Paraíso natural.
Pan por Pan xoves 8 novembro. (A imaxe que ilustra é de Paco Pestana)
Pois si, tal como contaba onte este xornal, seguín con interese a conferencia de Joaquín Araújo no Foro La Región. Foi unha ledicia ver a sala chea de xente, participando ademais nun animado coloquio. Porque este egrexio naturalista veu dicirnos, dende fóra, cousas que sabemos pero non sempre lembramos: que vivimos nun auténtico paraíso natural, Galicia, coas mellores condicións para a vida e a evolución biolóxica. Velaí as rías, as nosas serras, a vizosidade dos cursos fluviais, os modelos diversos de fragas, a singularidade das illas. Un medio natural esplendoroso pero agredido moitas veces. E tantas e tantas veces ante a indiferenza dos propios galegos. Alguén nos vendeu moi ben o conto de que o Progreso era a destrución das raíces (tamén na cultura, no idioma): moitos acabaron por crelo como cuestión de fe. Oxalá non sexa demasiado tarde para arrombar tamén esa mentira.
P.S.: ampliando a breve columniña. A charla estivo realmente ben e o coloquio moi animado (eu marchei ás 10, con gañas de preguntar, pero facíaseme longa a cousa). Houbo referencia a temas locais: Plan ZEPA da Limia, Araújo dixo que era unha tontería calquera protesta en contra, porque non afecta en absoluto á actividade agraria; dende os tempos das pirámides a fauna esquilma a mesma porcentaxe das colleitas, un 30 por cento, fagas o que fagas e botes o que botes, dixo. Críticas tamén duras ó Plan Acuícola e ó proxecto de Corrubedo e ó de Reganosa (aínda que aquí Araújo dixo non estar moi informado): o moderador, Lito Prado (compañeiro dos tempos de Nunca Máis) tamén deu caña, en todos estes temas, contra os 3 partidos unidos nestes temas (PP-PSOE-BNG). A impresión que me deixou a charla é que hai moita teoría (digan se queren palabrería) e pouca realidade: da reserva natural da biosfera, escasa protección. Afirmou que as áreas protexidas en Galicia son moi escasas e as medidas de protección as mínimas das mínimas: só os Parques Nacionais terían unha certa protección real, se entendín ben. (Se algún dos contertulios estaba na sala, agradeceríase que engadan máis cousas ó respecto)
12 comentarios:
A iustración de PACO PESTANA, que a min me encanta, procede dunha portada do BOLETÍN GALEGO DE LITERATURA.
Pregunte eiquí o que tiña pensado preguntarlle a Araujo.Por certo,outra das miñas referencias de xuventude.Mal será que entre todos non poidamos resportarlle algo.
Pois ía facer unha intervención no sentido de relacionar ese Paraíso Natural e Biolóxico co desleixo e indiferencia polo medio ambiente que existe na maioría da poboación. Iso ten razóns culturais e históricas, supoño: creo que non era así hai só 70 anos. Sobre isto penso escribir máis a fondo, quizais o próximo luns en La Región. En calquera caso, pensaba rematar con esta pregunta a Araújo:
existen noutros pobos e culturas exemplos de sociedades co mesmo desleixo que cambiaron en positivo os seus xeitos de actuación? Isto é, se estamos ante un problema xa cultural, é irreversible ou non? Agardo as súas opinións.
Pois por unha banda eu que sei, e pola outra que quere que lle diga.
Non sei se o Caurel é zona protexida, penso que si. Iso non é obstáculo para que o desfagan a base de canteiras. Que país!
Penso que no rural non hai a indiferencia polo medio ambiente que se comenta.
Existen aínda certos comportamentos herdados que namentras hai maiores coidánse, e de momento, son os que conservan e non alteran -agreden- a natureza, ca salvedade das queimas que, pola maleza, continuamente se lles vai das máns
Poño por exemplo, que a existencia de auga corrente na casa, esixe saneamento que é algo que todos reclaman, sendo poucos os que podendo ter alcantarillado municipal, optan polo pozo negro ou polo negro sin pozo.
Como a auga sale gratis, xa que é de conta do Concello -insisto no rural- non se fai mal dela.
O efecto visual das construccións sin rematar e algunha barbaridade que ten que ver co feismo, estimo que van remitindo-
Nas vilas grandes, en resumo no ámbito urbano, avanzóuse moito ca reciclaxe, e só un segmento poblacional, claramente identificado, que xa naceu na cidade é realmente ofensivo co entorno, ca cidade o co medio ambiente.
A adquisición de varios coches para a familia -polución- a proliferación de calefaccións con derivados do petróleo, a reticencia dos compradores de vivendas a avances que supoñan unha variación de instalación de enerxías alternativas e/ou renovables, e un absoluto desleixo no consumo de auga é certamente preocupante.
Pero.... pero no país hai valores engadidos a terra, que compre valorizalos. Eu estou absolutamente en contra de que non se deixe construír a carón do mar. Explícome, por sistema e xeneralizando non é defendible que non se poida facer unha casa a menos de 500 metros do mar, a non ser que renegemos das vilas mariñeiras nas que o mar peta contra as casas. O que debería suceder é que deben se-los propios Concellos os que analisen e valoren as novas promocións e construccións, que defendan posteriormente diante da instancia que sexa o proxecto e que persigan ata a demolición todo o que se faga fora de ordenación.
Se a propia Administración dúbida e non respecta a lei, fixo, fai e fará que os administrados fagan o mesmo, por tanto non é tanta desidía, a falla de conciencia medioambiental de parte dos galegos a que degrada o ambiente, senón a falla de criterios firmes, convincentes e racionais sobor deste tema ven tendo a Administración e chámolle administración os gobernos autónómicos, provinciais, mancomunais e locais que segundo o color de cada un deles optan de seguido pola elección contraria a elexida polo goberno anterior.
Por certo hoxe, Eugenio Domínguez Vilches, catedrático de Botánica da universidade de Córdoba, disertará ás 8 do serán na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo sobre "Cambio climático". A conferencia pecha o ciclo "Cultura conciencia" organizado, ao abeiro do Ano da Ciencia, polo Consello da Cultura Galega e a Dirección Xeral de I+D+I.
Vostede debe comer paisaxe,oxímoro.Pero a xente do Courel non.Os señoritos de cidade queren paisaxe bonito pró fin de semana,pra experimentar o alivio de volver á civilización o domingo á noite.
Fartura para hoxe e fame para mañá, máis cedo que tarde. Boitó do Folgoso, se iso é o que queren non vou ser eu quen se opoña. Pero que retiren esa zona da área de protección. Non quero molestar a ninguén, mais a cousa non me parece moi coherente.
Nunca estiven en Inglaterra, pero teño idea de que o seu espazo rural e natural está en xeral ben ordenado; non me parece que sexa só produto de lecturas e filmacións. Polo si ou polo non, é probable que moitos ingleses teñan unha boa perspectiva ecolóxica; se tal, igual de aquí non vén mala cousa.
Basta con velo desde o avión,x.m.González. Ou desde "Google Earth".Fagan a proba.Compáreno con Galiza.
A Couces con Rega-deles:
http://artritris.blogspot.com/2007/11/coces-coa-informacin.html
Publicar un comentario