non o podo evitar.

Xosé M. González dijo...

Puiden volver un momentiño e encontro a intervención do Arume. Eu penso que o anarquismo non é esquerda nin eles se deben considerar tal, senón "outra cousa" que parece responder a un ímpeto liberador; aquí daquela o que cumpriría definir é qué cousa será esquerda, se o desexan e se dan o tempo.

Sobre o outro: a imaxe d' "A vida de Brian" axéitaselle ben a certos cónclaves, e eu de ningunha maneira podería tomarllo a mal. A reunión fundacional do BNG foi algo máis amplo e serio, non digo necesariamente o mesmo doutras xuntanzas anteriores que se poden considerar, dalgún modo, como parte do mesmo proceso.

En todo caso, eu nin contei nin estimei. Dos que Marcos indica, probablemente o colectivo máis numeroso sería o de antigos membros da AN-PG, e a máis influínte a UPG; de feito, esta impuxera a denominación Bloque, herdeira da tradición anterior e responsable de que algunha xente (entre eles eu mesmo) non se integrase. Outros colectivos serían notoriamente exiguos; entre eles, ben sendo case proverbial o chamado Colectivo Socialista, e Arco da Vella (non integrado, e formado entre outros por moi coñecidos ex-militantes da UPG) tamén seguramente.

Xosé M. González dijo...

En síntese (máis tempo podía dar máis peneira), resposta ao cuestionario valcarzán:

Pregunta cinco: non. O bipartito sábeo e tenta aplicar unha política reformista que mude rumbo.

A diferenciación entrambas forzas existe, pero estaría sempre condicionada polo feito de que hai un programa marco de goberno e esa referencia, aplíquese máis ou menos, sempre está presente.

A achega de cada forza a tal programa non se corresponde coa ocupación actual de carteiras; nomeadamente, detecto notoria influencia nacionalista nalgunha formulacións que lle toca aplicar á outra parte; a aplicación, xaora, é outra cousa, e aí é de supor que a vontade e ganas desempeñan función relevante: eis por onde se pode intuír algunha diferenza de calado entre os socios.

Despois de dous anos, fóra do estilo e os obxectivos, resulta difícil encontrar elementos de goberno "nacionalistas" ou "de esquerda"; tamén hai que dicilo: logo dos famosos dezaseis anos, ignoro de que maneira podería conseguirse iso, de aí o meu escepticismo (digamos) perante o teor de certas críticas. Algunha cousa (nacionalista ou de esquerda) hai, e bastantes máis deberían conformarse no vindeiro ano e medio, se se quere presentar un balance razoable.

Con todo, o camiño reformista parece claro. Sóame particularmente ben a música (nalgún caso, tamén a letra) nas políticas de Vivenda, urbanización das costas e renovación do rural. Encontro notablemente problemática (por diferentes motivos) a xestión en Industria. Estame a gustar pouquísimo o de Política Lingüística e Educación. Hai departamentos nos que me perdo, coma Sanidade.

marcel swann dijo...

O que chora non mama, e nunca troitas se colleron sen mollar as saias, e amiguiños si pro a vaca polo que val, e ara o boi pra que outros coman, e bois que maman e berran, bo tempo esperan, e ara o boi pra que outros coman

Xoan da Coba dijo...

E díxolle o zorro ás galiñas:"Pobriñas,ábrenvos tarde,e non comedes"

de ARROUTADAS dijo...

¿Gostarías que GZ tivera as competencias en Tráfico?

Steamroller blues

Pois eu non quero que transfiran desde Madrid as competencias de tráfico nin de coña. ... ¡Imaxinádevos que por un mamoneo polítiqueiro rematamos con un profesor de insti benejero experto en normalización lingüistica no cargo de responsable de tráfico en GZ!

Desenganémenos, amigos foreiros, GZ non ten políticos preparados para asumir moitas competencias, e nas filas nacionalistas a porcentaxe de xente profesional ainda é mais ridícula e descorazoadora.

E que ninguén se equivoque, dixen políticos, non galegos e galegas en xeral, ahí si que hai canteira para xestionar incluso un pais independente, pero a realidade é que aquí para chegar a un posto de responsabilidade na administración hai que bicar moitos cus nun partido político e maioría de galeg@s teñen a dignidade suficiente como para tirar profesionalmente por outro lado.

¿E porqué solo os mataos de unha profesión están dispostos a asumir un cargo de responsabilidade nunha adinistración? ¿Porque estan mal pagados, e por iso o das 15.000 libriñas? ¡O carallo vintenove! O que pasa é que calqueira profesional de nivel que teña unha certa dignidade profesiónal lle din aos políticos que se metan un ofrecemento de un cargo político polo cu, por moi ben pagado que estea. Isto é así, e ao que non goste que se colgue de unha viga. Por certo, o asunto de que os 15.000 euros so afecta aos que nunha deron un pao á auga na empresa privada deixamolo para outro post.

Así que a miña opinión é que mentras tengamos a esta panda de mamarrachos dirixindo os partidos políticos, eu case que prefiero que nos sigan a levar as cousas desde Madrid.

Moitas grazas pola vosa atención. Que teñades un bo día.

……………………

Gracias amigos e amigas foreiros por estos apuntes tan constructivos. As miñas condolencias porque o traspaso da xestión do tráfico non se acadara, a vos e a todos os vosos primos das fotos que seguro que conseguiríades un carguiño na Dirección Xerla de Tráfico.

Pero este non é o problema, o problema é que a políticia do BNG basease en que todo vai ir mellor simplemente porque o leven eles, e xa non cola, amiguiños, xa non cola, ... Hai que razoar que obxetivos, que medios e como se van utilizar estos medios para que os galegos apoien as medidas propostas polos nacionalistas. Aos benejeros rematouselles a patente de tontismo buenista, así que ... a traballar ou a rañala por ahi adiante.

marcel swann dijo...

Está claro que o tráfico ou tráfego desde onde mellor se controla é desde un despacho de Madrid, cun teléfono e tres cámaras. Logo poden mandar unha serie de exploradores, boy-escauts ou bwanas locais para explorar, desde o terreo, as idiosincrasias do conductor galego (morriña, pesimismo, halitose alcohólica) e a calidade das estradas (congostra > corredoria > rueiro > calexa > pista da parcelaria > "carretera provincial" > "carretera autoanémica" (sic) > carretera nacional (sic) > autovía > AP-9).
Con estas medidas, e trescentos guardias civís motorizados a-patrullando as nosas carreteirñas tocadiñas de onde saben, problema resolto.

marcos valcarcel dijo...

Do tema do Tráfico levamos meses oíndo babecadas de supostos responsables a cada cal maior. É obvio que por pasar as competencias a Galicia non se solucionarán todos os problemas nin rematarán os accidentes: ninguén dixo iso, tampouco os que reclaman esas competencias. Pero tamén é certo que así como pode haber incompetentes nas posibles autoridades de tráfico galegas, tamén haberá incompetentes nos homólogos de Madrid: non hai diferenzas antropolóxicas, penso eu. Simplemente os incompetentes de aquí terémolos máis perto e ó mellor é máis doado lograr que traballen máis e mellor. E nun tema como o Tráfico, cunha poboación tan densa e espallada, algo terá que ver, digo eu, coñecer ben o país para estudar as mellores posibles solucións...
(Polo demais, os que se acheguen a Arroutadas xa saberán da obsesión antibloque de Steamroller blues, pero ista vez creo que anda errado)

marcel swann dijo...

Historia do BNG (con cromos recortábeis das principais figuras):
this

marcos valcarcel dijo...

Lin a sintética HISTORIA DO BNG que ligou M. Swan cun pouco de presa (teño que saír agora). En xeral creo que é correcta e non vexo erros graves no que lembra a miña memoria (eu estiven nesa asemblea de Riazor). Anotó dúas cousas curiosas:
- contra o que se facía naquela época, este texto recoñece a relevancia das manifestacións da autonomía do nadal do 79
- ademais tamén se afirman como nacionalistas forzas políticas como EG e PG que daquela eran alcumadas (lembran?) como pseudonacionalistas.
É unha magoa que non se dean datos máis concretos: resultado das votacións,p.ex., Eu gárdoos nunhas notas que tomara naquelas xornadas e que conservo no meu arquivo. Pero supoño que alguén xa o fará nestes días.
Dise que a AN-PG apoiou oficialmente o nome de BNG: supoño que a UPG si pero eu non lembro debates dentro da AN-PG ó respecto; de feito, eu votei outra alternativa. Pensaba que nacía algo novo e non debía manter case o mesmo nome da anterior (BN-PG).
Outra curiosidade: naquel grupo de nacionalistas independentes (cítase a Beiras e Suevos)tivo un papel protagonista M. Xordán, profesor de Económicas. Por alí andaban tamén, creo, os historiadores Xosé R. Quintana e Alberte Romasanta. E supoño, tería que confirmalo, que tamén nomes como Antón Baamonde e Bieito Iglesias (quen logo pasaría ó colectivo Avante).
Unha historia que habería que facer con detalle: paga a pena.

marcos valcarcel dijo...

Sobre un detalle desta mesma asemblea, mantivemos hai uns meses unha polémica na prensa, cordial con todo, Méndez Ferrín e máis eu. Pero isto xa non ten importancia. Ferrín militaba daquela en Galicia Ceibe como Margarita Ledo e outros. De Arco da Vella lembro sobre todo a Alberte de Esteban Gracia, vello militante de Historia que xa estaba rematando a carreira cando eu cheguei a Compostela (creo que pasara pola UPG, como medio país, por outra parte).

apicultor dijo...

Algunhas das ideas e expresións que aparecen nesa suscinta historia do BNG xa foron discutidas aquí, ás veces non exentos de paixón.

E verbo do do tráfico, estou de acordo, en termos xerais, co que di Marcos.

Pero eu, do texto do señor Steamroller, quedaríame con outra frase, exposta con esa frescura politicamente incorrecta tan súa, que di o seguinte:

"O problema é que a políticia do BNG basease en que todo vai ir mellor simplemente porque o leven eles, e xa non cola, amiguiños, xa non cola, ... Hai que razoar que obxetivos, que medios e como se van utilizar estos medios para que os galegos apoien as medidas propostas polos nacionalistas. Aos benejeros rematouselles a patente de tontismo buenista, así que ... a traballar ou a rañala por ahi adiante".

Por suposto, onde pon BNG tamén pode substituirse por calquera outra sigla.

Xosé M. González dijo...

Aínda me dá tempo a ler isto e só corrixo un detalles: Margarita Ledo non estaba daquela en GC, seino ben por cuestións ben particulares: eu tamén era daqueles "nacionalistas independentes", expulsado da AN-PG un ano antes. Alberte, "o Roxo" fora en efecto da UPG, e do Comité Central; de "Arco da Vella" era tamén a muller, Rosa Bassave.

marcos valcarcel dijo...

Admitida a corrección, amigo XMG. O certo é que non podía eu asegurar ese dato de Margarita Ledo: só me fiei da miña memoria visual. O que si é certo é que, case ó remate da asemblea, cando sairon Ferrín, os de Galicia Ceibe e os de Arco da Vella (O Roxo e Rosa, entre eles) nese grupo, non moi grande, vin saír tamén (pasaron diante de onde eu estaba) a Margarita Ledo. Quizais foi coincidencia ou amizade cos que marchaban: eu derivei diso esa militancia que non podo confirmar, insisto. Por outra banda, Margarita foi xefa miña de célula e non lle quero mal: supoño que ela tamén o sabe.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Este sábado poden vostedes poñer ao día eses recordos: seica hai un cumpleanos na Coruña. Quen vaia xa contará.
http://www.gznacion.com/web/notic.php?ide=3923

marcel swann dijo...

Viva Galicia ceiba e socialdemócrata!

arume dos piñeiros dijo...

ALFREDO CONDE
Uvas e sol, compendio da luz
Mediado setembro, este mes que a tantos se lles antolla dourado, e aínda non, andabamos ás uvas. Verdes prós máis raposos, madurecidos náparos pra outros, ácedas uvas do país que outros chaman catalanas pra non poucos, as uvas penduraban ó sol coma se tal cousa; millor dito, como debe ser.

Uvas e sol, velaí o compendio da luz. Unha uva é un sol pequeño, moitas unha luminaria esplendorosa. Se son negras, astrinxen; se brancas, producen laxitude. Se negras, atesouran a luz no medio da que voan as curuxas e outros animais sabios, mouchos e así. Se brancas, a que atravesan os miñatos de vrán e musicou o Maestro Vide. Eu recordoo, pequeno e branco, camiño do Instituto do Posío. El tamén andou ás uvas.

Ir por uvas, velaí unha frase á que sacar moito zume. As froitas proporcionan símiles poderosos. Ir ás claudias, claudiar, é outra da que xa quedan poucos que saiban da súa exacta e terrible concisión. Claudio é o que coxea, o que cae. Claudiar é abatir. As guerras son duras, máis se fraticidas. E a máis dura da dureza fraticida é aquela que padecen aqueles que, nas retagardas, ocupan os lugares dos vencidos. Este noso é un país de retagarda. Foino sempre. Isabel, a de Castela, desmochounos as torres dos castelos, abatéunos os propios castelos, claudiónolos. Logo, afixémonos a elo. Así seguimos. Torre que asoma, torre que abatimos.

Mediado setembro, alguén fixo confesión de parte. Ninguén llo pidira. Colleu un acio de douradas uvas, penduróuno na solaina por ver de que chegaran ó próximo solsticio e fóronlle por elas. Dende outro blog non entenderon nada, así é o país, así somos. Maldita historia.

Hai uvas que, na miña terra ourensá, se chaman de collón de galo, ou de collón de bispo, vostedes disimulen. Son desas das que hai que botar man, precisamente, pra facer confesións de parte, ousando expoñelas á luz sen que ninguén o pida, colgándoas na solaina. Unha vez ó sol han servir prá concordia e o entendemento, nunca pró axuste dunha conta que hai que saber se está ou non vixente, mesmo se o é ou se esta condoada, cando non esquencida ou arrombada pola propia executoria.

Cál afán é o que nos move?: o de xuzgar ou o de condear? Ah, país, país! País, este noso, de xuíces implacables, vingadores e terribles, tal e como o dun Dies irae interminable, sempre no cima dunha torre desmochada, sempre co fondo musical dun renxer de dentes, estremecedor e cruel. Único e tan noso.

Anónimo dijo...

Poñamos unhas pingas de amarelismo. Outras de mala uva, ousexa, ruín. Outras de ruxe ruxe, dixome dixome e se ascaso. Outras de mozas de calendario para promocionar o asunto. Resultado:

croque1 s.m. 1. Golpe leve na cabeza. Levou un croque ó tropezar contra a columna. SIN. truque. 2. Vulto que sobresae como consecuencia do golpe. Saíulle un croque na testa. u SIN. coque, pote.

croque2 s.m. 1. Planta silvestre de talo sinxelo, con follas alternas e flores pendentes en ramallo, con corola de cor púrpura en forma de dedal. Un valado cheo de croques. 2. Flor desta planta. Os rapaces collían croques para estalalos. u SIN. estraloque, milicroque, sanxoán.