15 abr. 2008

Primeira impresión

Realmente grandioso: o roteiro republicano en homenaxe ó Volter. No segundo piso do Mesón de María Andrea os homenaxeados: Xosé Luís De Dios, Buciños, Acisclo, Arturo Baltar, que parecía querer esconderse tras da porta. Dos vivos só faltaba Virxilio. A Praza do Eirociño chea antes de empezar. E ata o remate, máis de tres horas, mantívose toda a xente en tensión.
Varios centos de persoas: que calcule quen queira. Pero todas ilusionadas. Grupos musicais (marabillosos os bielorrusos-galegos de Rusga), grupos teatrais, recitadores, etc. Moitos momentos cheos de contido e paixón. Algún dos máis emocionantes. Fernando Dacosta na Barrela co seu texto da autodefensa de Alexandre Bóveda, e cos compañeiros de Sarabela. Elena Seijo como viúva lía entre saloucos a carta de Alexandre ós seus seres queridos. Case saltan as bágoas na recreación da infamia.
E a Banda Municipal tocando o Himno de Riego diante de Santa Eufemia: nunca tal se vira dende hai máis de 70 anos. Aplausos e voces. Nese momento está o meu carón Alex S. Vidal, vicealcalde, vai saudar ó presidente da Banda. Dígolle, entre bromas: “Se agora saes aí e proclamas a República, como máxima autoridade presente, só vas ter aplausos. É un momento histórico”. Pero perdeu a ocasión.
Centos de amigos/as en peregrinaxe laica e democrática. Marabillosa tamén a intervención do Coro Vellos Amigos, dirixido por Manuel de Dios. Alegroume especialmente velo alí e funlle dar unha gran aperta: ata tiven desexos de berrar “Viva Manuel de Dios” (berrábase nas paradas Viva... para cada un dos artistas). Pero corteime, son así de discreto, qué lle vou facer...
Por alí andaban tamén Xosé M. Beiras e Aurichu, viñeron dende Tui co seu amigo X.L. de Dios e a súa dona
: fomos falando un bo anaco de tempo desta Auria sorprendente. E o antigo guerrilleiro Camilo Dios: logo contou o Chisco isto. Pregunteille, di o Chisco, se algunha vez, cando estaba no monte, imaxinou que algún día podería ver de novo unha manifestación masiva, coas bandeiras republicanas pola rúa, gran explosión de ledicia. O Camilo respondeulle: “Por iso disparaba cando estaba no monte”. Contouno Chisco na derradeira intervención no Liceo(e estiveron ben os tres últimos en falar, Fernández Naval “Chisco”, Camilo Franco e Manolo Figueiras).
Durante moito tempo os ourensáns lembrarán este gran espectáculo cívico e de fraternidade. Noraboa de novo ós Amigos da República. Unha chea de rapaces e e rapazas moi novos con gabardina, bigote, cigarro e paraugas facían de Tuchos clonados e multiplicados: homenaxe merecida ó dono da taberna.
Alegroume tamén ver moita mocidade entre os participantes na festa: un símbolo do futuro.
Pero o éxito ten un nome. Achegueime no Liceo a Michel Escuriaza a darlle unha mensaxe secreta. El estaba pensando xusto o mesmo. E saiu el en nome dos Amigos da República e reclamou un forte aplauso para a responsable de tan eficaz organización, despois de meses de traballo: Ánxeles Cuña. O Liceo retumbaba cos aplausos merecidos. Ten que haber máis como esta ...

6 comentarios:

Anónimo dijo...

En arroutadas:


perdoademe este título castelán pero tan noso tamén, hoxe foi un día grande en Ourense e chego ao foro cunha copa de mais, e non podo menos que berrar que en Ourense temos unha muller, Anxeles Cuña, que é capaz de convertir a cidade nunha homenaxe aos roxos do mundo, unha muller que nos tivo 4 horas sonrindo pola república, 4 horas de orgullo do noso, o noso é sonoro maxín, o noso é a tremenda voz de Manolo Blanco, a interpretación de Fernando Dacosta , o noso foron os noso coros cantando o millo verde, o noso foi ver ao rei nos balcóns do museo arqueolóxico preocupado só de seu fillo casaba, o noso foi a banda de música de Ourense tocando en Santa Eufemia o himno de riego, o noso foi descubrir un grupo ourensan de rock, os pararrayos, tremendo sonido, o noso foi descubrir que xurxo o profe de física tamén lle pega a guitarra, o noso foron os alumnos da laboral ocupando os espazos, o noso foron os alumnos da escola de artes facendo os escenarios, o noso foi esa homenaxe a un bar e a uns artistiñas, ao bar do Tucho, o noso foi ver aos noso artistiñas felices, radiantes.o noso., ........., foi o día do orgullo ourensan.

Grazas aos amigos da república, grazas aos artistiñas, grazas aos nosos músicos e aos nosos grandes actores, grazas aos noso alumnos, aos nosos profes, e sobre todo grazas ás dúas mulleres que sacaron isto adiante, Anxeles e Nati.

XDC dijo...

Boeno, o grupo "Pararrayos" xa ten unhos aniños. E o "profe de física", Xurxo, toca a guitarra moito antes de que fora "profe". Moitos asociaremolos sempre, a él e ao Lameiras (ambos integrantes do actual "Parrayos"), a aquel grupo que montaran fai xa moitos anos :"Los Cambiantes". Hoxe estaban exultantes. E os do son son, "Sonorde", levaban traballando todo o día. Dende a mañá xa os vin preparando todo. Estupenda xestión, sí señor.

Trebi dijo...

Cheguei a casa, o medo no corpo: é si fixen mal as fotos?
Quería ilustrar a magnifica crónica que espero ía facer Marcos.
Con do rematei de enviarlle as fotos , xa lín a crónica.
E non me conteño sen poñer estas lineas.
Conto , que si Marcos as ve ben aparecerán as fotos.
TREBI

Anónimo dijo...

Outras fotos en:
http://galicianosolecer.blogspot.com/

Etxe dijo...

Anxeles Cuña Bóveda, con segundo especialmente nesta ocasión, é unha raíña republicana.
Un bicazo.

XDC dijo...

Enlace directo a galicianosolecer, o blog do Trebi.