3 dic 2008


O porco de pé, de Anxo Tarrío, GALICIA HOXE 3-12-08
AT. Caricatura de Vicente Risco, 2007

Estes días, por iniciativa da Fundación Vicente Risco, estase a celebrar en Ourense o "Simposium O porco de pé", onde se achegan ideas e opinións non só sobre a novela que Vicente Risco publicou en 1928 senón tamén aproximacións ao xenio dun home que foi marxinado polo dereito e polo revés a partir da súa adhesión á causa franquista. Aínda que importa (claro que importa!) esa súa peripecia biográfica, o certo é que para esta ocasión coido que os ponentes se centrarán no reclamo que supón o título do encontro: a novela que agora cumpre oitenta anos.
É esta unha novela sobre a que se fixeron xa bastantes ensaios críticos, destripándolle os mecanismos humorísticos, sociolóxicos, críticos, filosóficos e ideolóxicos e poñendo de manifesto o talante renovador do seu autor. Porén, ao meu xuízo, a narrativa de Risco non se entenderá completamente sen ter en conta a que escribiu despois da Guerra Civil, que foi obxecto de menor atención por estar escrita en castelán e maiormente inédita longo tempo, cando o certo é que nesta narrativa se atopa a expansión do autor de O porco de pé e a súa mellor consolidación dunha poética novelística verdadeiramente avanzada e intuitivamente (atreveríame a dicir) posmoderna.
Existen en Vicente Risco dúas actitudes ben diferentes á hora de escribir obras de narrativa. Cando quen tenta de facer ficción literaria é o etnógrafo, o teórico do nacionalismo, o ideólogo que serve ao discurso identitario, Risco axústase a unha literatura de funcionalidade etnográfica e didáctica a través da que fai circular ideoloxemas (mitos) como o celtismo e o cristianismo de base do pobo galego, a misión dirixente da fidalguía ou o sentimento da terra, supostamente inherente ás vivencias telúricas do noso ser antropolóxico profundo. Así actúa Risco cando escribe A trabe d"ouro e a trabe d"alquitran, A coutada ou Velliña vella.
Pero cando Vicente Risco esquece ese seu papel de axente ideolóxico e se deixa levar pola súa man de artista, de escritor rexoubeiro, crítico e lúdico, entón se nos transmuta nun autor absolutamente xenial, insolente, moderno, fragmentario, carnavalesco, rupturista e mesmo posmoderno. Un autor que se ramifica caprichosamente nas reviravoltas que lle fai dar ao narrador ínsito nos seus textos, nas estruturas rizomáticas que abraian o lector, nos xogos metaficcionais polos que pon as tripas do artiluxio literario ao descuberto, sen medo a que o lector perda a ilusión referencial a que o texto o puidera ter levado, afastándose así da arte realista, sempre interesada en hipnotizar o lector facéndolle crer que asiste a unha historia non só verosímil senón aínda verificábel e verdadeira. Tal parecería que Risco seguiu ben de preto nisto o Rabelais máis desmesurado do Pantagruel ou o Laurence Sterne máis irónico do Tristram Shandy.
Risco desficcionaliza adrede amosándolle os fíos da trampa ao lector. E iso xa dende un conto en galego de 1929 que titulou "Meixelas de rosa", no que nos deixa escoller todas as referencias prosopográficas e etopeicas dos personaxes, con tal de que a nena protagonista teña as meixelas sonrosadas. Un xenio.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

ideolóxico-estéticas máis relevantes era o decadentismo. De aí, en parte, veu a vangarda, e os da Xeración Nós tiveron algo ou moito daquela vangarda. Tal sería a adscrición do Castelao afeccionado ao Teatro do Morcego ou algunha cousa da vida particularmente contrarromántica. Tal Risco tamén, e polo menos algo do que di Fernán Vello (fragmentarismo...) igual non rexeitaba esta etiqueta.

Ora ben: onde se adscribirían "Os europeos en Abrantes" ou "Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros"?. Dígoo porque foron realizados e difundidos cando Risco xa era nacionalista e líder.

Anónimo dijo...

Refago o texto da mensaxe anterior, que quedou cortado:

Cando os de Nós eran aínda de La Centuria, probablemente unha das súas fontes ideolóxico-estéticas máis relevantes era o decadentismo. De aí, en parte, veu a vangarda, e os da Xeración Nós tiveron algo ou moito daquela vangarda. Tal sería a adscrición do Castelao afeccionado ao Teatro do Morcego ou algunha cousa da vida particularmente contrarromántica. Tal Risco tamén, e polo menos algo do que di Fernán Vello (fragmentarismo...) igual non rexeitaba esta etiqueta.

Ora ben: onde se adscribirían "Os europeos en Abrantes" ou "Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros"?. Dígoo porque foron realizados e difundidos cando Risco xa era nacionalista e líder.