26 ene 2008

Miguel Anxo Fernán Vello
CADERNO ABERTO 21-24 XANEIRO 2008 (Galicia Hoxe)

O amigo Fernán Vello fixo durante esa semana unha xeira de artigos sobre a realidade da literatura galega hoxe, na poesía e noutros xéneros. Axunto agora os seus cinco artigos (en COMENTARIOS) para dar a oportunidade de lelos completos e con máis coherencia. Non abondan demasiado estes achegamentos de conxunto, por iso pensei que pagaba a pena traelo aquí.

Letras galegas do noso tempo (I).

Coincido eu plenamente con Avelino Abuín de Tembra: "Nunca se produciu en Galicia tanta e tan magnífica literatura desde a Guerra Civil. Unha promesa de lingua forte, digna e decorosa. ¡Aval e garantía de supervivencia!". A literatura galega que se produce hoxe, no seu conxunto, é unha aposta polo noso futuro como país –nación con cultura propia e idioma propio– e constitúe unha realidade de gran transcendencia artística e estética. E todo isto é demostrábel. Existe, por exemplo, unha pléiade de poetas novos –e as mulleres aí son máis visíbeis, aínda que hai nomes masculinos de indubidábel calidade– que non ten parangón, na súa diversidade e valores poéticos per se, non só na Península Ibérica senón no conxunto das poéticas europeas. E esa xeración nova –poetas que andan agora arredor dos 30 anos–, unida á xeración anterior –a chamada Xeración dos 80–, son talvez o momento da poesía galega máis importante –xunto co período medieval e o rexurdimento do XIX– de toda a nosa historia. A poesía galega actual, señores destrutores do país, é unha realidade luminosa que percorre Europa.

(O artigo completo en comentarios)

36 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
CADERNO ABERTO 21-24 XANEIRO 2008
Letras galegas do noso tempo (I)
Coincido eu plenamente con Avelino Abuín de Tembra: "Nunca se produciu en Galicia tanta e tan magnífica literatura desde a Guerra Civil. Unha promesa de lingua forte, digna e decorosa. ¡Aval e garantía de supervivencia!". A literatura galega que se produce hoxe, no seu conxunto, é unha aposta polo noso futuro como país –nación con cultura propia e idioma propio– e constitúe unha realidade de gran transcendencia artística e estética. E todo isto é demostrábel. Existe, por exemplo, unha pléiade de poetas novos –e as mulleres aí son máis visíbeis, aínda que hai nomes masculinos de indubidábel calidade– que non ten parangón, na súa diversidade e valores poéticos per se, non só na Península Ibérica senón no conxunto das poéticas europeas. E esa xeración nova –poetas que andan agora arredor dos 30 anos–, unida á xeración anterior –a chamada Xeración dos 80–, son talvez o momento da poesía galega máis importante –xunto co período medieval e o rexurdimento do XIX– de toda a nosa historia. A poesía galega actual, señores destrutores do país, é unha realidade luminosa que percorre Europa. Están os nosos poetas, os máis novos e os non tan novos, en Italia, en Francia, en Alemaña, en Polonia, na Gran Bretaña, en Irlanda, en Bélxica, en Holanda (…), convidados a importantes eventos internacionais e a poesía galega e en galego resoa coa máxima naturalidade e a máxima transcendencia, e é respectada e admirada, valorada en grao sumo. E non hai nada que envexar. Pois a nosa poesía está á altura de calquera poética de calquera país europeo. E así é percibido por unha amplísima maioría. É máis, eu penso que na actualidade a poesía galega no seu conxunto é un dos grandes patrimonios europeos e universais, un signo inequívoco da enerxía creativa e da potencia lírica dos nosos poetas e do noso idioma, xa instalados no século XXI. Por sorte, para ben das nosas letras nacionais, posuímos unha valiosa tradición lírica, temos un presente espléndido e o futuro é un reto fronte ao cal os poetas nunca, nunca desfalecen.
Letras galegas do noso tempo (II)
Xa o teño afirmado con anterioridade: No ventre do silencio, de Méndez Ferrín, e Os libros arden mal, de Manuel Rivas, son dúas obras literarias que, no eido da novela, están entre os mellores títulos, sen dúbida, da narrativa europea do noso tempo. E, se falamos de narrativa, viron a luz tamén entre nós nestes últimos anos outros títulos de gran peso literario e estético, e contamos con autores de primeira liña non só se acudimos ao concerto ibérico senón tamén pensándomos no espazo literario exterior a nós. E velaí, entre outros, os nomes de Suso de Toro, Alfredo Conde, X.C. Caneiro, Teresa Moure, Anxos Sumai, Xosé Miranda e Lois Diéguez (O canto do muecín), por darmos agora mesmo sete nomes inmediatos e de urxencia. ¿Custa tanto recoñecermos os méritos dos nosos narradores? ¿Acaso non están moitos dos nosos novelistas á altura do que se publica hoxe, por exemplo, en Francia, en Italia ou en Alemaña? Algunhas das obras dos autores anteriormente citados, e doutros que poderiamos citar igualmente, posúen altísimo valor literario, non só pola súa técnica á hora de narraren e construíren os distintos artefactos narrativos senón tamén polo dominio artístico da linguaxe e polo acerto nos temas a desenvolver, facendo gala dunha fonda orixinalidade e dun sentimento de paixón pola literatura entendida tamén como unha forma de coñecemento. Volvendo a Rivas, Os libros arden mal é a obra dun mestre. E estamos diante dunha novela paradigmática, e pouco común, onde impera a estrutura, a forma, mais onde tamén goberna a ética e a estética, con–fundíndose ou imbricándose estas dúas instancias. A narrativa de Manuel Rivas en particular e a narrativa galega dos últimos anos en xeral proban o gran poder creador dos nosos escritores. Nunca tantas obras narrativas, en cantidade e en calidade, viron a luz. E nunca tantos lectores tivo a narrativa galega como ten na actualidade, tanto en casos particulares como no seu conxunto. Isto significa progreso, e isto pide máis esforzo e máis traballo. E niso se está.

Letras galegas do noso tempo (III)
Resulta de grande interese comprobar como na literatura galega dos últimos trinta anos existe un contínuum, unha renovación xeracional –enténdase isto ben–, unha tensión crecente e posta ao día na escrita, e xorden novos nomes que se incorporan a esa república libre en expansión que son as Letras Galegas de hoxe. En determinados ámbitos e en determinadas persoas maniféstase –raro sería que así non fose– o que poderíamos denominar un cadro de “pesimismo-tremendismo”; é dicir, unha visión “apocalíptica” sobre a literatura actual de noso, condenada e desprezada, cando non directamente negada. Mais o certo é que a literatura galega –e en particular a poesía, seguida da narrativa– é unha das realidades máis vivas e observábeis no plano cultural e no plano social do país. Existe no noso espazo literario, isto é obvio, unha gran diversidade de propostas estéticas, unha ampla gama de contactos e diálogos entre o pasado e o presente, ou entre o presente e o pasado –velaí os signos da tradición e da modernidade–, e un espírito xeral de compromiso coa realidade, estado do idioma incluído. Nunca houbo na literatura galega moderna tanta base de coñecemento, tanta acción creativa e tanta convivencia interxeracional actuante e intelixente. Dende Luz Pozo a Berta Dávila, dende Bernardino Graña a Diego Cousillas, dende Rafa Villar a Xavier Rodríguez Baixeras ou Claudio Rodríguez Fer. E nunca houbo na literatura galega moderna tantas perspectivas de futuro. A pesar de todo. A pesar da existencia de políticas nefastas sobre a normalización democrática do idioma. A pesar dos pasos atrás que se teñen dado e dos atrancos que aínda sofre na actualidade a creación cultural galega e o idioma propio de Galicia. A nosa literatura nacional –si, nacional, e universal– nunca tivo tanta instalación e establecemento no tempo, tanta cristalización e tanta enerxía para encararmos as décadas que trae o novo século. Eis o reto: apostar con paixón e intelixencia polo idioma literario e conquistar sabiamente o futuro.

Letras galegas do noso tempo (IV)
No devalar da nosa literatura contemporánea existe, como temos afirmado noutras ocasións, e a pesar de certos xestos e certas formas de ruptura, un contínuum textual de carácter ético e estético, e tínxese ese río literario de coñecemento da tradición e de recoñecemento autoral. Os autores da Xeración dos 80, sen irmos máis lonxe, souberon dialogar, respectar e admirar os seus predecesores, a Grande Xeración, en palabras de Darío Xohán Cabana; e, tal como afirma o académico lugués, "desde 1975 moitos da Grande Xeración construíron a súa mellor obra, e incluso a maior parte, en relación dialéctica vivísima, e xeralmente en gran camaradaxe, coas novas fornadas". Palabras estas, as de Darío, xustas e perfectas. Velaí a Salvador García-Bodaño, a Xohana Torres, e a Bernardino Graña, Avilés de Taramancos, Manuel María, Novoneyra e Arcadio López-Casanova, todos eles poetas imprescindíbeis: sen nos esquecer, por suposto, de Celso Emilio Ferreiro. E velaí, noutros xéneros literarios, figuras tan nidias e importantes como Xosé Manuel Beiras, Carlos Casares, Xosé Chao Rego, Mª Xosé Queizán, Paco Martín, Victor Freixanes, Martínez Oca, Fernández Ferreiro, Manuel Lourenzo e Vidal Bolaño, entre outros. Todos eles deron obras fundamentais para a literatura galega a partir do ano 1975 e foron unha excelente ponte de conexión entre os máis vellos e os máis novos, ou entre eles mesmos e os que virían despois. Como o foi tamén, e de xeito admirábel, Carvalho Calero, mestre grande e sabio real, aínda hoxe sometido a un retiro obrigado, a un esquecemento impresentábel, por boa parte da intelectualidade, académica ou non, deste ás veces tan ingrato país. Os últimos 30 anos da literatura galega foron realmente magníficos: na súa diversidade e riqueza de propostas, na súa transversalidade xeracional, na capacidade de afirmación dunha literatura nacional e na aposta firme por unha expresión literaria de calidade. Eu síntome obrigado a todos eles, pais literarios e mestres no oficio irmandiño das Letras.
Letras galegas do noso tempo (e V)
Escribir hoxe en galego é, para a case totalidade dos creadores literarios galegos, un compromiso ético e estético. Se ben o ético está na xénese mesma do discurso literario, os autores literarios de noso posúen, dende a pluralidade, unha particular "visión do mundo", unha "situación" e, en moitos casos, unha ideoloxía. E somos conscientes os escritores, nunha amplísima maioría, de que utilizamos como ferramenta de comunicación, de comunicación social e artística, un idioma ameazado, un idioma aínda en moitos ámbitos proscrito. ¿E por que escribimos en galego? Puidera dicirse que se escribe en galego porque é o idioma natural, o idioma propio; porque é un idioma con inmensas posibilidades para o literario, e porque é tamén un acto de amor, de respecto e de sensibilidade, de reverencia, fronte ao pasado, fronte aos devanceiros e fronte a nós mesmos. Facer literatura hoxe en galego é unha aposta pola dignidade presente e futura dun país que non sempre recoñece esa literatura. Hai casos de recoñecemento explícito dun autor e da súa obra no estranxeiro, con todas as da lei, cando na propia casa a súa identificación e valoración é mínima. E todo isto forma parte dunha realidade non sempre visíbel para nós. Pode acontecer mesmo –e isto, forzando a esaxeración, sería realmente grave– que a literatura galega se salve ou perviva fóra do seu ámbito natural. E hai que evitalo. Dende as institucións públicas responsábeis hai que evitalo. Entre todos temos que evitalo. A literatura galega no seu conxunto, a histórica e a de hoxe mesmo, é en si mesma un dos máis importantes e transcendentes patrimonios cos que conta Galicia. O idioma feito arte. O idioma respirando no tempo, afirmándose no tempo, dirixíndose ao futuro con todo o seu peso vivo. Porque vivimos un gran proxecto e un gran reto todos os escritores do país. E a ese reto deben sumarse con enerxía libreiros, profesores, políticos e cidadáns en xeral. A literatura galega pode chegar a ser unha marca nacional e internacional de calidade. Pois adiante.

Anónimo dijo...

Naturalmente que Fernán Vello é moito máis lido ca min nisto da literatura galega. E, sen dúbida, que terá un criterio moito máis acaído.

Mais eu vexo un tanto superficiais estes artigos. Xa non só porque presente un panorama idílico e harmonioso onde todo é moi rico e moi abundante, no que só falla a promoción institucional e a proxección exterior. Tamén os vexo superficiais porque apenas vai alén dun relatorio de nomes acompañados de adxectivacións gabanciosas.

Certo que o formato breve non permite moito máis. Por iso estaría ben que profundase noutros formatos noutros lugares. Non ten máis que poñerse ao labor.

Anónimo dijo...

Gustóume a expresión "rosario de nomes gabanciosamente adxectivados", Apicultor. Xa a apuntéi no meu caderno mental.
(Algún día explícolles o do "caderno mental").

Anónimo dijo...

Totalmente de acordo con Apicultor.

Anónimo dijo...

Faime gracia esto: " E estamos diante dunha novela paradigmática, e pouco común, onde impera a estrutura, a forma, mais onde tamén goberna a ética e a estética, con–fundíndose ou imbricándose estas dúas instancias." A típica linguaxe valeira, do que semella non ter nada que dicir. A non ser, claro, que demostre o contrario dicindo algo algún dia nalgún sitio.

Anónimo dijo...

A típica linguaxe valeira dos hipnotizadores, Jim Morrison.Non se deixe hipnotizar!.XDDD.

Anónimo dijo...

Postos a facer sangue aínda se poderían poñer máis exemplos de vacuidade, Jim.

A tese central dos textos viría sendo "vivimos no mellor dos mundos posibles... literariamente falando".

Amigo XDC, mellorou vostede substancialmente a miña frase orixinal, que era moito máis pobre e menos suxestiva. Eu tamén tomo nota da súa mellora.

Anónimo dijo...

Podemos dicir que o de Fernán Vello é unha mostra de "patriotismo literario". Algo notoriamente diferente de "crítica literaria".

Semella que, tamén na literatura, patriotismo e crítica son termos antitéticos.

Anónimo dijo...

Son inexplicables estas palabras de MAFV sen termos en conta as de Franco Grande. Contextualicemos, pois, esta exaltación.

Anónimo dijo...

Ou sexa, que se trataría da típica espiral acción-reacción-acción?

Oh, non! Agora vira o Franco cunha nova entrega, e despois a nova reacción... e así até o día do xuízo final.

Estámoche aviados!

Anónimo dijo...

Pois moito me temo que si. En gran medida, porque sempre foi deste xeito. Pero tamén porque desto tamén se vive.

Anónimo dijo...

Concordo con Arume en que a serie de artigos de Fernán-Vello hai que lela como unha réplica implícita a Franco Grande e, en xeral, a todos aqueles que, publica ou privadamente, relativizan ou mesmo desdeñan o valor da literatura galega actual.

Os artigos, en efecto, van pouco máis alá da soflama exaltatoria, pero creo que, tendo en conta o formato e o medio no que aparecen, cumpren perfectamente a función vindicativa que se propuxo o seu autor.

En todo caso, a polémica esta a min paréceme un pouco cutre, característica ética e estética, como diría Fernán Vello, que se fai aínda máis notoria pola vontade dos que nela participan de exprimila ata os límites do fastío.

E digo que a polémica é cutre porque, polo que levo lido, todo se reduca practicamente a un "gústame" ou "non me gusta" e a un par de ataques "ad hominem".

E créanme que lamento constatar unha vez máis a escasa disposición da literatura e, en xeral, a cultura galega a abordar os seus problemas máis acuciantes con valentía, serenidade e rigor.

Anónimo dijo...

Mágoa que Fernán Vello deixase pasar a oportunidade...!

Anónimo dijo...

Dicía eu hai tres ou catro horas (antes de que unha mensaxe miña neste fío se borrase), que madia leva que Fernán Vello considere que a literatura galega vai vento en popa, el, que leva recibido moitas subvencións dos distintos gobernantes (destes e daqueles) para a súa editorial.

Anónimo dijo...

A recepción da literatura galega vén sendo aproblematizada pola cesura dun silencio sistémico.
Non lin todas as obras publicadas estes últimos anos, pero si unhas cantas que fun seleccionando cun criterio que arranca do interese subxectivo pero que non renuncia a acadar unha marxe ponderábel de obxectividade. Téñome encontrado con obras que pola súa aportación e innovación formal ou tématica problematizan, poñen en cuestión o que até de agora se ten feito, apuntando con maior ou menor éxito a outro xeito de escribir. Sorprendentemente a recepción destas obras ten pasado case desapercibida ou ten sido valorada dun xeito que omitía estes elementos polémicos.
A recepción limitase case a dar o placet ou retiralo, a facer unha descripción argumental, unhas comparacións superficiais con outras obras e pouco máis. Semella que ninguén quere inserirse na polémica a que algunhas destas obras apuntan. Isto requeriría unha analise de maior profundidade, unha maior interrelacción entre os receptores e unha vida intelectual que no país non existe. A medida que os elementos que configuran o sistema literario aumentan e se especializan, os criterios extraliterarios de valoración das obras aséntanse máis firmes, e un semi-invisíbel tecido de intereses técese tan finamente que é xa practicamente imposíbel dicir a verdade, orientándose o nosa literatura cara algo tan pouco literario como o é “morrer de éxito”.
Ten que aparecer de vez en cando algún grande malhumorado e soltar un franco exabrupto para que ese proceso de felicidade letal se excite e reaccione histericamente, pero non para sinalar o mal e orientarse cara a vida literaria, senón para que todo siga igual.

Anónimo dijo...

Como ocurría antano cos tratantes e cos paisanos que acodían ás feiras, nisto da literatura cada un fala segundo lle vaia nela. Poucos casos hai que transcendan o máis inmediato interese persoal e tenten de ir máis alá na súa avaliación.

Mudando de terzo.

Eu non tiño moito do publicado nos últimos anos e non son quen de tracexar un mapa orientativo.

Por iso estaría ben que Jimy nos sinalara, segundo a súa opinión, cales poderían ser esas "obras que pola súa aportación e innovación formal ou tématica problematizan, poñen en cuestión o que até de agora se ten feito". Para orientarnos.

Anónimo dijo...

Un artigo nun xornal (ou cinco artigos) constitúe obra moi condicionada polo formato e a suposta recepción; con todo, o espallamento da prensa diaria converte estes artigos en interesantísimas pancas de difusión -aínda que derive en coñecemento superficial- para ideas que, expresadas noutro formato e expostas noutro medio- serían degustadas e analizadas por catro ou cinco (poñan cen ou douscentos).

Eu estimaría que Fernán Vello, se así o considera, desenvolvese con outra profundidade e estrutura estas ideas, ou subxacentes ou eludidas, e todo fose publicado no Grial; no entanto, non desdeño en absoluto o que acabo de ler, que por outra banda -á vista está- a crítica pode desenvolver desde a posición oportuna.

Non teño eu claro que as dúas últimas sexan as maiores xeracións da poesía galega xunto, se cadra, co Rexurdimento e os trobadores; xa que se expulsa do máis alto do Parnaso á continuidade (relativa, pero existente) que iría de Noriega e Cabanillas a Ferrín e Cabana, pasando por Aquilino e Cunqueiro. Si, pola contra, atopo obvio que nunca a cultura de expresión galega experimentou a diversificación, especialización e actualización que a caracterizan desde haberá algo menos de trinta anos; con obra publicada circunstancial, autores menores, medianos e moi grandes figuras; cun número relevante de obras con grande peso na fondura, a calidade estilística, en suma, a espesura literaria: isto supónselle a calquera literatura desenvolvida, e a grande noticia é que a galega responda bastante a tal parámetro, por primeira vez na súa historia, se facemos aparte da literatura medieval, que aludo porque a súa crítica non adoita suscitar aquí excesiva paixón.

Pois ben, esta literatura moderna, bastante apañadiña e con algúns magníficos vimbios, era desprezada, ata hai pouco, por desprezadores internos e externos da lingua e aquilo que nela se faga; agora xorde algunha voz interna, para min ben respectable pero que debeu ter día non excesivamente afortunado de caletre ou pluma.

Eu non entrei na polémica suscitada a raíz do artigo de Franco Grande. Primeiro, posiblemente non sexa quen; segundo, non tería moito onde; terceiro, respecto a Franco Grande.

Pero que alguén xurda para puntualizar máis obxectivamente, aínda que eu non coincida con todo o que di, parece reacción sa do corpo que enaltece á man realizadora. A literatura galega contemporánea foi (re)construída a pesar da historia; mantela foi acto en efecto de compromiso ético, cívico, continúa en moita medida séndoo; e aínda con tal esforzo e relativa miseria, non facemos para nada o ridículo, nin dentro nin fóra.

Se MIguel Anxo Fernán Vello soprou máis ca min ca trompeta, non quita para que eu me queira situar na mesma orquestra. Se son aceptado.

Anónimo dijo...

Eu non TEÑO LIDO moito do publicado...

Anónimo dijo...

Coma sempre (o vicio da tecla prematura), hai gralla importante que me fai consumir outra mensaxe. Fin do terceiro parágrafo:

"...se facemos aparte da literatura medieval, que eludo porque a súa crítica non adoita suscitar aquí excesiva paixón".

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Sirva este último seu reproche para lle dicir que teña en mín un devoto da literatura medieval galega. Sen dubidalo. Non é pouca paixón: é silencio do que outorga.
Pardieu: o seu estilo contaxia.

Marcos Valcárcel López dijo...

Comparto con XMG e con Arume esa paixón pola nosa literatura trobadoresca gal-port. ou galega só, que diría Ferrín.
Quizais non sei transmitila con xeito no blog (XMG colabora a cotío con poemas moi axeitados),ou quizais ata teña medo de que a distancia cronolóxica sexa demasiado longa para algúns lectores. Pero haberá que intentalo e dedicarlle máis importancia no futuro

Marcos Valcárcel López dijo...

E falando de boa literatura: esta tarde foi de traballo. Levo dúas horiñas revisando textos de Manuel Rivas para a presentación da súa charla no Liceo o martes: xa teño o fío conductor e creo que non quedará mal. Rivas merece un traballo coidado ó respecto, non?

Anónimo dijo...

É posible que onde aludín a falta de paixón debese dicir falta de coñecemento; e non aludo agora, nin aludía antes, a xente coma vdes. os dous, senón a outros que, se cadra porque os estudos non o facilitaron, pouco se teñen achegado á poesía dos trobadores.

O certo é que a literatura contemporánea (ás veces, tamén a moderna nalgún dos seus fitos senlleiros) suscita aquí diálogo e por veces debate; a medieval, pola contra, escaso comentario. Obviamente, tan apego ou opción non se debe forzar; por moi interesante que un xulgue o que sexa.

Anónimo dijo...

Dúas horas para o fío condutor... Non, madia leva, estráñame ben que O'Rivas quede descontento.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Hai unha tese de Isabel Castro que publica agora Xerais, titulada Reexistencia, que é unha monografía sobre Rivas. O propio Brétemas fala dela estes días: Isabel Castro

Anónimo dijo...

Repito a miña petición a Jimy por se ten a amabilidade de contestar:

Eu non teño lido moito do publicado nos últimos anos e non son quen de tracexar un mapa orientativo.

Por iso estaría ben que Jimy nos sinalara, segundo a súa opinión, cales poderían ser esas "obras que pola súa aportación e innovación formal ou tématica problematizan, poñen en cuestión o que até de agora se ten feito".

Para orientarnos...

Anónimo dijo...

Eu creo, amigo APicultor, que ten que ser vostede o que comece a ofrecer pistas (provocadoras, ofcors). Co que leu seguro que ten para esbozar de sobra. Apunte.

Anónimo dijo...

Tamén podemos aproveitar para ránkings e recomendacións. Poñamos os últimos dez (outra vez o sistema métrico decimal: podemos poñer 8 ou 16, para satisfacción de don Xohan) anos.

Anónimo dijo...

Non crea, Arume. Dos últimos cinco anos teño lido moi pouca cousa.

Anónimo dijo...

... Por iso quixera saber que me teño perdido.

Marcos Valcárcel López dijo...

PARA APICULTOR:
Se non a leu, cando menos, debía de ler OS LIBROS ARDEN MAL, de M. Rivas. Pero cóllao con vagar, non é novela para ler dun tirón nin coa cabeza noutras cousas.

Anónimo dijo...

Si, home, esa si que a lin.

Anónimo dijo...

Un estudo italiano destaca a Estíbaliz Espinosa como novo talento europeo

A Universitá degli Studi di Roma la Sapienza publicou un volume sobre os novos escritores máis representativos de toda Europa.

Vieiros, Redacción - 13:12 28/01/2008

Baixo o título L'Europa dei Giovanni, a Europa dos mozos, a Universitá degli Studi di Roma fai unha análise da situación na que se atopa a nova literatura que se está a producir en toda Europa. Entre os catorce artigos cos que conta o volume, atopamos un dedicado á nosa literatura, relatado por Francisco González Lousada e coa escritora Estíbaliz Espinosa de protagonista.

O volume conta coas achegas de catorce estudiosos novos de linguas e literaturas estranxeiras na Universidade de Padova, que afrontan as tendencias e escritores emerxentes que están a aparecer nas literaturas europeas. A galega, aparece nesta obra ao mesmo nivel que as literaturas de países como Reino Unido, Alemaña, Grecia, Polonia ou España, entre outras.

A iniciativa pretende promover a investigación sobre novas expresións literarias contemporáneas, achegar os estudantes ás manifestacións máis recentes das linguas ensinadas en Padova e crear un espazo de encontro entre estudosos, público e editoriais.

Anónimo dijo...

De Estíbaliz busquen na rede Zoommm, textos biónicos. A ver que opinan

Anónimo dijo...

Tamén en Ialia celebran Il club della calcetta, de María Reimondez.
E moi axiña, Uomo senza nome, di Suso di Torino. Esto último con cariño. É o noso país de referencia. Máis ca Portugal, amigo Saavedra.

Anónimo dijo...

Leo este titular do Correo: "Estarán en la Red un millón de páginas de la biblioteca del Gaiás". Leo a noticia e non comprendo para que queren o Gaiás, se ofrecen os fondos bibliográficos pola rede. Cun galpón ben grande e ben custodiado (ou sen iso, porque supoño que eses libros que algún día serán o fundo bibliográfico de Galicia xa están en algún lugar nestes momentos) era suficiente. Vostedes dirán.