7 dic. 2007


Clotilde Iglesias lembra a Blanco Amor (Ourense, 4 decembro 2007)
Dedico este texto, que me pasou Monxardín, a Déborah Campos e a Ana Miranda.

Señoras e señores; dignísimas autoridades, mestres e alumnos do Instituto Eduardo Blanco Amor e dos outros da cidade, amigos e amigas todos.
Agradezo a deferencia que me fai o Pen Clube de Galicia a través de Don Luís González Tosar, que coñece a miña amizade co noso ben querido Eduardo Blanco Amor, e confía en min a responsabilidade de falar neste acto en lembranza do pasamento –xa van 28 anos- de Eduardo Blanco Amor.

Voulles falar sobre todo aos mozos e mozas que non tiveron a sorte, por cuestións xeracionais e cronolóxicas, de telo como conferenciante, como mestre o simplemente como conversador de extrarodinario voo.
Era eu moi cativa -12 ou 13 anos tiña daquela- cando lle preguntei a meu pai ¿Qué é un autodidata? E constestoume: Pois un autodidacta é aquel no que os seus coñecemento foron feitos sen axuda de ninguén. ¿Sabes quen é autodidacta? , Pois EBA.

Coñecíanse de moito tempo atrás, dende que Eduardo estivo na Arxentina na década do 30, cando era Vicecónsul Xeral de España, na Segunda República. Foi logo colaborador do diario La Nación de Buenos Aires, era máis que notable orador, dotado dunha fina ironía, cun extraordinario sentido do humor que en calquera reunión social acaparaba a atención de todos os presentes, era en definitiva, unha persoa dunha cultura e coñecementos extraordinarios.

Levábase moi ben coa miña nai, pois dicía que ela era a muller indicada para un artista como meu pai, que foi o actor máis importante na emigracion e era coñecido como “Tacholas” e que fixo estrea mundial en Bos Aires, xa que foi elixido polo autor, o esgrevio Castelao, para facer os papeis de A morte e Ramonciño na súa obra “Os vellos non deben de namorarse”.

Desde moi peqeuna lembro a Eduardo connosco, pois houbo datas en que fixemos os veraneos xuntos nas praias de Piriápolis, no Uruguai. De alí gardo unha foto moi graciosa, pois no intre de quitala, fíxenlle pi-pi na perna dereita e ambas expresións –a sua e a miña- ficaron para sempre na foto. Eu daquela tiña ano e medio… Logo cos anos, xocosamente mo botou en cara...

Cando un é mozo -e nisto é no quero facer fincapé nas miñas palabras- deixa pasar diante un intres dos que logo te arrepintes; pois as xentes maiores sobre todo os profesores, sempre teñen cousas para ensinarvos, non por seren máis ca os mozos senón simplemente, por teren máis anos vividos.
Isto pasou, certamente, coa miña xeración na Arxentina. Alí tiñamos nomes tan esgrevios ao noso lado que non lles dabamos a importancia que tiñan e logo, cos anos, cando xa non os tiñamos preto de nós, sentiamos saudades deles e daqueles días. Algún deses nomes, como o que hoxe nos convoca, son para vós, nomes de rúas ou institutos, ou lecturas obrigatorias na escola…

Pero daquela, na miña mocidade porteña, eran algo máis. Como Eduardo Blanco Amor, do que eramos discípulos das súas clases de lingua e literatura galegas… lembro o primeiro ano das clases –debía ser 1960- en que nos deu para traballar o libro “Merlín e familia” de Alvaro Cunqueiro. As clases eran organizadas pola Asociación Arxentina de Fillos de Galegos –onde estaba tamén connosco Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas- e dabamos recitais de poesía… Sempre lembro aquelas tardiñas dos ensaios en que levabamos para o intre do descanso todo tipo de pasteis e bebidas ao punto de que a Blanco Amor lle gustaba chamarlle a estas xuntanzas, “reuniones lírico-gastronómicas”.
Unha vez estando aquí en Auria –por usar o seu nome blancoamoriano- no ano 1963, díxome que lle tiraran as cartas do tarot e que voltaría definitivamente á terra; e así foi, dous anos despois…
Tiña anceios moi fondos para que isto, a volta a Galicia, se convertise en realidade… Pero non chegou a vivir plenamente satisfeito no regreso. Se cadra esperaba máis do que era posible ou se cadra o país, os seus intelectuais, non foron con el o xenerosos que debían… en calquera caso, merecer mereceu moito, polo seu traballo incansable e ilusionado xunto cos outros emigrantes e exiliados na diáspora para manter ergueito o facho da cultura galega e da lingua no lugar que non debeu perder endexamais.

En moitas tarefas participou: na fundación da AGUEA –Asociación Galega de Universitarios, Estudantes e Artistas-, na direccion das revistas Galicia do Centro Galego e do xornal do mesmo nome da Federación de Sociedades Galegas… e ben antes xa na fundación da revista “Terra” a semellanza do Nós de Ourense e baixo o maxisterio de Vicente Risco… Pero como home moderno, tivo audicións de radio desde a época dos anos trinta e foi padriño inaugural do programa La Voz de Galicia que dirixia meu pai e cuxo discurso de apertura, está no Arquivo Sonoro de Galicia, grazas ás xestións que o amigo Afonso Monxardín fixo para a tal fin, ata convencerme, hai xa ben de anos, en Bos Aires.
Xa sabedes que Blanco Amor dedicou unha parte moi importante da súa obra a escribir sobre o tema de Ourense, con novelas en galego e castelán. Unha delas, case descoñecida do grande público, La Catedral y el niño, é unha xoia e sería boa eleccion para vós, pois fai unhas acaidas descricións do Ourense antigo... Ou a Esmorga, ese húmido deambular marxinal pola cidade vella e arredores... ou A Xente ao Lonxe, nese agormar da sociedade contemporanea e da conciencia social nos inicios do XX... Ao mellor, entre os personaxes reais que cita, se pode atopar o nome dalgún dos vosos avós...

O seu talento era ilimitado para describir situacións e relatalas cunha prosa fascinante. Era creador con palabras e de palabras.
Cando ergueu da nada o Teatro Popular Galego, soubo que a filla do seu amigo Tacholas, ou sexa eu, estudaba na Escola de Belas Artes, e pediume que fixera a escenografía para as obras.... Eu tiña medo, pois sempre foi moi esixente... e un pouco rabudo. A pesar de todo, non podía negarme. E aceptou as miñas propostas e a montou de acordo ao proxecto, o que para min foi unha grande ledicia.

Unha tardiña do ano 1965, no Centro Galego de Bos Aires, atopeino especialmente ledo. Pergunteille e díxomo. Voltaba á terra para quedar. Despedímonos cun bico e apertas tensas. Non o vin nunca máis. Nunca estiven tan perto del como agora.
Eduardo, para ti esta lembranza da túa Clota, como gustabas de me chamar, coas saudades da Galicia de máis alá do mar e, se cadra, de máis alá do tempo.

4 comentarios:

Ana Bande dijo...

Que preciosidade de lembranza dun home xenial. Vou correndo na procura da Catedral e o neno, agora non hai excusa!

Leituga 1 dijo...

Moi bonito, sentido e ben trabado este texto de Clotilde Iglesias.

AV-MF dijo...

Mira ti como é a Galicia Global. Ana Miranda, en Bruxelas, le o propio día da homenaxe na rede que se acaba de celebrar en Ourense e que anda Cloty por aquí. Pregúntalle inmediatamente a Débora en Bos Aires como a pode localizar en Ourense. Débora evíalle a Bruxelas dous emails de contacto, o teu Marcos e o meu. Na miña casa diante do ordenador está Cloty vendo as fotos dun neto seu xogando ao rugby que lle acaba de enviar a filla á conta de hotmail... Cloty dálle o número de teléfono e inmediatamente, recibe chamada de Bélxica para saudárense e falar de cousas de Bos Aires...
Eu, que sigo sendo un pouco aldeán, ríome co triángulo instantáneo Bruxelas, Bos Aires, Ourense... Logo despedímonos os tres por email. Ai marabillosa G.G.G. (Gorentosa Galicia Global)

torredebabel dijo...

Marcos e Afonso, moitas grazas!!! enormes grazas!
Entendo a ledicia de atoparse no medio dese novelo de fios e lazos galegos polo mundo porque é un novelo que percorro moitas veces. Hai unha Galiza fermosa, intensa, rápida e agarimosa que vive no aires, nos ordenadores, nos teléfonos... que vive fora da terra. Esa Galiza, unha Galiza Global, admira e ten moito agarimo por xentes nobles e relevantes coma Clotilde. E dalgunha maneira, co moito que aprendemos de vós, tamén este blog e cada un dos seus visitantes é parte deste tecido galego. Apertas ao lonxe!