30 dic 2006























Cidade da Cultura

Segue a falarse da Cidade da Cultura e o tema dará, para ben ou para mal, para moitos anos. É preciso sen dúbida que un país teña as estruturas necesarias para preservar a súa Memoria: Bibliotecas, arquivos, novas tecnoloxías, Museo da Historia (que non existe), etc. O complexo de Gaiás terá que atender a todo iso. Pero as inversións multimillonarias e os hiperbólicos orzamentos non se gastarán niso. Estase a usar de novo o reclamo da cultura-espectáculo, inserta nunha cidade que en si mesma é o maior espectáculo cultural. Para xustificalo acódese a argumentos tópicos: acudirán centos de miles de persoas... Lembro cando no mundo progresista se debatía sobre a cultura popular e cando subliñabamos os libros de Hauser e de Ricardo Carpani. Canto tempo pasou? Ese é un discurso arqueolóxico: ninguén pensa xa nesas claves. O pobo só se reclama como espectador. E ás veces nin iso.
(Imaxe de Emile Schildt)

29 dic 2006


Dicía Castelao...

Dicía Castelao, no seu Diario 1921, que a arte nova que el viu en Francia estaba dirixida polo xenio do absurdo e arredada do sentido común. O tempo iguala a chegada das novidades artísticas, pensaba o rianxeiro, “pero as Terras son difrentes e a Terra é a nai de todalas Artes”. Esa Terra, como cerne do elemento identitario, era o que Castelao buscaba nas vangardas. E non o encontraba. Por iso si se entusiasma, en cambio, cos pintores rusos que ve en París. Ou cos primitivos flamencos, holandeses e alemáns: sobre todo ca obra do Bosco, de Brueghel o Vello e de Huys, ese universo de elementos fantásticos que copiou no seu “Diario 1921” e no que se inspirou máis dunha vez, mesmo nos seus deseños antifascistas. Sorprende, con todo, que Castelao non entendera a forte relación entre estes artistas (e tamén outros simbolistas dos que fala) co propio surrealismo da vangarda.

28 dic 2006


Recoñecemento a Bóveda e ás vítimas do franquismo no Parlamento Galego

Curiosos os xornais de hoxe: cadaquén conta a feira como lle foi nela. Seica o Parlamento Galego aprobou un certo recoñecemento das vítimas do franquismo e de Bóveda particularmente, cos votos do BNG e PSdG-PSOE e un certo apoio parcial (?) do PPG. Galicia Hoxe cóntao así.
As páxinas galegas de El País (non accesibles dende a rede, creo) insiste máis na postura negativa do PPG, con este titular: "Los populares se niegan a apoyar la reparación de las víctimas del franquismo". E o subtítulo: "El Parlamento pide que no haya centros públicos non nombres de figuras de la dictadura". Segundo El País, o seu portavoz dixo que a iniciativa era revanchista, sectaria e maniquea e que podía reabrir feridas e friccións pechadas na Transición. Pola súa banda o Faro de Vigo titula: "El Parlamento, con la abstención del PP, insta a resarcir a las víctimas de Franco". En fin, que hai que ler todos os xornais para saber qué pasou no Parlamento e aínda así tampouco me quedou demasiado claro.

Castelao, o Diario 1921, as vangardas

Castelao non entendeu as vangardas artísticas do seu tempo. Ou quizais non quixo entendelas. E dicilo así non é un aceno desprezativo co xenial rianxeiro. Basta ler o seu Diario 1921 para percibirmos ben isto: coñecía Castelao a obra e os manifestos dos futuristas, pero fala deles sen entusiasmo; cualifica como "tolerías" as obras e mostras dos dadaístas e amosa certas contradicións respecto do cubismo. Chega a dicir que Picasso é un farsante ("Con todo eu penso que Picasso é un farsante, ¿que terá que ver Picasso, catalán, co esprito occidental?"). Outras veces fala da antipatía que lle provocan os movementos revolucionarios na arte e da súa "moita desconfianza das revoluciós feitas por homes de gran cibdade".

Castelao púxose á defensiva fronte ás vangardas: non era ese o tipo de arte que el amaba. Risco tivo unha postura máis aberta a este respecto, sobre todo como mediador ideolóxico para achegar esas vangardas ós poetas novos, con Manuel Antonio á cabeza. Entre a tradición e a ruptura, Castelao optou pola tradición: o aceno popular dos cruceiros e do románico galego, os artistas rusos que coñece en París, a obra dos primitivos flamencos, holandeses e alemáns, etc.


27 dic 2006


TERRA DE SARDIÑAS E POLÍTICOS
Andoliña 2 decembro 2003

Volve Julio Camba. Volve á actualidade porque se publica, en Espasa Calpe, unha biografía do escritor e unha nova escolma dos seus artigos. Pero nunca se foi, sempre contou cunha lexión de admiradores que non o esquecemos. Porque Camba tiña a virtude da sinxeleza que nace do esforzo e da depuración do estilo. E porque hoxe poden lerse moitos dos seus artigos coa mesma frescura do día en que foron paridos. Hai moita intelixencia, intuitiva e irónica, na súa forma de ver a vida. Velaí a súa opinión sobre a Gramática: “Un idioma obrigado a axustarse á Gramática sería algo así como unha Natureza obrigada a axustarse á Historia Natural”.
Esa ironía tiña xenes galegos, pero era á súa vez de fortes raíces intelectuales, como soubo ver moi ben Celestino Fernández de la Vega no seu maxistral estudio sobre o humor. Lembren cando Camba dicía que Galiza era terra de sardiñas e de políticos. “Para ser un político galego, o primeiro que se precisa é ser parente doutro político galego (...) E cando un non é fillo nin sobriño de ningún político galego- cousa rara, dada a portentosa facultade de reproducción que caracteriza a esta rexión-, entón ten que facerlle o amor a unha das súas fillas ou a unha das súas sobriñas”
Conta logo a historia do político que foi a Madrid en busca dun porto, pero que volveu cunha ponte por cousas do presuposto. No remate, o pobo, sempre agradecido, recíbeo con grandes festas...

Castelao, a súa gran ferida, os cruceiros

Viviu Castelao toda a súa vida con graves problemas nos ollos, aterrorizado polo medo a quedar cego: por iso seica decidiu preparar oposicións e facerse funcionario de Estatística, en busca dun futuro máis seguro. A marcha ó exilio trala guerra foi un dos momentos máis negros da súa andaina. Pero non o peor. En xaneiro de 1928, cando tiña Castelao 42 anos, morre o seu único fillo, de catorce anos, de nome Afonso Xesús, un rapaz con moitos problemas de saúde.
Cae Castelao nun fondo abatemento e non escribe nin debuxa durante meses. Nunha carta ó presidente do Centro Galego de Buenos Aires (publicada na biografía de H.Monteagudo) maniféstase así: “he perdido a mi hijo, que era toda mi esperanza (...),una desgracia irreparable que me ha dejado ciego y harto de todo, puesto que no veo nada ni tengo deseos de nada”. Por consello dos amigos, pide logo unha beca da Junta de Ampliación de Estudos para viaxar á Bretaña e estudar as cruces de pedra. Castelao amaba a arte popular e moi en especial os cruceiros galegos e bretóns. Tense dito que os seus libros sobre os cruceiros amosan unha certa intención penitencial do autor: dende logo, poucas veces a dor transformouse en arte con tal forza.

26 dic 2006

Pulsacións flamencas no Parlamento

Eu xa sabía da querencia de Sarille polo flamenco: non é de agora. Por iso non me estrañou este seu artigo de hoxe en El Correo Gallego, atinado e intelixente.
Baixo fogo amigo...

Un artigo de Afonso Monxardín que pensei que erguería grandes polémicas, pero na páxina web de Galicia Hoxe aínda non o fixo.
En rede

Hai un par de meses, máis ou menos, o xornal Galicia Hoxe abriu unha-dúas páxinas dedicadas a Internet e novas tecnoloxías, coordinadas por Henrique Neira. De cando en vez trae algunha nova sobre os blogs galegos: hoxe mesmo fai unha breve recensión desta miña humilde bitácora e das dos amigos Xabier Docampo e Manuel Bragado (e ogallá sigan saíndo moitas máis, porque creo que interesan ós lectores/as):

www.asuvasnasolaina.blogspot.com
AS UVAS NA SOLAINA. Blog do profesor, escritor e colaborador deste xornal Marcos Valcárcel. Nel podemos atopar textos sobre literatura pero tamén sobre temas de actualidade. Ilustrado habitualmente con imaxes relativas ós textos, ou con imaxes que dan pé para facer comentarios. Como era de esperar e é normal nos blogs, hai tamén un arquivo de noticias e ligazóns cara a outros blogs. Actualizado frecuentemente.
www.xabier-docampo.net
XABIER DOCAMPO. O blog de Xabier Docampo achega unha pequena biografía deste autor de Rábade (Lugo), así como textos de carácter literario que escribe cada certo tempo sobre todo tipo de cuestións. Hai ademais unha área privada á que só poden acceder as persoas que autoriza o autor de obras tan coñecidas coma "O misterio das badaladas" ou "Cando petan na porta pola noite".
http://bretemas.blogspot.com
BRÉTEMAS. É o blog do director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado. Co subtítulo de "Notas do traballo de edición", achega moitas noticias sobre o mundo da edición pero tamén hai espazo para comentar o último partido do Celta ou para abordar o feísmo na arquitectura. Conta con arquivo de noticias e cunha extensa listaxe de ligazóns sobre o mundo do libro e da edición en distintas linguas.

Seguen chegando tarxetas...
Pois si, seguen chegando tarxetas. Algunhas políticas, como esta dos meus antigos compañeiros do BNG ourensán.















1948: tres imaxes

Retratos de Xosé Crecente Vega, falecido en 1948; de Eduardo Moreiras, director de Mensajes de Poesía, e de Blanco Amor, que publica nese ano La catedral y el niño (a foto é anterior, de 1934).

Castelao pintor.

A Editorial Galaxia publicou nestes días dous coidados volumes, co mesmo formato, sobre a obra gráfica de Vicente Risco e a obra pictórica de Castelao. Dos debuxos de Risco xa falei aquí.

O tomo de “Castelao pintor” axunta a obra pictórica do rianxeiro, á marxe dos debuxos e caricaturas, e vai precedido dun atinado e minucioso ensaio de Miguel Anxo Seixas titulado “Castelao: entre a dor e a cor”. Disque a de pintor era, coa de humorista gráfico e caricaturista, unha das verdadeiras vocacións de Castelao: non lle puido dedicar todo o tempo necesario, envorcado na loita política e no esforzo por construír un país.

Pero deixou un xeito de ser e de pintar, un estilo e unas formas, un espírito popular e unha ética das colores, que hoxe son inconfundibles. Este libro volve lembrárnolo e paga a pena afondar neses deseños, que retratan unha idea moi persoal e potente de Galicia.
(Na imaxe, A tola do monte, ca. 1912, acuarela s/papel, 56,2 x 60 cm. Colección Herdeiros de Teresa Rodríguez Castelao)
1948: Tempo de revistas.
Foi o ano de Alba. Hojas de Poesía e de Mensajes de Poesía, empresas culturais vinculadas, na cidade de Vigo, a Ramón González-Alegre e a Eduardo Moreiras.
O artigo completo aquí.

En 1948 aparece en Buenos Aires La catedral y el niño, de Eduardo Blanco Amor, obra tan insólita como grandiosa que, non obstante, pasa desapercibida no ámbito da literatura en castelán. Lorenzo Varela publica o seu estudo monográfico sobre Luís Seoane e o músico Julián Bautista crea a composición musical Catro poemas galegos, inspirada nos Catro poemas pra catro grabados de Varela. Ramón Villar Ponte gaña os Xogos Florais de Betanzos co romance histórico Mandeu e Fernández Oxea, co pseudónimo Eubensei, publica unha defensa do idioma galego en La Noche en resposta a unhas reticencias de Manuel Blanco Tobío.
Deste ano é tamén o primeiro poemario de Uxío Novoneyra, Abrojos, inédito ata que do mesmo deu noticia Alonso Montero na revista Madrygal.Ingresaban na Academia Galega Victoriano Taibo e Aquilino Iglesia Alvariño e Otero Pedrayo mandáballe a Ramón Piñeiro, preso en Madrid e enfermo dos ollos, unha emocionada carta con esta e outras novas culturais do país. Nacía a Asociación Cultural Cantigas e Frores e ademais o Centro Galego de Barcelona, como fusión de diferentes grupos e peñas galegas (Casa de Galicia e Sociedade Artística), xa nos seus locais das Ramblas e baixo a presidencia de Santiago Guisán Pardo.
Torrente Ballester publicaba Compostela y su ángel e Camilo José Cela, Viaje a la Alcarria e o poemario Cancionero de la Alcarria. Ó remate do ano finalizábase tamén o Teatro Colón na Coruña, obra do arquitecto Rodríguez Losada, cando era alcalde Alfonso Molina (edificio recentemente reformado e reinaugurado). En Vigo inaugurábase o Cine Fraga, do arquitecto Gutiérrez Soto, e o edificio La Equitativa na rúa Marqués de Valladares. Nos cines estreábase Sabela de Cambados, película moi popular de Ramón Torrado, rodada en Santiago e na Coruña con Cesáreo González como produtor. María Fernanda Ladrón de Guevara, Amparito Rivelles e Jorge Mistral eran os seus protagonistas.

24 dic 2006


Babecadas.
(Pan por Pan domingo 24 dec. Imaxe do fotógrafo brasileiro Mario Cravo Neto)

A sociedade mediática que vivimos amplifica calquera estupidez nacida na contorna das persoas próximas ós medios de comunicación. Estes días coñeceuse a historia de Pascal Sevran, un xornalista francés coas súas orixes na esquerda, que é un showman da televisión pública francesa (France 2). Ten alí un programa dirixido ós pensionistas cun 73 por cento de audiencia nese sector, un Gayoso galo, digamos. Publicou un libro titulado “Les privilèges des jonquilles” con proclamas nidiamente racistas: di que os problemas do mundo actual e as fames de África proceden da compulsión sexual dos negros (da súa pixa, literalmente) e como solución propón esterilizar a medio planeta. Outro xenio das babecadas é Ahmadineyad, presidente de Irán, capaz de convocar un congreso para negar o Holocausto. Persoas que teñen solucións sinxelas a problemas complexos: así nacen os fascismos.

El origen del mundo (Carlos Marzal)

(Nestes días descubrín a poesía de Carlos Marzal (Valencia, 1961), o autor de Metales pesados e Los países nocturnos. Velaí unha mostra. (Na imaxe un dos espidos de Modigliani).

EL ORIGEN DEL MUNDO
A Felipe Benítez Reyes

No se trata tan sólo de una herida
que supura deseo y que sosiega
a aquellos que la lamen reverentes,
o a los estremecidos que la tocan
sin estremecimiento religioso,
como una prospección de su costumbre,
como una cotidiana tarea conyugal:
o a los que se derrumban, consumidos,
en su concavidad incandescente,
después de haber saciado el hambre de la bestia,
que exige su ración de carne cruda.

No consiste tan sólo en ese triángulo
de pincelada negra entre los muslos,
contra un fondo de tibia blancura que se ofrece.
No es tan fácil tratar de reducirlo
al único argumento que se esconde
detrás de los trabajos amorosos
y de las efusiones de la literatura.

El cuerpo no supone un artefacto
de simple ingeniería corporal;
también es la tarea del espíritu
que se despliega sabio sobre el tiempo.
El arca que contiene, memoriosa,
la alquimia milenaria de la especie.

Así que los esclavos del deseo,
aunque no lo sospechen, cuando lamen
la herida más antigua, cuando palpan
la rosa cicatriz de brillo acuático,
o cuando se disuelven dentro de la hendidura,
vuelven a pronunciar un sortilegio,
un conjuro ancestral.
Nos dirigimos
sonámbulos con rumbo hacia la noche,
viajamos otra vez a la semilla,
para observar radiantes cómo crece
la flor de carne abierta.

La pretérita flor.

Húmeda flor atávica.
El origen del mundo.

(De "Metales Pesados" 2001)

23 dic 2006



























Tipoloxía dos viaxantes, por Xaudaró

Colguei esoutro día unhas viñetas do debuxantes Xaudaró que aparecen no libro do tren ("Ourense, 31 marzo 1881"). Pero non se len os pés de foto e iso é fundamental: por iso colgo agora de novo varias. Porque Xaudaró fai así toda unha tipoloxía cómico-satírica dos viaxantes e as despedidas. Por exemplo:
"Despedida. La de la esposa, más tierna aún (Desconfiad de las imitaciones)", na parella abrazada.
"Despedida. La de la amiga", na parella onde el lle bica na fronte, co canciño ó carón.
"Tipos de viajeros. Viajero por la salud, baños, etc.", cos caxatos e o enfermeiro.
E "Tipos de viajeros.Por fuerza", o bandoleiro levado pola garda civil.
Depuración nas aulas

Pilar Charro é unha señora encantadora que vai case todos os venres á nosa tertulia do Liceo. Creo que foi xefa do servizo de Farmacia da Residencia ourensá ata a súa xubilación e é unha entendida en cuestións de química (hai uns días deunos toda unha lección sobre o Polonio 210 e todo iso); vén case sempre coa súa amiga Ángeles Castro, profesora e amante da Historia. Hai unhas semanas preguntábanme a min se podían vir a ese faladoiro, "para escoitar e aprender", dixeron daquela: o certo é que participan moi activamente e somos todos os demáis os que aprendemos moitas cousas delas, cada venres.

Ben, pois o conto é este. O pasado venres El País publicaba varios artigos especiais (nas páxinas culturais "Luzes") sobre a guerra civil na literatura e na cultura galegas. Entre eles un artigo ben documentado de Ricardo Gurriarán titulado "Depuración nas aulas" (acaba de editar un estudo sobre a represión na Universidade de Compostela). Entre os citados profesores represaliados naquel artigo estaba Charro Arias, o pai de Pilar. E Pilar foi ó Liceo a consultar o artigo (despois compraría o xornal). E encontrouse que faltaban esas páxinas: as que falaban da guerra e a cultura (acaba de contarmo cando nos encontramos os dous cargados de bolsas nun Froiz da cidade). Eu poño a man no lume para confirmar que ninguén do Liceo, dos directivos, suprimiu esas páxinas. E creo que tampouco foi un amante da Historia. Creo que a anécdota, trivial pero significativa, só indica que hai persoas -como ese anónimo lector/a que arrincou esas páxinas na Biblioteca do Liceo- que se resisten a aceptar a democracia e recoñecer que hai que falar de todo e que a verdade é necesaria. Persoas ás que se lles parou o reloxe da Historia. Pobriñas!!



Dúas tarxetas máis

Sigo coa miña colección de tarxetas do nadal. A superior é unha mostra de bon gusto, coa reproducción dun cadro dese gran pintor que é Antonio Quesada (titulada "Atmósfera"). A inferior é a que envía a Editorial Galaxia, nunha liña solidaria, como outras xa publicadas aquí, cunha foto de Laura Lizancos: "Nena do Estado de Karnataka (Unión India), 2006". Ademais leva tamén dous versos de Xavier Rodríguez Baixeras, de O pan da tarde; estes:

"Brotou na noite un rostro,

unha doce mirada."

(Con estas creo que van xa quince tarxetas publicadas: Xaquín Marín, galería Marisa Marimón (collage), Centro Simeón (do artista T.Baqsami), Diego M. Rodríguez ("Estrella del amanecer"), Pérez Touriño, Pen Clube de Galicia, Helena Villar, Fernández Naval e Maribel Longueira, Tres C Tres (artistaAnxo Sebas), Fundación Trasalba (debuxo e letra de Otero), Axencia EFE (neno ecuatoriano), Joaquim Ventura, Concello de Sandiás, Editorial Galaxia e Caixanova (Antonio Quesada. Cal vos pareceu máis interesante e/ou con maior valor artístico?).

Da polémica de moda...

Aínda non puidera ver o video do polémico Himno no Parlamento. Insisto en que a polémica me parece unha parvada, pero se o queredes ver, un anaquiño está colgado no blog Diario dum suevo. Tamén opinan ó respecto os blogs (citados na miña escolma, aquí á beira) Bouzafría e O porto dos escravos. A min, por certo, non me disgustou a polémica versión (polo visto neste anaco, incompleto).

Aquí, a ponderada opinión de Brétemas.

"El viaje"
PAN POR PAN sábado 23 decembro

Como dicía Cavafis no seu popular poema, non paga a pena apresurar o regreso para volver a Itaca. O poeta Juan Bautista Andrade só pedía para unha feliz viaxe en tren a compaña dun asento mol, un libro, un lote de vianda e “una hermosa mujer/ que en frente me sonría/ y que su charla deliciosa/ me vaya haciendo compañía”. A viaxe merece ser longa para, ó volver ás orixes, gozar da aburrida placidez da nosa vida cotiá: “Y al retornar, sentir el alma/ amplia, el corazón más humano/ y como en la palma de la mano/ la pequeñez, la paz, la calma/ de nuestro pueblo provinciano”. O poema de Juan Bautista Andrade, publicado en 1932 na revista literaria “Cristal”, remata co tópico que metaforiza a vida como viaxe, asumida con resignación e quizais cun algo de temor: “Y sumido en una inerte/ Implacable monotonía/ Vivir un día y otro día.../ ¡hasta el viaje de la Muerte!”.

Na revista Cristal n.3, 1932, o poema ía acompañado do magnífico gravado que colguei aquí.
E velaí o poema completo de JUAN BAUTISTA ANDRADE:

COMO querrás ir en el tren?
Un blanco asiento. Un libro. Y un buen
lote de vianda en la rejilla.

¿Y nada más? ¡Ah! sí; una hermosa
mujer que en frente me sonría
y que en su charla deliciosa
me vaya haciendo compañía.

Y largo el viaje
(con solo el cuerpo de equipaje)
ir viendo mundo, tierras, gentes
entre la fuga del paisaje
cinematográficamente.

Y al retornar, sentir el alma
amplia, el corazón más humano
y como en la palma de la mano
la pequeñez, la paz, la calma
de nuestro pueblo provinciano.

Volver a oir la hora dormida
y ver recubrirse de herrumbre
los viejos goznes de mi vida
en el giro de la costumbre.

Y sumido en una inerte
implacable monotonía
vivir un día y otro día...
¡hasta el viaje de la Muerte!

1930