25 sept. 2007


A Venus de Milo e a centola de Van Gogh

(Afonso Monxardín en GH 25 set.)

Os cativos miran as cousas con ollos de estrea e por iso nos fan preguntas incómodas. Daquela sorrimos e pensamos que que listos son. Cando as fillas eran máis novas, sufrino moitas veces en propia carne; unha delas hai cinco ou seis anos en París. No Louvre ao chegarmos onda a Venus de Milo preguntoume a maior -nove ou dez anos daquela- que por que aquela estatua era tan famosa e todos lle facían fotos -miles de fotos- e, pobriñas, por que as outras que estaban alí ao lado, igual ou máis fermosas e incluso completas e con brazos, pasaban desapercibidas. Pedíame que lle explicase quen decidía cal sería famosa e cal non. Sorrín, pensei, que lista me é a nena que xa se alía cos perdedores, e empecei un discurso baralleiro sobre a popularización do coñecemento da arte do mundo antigo? e dime: Ou sexa que nin idea, ¿non papá? Touché. Non.
De alí a un par de anos fomos á National Gallery de Londres. Lembreime do caso e rin desinhibido con ela lendo o letreiro dun cadro de Van Gogh que estaba pegadiño a unha das máis famosas versións dos "xirasoles". Tratábase dun óleo titulado Two crabs, dous centolos, ou máis propiamente, dous bois... pois os ingleses andan algo escasos de vocabulario para as cousas do mar. Un dos bois, patas arriba, demostraba ser saborosa femia e o outro retratado cara a baixo ocultaba pudicamente o sexo. O fondo verde cubría todo o lenzo con grosas pinceladas moi soltas e predominaban nos animais uns difusos tons laranxas. O comentario do letreiro da National Gallery á obra do pintor holandés translucía un experto coñecedor da pintura europea da época: "Débese tratar do mesmo boi, posto cara arriba e cara a baixo porque lle falta a mesma pata da dereita en ambos casos". Mirei. Era certo. Se cadra Van Gogh tiña fame cando o pintou e encetou o modelo.
Ese descoñecido cadro tiña unha estética compositiva semellante aos cadros de bazar ou de afeccionado dos que vemos colgados na maioría das tascas, e, seguramente, non se daría vendido, de ocultármoslle a identidade do autor, nin na feira de Sabarís. E como os xirasoles están máis vistos cá ruda, viva pois, a centola de Van Gogh!

23 comentarios:

Xoan da Coba dijo...

Lembro un relato,creo que de Conan Doyle,no que o autor relata (historia-ficción) cómo perdeu os brazos a Venus de Milo: nunha "agarrada" entre un escravo cristián (relixión ilegal) e a súa ama romana.O escravo,encendido de fe cristián,trataba de evitar que a súa ama adorase á deusa e rematóu por rompela,pra evitarlle o inferno.
(Só por aparecer nese relato de Doyle,xa superaría en importanza a moitas outras das obras que miraba a filla de Moxardín)

arume dos piñeiros dijo...

A propósito de centolas. Non sei como aínda a estas alturas non hai unha queixa formal e contundente da Consellería de Pesca ou da Consellería de Turismo (se houber) diante do anuncio da páxina terceira de EL PAÍS de hoxe de Ryanair onde se afirma que Gotemburgo é o lugar do mellor marisco do mundo e que está a só 10 euros (coas taxas sube aos 100 seguro, pero ese é outro cantar) de distancia. Eu non vin aldraxe á nosa terra tan grande desde hai varios anos e, sobre todo, unha mostra de cómo os anunciantes carecen completamente de escrúpulos e de ecuanimidade. Aínda que non sei para que fago esta observación se mañán o PP pide a demisión inmediata do responsable de mariscos (ou frutti di mare) da Xunta por non defender como debe o noso. Xa me estou a arrepentir, pero en fin.

Xoan da Coba dijo...

Xa coñece a leis,os usos e as costumes no ámbito da publicidade.Mentres entren non ámbito do discutible,esas cousas pódense decir en contextos publicitarios,polo menos en España.O curioso é que normalmente díceas o propio interesado,e non un competidor,neso leva razón.

Xoan da Coba dijo...

Por outra banda,non lle viña mal un "toque de atención" á empresa por parte das entidades públicas competentes.Noutros países faríano ipso-facto.Tamén as empresas deben ter "senso comun".
A verdade é que ás axencias de viaxes e ás líneas aéreas interésalle todo o que faga sair á xente do país e gastar os cartos fora...A cousa da pra pensar un chisco.

Xoan da Coba dijo...

Vai un chiste de cangrexos.

Dílle a cangrexa ó cangrexo:onte viñeches borracho prá casa.Bén que te vín,chegar á casa direitiño coma un fío.

marcel swann dijo...

Sorprende ler as afirmacións de arume dos piñeiros sobre a aldraxe de EL PAÍS á nosa terra no asunto marisqueiro-turístico. Eu críao a vostede un internacionalista convencido, un cidadán do mundo que sería feliz nunha cidade como, por exemplo, Barcelona.
Benvido sexa pois, e que nosoutros o vexamos, ao rego do galeguismo sentimental, tanto o do arroto de lacón con grelos coma o de "Terra a Nosa". Efectivamente, non lle hai país mellor nin máis bonito ca o noso. Por aí debiamos empezar a nos entender.
Claro, poñendo como poñen os de Ryanair eses anuncios logo non nos debe extrañar que o coñecido suplemento de viaxes dese xornal cante as excelencias de todos eses sitios onde a paisaxe é máis aburrida ca cear pipas, e onde teñen eses fiordos ou como lles chamen que xa lles gustaría que se parecesen nada máis que un pouquiño ás nosas rías. Pero claro, Galicia non mola. Percorres a Costa da Morte e nin estradas teñen, así que turismo... Non, o que quería dicir é que nin pubs irlandeses, nin bed and breakfasts, nin castelos no Loira, nin festas da cervexa... e ademáis estamos tan pero que tan lonxe de todo...
Eles o perden e a nosa paisaxe non se escaralla.

marcel swann dijo...

Nesto da gastronomía aínda temos que avanzar moito máis. Resulta que tendo como temos as mellores carnes, os mellores peixes e o mellor marisco do mundo mundial, estean os medios de comunición a mallarnos a cachola un día e outro co timo da estampiña da dieta mediterránea, e teñamos que encontrar até na sopa (a deles) a todos eses chefs vasco-cataláns. Xa saben, estoulles a falar de toda esa camándula de vendedores de licuefacións de crema catalana, salteados de berenxenas ao alioli, puré de sardiñas de Bermeo, e as cocochas de Plentzia... todo regado co impagable chacolí e os ácedos (mestura de ácidos e acedos) imbebibles cavas.
Logo están todas esas franquicias tipo don pintxo e lizarrán (ou como se escriba), nada proletarias que digamos. País Vasco = comer ben. E logo en Galic/z(i)a non se papa ben?
Nós non temos produtos para competir? Onde se poña a empanada que se quiten mil pizzas chiclescas. O arroz é un alimento de país subdesenvolvido, mentres que patacas como as de Bergantiños non llas hai en ningures. Xa lle gustaría aos fillos do rei dos belgas ter uns mexillóns coma os nosos (tamaño "carallo de home", coma os percebes). E por favor, saibamos vender os pementos de Padrón, porque o único que encontramos nos mercados son cousa en forma de bala producidas en Almería debaixo duns plásticos...
Esiximos pois un ou mesmo unha cociñeiro/a galego con presencia nos medios estatais, con acento galego nas súas escollas, e que reivindique que para comer, Galicia.

arume dos piñeiros dijo...

Ao ler o primeiro comentario de Xan da Coba xa pensei que o meu non fora suficientemente irónico. Volvino a ler e, en efecto, faltan máis claro signos. Pero pensei que a referencia aos frutti di mare podía desvelar o modo irónico. Pero ben se ve que non.

marcel swann dijo...

Ben me din conta da súa ironía, sr arume dos piñeiros. A diferencia é que as miñas ironías van contra estes, aqueles e os nosos, e se cadra vostede non as detectou (ou ben o que pasa é que eu non sei escribir, que tamén pode ser)

Xoan da Coba dijo...

A miña parienta estivo o ano pasado en Gottemborg varios días,nun congreso.Chamáronlle a atencíón varias cousas.As fiestras non teñen persianas.Os restaurantes son discotecas de noite (apartan as mesas) es cousas así.Faloume de paseos en barca,que aquelo é auga por todas partes.Pero non me dixo nada do marisco.Qué fallo.

Xoan da Coba dijo...

"Anda la ostia",Arume dos piñeiros,a cousa iba de ironía.Pero eu,desde que protesaran pra que o ¿SEAT? "Arosa" fora "Aruosa",xa tomo en serio esas cousas...

arume dos piñeiros dijo...

Eso que di dos restaurantes transformados en discotecas tamén pasaba en Moscova hai tempo (supoño que algo cambiaría). Pero alí, como tiñan o costume de comezar a xantar cun vaso de vodka ou coñac armenio tomado de penalti, apartaban as mesas a golpes e bailaban no medio do restaurante cun furor que desmentía calquera tópico sobre a frialdade dos rusos. Os cubanos que andaban por alí flipaban coa paixón que lle botaban aos bailes. Eso si: cando chegaba ollos negros ou noites de moscova aquelo era sodoma e gomorra. E non entro en detalles.

Xoan da Coba dijo...

O alcohol fai milagros,Arume.E destilado máis que fermentado.E mixturado con canciós populares, a moita xente pona demasiado cariñosa.Dígollo eu que non teréi experiencia noutras cousas,pero xuergas,levo unhas cantas.Vin cabaleiros moi serios,case ancianos meterse man diante das mulleres.E a outros,desafiarse en relación a lonxitude dos seus "aparatos",cunha cinta métrica.XDDDD

Xoan da Coba dijo...

Vou ver se consigo unha boa copia dese cadro dos bois pra facerlle un agasallo ó Ricardo do "Barazal".Prós que non son de Ourense,o "Barazal" é un restorán perto do Carballiño onde se come moi bó marisco.

Xoan da Coba dijo...

¿Máis vistos cá ruda? o meu abó dicía ¡Eres máis malo cá ruda! e tamén ¡Eres máis malo cá carne do pescozo! e ¡Eres máis malo cós abisinios!(???)

Xoan da Coba dijo...

Cando espertóu,coas marcas do teclado na cara,a centola aínda estaba alí.

apicultor dijo...

Tranquilos todos e non se laien máis polo déficit de promoción dos nosos produtos e da Nosa Terra no mundo mundial, culpa, evidentemente, do Suplemento de Turismo de El País, que, como todos sabemos, obecede a un planificado e malévolo plan para ningunear as excelencias da Nosa Terra.

E digo tranquilos porque moi logo chegarán -cos petos cargados de iens- centos e centos de milleiros de xaponeses a coñecernos, mercé á exitosa campaña da Consellería de Industria e Innovación, e todo pola módica cantidade de 600.000 euriños de nada.

Xoan da Coba dijo...

¡Evivva! ¡Evivva!,(como berraría Arume d.p.)
Apicultor,a súa ironía non é tan estratosférica ,menos mal...

AVMF dijo...

O cadro dos bois pódeo mercar, Sr. Xoan da Coba, na web da National Gallery. Encárgao no tamaño que quere e envíanllo. Seica.
Máis coñecido -e máis malo- cá ruda, dicía a miña avoa.
O dos abisinios debe ter que ver co eco popular da batalla de Adwua na primeira guerra italo-abisinia de 1896 onde morreron uns 6000 italianos. Estas cousas da historia son curiosas e como pasan á cadea oral son curiosas... Alguén ten escoitado é "é coma Prim que estancou o sal"?

arume dos piñeiros dijo...

Na miña casa dicían aquelo de "quedoume o pelo como a un abisinio". O de malo nono escoitei.
A ruda non era unha herba para abortar?

Xoan da Coba dijo...

Nesta entrevista,Iolanda castaño recoñece que a súa abóa tamén a chamaba "abisinio".Polo medio do texto,máis ou menos.

Entrevista Iolanda Castaño

marcos valcarcel dijo...

Pois vaia teima coa CASTAÑO: 15 comentarios e a maioría non moi bonitos. Este é un país de teimas, sen dúbida ningunha.

arume dos piñeiros dijo...

É a aboa do entrevistador(?), non a de Yolanda Castaño, amigo Xan da Coba. E, por certo, é iso o xornalismo que ensinan na de Siza?