8 feb 2008



SEÑORITOS E XENOFOBIA.
Andoliña sábado 9 febreiro
(Imaxe: Inmigrantes, de J. Kalvellido. Detalle)

Pódense buscar moitas interpretacións ás palabras de antonte do ex ministro de Agricultura do PP, señor Arias Cañete. Pero o máis doado é ver o que realmente hai: unha expresión señoritinga (“aquellos camareros, aquellos tiempos…”) e un mal disimulado pouso de racismo e xenofobia. Dito clariño: queremos o traballo dos inmigrantes, aínda que sexa pouco cualificado (segundo o exministro), pero sen os servizos públicos e sanitarios que lles corresponden por lei.
Dixen hai unhas semanas que algúns temas debían estar fóra da campaña: a lingua, por exemplo. Porque requiren un tratamento de vagar, equilibrado, sen histerias electorais. O mesmo acontece coa inmigración. Pero o equipo de Rajoy, que de seguro terá bos asesores de imaxe, decidiu rachar todas as máscaras e defender un discurso político moi semellante ó que defenden as ultradereitas europeas.
Por que o PP nos está a deixar, todos os días, estes exabruptos? Un senador homófobo, unhas gotas de racismo, etc. Non son só erros de imaxe. No principal partido da oposición saben que en España hai moito voto ultra agochado e a iso van: xentes que nunca dirán estas cousas en público, pero si votarán por quen as defenda.

14 comentarios:

Anónimo dijo...

O PP está a rachar irresponsablemente todas e cada unha das resevas mínimas de cordura neses aspectos que non deberían -por moitos motivos, éticos e prácticos- entrar no mercadeo electoral.

Cae, así, nunha perigosísima deriva que pode ter consecuencias nefastas, mesmo para eles mesmos.

Anónimo dijo...

O meu amigo Hassan tilda de xenófobo, sen paliativos, a Rajoy. E é home moderado nos seus xuízos.

Anónimo dijo...

Tampouco deixa de ser preocupante que a idea do "contrato inmigrante" fose introducida en territorio hispano por Convergència i Unió na última campaña electoral catalana. En termos moi similares aos que propón Rajoy, aínda que sen a tosquidade bruta, insultante e absolutamente sincera do gordo Cañete. E Duran fai precampaña dicindo que en Cataluña non caben todos, en referencia aos inmigrantes.
A ver se entre Izquierda Unida e o BNG sacan deputados suficientes para non ter o PSOE que pactar coas dereitas nacionalistas catalana e vasca...
Pero me temo que non.

Cesare dijo...

Non son pensamentos da ultradereita europea. Son pensamentos da dereita conservadora europea, dende Alemaña ao Reino Unido, pasando por Cataluña. A ultradereita (Democracia Nacional, Le Pen, etc.) vai máis alá. Deberiamos chamarlle ás cousas polo nome.

#Leituga. Témome que non lle van cumprir nin os votos de CiU.

Anónimo dijo...

Ten razón Cesare: non son ultradereita. Son dereita, sen máis. Pero tamén é certo que nalgúns casos o discurso vai máis alá (i.e.: ultra). Mesmo un candidato a senador (o xornalista sen complexos de Albacete) postulaba que tiñan que arrebatarlle o discurso á extrema dereita.

Anónimo dijo...

porque a dereita conservadora europea é ultra, parafascista: se din isto, que non pensarán nos seus adentros...

comparen discurso e programa do FN co do PP e procuren diferenzas, sorprenderáse da escaseza.

as declaracións dos últimos días dende a "dereita conservadora española" sobre inmigración é ben máis grave que o asunto vasco, que a crise inmobiliaria ou o carallo. Aras Cañate debería pagar xudicialmente.

Anónimo dijo...

O GGG (Grupo de Gordos Galegos) quere protestar polo uso pexorativo da palabra "gordo" que fai o señor Leituga1.
Esperamos que no futuro para insultar ao señor Cañete non recurran á morfotipoloxía corporal como elemento coadxuvante da súa incuestionable estupidez.

Anónimo dijo...

Tal e como van as cousas, creo que incrementa a maoiría o Sr. Zapa. E malo non había ser.

Marcos Valcárcel López dijo...

En cambio as enquisas que se publican hoxe non dan esa perspectiva: ó mellor Rajoy está chegando a quen quere chegar. E a economía axuda tamén a tomar posicións radicais de dereita...

Anónimo dijo...

Etxe, véselle moi disgustadísimo polo incremento do voto ao ZP.

Anónimo dijo...

A cousa non vai contra os gordos. Pero gústame esa maneira que teñen os arxentinos de alcumar, sobre todo aos futbolistas: "Chino Pavoni", "Conejo Saviola", "Loco Abreu", "Manteca Rodríguez".
"Gordo Cañete" vaille ben ao ex-ministro este de non lembro qué.

Anónimo dijo...

Gordo Cañete foi ministro de agricultura e gadaría. Apropiado, verdá?

Anónimo dijo...

Sr. Anónimo:
¿Moi disgustadísimo? Ca. Inda o votei nas últimas e se cadra pode que aínda o faga de novo.¿Tan mal me expreso?

Anónimo dijo...

Ana Pastor Alemán (ese é o seu segundo apelido...)
Nin Esperanza Aguire? Noor. Cuaresma Aguirre.