23 dic 2008

O verdadeiro nome da Loña
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región, 23-12-08

A cousa non ten moita ciencia que digamos. Hai moitos nomes de ríos, en masculino, que bautizan co feminino as terras por onde pasan, sexan comarcas ou núcleos de poboación. Sen sairmos da provincia temos o río Arnoia e os pementos da Arnoia, ou sexa das terras e concello homónimos. Indo para Coruña, temos o río Ulla e os viños ou queixos da Ulla. E sen sairmos da nosa cidade, hai outro topónimo case perdido que contrapuña o río Barbaña, á Barbaña, ou sexa a unha pequena valgada que ía desde a cidade de Ourense pola banda leste aos cumes da Carballeira ou montes do Seminario. Hoxe, coa urbanización intensiva, os topónimos urbanos de rúas e prazas (Erbedelo, Avda. de Portugal, etc) ou asociados á actividade humana (Praza, Polvorín, Parque Barbaña...) case acabaron coa distinción entre terra e auga, e mesmo hai xente que pensa que simplemente o nome do río sería feminino. E non tal. Serían as terras bañadas por. E o da Loña é exactamente o mesmo. O río é o Loña, con ‘ñ’ para un son palatal que, como non o había en latín, nas linguas derivadas houberon de asociar dúas letras, porque unha non había específica. Así, sabemos todos que os portugueses acabaron usando por influencia provenzal o ‘nh’, os cataláns o ‘ny’, os italianos e franceses o ‘gn’, e os galegos e casteláns a reduplicación do ‘n’, ou sexa ‘nn’, acortada en ‘ñ’ xa desde vello. O caso é que tamén se usou, antes de fixar esta nova grafía, o dígrafo -dúas letras- de ‘ni’ porque non hai cousa máis próxima á pronuncia de ‘España’ que ‘Espania’. E así, a cousa é simplemente esta.O nome do río e o nome do lugar de poboación onda a confluencia do río e Miño, só pode ser Loña. O lugar da Loña, ao pé do río Loña. Non hai lugar a dúas evolucións distintas dun mesmo étimo en tan pouco lugar. O río Loña nace nas terras de Loñoá, e no seu último tramo ábrese nun recanto fermosísimo protexido dos ventos do norte que son as terras da Loña onde se localiza unha aldea do mesmo nome. Evidentemente eu non lles invento nada. Se un colle, por exemplo, a xeografía de Risco dos anos vinte, aparece todo tal como digo. Que os veciños pasasen a querer distinguir o nome do río do lugar das casas non é estraño. De todas formas, como o lugar é tan próximo á cidade, a evolución a ‘Lonia’ sospeito se debeu máis ás xentes de Ourense nos últimos setenta anos a través dunha recuperación ‘cultista’ dunha vella forma que soaría máis fína e elegante. Pero eu creolles que estamos a tempo de non perder o nome Loña para ese fermoso lugar, sexa a Loña de Arriba -da parte de alá polo monte arriba- ou a Loña, ou sexa, a de abaixo, e para unha zona máis difusa que antigamente integraba incluso ao barrio das Lagoas, pois nos vellos papeis fálase do ‘Hospital da Loña’.En fin, vaian dar un paseo ata a ponte, que se non é xa venerable ruína é útil ponte restaurada.

15 comentarios:

Anónimo dijo...

Esa "aldea do mesmo nome", no entorno do nacemento do río,debe de ser "Loña do Monte", onde por certo montaron non fai moito tempo un restaurante tipo "turismo rural" no que se come ben. E onde a xente é moi amable, polo menos cós músicos que tocan nas suas verbenas.

Anónimo dijo...

Vouvos contar un caso. Foi certo, en serio.

Fai uns anos, un home asistíu á boda de un familiar, e pasóuno moi ben bailando có grupo que amenizaba a celebración. Cando rematóu a festa, chegóuse ós músicos e pedíulles unha tarxeta có teléfono, decíndolles que era "maiordomo" das festas da sua aldea, e que quizáis os chamaría.

Cando se aproximaban ditas festas ,o tal individuo déuse conta de que perdera a tarxeta. Como ao parecer tiña especial interese en que foran aqueles músicos os que tocaran na verbena, removéu Roma con Santiago para dar con eles. Chamóu aos noivos daquela boda na que estivera, aos donos do restaurán, etc. Sin éxito. Ao final, desistíu, e chamóu a un "representante" pra que lles mandara un grupo calquera.

Na noite da verbena, achegóuse aos músicos que descargaban os instrumentos desde unha furgoneta hasta o palco, para saludalos. Ante o asombro de estos, empezóu a berrar:

-Sodes vós!!!, Sodes vós!!!!.

(Loña do Monte)

Anónimo dijo...

Loñoá do Monte, meu querido XDC, non Loña do Monte, segundo teño entendido.

Anónimo dijo...

Hai Loñoá, e hai Loña do Monte. Son duas poboaciós diferentes.

Si non me engaño, a primeira pertenece ao Concello de Pereiro de Aguiar, e a outra ao de Nogueira de Ramuín.

LOÑA DO MONTE.

Anónimo dijo...

Por certo. O campo da festa é o prado grande,e lixeiramente torto, que hai xusto enfrente da igrexa enlazada na foto anterior.

Anónimo dijo...

Pois ten razón XDC e agacho a orella ante a súa precisión. Por iso é interesante andar por aquí. Sempre se aprende algo.

Loña do monte, San Salvador, parroquia de Esgos cun só núcleo de poboación de 76 veciños, aínda que a maioría do territorio é de Esgos, o núcleo de poboación principal, Gomariz, está en Nogueira de Ramuín.

Loñoá do Camiño (ou Loñoá das Olas, en lembranza de cando había alá artesáns alfareiros) e Loñoá Grande son dúas aldeas da parroquia de San Cibrao de Covas no Pereiro de Aguiar.

Desculpas polo erro, pero aínda así, creo abondan máis no meu argumento. Moito eñe, moito eñe e ningún “ni”. A Loña, pois.

Anónimo dijo...

Pois, queridos doutores, xa poden ir evacuando relatorio para a comisión de toponimia galega, porque si aparece 'Lonia' como nome de lugar:

LONIA DE ABAIXO & ARRIBA

Anónimo dijo...

Non vai o hipervencello.
Copio e colo:
Servizos
NOMENCLÁTOR
Páxina 1 de 1
OLEIROS (A Coruña) Liáns (Santaia) Babilonia, A
OURENSE (Ourense) Tras do Hospital (A Asunción) Lonia de Abaixo, A
OURENSE (Ourense) Velle (Santa Marta) Lonia de Arriba, A

© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Correo electrónico: toponimia@xunta.es

Anónimo dijo...

E tamén aparece isto:
Páxina 1 de 1
ESGOS (Ourense) Loña do Monte (San Salvador) Gomariz
NOGUEIRA DE RAMUÍN (Ourense) Loña do Monte (San Salvador) Eirexa, A
NOGUEIRA DE RAMUÍN (Ourense) Loña do Monte (San Salvador) Fondo de Vila
NOGUEIRA DE RAMUÍN (Ourense) Loña do Monte (San Salvador) Raposas, As
NOGUEIRA DE RAMUÍN (Ourense) Loña do Monte (San Salvador) Requeixo
NOGUEIRA DE RAMUÍN (Ourense) Loña do Monte (San Salvador) Souto
NOGUEIRA DE RAMUÍN (Ourense) Loña do Monte (San Salvador) Vilouriz


E isto:
Páxina 1 de 1

PEREIRO DE AGUIAR, O (Ourense) Covas (San Cibrao) Loñoá do Camiño
PEREIRO DE AGUIAR, O (Ourense) Covas (San Cibrao) Loñoá Grande

Saúdos.-

Anónimo dijo...

Quérenos decir que ten que estar ben sen ningunha dúvida?. Lonia. E se se trabucan os da xunta?.
Eu concordo máis co Monxergas. Paréceme unha sonoridade espúrea.

Non vexa vostede a dificultade que hai en ouvir correctamente, tamén, "Limia". Cantas veces hai que repetir M, M, M, ata que os ouvintes cachen a ortografía ou a pronuncia correcta. Xinzo de Li MMMMMM ia, todo por a puta "i". Entón decateime que era máis normal en galego "Lima". LIMA. Lima. Que razón teñen os nobles Lusitanos. A mín a "i" de Lonia sónalleme a alóctona, como ese sapoconcho do Arn Alaricano.

"Fuego, Lolita, mi capitán".

Anónimo dijo...

Eu doulle a razón aos doutores Mónxar e Dacova!!!!!!!!!!!!!
O que se pasa é que oficialmente reza o que afirma a Xunta no seu oficial (valga a redundancia) nomenclátor.
Chapeau, Lobo, polo comentario sobre o Limia/Lima, e sobre o antiquísimo lexema
'ARN=Auga. Arnuíde, Arnoia.
'Támega: Auga lamacenta.
'Tambre: Ídem anterior.
'Asm (Asma): Auga.
'Eo: Salmón.
'Nav: (Navia, Navallo): Val estreito.

P.D.: Me ha salido bonito???

Anónimo dijo...

De todo o modo, ese ditongo -ia de Limia e Lonia é moi frecuente no idioma galego, tendéndose a pronunciar como hiato. Por iso en português padrão se acentúa ortográficamente a vogal tónica, para min de maneira ben acertada. En galego standart habíase acentuar tamén.

Anónimo dijo...

Moitas veces debéu de darse a confusión entre esas ,dúas relativamente próximas, poboaciós. E de seguro que haberá quen teña anécdotas pra contar en relación con eso.
Supoño que foi por eso por o que o "representante" que mandóu a aqueles músicos a tocar a aquela verbena, puxo un especial énfasis no nome do sitio, diferenciándoo do outro.

Habendo como hai tantos lugares có mesmo ou parecido nome, non estaría mal recopilar casos curiosos que coñezan, e que sucederan como consecuencia de esas confusiós. Por exemplo, a de aquel camioneiro austriaco que se meteu cara Cerdeira, no alto do Paraño, cando o seu destiño estaba en Cedeira, na Costa da Morte. Ou a de uns turistas aos que mandaron á rua Cabeza de Manzaneda, en Ourense, e foron dar ó accidente xeográfico con ese nome.
COnten, conten...

Anónimo dijo...

No tocante á dobre diptongación, cómpre dicir que é moi frecuente en Galicia. Aira/Eira, Naira/Neira, Fraire/Freire... ¡Buf! Teño un libro na casa que contén cantidade deles. Non constan, emporiso, dous que eu teño documentados, cando menos na fala, nas recias bisbarras do noroeste galiciano: osteoporose/ostiaporose, e langosta/langostia. Ás veces aparece un grafema "h"non sei moi ben por que.

Nun escrito do 1796, moi estragado o pobre, recóllese unha forma culta que nunca máis atopei en ningures: obleaporose. Claro que, nese mesmo fardel, viña un plano da cidade de Lugo, do mesmo ano, no que se dá o nome de Praza da Constitución máis ou menos ó lugar que hoxe ocupa a actual Praza Maior, antes Praza de España. ¿Que diaños de Constitución podería haber en Lugo no 1796? En vez de levítica, ¿será masónica a cidade de Lugo?

Admítense achegas. Ando traballando na confección dunha historia secreta da cidade de Lugo. A ver se cando a publique me fan unha homenaxe tan agarimosa e reconfortante como a que lle fixeron a don MV.

Anónimo dijo...

E si esto non se amania...

Cania, cania, cania!!!.

(Ou imos todos a raniala).