23 dic 2007







CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1989: Darío Xohán Cabana, Avilés, A. Risco
(Imaxes: o Darío de Lugo, Andrés do Barro e Chano Piñeiro en caricatura de Siro)
Bo ano literario o de 1989. Empezo pola narrativa e xulguen vostedes mesmos. Darío Xoán Cabana gañaba o premio Xerais, resolto en Santiago, cunha das súas novelas máis populares, Galván en Saor, que dende a recreación da Materia de Bretaña descubría un narrador moi poderoso. Volvía ás letras galegas, dalgún xeito, Antón Risco, o fillo de don Vicente, publicando a súa novela máis ourensá e de gran calidade, As metamorfoses de Proteo; no mesmo ano editábase outra novela súa, O caso, e o libro de relatos Xogo de gardas e ladróns. O Premio Blanco Amor era para unha coidada novela negra de Román Raña, O crime da rúa da moeda vella, ambientada en Compostela. No mesmo xénero movíase Seis cordas e un corazón, de Xelís de Toro, que levou o premio Semana Negra do Concello de Santiago. Marina Mayoral conquistaba os lectores con Chamábase Luís, novela-reportaxe sobre o mundo da droga, e Úrsula Heinze ofrecíamos a novela sentimental, Aniansi, a súa segunda novela, de forte pegada cinematográfica na súa linguaxe. Moi interesantes eran tamén O minotauro, de Xosé Fernández Ferreiro, e Peito de vimbio, de Afonso Álvarez Cáccamo. O ano completábase ademais con obras como Fuxidos de sona, de Carlos G. Reigosa, e Máis alá de Galicia, de U. Heinze e Artesa, de Lois Diéguez, estes dous no campo da literatura xuvenil. María Xosé Queizán sacaba O segredo de pedra figueira, novela de aventuras sobre a viaxe da tribo dos amala na procura dun novo país, nun xeito de recreación mítico-lúdica das orixes da nación galega (DLG). Da mesma autora e data é A semellanza, na que un narrador omnisciente nos presenta a andaina dun homosexual dende a súa infancia no Lugo burgués do franquismo, en tempos de represión, ata o seu duro paso á transexualidade en Barcelona. Outro nome clásico das nosas letras que se achegaba á narrativa en 1989, neste caso por primeira vez, era o poeta Antón Tovar, co seu libro de relatos, cheo de autenticidade, A grande ilusión e outros contos.
O mapa lírico do ano rexistra a volta de Antón Avilés de Taramancos cun dos seus mellores poemarios, As torres no ar, un conxunto de trinta e seis poemas centrados na natureza e no amor. Darío Xohán Cabana publicaba Patria do mar e recibía o Premio Otero Pedrayo e a medalla de ouro do Concello de Florencia pola súa tradución ó galego de A Divina Comedia. De Luís González Tosar aparecía o seu segundo poemario, Remol das travesías, premio da Crítica Española no ano seguinte, unha viaxe poética chea de símbolos e lecturas superpostas (existencial, lectura social, metacultural), segundo o Dicionario da Literatura Galega de Galaxia. Manuel Rivas publicaba Ningún cisne, premio Leliadoura, e Xavier Rodríguez Barrio, Celebración do gozo, achega lírica chea de sensualidade, que foi premio Esquío e finalista do Nacional de Literatura. De Anxo Angueira, Val de Ramirás; de Xulio López Valcárcel, Presaxio de sombras, e de Víctor Vaqueiro, A cámara de néboa, viaxe mítica a través da paisaxe galega e do corpo feminino, completan o panorama anual, ademais do colectivo Ao mar de adentro, no que está presente o poeta ceense Miro Villar.
No campo do ensaio e a investigación tamén cabe reflectir algúns títulos fundamentais. Entre eles, estudos de conxunto como Escolas e mestres, de Antón Costa, ou traballos como Galicia, el bonsai atlántico, de Manuel Rivas, encarga de El País para lectores foráneos que se queiran achegar con tino á nosa realidade social e cultural. No xénero do libro-entrevista, Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán Vello publicaban A nación incesante: conversas con Xosé Manuel Beiras, libro de fondo significado político na súa recepción, e Román Raña estudaba a Manuel Antonio nunha edición anotada do seu poemario De catro a catro e outros textos. Claudio Rodríguez Fer daba a coñecer Poesía galega: crítica e metodoloxía, achega valiosa ós modelos da crítica literaria en Galicia, e o seu estudo Antonio Machado e Galicia, que esculca nas afinidades e relacións entre o gran poeta castelán e os seus referentes galegos.

No hay comentarios: