Eduardo, homenaxe e desagravio
Andoliña mércores 5 decembro. Na imaxe, a portada de Díaz Pardo para unha das súas grandes novelas.
Hai xa moitos anos, o Luís González Tosar, amigo de vello, faloume da necesidade de que Ourense lle fixese un recoñecemento relevante a Eduardo Blanco Amor como desagravio ó desprezo e indiferenza con que foi tratado en vida por certos sectores. O PEN Club galego que el preside púxose en marcha e levamos xa catro anos celebrando unha fermosa homenaxe, que comeza no cemiterio de San Francisco, coa colaboración dos institutos da cidade, empezando polo que leva o seu nome, tal como lle gustaría ó Eduardo. Onte contamos ademais coa participación nestes actos de Clotilde Iglesias, filla de Tacholas e discípula de Blanco Amor en Buenos Aires.O balance do realizado non é malo: unha edición escolar de A Esmorga, un monumento a Blanco Amor no centro da cidade, a recuperación da súa poesía amatoria en castelán en Ars Amandi, coa colaboración da Deputación ourensá nos tres casos. Onte, o Concello anunciou un premio de investigación e outro de relatos da mocidade na súa lembranza. Todo iso non é pouca cousa. Pero a mellor homenaxe é axuntar máis dun cento de rapaces arredor da figura de Blanco Amor. É de xustiza: porque Blanco Amor merece todo iso e moito máis.
13 comentarios:
Recoméndolles, se algún de vostedes non o leu, "Eduardo Blanco Amor, diante dun xuíz ausente", de Gonzalo Allegue.
Unha boa biografía, e este é o caso, faiche coñecer o "corpo e alma" do biografado, con todas as súas luces e sombras. E aínda así, hai aínda moitas cousas que non se saben de EVA.
Hailles moita biografía-panexírico por aí adiante, especialmente as que se escriben co gallo das Letras Galegas...
Parabens para os profesores e alumnos/as dos institutos que homenaxearon a don Eduardo "blanco de amor" (como alguén lle chamou). Eis un dos camiños para o "fomento da lectura": sacala das tantas veces escuras aulas, sacala dos enfaixados e momificados libros de texto e poñela en contacto coa vida, co mundo e coa realidade. A luz e a forza da motivación e do gusto pola lectura ha de vir da man de profesores/as imaxinativos, creativos e capaces de contaxiar ó seu alumnado ese virus "lecturófilo".
Mentres se buscan culpables do SUSPENSO en lectura (PISA), o profesorado ten nas súas mans o antídoto: "contaxiarlle ó seu alumnado o vicio de ler".
Graciñas, Xavier pola visita e polas túas palabras: en efecto, algo hai que facer para contaxiar ese "virus lecturófilo" e non é doado no mundo que vivimos. Axudémonos das visitas culturais, dos roteiros literarios, da música, dos concursos de lectores, do que sexa preciso...
Para M. SWAN: xa escribín no seu día (en El Correo Gallego) que a biografía ficcionalizada de Gonzalo Allegue é magnífica, de feito presentámola daquela no Liceo ourensán. Pero o certo é que foi moi polémica e houbo voces públicas contra dela moi hostís: dúas, p.ex., Ricardo Palmás dende Lisboa (non lle gustaron as alusións ó EBA homosexual) e Francisco Rodríguez.
Noraboa Xabimusic ! Acaba de atopar vostede a solución do problema que hai tempo trae de cabeza a grande parte dos docentes : " profes imaxinativos " e fomento da lectura garantizado . Os pais - nais que non se molesten, nen empecen a ler coa súa prole dende pequenos ,nen lles ensinen a valorar os libros , nen lle merquen un nin por reis,nen os vexan nunca xamais lendo, e que a mellor utilidade que lle pode prestar un libro sexa para nivelar a pata da cama.
Agora só compre coñecer a dose exacta que haberá administrar do antítodo e asunto resolto.
Alégrame coincidir con Swann -¡algunha vez tiña que ser, coño!- e coa súa avaliación da orixinal, insólita e aínda pouco recoñecida biografía literaturizada que Gonzalo Allegue fixo de Blanco-Amor.
"EBA. Diante dun xuíz ausente" é, para min, un dos mellores libros en galego dos últimos vinte anos. Lástima que case ninguén o lese.
Vexo que está vostede, sr. anónimo, moi de acordo coa "doctrina oficial" no que respecta á interpretación dos datos do Informe PISA ( Ministra de Educación dixit). Bueno, era de esperar... o caso é "botar balóns fora"...
Sen menosprezar o papel das familias no fomento da lectura - faltaría máis - o caso é que o mesmo Informe ven a demostrar que o profesorado convértese sempre nun factor decisivo no desenvolvemento do hábito lector como se pon de manifesto nun dos países que encabezan o estudo: Finlandia.
Tamén, e perdoen a brincadeira, encabeza o índice de suicidios do mundo mundial. Só hai que ver as pelis de Kaurismäki.
Para Xabimusic
Non vexo que nas miñas palabras se poida atopar ningún tipo de achegamento á "doctrina oficial" pero se vostede o dí... De todos xeitos se se toma a molestia de visitar outro fío deste blog "lectura e Universidade" poderá comprobar que hai un enlace dunha servidora a un artigo relacionado co tan traido e levado informe, e un sucinto comentario do que opino sobre o particular.
É obvio que o papel do profesorado é fundamental, esencial, e non só no desenvolvemento do hábito lector, pero a contraofeta da sociedade na que vivimos é tan forte e require tan pouco esforzo que non traendo postos da casa certos hábitos, valores e actitudes, por moita imaxinación , creatividade e ganas que se lle boten ó asunto, será un esforzo baldío.
Lémbrolle tamén que, en Finlandia, paradigma, parece ser, do que hoxe en día se considera ensino de calidade o recoñecemento socio-económico que disfrutan os docentes está a anos luz do que gozan no noso pais.
Doniña ( por veces anonymous )
perdón "contraoferta"
A crítica soe dicir que A Esmorga é a mellor novela de EBA. A min persoalmente gustoume máis Xente ao lonxe.
Coido que a primeira edición é de 1972 e foi recortada pola censura, pero non estou certo de que este dado sexa certo.
Está vostede no certo, señor Marchulenis. Houbo cortes, por exemplo, en pasaxes relativos á Garda Civil e cousas así. E antes dese ano fora prohibida na súa integridade.
Publicar un comentario