25 nov 2007


As fontes do imaxinario na literatura galega (de Xosé Miranda, no Galeusca 2007)

Dado que falamos nestes días da obra de Xosé Miranda, traio aquí este seu texto no Galeusca, moi interesante. Transcribo o remate (está completo en Comentarios). A imaxe é de Watherhouse, Serea, 1901.

A Moura é unha deusa cobra e como as cobras pasa o inverno soterrada, e como as cobras é inmortal e como as cobras é ambivalente, fecundadora e devoradora. É unha deusa agraria que procede dun pobo europeo que existiu en Galicia. Europeo, non indoeuropeo. Pois xeneticamente non somos indoeuropeos. A ese pobo superpuxéronse en cultura e lingua, máis que en poboación, outros pobos indoeuropeos (celtas, latinos, xermanos) que trouxeron outras mitoloxías, mais a Deusa sobreviviu ata agora mesmo: soterrada. Existe, pois, unha mitoloxía galega non menor que a irlandesa, a británica, a bretona, a vasca, a lituana, a finlandesa, a alemana ou a latina. Saber descifrala vai ser tarefa longa. De momento sinalemos a existencia dos mouros e mouras, dos tesouros, trasnos, tardos, demos rumudos, diaños bulreiros, perellos, sumicios, de agoiros e avisos de morte, das Tres Marías, Da Raíña Loba, de libros e remedios máxicos, de vigas de ouro e de alcatrán, de encantos, lamias, xacias, sereas, cabras con pernas de muller e mulleres con pés de cabra, de mecos, rabenos e homes salvaxes, dun mundo subterráneo distinto a este, de peeiros e peeiras dos lobos, de cabalos pantasma, estadeas, paxaros da morte, cadelas peregrinas, raposas do Morrazo, estantigas, procesións de bruxas, pozos peago, mares subterráneos, cidades asolagadas, cobras voadoras que devecen polo leite, herbas cabreiras, ovos druídicos, pedras do raio e da serpe, maruxainas, homes do saco, mariamantas, meigas de dentes verdes, homes peixe, papóns, sacaúntos, zarroncos, biosbardos, cozorellos e moitos máis.
Remato: é ben clara a relación da mitoloxía popular e os diversos xéneros da literatura oral cos diversos tipos de literatura escrita. Así, a literatura chamada realista está preto dos chamados por Aarne “chistes e anécdotas” e “contos románticos e novelescos”; a literatura do marabilloso (que algúns chaman erroneamente fantástica e os anglosaxóns fantasía), como a de Dunsany, Tolkien ou Ursula LeGuin, procede dos contos marabillosos e dos mitos; a fantástica (Fole, no noso caso), está máis próxima á arqueolenda; os románticos á neolenda con castelos, mortos e pantasmas; e a “literatura do extraño”, poño, por caso Poe e Dieste, a verdadeira literatura de terror que é próxima ao fantástico pero ás veces non o é, asimílase á lenda urbana. E Cunqueiro? En Cunqueiro está todo o conto, o mito e a arqueo e neo lenda. O que non está en Cunqueiro é a lenda urbana, porque lle desagrada. Cunqueiro está moi lonxe de Poe e de Dieste, de Cortázar e Ambrose Bierce, e próximo a Borges e a Dunsany.
Aínda que é fama dos galegos sermos tráxicos e estarmos sempre a carón da morte, termos meigas e pantasmas, falar cos mortos igual ca cos vivos e todo iso, direi sen embargo que como calquera lector de Cunqueiro sabe, a cosmovisión galega está chea de humor, e a nosa mitoloxía e a nosa literatura oral tamén. Un exemplo: o nome do caracol.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

AS FONTES DO IMAXINARIO NA LITERATURA GALEGA (GALEUSCA- XOSE MIRANDA)

Teño que confesar de entrada que me desorienta o propio título da intervención, “as fontes do imaxinario na literatura galega”, e iso por moitos motivos. O primeiro, a palabra imaxinario. Se un busca nos dicionarios, imaxinario resulta ser o que non existe, non é real, ou sexa, é fabuloso, ficticio, irreal, non verdadeiro. Así considerado, caben dúas opcións, a comunmente aceptada e para min pouco reflexiva de confundir imaxinario con fantástico, e polo tanto imaxinario é o propio da literatura fantástica, ou a contraria: toda a literatura é ficticia, mesmo a que se autodenomina realista, e só existe nos libros, é unha realidade autónoma, virtual. Deste xeito, toda literatura é imaxinaria, pois provén da imaxinación. Así que “as fontes do imaxinario” son as fontes da literatura. Non só da fantástica, tamén da picaresca, da de xénero negro, da novela de tese, da infantil e xuvenil, da épica, da epopea, do teatro, da novela de aventuras e do que sexa. E, a pouco que o pensemos, isto resulta ser certo: todas estas cousas xa estaban na literatura oral. Pero creo que non ían por aí os que propuxeron o tema. Doulles unha terceira opción: non traer imaxinario de imaxinación, senón de imaxe. Imaxinario sería para min o conxunto de imaxes que colectivamente asumimos, é dicir, o conxunto de mitos que nos constitúen: o lobishome, a Moura, Pepa Loba, o rei Arturo, Cristo, Os Reis Magos, o Rato Pérez, o chupasangues, pero tamén Foucellas, o Piloto, Curuxás, o rei García, etc. Sei de sobra que esvaro por terreo perigosísismo e que a psicoanálise de Betelheim e o inconsciente colectivo de Jüng cadran ao lado. E en segundo lugar, que se entende por fontes? Podo resolvelo dicindo que a fonte do imaxinario galego (sexa o que sexa) está na literatura oral, e se cadra é iso o que se agarda de min. Pero se profundizo un algo, resulta que toda a literatura oral non é da mesma época nin ten as mesmas orixes. É qui li cuá. Temos moi pouco tempo e só quero esbozar o que segue: en Galicia impúxose un absurdo movemente antimitolóxico que quere explicar, poño por caso, as mouras como unha réplica en negativo dos propios labregos. Din estes estudiosos cousas como que as mouras son loiras porque as campesiñas son morenas, que os mouros teñen tesouros porque os labradores son pobres, e moitas outras perlas deste calibre. Todo con tal de non recoñecer o evidente: as mouras son un mito e forman parte dunha mitoloxía galega que aínda existe. É máis: esa mitoloxía procede dos primeiros agricultores. E é que cando o racionalismo abandona a razón convértese na máis perigosa das supersticións. O soño da razón produce monstros.
Abandono as digresións e céntrome. Vou identificar a literatura oral como unha das fontes do imaxinario galego. Sendo así, na literatura existen varios xéneros: algúns en prosa e outros en verso. Ademais, oracións, ditos, adiviñas, refráns, o folclore infantil que é interesantísimo, etc. Entre os xéneros en verso, as cantigas e os romances, que son narracións, en realidade, e de orixe medieval ao principio, despois outros máis recentes que relatan crimes e amores e que prefiguran algúns xéneros da novela.
E en prosa, tres xéneros narrativos: o conto, a lenda e o mito. Brevemente, o conto nárrase sabendo que é ficticio (é unha “patraña”, unha “fábula”) e podemos clasificalo, seguindo a Aarne en varios grupos, que direi a voa pluma: de animais (que son como a fábula clásica), chistes e anécdotas (moi realistas e mesmo naturalistas), contos de fórmula e contos “folclóricos ordinarios”, entre os que están os “marabillosos” nos que intervén a maxia, hai contrincantes sobrenaturais e probas que superar, etc. Como tal, os contos de Brancaflor, do Príncipe Lagarto, o cabalo Buligán, os tres pelos do demo, a princesa e o xigante, o olláparo, etc. Moitos dos seres míticos galegos aparecen precisamente neste último tipo de contos. Óllese que estes “contos de fadas” suceden nun mundo e nun tempo míticos por definición. A lenda é unha narración que se pretende certa. O narrador cóntaa como un sucedido real, verdadeiro: eis o seu carácter máis definitorio. A lenda é un sucedido e para amosalo, para autentificalo, dáse o nome do protagonista ou da testemuña: isto pasoulle ao meu avó, á miña tía, a un amigo, a un amigo dun amigo, a min mesmo que o vin con estes ollos, e dáse tamén o tempo no que pasou e o lugar preciso. Poño un exemplo: Conta o Félix que había unha muller en Marce que lle chamaban a Generosa do Pólvora, que era irmá da Monfortina, e que cando lle morreu seu pai ela estaba alí por debaixo da casa e que ladraba igual ca un can. E dicían que pouco antes de morrer pedíalle a man dereita á súa irmá e que esta non lla deu. En vez deso, deulle o rabo dunha vasoira. E Generosa morreu e a vasoira marchou voando. Iste carácter de “verdadeiro” que ten a lenda opona rotundamente á fábula e fai que un se interrogue sobre o título “imaxinario”, pois precisamente a lenda pretende non ser “imaxinaria”, senón verídica. A lenda fainos dubidar, embolecar: esta a cabalo entre dous mundos. O outro mundo, de súpeto, maniféstase neste. Ben sei que moitos diredes que esas non son as lendas habituais, que as habituais son as de castelos, cabaleiros, santos, virxes, etc. Pero errades. As arqueolendas, como as denominan os especialistas, son estas e son as de auténticas raigame popular, oral. Nas arqueolendas (que son as que se contan como recentes en canto ao tempo da narración) os personaxes son meigas e meigos, bruxos, nubeiros, lobishomes, mal de ollo, meigallos, demos, trasnos, demachiños, pantasmas, a Compaña, a Sociedade do Oso, cans, a Zarrulada, lobos, porvisos, etc. Pola súa banda, a neolenda ten en común coa lenda a súa pretensión de verosemellanza, mais non se localiza nun mundo e nun tempo inmediato (sucede na antigüidade, nos tempos de cabaleiros e castelos, no dos santos ambulantes, nos da Virxe, nos do Camiño de Santiago), aínda que si nun tempo e nun mundo recoñecibles, e por iso non pode presentar testemuñas do sucedido. Suspeitamos seriamente da orixe escrita de moitas destas lendas. Hai un terceiro tipo de lenda, en fin, que é moi coñecida hoxe: a denominada lenda urbana. Nela non aparecen seres sobrenaturais normalmente, pero mantén exactamente o carácter de autenticidade, de ser un sucedido, e danos testemuñas: un amigo dun amigo. Enche os xornais e o internet. Constitúe un novo tipo de folclore, o xeroxlore. E aínda que é universal e transversal, nin é tan moderna como se pretende nin unicamente urbana nin deixa de terse localizado repetidamente. Un exemplo: Na Coruña un neno foi cos pais á feira e montou nos cabaliños. Era pequeno, pobre, seica non pasaba dos tres anos. Montou nun cabalo e de repente púxose a chorar. Colleuno a nai e el choraba e choraba. Tiveron que levalo para a casa. Dixo que o mordera o cabalo. E, claro, non lle fixeron caso. Pensaron que era cousa de nenos. Pero pola noite púxose moi malo, vomitando, inchoulle o brazo, púxose negro. Chamaron o médico, pero xa chegou tarde. Morreu o neno. E o caso é que no brazo tiña dúas picaduras. Non o mordera o cabalo, mordérao unha víbora. A policía foi mirar o tiovivo, e atoparon unha víbora que fixera o niño no cabalo.
Pero fáltanos falar do mito. Esa peza narrativa tan difícil de apreciar, pois semella estar a cabalo entre o conto e a lenda: Comparte co conto marabilloso que sucede en tempos “imaxinarios”, en tempos que non se poden medir cos métodos habituais, pois son alternativos, son os tempos primixenios, os tempos “de María Castaña” que non suceden nun percorrido lineal, e comparte coa lenda a súa pretensión de autenticidade. Iso autenticamente “sucedeu”. Non hai testemuñas, mais sucedeu e é evidente. Non se trata dunha neolenda pois non se trata agora, en realidade, dos seres humanos, senón dos deuses que están nas orixes do mundo. O mito fala das orixes das cousas, trata das crenzas máis fondas dunha comunidade e por iso cando estas se perden percíbese como un conto ou como unha lenda. E iso sucedeu en Galicia: ata agora os folcloristas nunca falaron dos mitos galegos, que os hai e son moi abundantes. Clasificáronos como lendas ou como contos etiolóxicos ou mesmo, desconcertados, como puro chiste ou anécdota. Engadamos que o personaxe orixinal pode estar oculto ou ter cambiado de forma para adaptarse á relixión dominante e xa está. E vexamos exemplos: O río Eume nace no Xistral, na Fonte do Xistral, e despois baixa e pasa onde o lugar do Real. Alí houbo unha vila que un día quedou asolagada. Un día que veu un trobón, un diluvio e non parou de chover ata que Veiga do Real quedou asolagada. Fíxose un pozo fondísimo, o Pozo do Real. E din que os habitantes quedaron alí, e que viven debaixo das augas. O caso é que alí aparecen unhas señoras peiteándose, uns encantos que a bo seguro eran desa vila. E tiñan un cadelo, un cerrulo pequeno que pillaba as ovellas dos que ían por alí e mándabaas ao fondo do Pozo, sería para alimentar aos habitantes, que sei eu.
Unha bruxa, ou moura, e a súa filla, residentes no castro cruzaban a pé o Monte Pedrido. A mai ía fiando e levaba na cabeza unha grande rocha; a nena levaba na cabeza unha ola con leite. Ó chegar á Pena, a bruxa, ou moura, esvarou sobre unha laxe, caeulle a rocha que levaba na cabeza e esmagou a filla. A mai, vendo a desgracia, alporizouse e dixo: Pena Castrela, rompíchesme a ola, matáchesme a nena; o demo te fenda de rabo a orella. E para castigala colleu a outra pedra (dun medio metro de longo) e tiroulla enriba. E alí está a pena, fendida en dúas. As mouras, como se ve, son xigantes, que levan laxas na cabeza, fian cunha man e, aínda que aquí non se diga, ó mesmo temo, baten leite ou fan manteiga coa outra. Co tempo, confundíronse coas bruxas, que, como se ve, non son as bruxas normais, senón bruxas sobrenaturais xigantescas, idénticas ás das Illas Británicas. En realidade, trasuntos da deusa Mari, Moura, Morgana, Morrigan. Esa deusa responsable das antas, mámoas, castelos e castros, e ás veces de pontes e igrexas, e desde logo habitante de covas, montañas, castros, lagoas e fontes, capaz de cambiar de forma a vontade, que ás veces é cobra e ás veces é pita e ás veces é egua, vella e nova, e amante dos porcos, das vacas, do leite e dos queixos, do viño, do pan e dos cereais, das rapaciñas ás que leva para que a sustitúan e dos mozos, e gobernadora tamén do tempo, do inverno (é ela quen fai a xeada: peneirou a vella canto quixo; a vella peneira de noite; quen produce a calor: forneou a vella canto quixo, din nun día de fogaxe, está en Fole), responsable do arco da vella e dos vagalumes (vella facendo as papas) e das maruxiñas. Esa vella fixo as montañas e dáselle culto nas montañas: no Faro, no Cebreiro, cos nomes de Ana, María, Mariña, que son o seu último avatar. Pero ás veces é o mesmo Deus. Cando Deus rematou de facer o mundo o último que fixo, e o que mellor lle saíu, foi Galicia. Estaba canso, e pousou o cu no mesmo cume do monte Santa Tegra, pero non asentou ben e para non caer e quedar en ridículo, apoiou a man. Co seu peso quedaron marcados os dedos e o mar entrou por aquelas marcas terra adentro. Os cinco dedos formaron as cinco Rías Baixas: a de Vigo, a de Pontevedra, a de Arousa, a de Muros e Noia, e a de Corcubión e Cee. Ah, pero cando Deus ergueu a man lixada de lama, sacudiuna, e así, segundo os montóns que foron caer no mar fosen grandes ou pequenos naceron as illas Cíes, as Sisargas, Ons e Oncela, Sálvora, Arousa e as outras illas galegas.
Teño para min que esta vella é a que os celtas e xermanos británicos chaman a Cailleach, que é a Candeloria, e o inverno perténcelle desde o 1 de novembro ata o 1 de maio, que era cando xa se podía saír da casa e ir guerrear. Os celtas só guerreaban nesa época. O 1 de novembro comeza a época dos mortos, o inverno, cando a Cailleach deixa de ser moza e é vella. De feito, nas Españas medievais ir á guerra era ir ao maio: así di o rei Afonso X: Quen da guerra levou cabaleiros e a sa terra foi guardar diñeiros non ven al maio! Fixádevos que a metade xusta entre o 1 de novembro e o 1 de maio é o día da Candeloria, 2 de febreiro, día en que casan os paxariños. E fixádevos en que o día do solsticio de verán, en San Xoán, sae a Moura que quere ser desencantada. A Moura é unha deusa retida baixo terra contra a súa vontade. A noite de San Xoán vén, como moza, a que a desencantemos. E non se conserva só o mito, mesmo, asombrosamente, consérvase a descripción do rito. Un mouro dálle tres moletes a un home de alí, cada un co seu periquete, dicíndolle que non lle quebre ningún dos cornechos nin lle tire un só bolisco ó pan. Mándalle que cando chegue ó castro Pedro tire os pans de un en un no meio do terreo, dicindo: ¡Aureana, aureana, toma o bolo que che da a túa Ana!
Así o fai o home, pero a súa muller, entretanto, apalpa o saco onde van os moletes e cómelle un periquete a un. Chega o paisano ó castro, bota un molete e sae unha belida dona montada nunha mula moi chea, e fuxe coma un lóstrego. Bota outra e sae outra igual, tamén coa súa mula. Bota o terceiro, que é o que vai incompleto, e a señora que sae vai nunha mula coxa e así non pode desencantarse.
A Moura é unha deusa cobra e como as cobras pasa o inverno soterrada, e como as cobras é inmortal e como as cobras é ambivalente, fecundadora e devoradora. É unha deusa agraria que procede dun pobo europeo que existiu en Galicia. Europeo, non indoeuropeo. Pois xeneticamente non somos indoeuropeos. A ese pobo superpuxéronse en cultura e lingua, máis que en poboación, outros pobos indoeuropeos (celtas, latinos, xermanos) que trouxeron outras mitoloxías, mais a Deusa sobreviviu ata agora mesmo: soterrada. Existe, pois, unha mitoloxía galega non menor que a irlandesa, a británica, a bretona, a vasca, a lituana, a finlandesa, a alemana ou a latina. Saber descifrala vai ser tarefa longa. De momento sinalemos a existencia dos mouros e mouras, dos tesouros, trasnos, tardos, demos rumudos, diaños bulreiros, perellos, sumicios, de agoiros e avisos de morte, das Tres Marías, Da Raíña Loba, de libros e remedios máxicos, de vigas de ouro e de alcatrán, de encantos, lamias, xacias, sereas, cabras con pernas de muller e mulleres con pés de cabra, de mecos, rabenos e homes salvaxes, dun mundo subterráneo distinto a este, de peeiros e peeiras dos lobos, de cabalos pantasma, estadeas, paxaros da morte, cadelas peregrinas, raposas do Morrazo, estantigas, procesións de bruxas, pozos peago, mares subterráneos, cidades asolagadas, cobras voadoras que devecen polo leite, herbas cabreiras, ovos druídicos, pedras do raio e da serpe, maruxainas, homes do saco, mariamantas, meigas de dentes verdes, homes peixe, papóns, sacaúntos, zarroncos, biosbardos, cozorellos e moitos máis.
Remato: é ben clara a relación da mitoloxía popular e os diversos xéneros da literatura oral cos diversos tipos de literatura escrita. Así, a literatura chamada realista está preto dos chamados por Aarne “chistes e anécdotas” e “contos románticos e novelescos”; a literatura do marabilloso (que algúns chaman erroneamente fantástica e os anglosaxóns fantasía), como a de Dunsany, Tolkien ou Ursula LeGuin, procede dos contos marabillosos e dos mitos; a fantástica (Fole, no noso caso), está máis próxima á arqueolenda; os románticos á neolenda con castelos, mortos e pantasmas; e a “literatura do extraño”, poño, por caso Poe e Dieste, a verdadeira literatura de terror que é próxima ao fantástico pero ás veces non o é, asimílase á lenda urbana. E Cunqueiro? En Cunqueiro está todo o conto, o mito e a arqueo e neo lenda. O que non está en Cunqueiro é a lenda urbana, porque lle desagrada. Cunqueiro está moi lonxe de Poe e de Dieste, de Cortázar e Ambrose Bierce, e próximo a Borges e a Dunsany.
Aínda que é fama dos galegos sermos tráxicos e estarmos sempre a carón da morte, termos meigas e pantasmas, falar cos mortos igual ca cos vivos e todo iso, direi sen embargo que como calquera lector de Cunqueiro sabe, a cosmovisión galega está chea de humor, e a nosa mitoloxía e a nosa literatura oral tamén. Un exemplo: o nome do caracol.

Anónimo dijo...

Na aldea había velliños e velliñas que xuraban e perxuraban que viran "pantasmas" e que falaran con eles.Normalmente,familiares ou amigos mortos.
Pero a que máis impresionóu,pola vehemencia que lle puxo quen ma contóu por certa foi esta:

"Iba eu polo monte,de noite,con moito medo por camiños oscuros.Oín a voz do meu pai morto que me dixo:Tés medo?.Respostéi:Si,moito medo.Pois non o teñas,proseguíu.Vóuche mandar dúas perdices pra que te protexan.Naquelo pousáronse dúas perdices ó meu carón.Unha,a dereita.Outra pola esquerda.E foron camiñando comigo,unha a cada lado,mansiñas e bonitas, hasta que entréi na aldea.Logo,marcháronse voando."

Anónimo dijo...

Interesante e prometedor fio, a mágoa é que de momento non podo adicarlle o tempo que desexo, a ver se nuns día, e con sorte sigue visibel na Solaina. Interésame porque tiño un punto di vista distinto, senón oposto a certa concepción da literatura que latexa na exposción e sería fructifero para todos o seu debate.

Anónimo dijo...

Pois veña,Jimmy.Que eu vexo o texto tan completo,que non séi qué máis se pode engadir sobre o tema.Leélo e fora.Así está de seco o post.