3 mar 2008


O Pai Miño.
La Región 3 marzo
O pai Miño simboliza como poucos lugares da vella Auria a longa historia de cruzamento de pobos e culturas que define todos os pobos: o Miño dos xitanos que viñan de lonxe e a ponte dos suicidas que evocou o Tovar en páxinas emocionadas hoxe amarelas. Dende as pedras da Ponte Verlla soñou nostalxias do océano infindo o poeta Millán Picouto. Cantos escritores se sentiron seducidos polo engado das súas augas e as sombras da antiga ponte romana! Velaí o Euxenio Montes de verso vangardista ou o Otero Pedrayo poeta non declarado ou Carlos Velo nas súas memorias de infancia, no acubillo do erotismo das lavandeiras que el soñaba como grandes actrices do mellor Hollywood. O Manuel María consagroulle todo un libro cheo de autenticidade lírica: “O Miño, canle de luz e néboa” (1996).
O Pai Miño estivo sempre presente tamén na escrita de Francisco X. Fernández Naval. Na súa novela “O bosque das antas” case toma corpo como un personaxe máis. E o río estaba xa en “Primavera”, o primeiro poema de “A fonte abagañada”, co que gañou o premio de poesía Cidade de Ourense en 1980. E volvendo a bañarse nas mesmas augas, o “Chisco” gañou o mesmo premio na súa XXIII edición con “Miño”, un gran poemario: “Somnámbulo/ o río treme guiado polo tacto cego/ das súas mans,/ poderosa extensión/ de nervos circunflexos,/ de noticias levadas na pluma da laverca/ no sol das lavandeiras,/ de razóns que se ocultan/ no arnoiar de enigma./ Somnámbulo/ o río vaise só/ coma día entre os dedos”.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

O moi fermoso e solemne Miño lugués.

Anónimo dijo...

O moi fermoso e solemne Miño lugués. Agora si.

Anónimo dijo...

As curvas ou meandros, cabo da cidade. Para alá, a terra ascende cara aos cumes.

Anónimo dijo...

Reitero dous poemas, xa reproducidos aquí hai case un ano:

ESTABAMOS SENTADOS Ó LUSCO-FUSCO NA
MURALLA SOBRE A PORTA MIÑÁ, E VIMOS
ENTRAR O FERNANDO ESQUÍO QUE VIÑA
DE SANTIAGO, SEICA NAMORADO

Estabamos sentados cara ó Miño
e vímolo pasar por baixo nosa,
cabaleiro de besta pouco airosa
cuberto polo cisco do camiño.

A bota xa lle tiña pouco viño
e a alforxa non lle andaba moi goiosa,
mais portaba vïola sonorosa
atada ó lombo cun cordel de liño.

Seica viña durmir en cama quente,
mais outra cousa ca durmir non cremos,
pois pesábanlle os ombros como lousa.

Deloutro día ouvímolo no frente
da igrexa cantar ben, e astra lle demos
con que se remediase algunha cousa.

(Darío Xohán CABANA, A fraga amurallada).



Baila miña amiga na Praza Maior
debaixo das arbres que botan a flor.
E canta de lonxe
o Lopo cantor.

Baila miña amiga na ponte do río
e baixan as augas con lento desfío.
E canta de amores
Don Fernand'Esquío.

Baila miña amiga de zoca chinela
unha muïñeira selvaxe e garela.
E canta de aceiro
Lourenzo Varela.

Baila miña amiga de doce e de mel,
ardéndolle os beizos coma un caravel.
E canta de sombra
Luís Pimentel.
(Darío Xohán CABANA, id.)

Anónimo dijo...

¿E que pasa co Barbaña? Non é tan poético como o Miño pero eu quixera reivindicar a súa paternidade para a nosa cidade.Porque é nas súas ribeiras onde realmente naceu a vella Auria. ¿Cando o van cantar os nosos/as poetas?
Xabimusic.

Marcos Valcárcel López dijo...

0 BARBAÑA E OS POETAS.
O río BARBAÑA e as xentes da Barbaña, como di Ferrín, non teñen tantos poemas como o Miño, pero si unha certa historia literaria. Algún día escribirei diso, se podo. Por exemplo, un dos mellores contos do primeiro MÉNDEZ FERRÍN, "O Suso", transcorreBarbaña abaixo. E creo lembrar que hai referencias semellantes en LAMAS CARVAJAL e PÉREZ PLACER. E, por suposto, en A Esmorga, de BLANCO AMOR.