12 ene 2008

Vencello que nos xungue e ten en pé

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
27. Galegos somos, galegos seremos.
Para a Lourixe.
Ao mellor se recoñece dalgún modo.

Tamén Nós
Despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas viravoltas e trasvoltas polo cinema americano, a música dos Creedence, Pelé de gambeteo ou glamour da Soraia -en procura de algo inédito que nos salvase do habitual e vulgar- viñemos dar na sorprendente descuberta de que Galiza, a nosa Terra (oculta ao noso ollar por un prexuízo pailán, fulgor de bambolina, decreto negador) ofrecíanos un mundo esteso, novo, estimulante á par dos que andabamos a procurar por aí afora.

Altos ían, e ergueitos
Homes e mulleres do torrón, liñaxe de case todos. Aínda numerosísimos miles sobre a terra do país, a rexa man confería agarimo resgatado na dureza dos días. Multitude quizá acéfala na confesa impotencia (“non somos unidos”). Pero si, calcando a terra, ergueitos malia sacho e invernía que dobraban res, neles era adoito descubrirmos a patria do traballo. Moral popular quíxose outrora distinguir no seu hábito; e esperamos que, acordando, se visen fortes, nación e dixesen: “quero”. Espranza xorda.

Lingua proletaria do meu pobo
Ao cabo, gustábame. Deume a gana e algo que viña alá do fondo, sen tristura, mandou que debía. Familiar vocablo contraído e postergado acomodou música verbal inevitable con outras harmonías, e decisión a tempo restaurou umbilical. A lingua dunha avoa aínda viva, afirmando no amor aos devanceiros, andaba insospeitadamente en libro vello e novo, fora de reis e trobadores. Zumegando fermosura prometía estar cos meus, coa xente miña, e todos os que sofren neste mundo un pranto cotián de bolboretas. Remo e arado, proa e rella. Co rostro erguido.

Este é o cantar que cantamos
Sempre sentira melodía en ondiñas, eu queríame casare e chamáranlle moreniña á vista de tanta xente; pero de súpeto xurdiron unhas voces ceibes e arelei facer coma elas. De concerto clásico e folclore alleo volvérase a guitarra instrumento para vitoria pre-sentida; coiros e gaita foron traídos, houbo amálgama entre Woodstock e tribo. Sombrío é por veces o cantar, mais tamén lume e espiral, outro mellor non hai. O vello cantaba unha lembranza; pro na patria abatida, e do pobo explotado, nacemos nós, os fillos da morte e do tristén. Desexando arrolar, e ser amados.

Acabando os anos sesenta, miúdo orballo galeguista pingaba na sociedade luguesa. A Editorial Galaxia, e outros pormenores, avivaran certo remol de cando a República. Morrera Pimentel; e quen era mozo no 36, tal Antón Figueroa, Ánxel Fole e Celestino Fernández de la Vega, trabara contacto ou amizade con algún vinte anos máis novo: Manuel María, Benxamín Casal, Uxío Novoneyra... Alonso Montero exercía, a literatura galega vedraña ou recente chegaba a rapaces e agora aprendían que había un país achegado, sen aguia nin frechas.

Naceran moitos na cidade; cos que non, adoitaban compartir unha orixe rural da familia. Era o labrego epítome de atraso e indelicadeza en particular imaxe social que arriba concibiran e os do medio espallaban con autonegación. Encontrando a Rosalía, déronlle a volta os novos galeguistas: numeroso, sufrido, inequivocamente nación, o campesiño foi grande modelo e forte esperanza. De onde, se non deles, podería vir a forza necesaria?

Seríamos sen fala unhos ninguén. Dicía o poeta e nós concordamos. Igual se nos levara, desde o berce, cara a outra declarada máis útil e eufónica; igual xa llelo fixeran aos pais. Pero reatar o vencello no idioma dos avós, da estirpe e a terra, fermoso, próximo e cotián; acadar normalidade e fluencia era en Lugo eventualidade gramatical, lexicamente doada. Un fondo prexuízo facíao porén -como fai- social e psicoloxicamente custoso. E o rapaz querencioso de equidade atopou vitamina democrática: o idioma somos nós, pobo común. O rapaz falou en galego, a lingua popular, produciu novidade e algún escándalo. Os nosos inimigos saben ben que as palabras vencen ás espadas.

Leuse primeiro, falouse. Ao tempo, cantabamos. O exemplo de Voces Ceibes -ás veces, quizá, directamente o de Serrat, Llach e outros catorce jutges-, ou aquel orballo que pingaba fixo galega a guitarra, xuntarse, entoar. Houbo en Lugo, sobre todo, grupos. O Carro (Antón Campelo, Chiruca, Pedro...) traía novas da longa noite de pedra: “Son un pasmón”, “Monólogo do vello traballador”, “María Soliña”... No 72, Mini, Mero e outros oito ou dez xuntaranse co cura Mato e escorrentarán meigallo: fuxan os ventos dos agoreiros!; a sabenza de Mato en materia musical e folclórica orientarán -primeiro ao grupo e sempre ao dúo- no gusto popular e labrego, un mundo que se borraba. Jei Noguerol estudaba no Masculino e falaba polos que non poden falar, denantes dos vinte anos.

Manolo Lombao, en Radio Popular os sábados á tarde, ofrecía palestra e micrófono para este fervedoiro; os Ceibes todos, os lugueses, Maxi e Xena, María e Xavier... Alí, e en festivais de colexio (A Divina Pastora, Gran Teatro...), máis novas voces xurdían: unha, dúas, tres, catro e ata cinco manifestaron, primeiro, ideais e despois transitaron por sendas do folc.

E chegou un momento onde se viu preciso, imprescindible, que o idioma do país fose proposto como fluído cotián, arte, cultura escrita, falada e non excepcional. Veu a Lugo Lois Diéguez, foi a lingua á radio, houbo conferencia e debate. Para daquela, a palabra galego, en nós, expulsara xa contracción, cacofonía. Orgullosa reconquista.

53 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Un fermoso "Arredor de si" do amigo lugués. Emocionado, coas raíces á vista. Naqueles tempos os versos de Manuel María e Celso Emilio abriron moitas cabeciñas: en Ourense o de Celanova foi levado ás táboas nunha montaxe histórica de Histrión 70, no Liceo e noutros lugares, na que actuaban Blanco Gil e Manuel Guede. Algún día lembraremos iso: a carraxe coa que pronunciaban os versos de "Lingua proletario..." ou o fondo lirismo do poema do soldado a loitar nunha guerra inútil.

Anónimo dijo...

Esa "lingua proletaria..." foi a segunda poesía que memoricéi en galego. Por propio gusto. A primeira fora "Meu carriño", de Cabanillas, que a recitara nunha festa de fin de curso por suxerencia dun mestre de E.X.B.

A ver se lles gosta Este Video

Anónimo dijo...

E "furen" nos videos relacionados en iutube, algún máis é pavero.

Anónimo dijo...

Sabe o que é un "tramoyista"?. Dende logo que supoño que si, aínda que agora creo que xa deixaron de chamalos así, cousa da modernidade. A principios dos 70 eu e un amigo gañamos uns cartiños no verán andando por os pobos de Ourense, lembro entre outros Muíños, Carballino, Celanova, Bande, etc.., facendo de tramoyistas e montando os escenarios da obra "Longa noite de pedra", que andaba a representar a compañía Histrión 70, como vostede ben di, Sr. Valcarcel. Sabe, eu que me criei na cultura franquista, que na vida estudara o galego, aínda que era a única lingua que falaba na miña casa e coa miña "tropa", sempre andaba un pouco mosca pois cando pasabamos por Celanova os actores, (Gil, Guede , a Srta. Calvo, penso que tamén Manolo Vidal, e algún máis do que xa non me lembro) sempre paraban a falar na praza do mosteiro de Celanova cun señor alto, de pelo branco e con gafas negras. Anos despois, cando un comezou a mergullarse na literatura souben quen era aquel home: Don Celso Emilio Ferreiro, e eu tamén aprendín de memoria a de "Língua proletaria do meu pobo, eu fáloa por que si, porque me gusta, porque me peta e quero e dáme a gaña; porque me sae de dentro....”
Que tempos aqueles, e que boa gozada deles.

Anónimo dijo...

O poema titulado “Canción para cantar todos os días” de Manuel María, que aparece linkeado no artigo de X. M. González, segue levantando espullas nestes tempos e sei dun centro de ensino onde non foi distribuída unha publicación entre o alumnado porque contiña tal poema. A cousa é tan recente como que foi no pasado mes de decembro.

Anónimo dijo...

Si, sr. Carqueixa, pero logo veu PV "y no lo pude resistir"...

Anónimo dijo...

O contertulio máis ou menos habitual deste blog debe saber ben que non teño o mérito nin o bo costume da autocorrección; iso, se lle presta atención a tal cousa, ou á miña persoa. Sexa como for, o colmo xa é que mesmo no EHP acaben coándose grallas: así,+folc por folk, última palabra do penúltimo parágrafo. E, pensándoo ben, é posible que non todas as Voces Ceibes chegasen a actuar no "Aquí la Juventud" que conducía Lombao en Radio Popular de Lugo. Si que teño lembranza clara de Xerardo Moscoso, Miro Casabella, Suso Vaamonde e non sei se un aquel de Vicente Araguas; tocante aos demais, non lembro que viñesen Guillermo nin Xavier e hai dúbida no resto. Estimaría confirmación ou refutación.

Anónimo dijo...

Da Coba, non sei se o sabe: "Meu carriño" cantábaa Miro Casabella, era unha das súas cancións máis características; coa súa música adóitabaa cantar eu tamén.

Dentro das Voces Ceibes, o Miro debía ser o que tiña claro perfil nacionalista, afirmado explicitamente por el mesmo. Deixara o grupo a unha altura que está indicada nun dos enlaces desta entrada.

Tamén era, para o meu gusto, o mellor de todos no aspecto musical e interpretativo.

Anónimo dijo...

Por certo: non sei se os deostadores da segunda parte do Himno -ou daqueles que a cantamos- teñen algunha achega sobre Celso Emilio e os "pequenos mequetrefes sen raíces"; por escoller unha pasaxe.

Vén isto ao caso do que nos conta o raf; cousa que non parece estraña: se o Manuel, que en paz estea, seguise entre nós, igual era acusado -el, que estimaba defender a lingua a poéticos metrallazos- de simbólica apoloxía do terrorismo lingüístico.

A tal extremo ten chegado a simpleza neste, seica, confortable tempo.

Anónimo dijo...

Atinou de pleno X. M. González. A cuestión do veto ao poema de Manuel María, (nin sequera ía completo, faltábanlle as dúas últimas estrofas) iniciouse polo que chama “terrorismo lingüístico”, só que nese centro empregouse unha linguaxe de máis corrección política e pedagóxica e díxose que era contrario a unha educación que fomentase a non violencia. Cando se contestou dicindo que a referencia a “metrallazos”, “avións”, “puñetazos”, etc. era unha figura literaria e que a frase contida nun verso da cuarta estrofa “as palabras vencen as espadas” contradicía o suposto nesgo violento do poema puxéronselle outras pexas, unha era que o alumnado non o entendería (para que está o profesorado entón?) e o argumento definitivo foi que podería molestar a alguén. Repito, atinou de pleno, co mesmo que se argumentou para non distribuír o devandito poema tamén se censuraría a terceira estrofa d’Os Pinos. Seguro que os escrupulosos que non queren ofender polas referencias a “porcos desertores repelentes”, “cabras, castrós, cabritos e renegados” coa mesma argumentación poden dicir que tamén ofenden as referencias a “iñorantes, féridos, duros, imbéciles e escuros”.

Marcos Valcárcel López dijo...

A "anécdota" que contou RAF merecería ser coñecida dende os medios máis convencionais. E logo un profesor non é quen de explicar o que é a linguaxe poética sen por iso deixar de educar para a paz?
Imos censurar tamén "Guerra e Paz" (si, xa sei que non se dá nos planos de ensino) pola súa temática bélica?

Marcos Valcárcel López dijo...

Para Xosé M. González: coincido no que afirma do perfil máis nacionalista de MIRO CASABELLA, así era percibido.
E, se falamos das cualidades estrictamente musicais (á marxe do contido ideolóxico), que categorías faría vostede? Quen dos músicos e cantautores citados merecería permanecer só pola súa calidade como cantante e músico?

Anónimo dijo...

É complexo avaliar artisticamente os Voces Ceibes.

Canto aos primeiros, unha figura que coñezo moi pouco é o Xavier Álvarez del Valle, o maior deles e seica tamén máis influínte nos comezos. Guillermo (supoño que saben todos quen é agora) gravou un disco con unha bonita peza lírico-afectiva ("A velliña") e un alegato pacifista ("Tirade ao chan os fusiles") para min ben inferior; había outras dúas cancións que non lembro e durou pouco como cantante, así é que non sei ben como axuizalo.

Moscoso e Benedicto tiñan calidades discretas, mellor voz o primeiro. Música interesante, sen máis; máis empuxe o Benedicto.

Vicente Araguas, penso que xa o dixen, tiña un certo perfil goliárdico: a voz semellaba ás veces de augardente, íalle o mal dizer... Sabía combinar a música cunhas letras bastante coidadas con vistas no seu obxectivo; aínda que a máis coñecida era "O camaleón", a min gustábame sobre todo a do frade escarallado (letra de Fernando Esquío).

E Miro... era o máis completo. O seu disco Cantigas de escarnho e mal dizer (Alfonso o Sabio, Joan Romeu, Arístides Silveira) foi con diferenza o mellor daquela primeira xeira, e canto a min un dos mellores de toda a Nova Canción: demostrou coñecemento literario, capacidade de escolla, bos colaboradores, voz e bastante bo uso dela; ademais (miren), era un tío elegante. El é de Ferreira do Valadouro, pero viña de estudar en Barcelona e notábase.

Dos de despois, Bibiano trouxo un aire novo moi fresco, urbano, barrial e de rock. Suso Vaamonde, pulo, boas músicas e boa voz, aínda que por veces algo curta de rexistros; a súa relación con outros (Fuxan os Ventos, por exemplo) valeulle posiblemente para medrar; era ben bo para a relación, o Suso que en paz estea.

Quédome co Miro. Boten conta: "Ti, Galiza", "O meu país", "Meu carriño!", "Olla, meu irmau"; vaia póker de clásicos, e o que queda por tras.

Anónimo dijo...

No tocante ao outro tema: nos primeiros tempos da materia Lingua Galega nos institutos (rematando os anos setenta), oíra eu que nun instituto de Pontevedra algún pai protestara (en realidade, teño idea de que denunciara, pero na dúbida deixémolo na opción menos gravosa) porque se poñía como lectura escolar A esmorga; por razóns, supoño, de moral ou escándalo.

Agora, seica o politicamente correcto (ou incorrecto, ás veces mesmo me perdo) chega ao Himno, Manuel María... Con que se animen un pouco, igual toca a Celso. Castelao salvarase, de momento, porque a mensaxe está "estilizada"; Ferrín, porque como a Beiras (son dunha xeración, ao cabo) dirán que ninguén o entende.

Paremos, xa serei acusado de hipérbole. Pero asegúrollelo: hai quen se queixa polo anuncio de Gadis (Vivamos como galegos): "Y luego, ¿el que no sea así no puede ser gallego?". Ou cousa parecida.

Anónimo dijo...

Amigo Marcos:
Non teño inconveniente ningún en fornecer todos os datos referentes a "anécdota" que relatei, porque o tema malia ser moi miúdo polo alcance do mesmo, non o é en absoluto polo caracter que ten. A min paréceme algo grave e que de verdade nunca pensei que se puidese producir nun centro de ensino público nestes tempos. Creo polo tanto que a difusión do acontecido sería boa cousa, e cada pau que terme da súa vela.
A difusión da publicación, que se elabora no centro, está parada dende o mes de decembro, porque se lle pide a persoa que a elabora que retire o poema, algo ao que esta se nega. Di esta persoa que se queren substituír o poema que o faga outro e que el deixa de responsabilizarse da publicación, algo que ata agora non se ten producido.
O tema está parado na espera de que esa persoa acepte o veto, pero a tal pide que se reconsidere o decidido (porque xa se decidiu en reunión de todo o profesorado que o poema non é axeitado e que polo tanto non vai), e que a publicación se reparta tal como está. O tema vaise tratar nunha próxima reunión, aínda que a decisión está tomada xa.
Coñezo ben o caso porque a persoa son eu. Non sei o que sairá, pero se a maioría decide que o poema non se publique, están no seu dereito de facelo. Eso si, penso que sentan un penoso precedente de censura, aínda que se vista doutra roupaxe.
Se teiman en agochar a Manuel María podes dar o meu nome onde queiras, así como o do centro de ensino implicado.

Anónimo dijo...

A maioría dos cantantes de Voces Ceibes eran moi malos. De feito, eran considerados como unha especie de broma polos músicos pop-rock da época. Os únicos que se salvaban, ao meu xuizo, eran Miro, antigo na instrumentación pero con sensibilidade para musicar e interpretar, e Bibiano, de voz mediocre (mesmo desafinaba) pero con letras urbanas interesantes e arranxos musicais de calidade.

Anónimo dijo...

Eu sempre vín aos Fuxan como militantes da causa nacionalista, pero nunca como bós músicos. Eran a banda sonora dun tempo (e de feito eu aprendín as cancións sen necesidade de determe a escoitalas: bastaba frecuentar certos bares da vila), pero mercar os discos daquela xente era militancia pura e dura.
Agora ben, tamén hai que recordar as críticas que recibiamos os que dabamos as costas a esa música e preferiamos a Pink Floyd (por poñer non precisamente aos que máis nos gustaban). Diso tamén houbo. E moito.
De Bibiano sempre recordo bellísimo "Os orfos": "Haaaai un balón, o fiillo de Don, hai unha gabardina, aquela cousa fina,... xogaron por xogar".

Anónimo dijo...

A min paréceme que ten habido algunha inxustiza na avaliación da Nova Canción Galega canto a calidade musical.

No primeiro comentario, aquí, conteilles eu sobre un concerto e un programa de TV, o ano pasado. Neste, Antón Campelo lembraba que en Lugo a Nova Canción tivera bastante relevancia, caracterizada ademais -dicía el -por unha atención e coidado maior ao aspecto musical. Non é xusto, penso eu e gustos aparte, considerar que Fuxan os Ventos eran musicalmente malos: hai voces, harmonía, instrumentos afinados, ben tanxidos e algún momento ben notable; mala música "Compañeira"?; "A Carolina", a "Foliada de Nadela"?; "O aradiño", "Os cesteiros", a propia "Fuxan os Ventos"? Si que había un bo valedor de tal tese (o de seren malos e non saberen cantar), o musicólogo Xoán Manuel Carreira. Nunca me pareceu ben, e tampouco agora; gustos aparte.

Tampouco non me parece que os Voces Ceibes fixesen un traballo dersprezable; os comentarios están máis arriba, e Suso Vaamonde, en particular, tiña boa voz, modulaba, aínda que se botase de falta maior variedade rexistral.

Ora ben, algo si que é certo: Batallán aparte (merecería comentario ad hoc o seu "dylanismo"), a alta calidade musical -como media- apareceu mediando os setenta. É o tempo no que chega, particularmente, Antón Seoane, que seica tiña estudos musicais e compoñía con xeito; Agustín Maroñas (quen saberá que foi del?), gran gaiteiro que viña de Cantigas e Agarimos; Rodrigo Romaní (de dezasete ou dezaoito anos) ía madurecendo; os da Coruña (Xurxo Mares e Quintas-Canella, a máis do Miro), cada un no seu estilo; e, por abreviar, o segundo gran chegado desde a música chamada "moderna", despois de Bibiano: Emilio Cao. Daquel, a partir daquela, a cousa púxose seria.

Había un gran grupo en Cedeira, Candieira, sobre cuxos alicerces non sei se non asentará en parte a Guadi Galego; veu deseguida NHU; Xocaloma... Paremos.

Anónimo dijo...

Non, se Fuxan os Ventos et alli estaban ben para o que estaban. Para cantar ao alimón nas tascas e romarías, un pouco bébedos e contentos. Música popular e populista, necesaria, sen dúbida.

Ora, había daquela xente un tanto repunante -coma min- que non gustaba das efusións etílicas-patriótico-musicais en comandita a carón dunha botella de tinto.

En consecuencia, automarxinabamonos, dentro do que se podía, de tales eventos "nacional-populares" (entendidos como auténticos da idiosincrasia do país) e, coma bechos raros tildados de elitistas, dexabámonos contaminar até o túetano polos estranxeirismos musiciais celebrados no idioma do imperio ianque.

Daqueles pós, daquela inequívoca falta de patriotismo musical, viñeron estes lameiros.

E é que así non se pode...

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Arrepentinme a última hora do que tiña posto sobre o que supuxo a Galicia de Maeloc para a canción anterior: un salto cualitativo, pero tamén o certificado de defunción dun estilo determinado. Despois de Milladoiro nada foi como antes, e foi, gracias a eles cando foi palmaria a escasa valía (dentro do orde que Saavedra González piadosa e xustamente lles aplica) musical dos anteriores. Velaí o paradoxo. Tamén hai que recoñecer que todo era moi precario naqueles tempos. Eu lembro o concerto de Fuxan os ventos polo 76 ou 77 en As Pontes e o local onde cantaban (acústica e estética), visto hoxe, mete medo. Entusiasmo non lles faltou nunca nin o aplauso entregado do público que sabía as cancións de memoria e afogaba (algún pensaba que para mellor, ghe, ghe) mesmo as voces do grupo.

Anónimo dijo...

Suso Bahamonde, con quen me xuntaba aos 15 anos nos portais do barrio de Casablanca para tratar, sen éxito, de que cantase a B. Dylan (a el lle ían máis as cancións sudamericanas), tiña voz de barítono de taberna, non de cantautor. E Fuxan os Ventos, a quen non me atrevo a xulgar artisticamente, á vista dos seus moitos siareiros no Blog, foron posteriores a Voces Ceibes, así como Rodrigo Romaní, E. Cao, Milladoiro -un grupo de nivel mundial- e todos os que xurdiron daquela especie de escisión nacionalista (o Movemento para a Canción Popular Galega ou algo así) de Voces Ceibes, movemento de matriz inequívocamente PC. Comparto a querencia polo Batallán serodio (o inicial era insofrible); non tiña voz pero si iso indescriptible en parámetros musicais "obxectivos" que se chama "gusto", algo que lles faltaba a case todos os cantantes en galego dos 60-70. Musicalmente, e considerado no seu conxunto, o fenómeno Voces Ceibes era de moi baixa calidade. Por iso eu, como o guitarrista Apicultor, prefería escoitar a Led Zepellin e a Pink Floyd por unha banda, e facer antifranquismo pola outra, pero non misturar música e Revolución. Ou máis exactamente: para min Voces Ceibes e demáis quedaban, máis ben, do lado da Revolución; non do lado da música.

Anónimo dijo...

O movemento da canción galega, a min, con todos os respetos, permitanme a exresión, importoume e impórtame un bledo. Non me vai nin o folk nin a canción lixeira, nin a canción de taska.

O único enxebre que aturo, e depende de quen, é o country, ou as orquestinas bulgaras ou rumanas, o son...


O gusto polo rock progresivo, coido que é anterior a transición, lixeiramente anterior. En plena transición descubrimos tamén aos clasicos, non hai que olvidalo.

Anónimo dijo...

Hai algo indiscutible: na xénese do fenómeno Voces Ceibes pesa moito máis a motivacion cívica (e, en tal sentido, ética) ca non a artística; era clara prioridade, e a música un instrumento, aínda que todo isto en medida e proporción diversa.

Aos que fomos chegando de a pouco, obviamente, chamábanos o alento cívico. Pero, nomeadamente nalgún, había unha afección musical notoria; afección, xaora, lonxe das posibilidades estaba non xa a profesionalidade, o simple estudo musical con regra. Digamos que bastante xente fixo o que pensou que debía, e tamén o que podía. A recepción, obviamente, foi e é diversa.

Anónimo dijo...

A cousa podía ir por gustos, verbi gratia. Para min, por exemplo, Pink Floyd era un muro, desculpen a alusión e non para ben; íanme ben, pola contra, Iron Butterfly, Blind Faith (principalmente, Ginger Baker) ou algunha cousa de Led Zeppelin, igual ca antes me gustaran Moody Blues ou Eric Burdon & The Animals. Obviamente, non o pasaba mal con Dylan ou Donovan, pero si, mellor "El arriero va", "Viva Jujuy" e en xeral o hispanoamericano. Mágoa non entender a Simon & Garfunkel; así e todo, no repertorio de Sendas del Folk estivo "Bridge over troubled water", eu aprendina e canteina sen entender unha palabra (sexa retórica, unha ou dúas si que as entendía).

A letra era moi relevante para bastantes, e sen dúbida leva parte alícuota da culpa no achegamento ao tipo de música aludido neste EHP: motivos cívicos, si, pero tamén artísticos, puramente poéticos; adoitaba non faltar calidade en tal aspecto. Mel nas filloas se todo coincidía, música, letra, sensibilidade (gusto, se quere, Morrison), interpretación: xa o teño dito, durante varios anos o compendio foi Lluís Llach. Ata que (no 1974, paréceme) coñecemos a José Afonso e todo foi máis cercano; dous compendios, desde aquela.

Anónimo dijo...

O desprezo de Fuxan os Ventos foi notorio desde o empezo; sempre, como digo, me pareceu inxusto, pero por min non se prive, Morrison. Coido que respondía a varios parámetros.

Primeiro, desafección en gusto musical; ata aí, nada que dicir. Segundo, distanciamento pola súa opción notoriamente apegada, procedente do folclórico e, como tal e galego, rural; aí, tanto eles coma outros próximos ou non (eu, por exemplo, que estou entre os primeiros), fíxose Cova Céltica, ou sexa, levalo a gala: neniño, éche cousa túa.

É ben certo: algún propalaba que o único posible (se un quería ser nacional e popular) sería o tipo Fuxan os Ventos. Non era, xaora, a miña posición nin lembro que fose a do propio grupo: víanse, viámolos, coma unha opción necesaria, digna e traballada; se tivo éxito popular (indiscutible) e alguén non o considera lóxico, éche o que hai, como di o outro.

Anónimo dijo...

É certo que tanto Fuxan coma outros aludidos son algo posteriores ás primeiras Voces Ceibes; aínda que O Carro ou Jei son practicamente coetáneos, en Lugo na mudanza de década algúns combinabamos galego con outros elementos, nomeadamente o sudamericano. Gustábanos Nuestro Pequeño Mundo, tamén.

Pero a distancia temporal non sei se será demasiado relevante, tendo en conta sobre todo que a segunda fornada dos Ceibes xa case nos pilla. Con todo, nos 1974-75 a cousa levou unha voltiña boa, e é mágoa non conservar certa gravación de pezas interpretadas por Seoane, Maroñas e Romaní, basicamente: unha muiñeira e un alalá con gaita, guitarra, órgano e percusión tradicional; "Espranza xorda", non sei se a "Canción" de Celso Emilio... Woodstock e a tribo, desculpen a alusión se molesta; aseguro, porén, que rara vez andariamos borrachos.

Por certo: desde cedo, o Antón arelaba formar un grupo que fixese música instrumental; a min non me parecía atinado, e así llo dixen. Máis tarde formaron Milladoiro e foi grande cousa para o país, a cultura nacional e particularmente a música; pero, máis tarde, o propio Seoane se laiaba do desaparecemento da palabra cantada. Había razón e ben delas para tal: a lingua marchaba do escenario.

lourixe dijo...

Moi agradecida pola dedicatoria, Sr. X. M. González. Canto ao modelo... A meirande parte dos nomes citados son de xente que me levou nos brazos nas primeiras Romaxes. Pero por idade, formación e amigos comúns tiven máis trato con Celina que co seu pai Miro.

Anónimo dijo...

Moi interesante o artigo e os comentarios. Fai anos, A Nosa Terra, sacara un especial sobre o tema. Por se algún día sacan outro, que non esquezan imprimilos.

XMGlz: coincido bastante con vostede.
Sempre me chamóu a atención que moita xente que despotrica contra os ianquis e a cultura norteamericana, logo son adoradores e mitómanos de certos iconos "musicáis", por chamarlle de algunha maneira. Outro aspecto, letal, da colonización cultural. Do mesmo xeito que hai contertulios que separan a música da revolución, eu separo a música da loita "underground". Pra moitos, a música é boa se os músicos fumaban porros, se emborrachan, e destrozan o equipo de amplificación. Aínda hoxe hai quén clasifica a música en función deses aspectos. Non é doado, sobre todo prá xente da miña xeneración, sustraerse a esas influenzas. Pero o desafío ó tempo é o mellor xuez, e deseguro que Atahualpa Yupanqui sairá mellor parado desa loita que moitos dos outros que nomea.

Cantas cousas barrería!

Anónimo dijo...

Por certo, hai cantautores xoves que compoñen e cantan en galego, e manteñen viva esa línea de loita polo idioma. Na provincia de Ourense temos polo menos dous. Non son posiblemente moi coñecidos, por eso vou contribuir á difusión dos seus nomes desde aiquí: Roberto Sobrado e Pablo Escaleira.

Anónimo dijo...

Non me verá a mín despotricar contra os ianquis ou a cultura norteamericana (de haber cousa semellante como un todo indivisible). Unha cousa é a política do seu goberno e outra ben diferente a súa cultura (ben diversa e heteroxénea, por certo). E da primeira tampouco todo é malo. Se somos capaces de discernir sobre outros modelos políticos, non sei por que non hai que facelo cos EE.UU.

Anónimo dijo...

Pois ben me alegro de sabelo, da Coba; aínda que máis me alegrarei de escoitalos cando haxa ocasión. De perfil semellante a aquel, supoño que o guardés Tino Baz debe ser agora o máis relevante. Con outras músicas (sexa metonimia), sobra arestora talento: Guadi Galego, Ugia Pedreira, Rosa Cedrón... Espido, Nordestinas... Os grupos...

Lourixe, no da idade xa estaba eu. O de encontrarse levaba senso máis xenérico, pois cando vde. era nena (hai pouco, logo) supoño que aínda o feito cultural galego non sería materia demasiado curricular; igual chegaban a el en parte coma cando nós, aínda que con máis datos e cotidianeidade.

Morrison: o Movemento Popular da Canción Galega non foi unha escisión de Voces Ceibes; dillo o que foi o seu primeiro -e único, seica- secretario. Cando lles interese, cóntolles algo; vdes. dirán, no seu caso, o que.

Anónimo dijo...

Carallo pró Movemento Popular Burocrático-Socialista da Canción Galega: Cantar moi ben non cantarían, ¡pero ter xa tiñan secretario e todo!

Anónimo dijo...

Eu tiven certa amizade con Suso Vaamonde a través dun irmán máis novo que el tiña. Coincido con Morrison en que non era nin bo cantante nin un bo músico. De "Voces ceibes" o mellor compositor era Casabella. Bibiano tiña as gracias xa sinaladas por González, e Araguas era un tipo con moito enxeño verbal que nos deixou "O Camaleón", todo un clásico. A "Fuxan os ventos" cheguei xa plena e felizmente colonizado polo imperio musical anglosaxón, aínda que tamén por Lluis Llach, María del Mar Bonet e o xenial Jaume Sisa da "Galleta galáctica". De maneira que non me fixeron gracia ningunha. Ademais, o único artigo que me censurou un periodista amigo que daquela era o meu xefe foi unha fenomenal diatriba contra "Fuxan os ventos" escrita despois dun concerto ao que tiven que asistir na Aula de Cultura da Caja de Ahorros de Santiago. Non publicou nin media liña dos tres folios que lle larguei. Claro que el era o autor dalgunhas das letras, circunstancia que naquel momento eu descoñecía...

Anónimo dijo...

Ofrézolles outro dos meus gustos daquela. E outro. E un dos máis grandes entre os desaparecidos.

Estimaría eu ler daquela, Leituga, tal crónica. Habíao poñer bonito.

Anónimo dijo...

Sito Redes, o da baía de Frisco. O que deixou a casa en Georgia. Perdendo o tempo.

Anónimo dijo...

Suso Vaamonde non tocaba máis que acompañamentos básicos á guitarra. Cantando era o que decía un contertulio: un cantor de taberna. I encantáballe esaxerar a fonética galega cantando, típico dese tipo de xente. Lembro cómo era raro que cantase unha canción enteira; cantaba a muletilla "y Lázaro contestó..." i empataba con outra.Pero á marxe da súa habilidade como instrumentista, moraba nél o "verdadeiro espíritu da musica", como se reflexa nalgunhas das melodías que compuxo.


Salvando as pertinentes distancias:

Un dos grandes compositores de música latina, Beny Moré, non sabía casi nada de teoría musical, e aprendéu moi pouco de guitarra práctica. Pero víñanlle as melodías á cabeza i él asubiábaas. Un músico "profesional" anotábaas nunha partitura. Así naceron melodías inmortales, como ESTA

Anónimo dijo...

A gran (por tantos motivos) Celia Cruz cantaba aquelo de

Beny Moré esta guajira es para ti
tu la cantaste allá en Cuba y yo te la dedico a ti
Beny Moré esta guajira es para ti
yo que tanto te admiraba por eso te canto asi
Beny Moré esta guajira es para ti
Beny Moré Beny Moré que en gloria estés
Beny Moré esta guajira es para ti
Tremenda satisfacción cantarle a Cuba y a usted.. Moré.

Beny Moré esta guajira es para ti
Santa Isabel de las Lajas querida
Beny Moré esta guajira es para ti
Baila mi son para guarachar
Beny Moré esta guajira es para ti
Guantánamo aqui va mi son
Beny Moré esta guajira es para ti
Beny Moré, esta guajira es para ti.

Anónimo dijo...

Lástima que non conserve aquel escrito. Daquela aínda non usabamos ordenadores e eu escribía nunha Olivetti e non facía copia. Pero era unha crítica un pouco "punk" e antisocial, iso si que o lembro. O concerto aquel, na Caixa de Aforros, ateigado dun público popular de estética e aspiracións pequeno-burguesas, ferira a miña sensibilidade ferozmente antimesocrática.
Os tiros ían por aí, unha cousa máis socio-estética que ideolóxica. Hoxe, dende logo, xa totalmente vendido ao poder, á moderación e mesmo á outrora odiada mesocracia, estou seguro de que nada do que daquela vin me ía parecer nin demasiado ben nin demasiado mal. O caso é que a xente disfrute e non facerlle mal a ninguén.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Comparto con vostede esa prudente actitude, pero convirá conmigo en que ás veces un ten que soportar o fío músical dunha determinada música (non imos dar nomes) e vaille mal.
Teño eu un amigo que escoitara (involuntariamente, claro está) desde a súa casa, un oitavo na de Tragove en Cambados, a música de King África en Fefiñáns. A xente divertíase, pasábao ben, pero a el íalle mal, pero moi mal. Seino porque ao día seguinte fun visitalo e estaba encamado con 40 graos de febre.
Non se pode deleitar con certa música impunemente.

Anónimo dijo...

¿King Africa non é o gordo ese da "bomba" que se parece un pouco a Hugo Chávez? Pois tampouco é para tanto, ho. O seu amigo cambadés non sei se non será un algo relambido, como algúns que coñezo eu por aquelas afidalgadas terras.

Anónimo dijo...

Erra vostede, amigo Leituga 1.

King Africa non é o da "bomba". El é o da BOOOOOOOMBA!

Anónimo dijo...

Para Bomba, Naomi Campbell. E despóis chámanlle burro a Hugo Chávez!

Anónimo dijo...

¿E será certo que teñen algo eses dous?

Anónimo dijo...

Ela di que el é "coma un touro". Mimadriña!

Anónimo dijo...

Eso débese á influencia lingüística (idiomática, vaia) de Joaquín Cortés. Din os máis achegados á modelo (pero non moito) que ten un sotaque flamenco moi notorio, que é precisamente o que lle gusta ao comandante, por riba doutras cualidades inherentes á persoa humana.

Anónimo dijo...

!Qué bonito sería que casasen e Naomí fose a Evita de Venezuela!

Marcos Valcárcel López dijo...

Naomí Campbell, Carla Bruni e a presenza física da presidenta Cristina Kirchner: as revistas do corazón van ter que contratar asesores en política internacional. E as revistas de política internacional, asesores de imaxe e estilistas.

Marcos Valcárcel López dijo...

E esquecín a Hillary Clinton e a falecida Benazir Butho, que podían xogar un bo papel neste enredo.

Anónimo dijo...

Eu suxiro que Touriño se lie con Iolanda Castaño; e, Zapatero, se quer gañar as eleccións, con Elsa Pataki.

Anónimo dijo...

E Quintana con Teressa Moure ous así.

Anónimo dijo...

Tal e como estás as cousas hai que pedir disculpas polos lapsus calami. Pero é que me entrou o tembleque ao escribir Teresa Moure.

Anónimo dijo...

Onde quedou a seriedade en política? Indira Gandhi, Mary Robinson, Gro Harlem Brundtland... Alternativas, Bruni ou a Campbell; Hillary, sálvanos.

Anónimo dijo...

Din algúns que a bonitura está rifada coa política. Será por iso polo que ningún de nós se dedica á política activa.