7 dic 2007

A Nosa Terra reformada e a miña colaboración nesta nova etapa
(Imaxe: a que deseñou Francisco Leiro para o centenario)

Como todos vostedes saben xa, ANT empezou unha nova etapa, reformada, con melloras evidentes na súa presenza formal. E cun monográfico cheo de cousas de interese. Xan Carballa chamoume para colaborar nesta nova andaina e eu, que xa o fixen noutras (sobre todo nos primeiros anos), aceptei. De momento, cunha columna semanal: quizais con máis cousas, xa veremos. Velaí amiña primeira columna:

Contar historias
Sempre dicía que necesitaba contar historias para entender o mundo. E para entender as xentes que habitamos nese mundo. De feito, refugaba a retórica vacua de tantos discursos baleiros de ideas. E non entendía como os escritores, que por profesión se dedican a xogar coas palabras e crear historias, podían deixarse enredar pola linguaxe tecnocrática e intelectualizada dos congresos universitarios, por exemplo.
Non foi o seu caso. O seu foi o dominio da palabra e o pracer da conversa. A imaxe amable e en positivo dunha visión do país. Un galeguismo de realidades para facer florecer unha cultura, por riba dos dogmas e as teorías.
Falo de Carlos Casares. Pioneiro en tantas cousas. No xornalismo literario, dende os seus artigos en La Región dos anos 60 ata a súa columna “Á marxe” en La Voz de Galicia ata o día anterior á súa morte, tan traidora, en marzo do 2002. O Casares pioneiro na literatura xuvenil, que abriu portas e fiestras en tantos aspectos. O Carlos Casares creador de mundos propios en obras que son xa clásicos indelebles das nosas letras, dende Vento ferido a O sol do verán, pasando por xoias como Ilustrísima, Os escuros soños de Clío ou Deus sentado nun sillón azul, entre moitas outras. Ou marabillas como Un país de palabras, fóra de xénero, un diamante auténtico da palabra, que nos ensina máis sobre a literatura e o ser humano que todo un anaquel de ensaios. O Casares que estudou o país dende as súas biografías de alta divulgación (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Curros, Sarmiento, etc.).
Todos lembramos o seu faladoiro garimoso, o pracer da conversa, a imaxinación desbordada, a palabra como terapia. Dende o día 10 de decembro un Coloquio reunirá en Ourense, convocados pola Fundación Casares e a Universidade de Vigo, a diversos especialistas para falar con rigor e amplitude da obra de Carlos Casares: agardemos que non se abuse da retórica nin da palabrería inútil. Oxalá ata se conte algunha historia: como de seguro desexaría Carlos.

22 comentarios:

Anónimo dijo...

Recibino hoxe. Como de Casares xa se fala noutras partes, e de nós a cotío, falemos de ANT: manda truco co formato, a concepción, a variedade... Como primeiro comentario. Por certo, o diario dixital fala do blog.

Vista a rea e variedade de colaboradores, non teño dúbida: ha de haber máis dun lector, como mínimo, desta casa.

Anónimo dijo...

Que quere dicir "de nós a cotío"?

Anónimo dijo...

Ten razón, parece que nos sitúo no centro da atención nacional ou cousa parecida. Noutras partes son outros fíos do blog; referíame a que, en vez de falar de Casares ou Valcárcel, ía falar do periódico.

Anónimo dijo...

Vostede, amigo Saavedra, non escribe en ANT porque está na competencia. Xa sei que non hai competencia e bla, bla, bla, pero sería bó andarse despelexando dun xornal a outro. Atraería ao público sen lugar a dúbidas.

Anónimo dijo...

Xa ten ANT elenco abondo e ben interesante; e non penso que vaiamos reñer. Teñan boa noite.

Anónimo dijo...

Un gran avance o dado por ANT nesta nova etapa. O primeiro número do semanario é prometedor. E o diario dixital está moi ben deseñado, aínda que non deixa moito espazo á participación, cousa que parece clave nas lideiras estas da interné.

Anónimo dijo...

Que ANT se convirta no que foi nun noutrora lonxano... Un órgano de sensibilidade galega ampla e plural.

Marcos Valcárcel López dijo...

Non encontro a referencia ó Blog en ANT dixital. Son torpe de máis. Se alguén a localiza, por favor, que a pegue aquí.

Anónimo dijo...

Marcos Varcálcel mostra a Blanco Amor atrapado nas luces de Nadal
Manuel Vilas.

07.12.2007 | 10:21
Blanco Amor atrapado nos adornos de Nadal na Alameda de Ourense. J.L. Troitiña O nome de Marcos Valcárcel é ben coñecido na cultura galega. Catedrático de Lingua e Literatura, é un dos maiores expertos do país no nacemento do nacionalismo a comezos do século XX.
Colaborador habitual de varios xornais, Valcárcel publica na rede en “As Uvas da Solaina”, parada imprescindíbel para os internatuas interesados na literatura do país, tanto nas últimas novidades como nos grandes nomes da historia das nosas letras.

Nos últimos tempos un dos autores que máis asoma en “As Uvas da Solaina” é Eduardo Blanco Amor. Dunha estatúa súa publica Valcárcel unha curiosa foto (obra de J.L. Troitiña):

“Así nos tiñan hoxe a Blanco Amor na Alameda, na praza bispo Cesáreo, encadeado, engaiolado entre un sarillo de cables e luces. O responsable: unha empresa de iluminación do Nadal contratado polos comerciantes” laméntase o escritor ourensán, que tamén apunta que a mesma firma “aplastou un coche en Sto. Domingo”. Cousas das luces de Nadal, non?


Está na sección "Blog do día". De todos modos, na portada da edición dixital, arriba e á dereita, vese ben un aspecto da foto de BA rodeada das luces. Clica alí e tes acceso ao artigo; outro xeito non o vexo, non ten URL propia.

Anónimo dijo...

Pois haberá que mercar esta nova ANT durante unha boa tempada para calibrar todos estes necesarios cambios. E se a cousa convence, haberá mesmo que suscribirse. Os meus mellores desexos, pois.

Marcos Valcárcel López dijo...

Graciñas, Xosé Manuel, agora si logrei entrar, dende a foto. Antes, clicando en Blog do día, non me deixaba.

Marcos Valcárcel López dijo...

Supoño que, para mellorar máis, ANT debería aspirar aínda a ampliar o cadro de colaboradores: a maioría dos que están agora ou xa estaban ou estivemos noutras etapas. Da súa apertura ideolóxica, houbo mostras estes días, p.ex., unha entrevista con M. Veiga (en GH e ECG) con este titular: "Seremos máis plurais e menos doutrinarios".
Anótese admeais un novo consello de admón. con Victorino Núñez, Ceferino Díaz, Miguel Barros, Bieito Alonso, Ana Miranda, etc.
E no monográfico especial, unha ampla entrevista a Roberto Blanco Torres: mostra do que se promete, sen dúbida.

Anónimo dijo...

Eu aínda non vin o número, pero estráñame que, a pesar dos cambios e da modernización teconolóxica, se poidese entrevistar a Roberto Blanco Torres, a non ser que se contratasen os servizos dunha médium que conectase o entrevistador co Alén. De todos modos, todo é posible: o que estes xaponeses non poidan...!

Anónimo dijo...

Vaia. Ás maduras apúntase máis xente que ás duras.

Anónimo dijo...

Xa sabe, Apicultor, que neso traballaba Edison cando o sorprendeu a morte.

Marcos Valcárcel López dijo...

ROBERTO BLANCO VALDÉS, obviamente. Escribir con presas...
Excusas á memoria de RBTorres e ó seu sobriño-neto, creo, RBValdés.

Anónimo dijo...

Eiquí está:

Pinchar

Anónimo dijo...

Pois non estaría nada mal que os de ANT mercaran esa máquina de Edison, amigo XDC. Imaxínen canto podería dar de si o apartado de entrevistas desde o Alén!

Anónimo dijo...

Venme de lembrar, Apicultor, aquel libro de Carpentier, "El arpa y la sombra",onde se narra o intento de canonización de Colón.O seu esprito e o de outros estaban presentes no proceso,discutindo de xeito divertido, sen interferir,claro. Imaxinen que algo así pasa con este blog: Blanco Torres, Casares, EBA, etc, atentos ó que se escribe eiquí, discutindo entre eles, indignándose, aplaudindo etc.

Marcos Valcárcel López dijo...

Espero que o pasen ben todos eles. Xa ven que non nos esquecemos de ninguén. A EBA facémoslle máis caso que cando vivo. A RBT eu dediqueille bastantes páxinas e bastante fixo o pobre home (e gran poeta) nos poucos anos que lle deixaron vivir. De Casares, non quero insistir: se puidese participar neste conciliábulo, preguntaría polos novos aparellos tecnolóxicos que van saíndo ó mercado, seguro; no meu Roteiro Urbano da Feira do Libro xa lle permítín facer un paseíño nostálxico pola cidade auriense.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois o aparato ese do Edison do que fala XDC xa debeu existir. Eu lembro unha entrevista con Castelao nos primeiros anos de ANT, aló por 1978: con anaquiños recortados das súas obras, facíaselle dicir o que conviña naquel momento. Aparecía un Castelao antiautonomista, con carné do BNPG e case independentista. Moitos xornais teñen feito entrevistas destas entre imaxinadas e recortadas: é moi doado e moi eficaz, supoño.

Anónimo dijo...

É unha fórmula divertida,xa desde os "Diálogos" de Platon. Cantas obras biográficas levan por título "Conversaciós con..." !