10 ene 2009

O ollo cuadrado
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 10-01-2009

Non lles é cousa de filosofía budista ou orientalizante, nin sequera unha evolución máis alá do triángulo co ollo que representa ao deus dos cristiáns.
É só unha lembranza de paseo vagantío de mañá de primeiro de xaneiro ao pé do río, dunha tolada que chegou a figurar nos papeis, ser debuxada e pintada, e felizmente, nunca executada. Non lles minto, que está publicada polo Ministerio de Obras Públicas ou como se chamase no momento, contra 1972, nun libro propagandístico a toda cor sobre as vías de penetración comunmente chamadas logo e dunha forma máis respectuosa para nós, accesos a Galicia. A pintura -logo virían as infografías que non se distinguen case da realidade- aparece a dobre páxina e toda cor. Meu pai ten o libro.
Pois xa naquel deseño inicial para conectar a nova ponte do Ribeiriño -e o tráfico de Madrid-Vigo- coas estradas de Ponferrada e Monforte, estaba planificada a vía que vai hoxe a carón do río e que supón unha navallada á conexión da cidade dos humanos co río das persoas e dos peixes.
Por certo non sei se sería técnicamente posible enterrala, como as vías que circulan a carón do Sena, polo menos en parte para estender o parque Miño ata o pé do río, pero ese é outro conto.
Naquel bosquexo inicial, que debería ter os seus valedores porque tomara ese estado superior de libro, figuraba a disparatadísima idea de desfacer a ponte romana na súa parte de Ourense e reedificala convertindo o ollo redondo por onde pasa hoxe a tal vía, nun ollo cuadrado moito máis ancho.O sentido común dos técnicos ourensáns que tiñan algo que ver co choio, e supoño que tamén dos políticos da cidade do momento, impediu o desaguisado sen necesidade de mobilización cidadá nin farrapo de gaita, pois efectuouse un oportuno aborto terapéutico da idea en fase preembrionaria. Hoxe, por sorte, é só unha imaxe para a antoloxía do disparate. Estou seguro que se publicase este artigo e a foto o día 28 de decembro, todos pensarían que se trataba dunha inocentada. Pero non. Ás veces triunfa o sentido común, sen nós sabelo.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

EStou amolado, nobles contertulios, porque publiquei un comentario eiquí e non salíu, non vaia aghora a replicarme.

Verán, eu estou convencido, no decir dos físicos de avangarda, que en trinta anos teremos enerxía de fusión. Daquela os encoros volveránse obsoletos, e tamén as endiañadas martavelas dos moiños de vento. Asistiremos ó desmontaxe de estos andamiaxes. E as lampreas prehistóricas volverán a remontar o "Minium flumini" ata machear no so-pé da ponte vella. O anguiacho fosforecerá outra vez de noite na súa remontada vindo a desovar. Os salmóns e os sábalos teranno máis difícil para recuperarse.

E o que a nós nos pareceu eterno por ter coincidido co debalar das nosas vidas, non será máis que unha pequena mota de pó na edade xeolóxica. Esas navalladas no río, e esas agresións "obsesivas" ós montes, por cuxa inversión pelexan nestes momentos as grandes fortunas, pasarán a história. "Antes temprano que tarde". Pode que teñan un período de vida similar ó comunismo, setenta, oitenta anos.

Os quebrantos da humanidade serán outros. Probablemente máis de tipo biolóxico.

A ponte vella seghuirá no seu lughare. E nos que o vexamos. Deus, ou o que for, reparta saúde.

Anónimo dijo...

E como son crente, daquela maneira, vostedes desemulenme meus guefes, pode que os que estén do outro lado ( os pasados) o vexan mellor. Anos 2040, 2050.

Acredito na teoría dos campos mórficos, e no rexistro universal de todo facto e pensamento igual que o que está colocado no "net" non ten fin. Ten máis vida da que imaxinamos. E o dito, dito está, con vida própia. E ata algún día pode que se independice de nós, nos pase factura, nos esclavice ou nos libere.

Selina dijo...

De nena aprendín a nadar nesa orela do río, cando nas tardes do verán se enchía de nenos e familias merendando. Baixabamos polo camiño do Bao xa cos flotadores postos e lembro que había xente recollendo mexilóns perto da cepa da Ponte Vella. Lembro mil historias de afogados que rescataba Toñito Patata ( por certo era cataléptico e enterárono vivo. Contounolo o enterrador, cando andabamos de románticos polo cemiterio).De moza o meu primero amor, que nadaba coma un peixe, era do Ribeiriño, así que quedabamos nuha ou noutra ourela e cruzábamos o río nadando para vernos. Aquelo acabouse o día que aparecimos cheirando a petroleo. A Renfe comezara a lavar os trens e botar as auhgas suxas ó río. O da autopista de Ningures doíame na alma, cando chegaba a Ourense, na época en que traballaba fóra.
Din que van a recuperar o areal de Samil, non é mala idea empezar a pensar a recuperar as orelas do río entre as pontes, o coiñal e a praia das cunchas.