7 dic 2007


Na homenaxe a Blanco Amor, no cimiterio de San Francisco (texto de Gabriel Gavela, do IES As Lagoas)
Imaxe de V. Brauner, 1945.

E a cidade abríase aos ollos dos novos poboadores. Afillados dunha metrópole enfastiada de novas tendencias, non son máis que homes e mulleres sen outra pretensión que unha pequena reforma nas súas angueiras máis intrínsecas. A urbe porfíllaos debido a esa inercia estúpida de comprensión e solidariedade característica de pobos afeitos a migracións eternas. Pero esa aceptación trastórnase no intre mesmo da manifestación da identidade. Eis o porqué da exclusión do foráneo. Todo depende do teu devir como un elemento máis da cidade. Se aceptas os acordos xa supostos e argumentados, converxes xunto co resto dos habitantes sen problema ningún. Mais, de teres un espírito desbotado e unha actitude de rebeldía, escusas cismar en reflexións creativas e innovadoras, porque a cidade non permite excesos.

Dicía Blanco Amor: “Ourense apértame como un zapato ás xaponesas.” “É unha cidade con virtudes, pero están dispersas.” E non serven para nada, porque “Ourense non se propuxo facer positivas esas virtudes.” “Ourense non ten destino”.

Algo semellante comentaban os neoprovistas. Falaban da importancia da conciencia clara e esperta. Conciencia esperta. Afirmaba Blanco Amor, cal Sócrates en Atenas, que os deuses puxérano sobre Auria como un tabán sobre un nobre cabalo: para picala e mantela esperta. E morrendo o escritor, morría o espertar.

Dez átomos de carbono e oito de hidróxeno conforman a molécula de naftalina, veleno de couza presente en todas as asociacións culturais, en todas as honras a seres inexistentes. A política aprópiase da cultura, e a cultura colle forma de boneca inchable á que todo insigne persoeiro gostaría deleitar, mais remata desdeñada no silencio colectivo.

Falaba Blanco Amor nun seu artigo do ano 69, dun debuxo de Castelao no que aparecían dous homes conversando nunha rúa.
- Quen é ise? - dicíalle un ao outro.
- Non sei.
- Entón vámoslle a botar un homenaxe.

As homenaxes son actos da época feudal, que naceron das relacións de vasalaxe, mais quedaron embutidos como ritual das tribos máis selectas para gorentar aos homenaxeados que, normalmente, xa teñen sido relados polos bichocos da terra.

Ría Aaylah Assumpta, muller sahariana ideóloga do neoprovismo, das nosas estúpidas neuroses occidentais, das nosas bágoas superficiais, da nosa intelligentsia local rifándose a xenialidade, dos persoeiros que aproveitan a opacidade da cidade e propulsan a súa actitude prepotente.

“Unha tarefa intelectual non é unicamente monólogo e soidade”, sentenciou o Blanco Amor. E laiábase, asemade, da súa cidade. “Ourense e para min o que para os gregos a moira, a fatalidade, que persegue aos heroes ata acabar con eles”.

E aínda non morreu o conto, nin morrerá mentres as mentes sexan esféricas e cortadas en imperfectos cuarteiróns que os homes que gobernan a cidade comen gostosos canda un iogur un pouco de pan de Cea.

22 comentarios:

Anónimo dijo...

Texto que adxunta GABRIEL GAVELA para a comprensión do que é o NEOPROVISMO:

O Neoprovismo existe. Nun principio íase chamar "Neoprovismo cultural" porque as siglas quedaban bastante ben: N.P.C., pero debido a que este movemento aborrece a utilización dada polos mass media da palabra cultura, eliminouna. O seu nome provén dunha remodelación ( de aí o prefixo grego neo-) dos movementos contestatarios holandeses creados nos anos 60 coñecidos como "Provos".
Hai pouca infromación sobre estes movementos. Na wikipedia en castelán aparece algo buscando "Provo (movimiento)". Mais, onde aparece a información precisa e contrastada é no libro Nous l´avons tant aimée, la révolution de Dany Cohn-Bendit, libro baseado nunha serie de televisión realizada por el co mesmo nome. Existe unha versión en castelán deste libro na colección Compactos de Anagrama titulado La revolución y nosotros, que la quisimos tanto. Colección baratiña, por certo.

Inda que o neoprovismo está vencellado a este movemento holandes, só herda del a dinámica de espertar á sociedade (por iso viña ao caso o tabán de Sócrates citado por Blanco Amor) e atacar ás estructuras preestablecidas de maneira consciente e racional, así como tamén aproveita o motivo lúdico (sen excesos) e a creatividade mediante happenings e accións escénicas varias .

Mais o Neoprovismo ten unha filosofía moito máis pragmática. Busca o primitivismo do que nos rodea, a base de todo. Non categoriza ás persoas e entende ao ser humano como un metazoo (renuncia ao vocábulo "animal", demasiado manido xa) e polo tanto non cre na maior importancoia dunha especie sobre outra (isto quedou un pouco secta, pero para nada). Isto exprésase na súa filosofía fundamental baseada na pirámide de necesidades de Maslow (inda que o neoprovismo entende que esa pirámide non é perfecta e poden cruzarse necesidades). É terrible que haxa xente que non teña cubertas as súas necesidade primarias (as fisiolóxicas) e outros estean amolando coas necesidades de autorrealización (últimas necesidades situadas no quinto chanzo da pirámide).

Por iso, a actuación do Neoprovismo céntrase nas necesidades de autorrealización (aceptación de feitos, moralidade, falta de prexuízos, creatividade...) e sobre todo nas artes. Xa que existe un mundo occidental no que vivimos tan ben que temos como única preocupación satisfacer as necesidades de autorrealización (non todo o mundo vive así, pero sí moitos e máis con respecto aos países do Terceiro Mundo), o conxunto de persoas que conforman esa sociedade de Benestar (nós sempre falamos de sociedade do Estar Ben, porque expresa a nosa actitude diaria de adaptación e non fala de termos económicos ou políticos) debe tentar que as zonas menos desfavorecidas do planeta cheguen non só a satisfacer as necesidades primarias, senón todas ata chegar ao noso nivel de benestar. O neoprovismo entende que somos a primeira xeración capaz de erradicar a pobreza (http://www.pobrezacero.org/) e hai que presionar para que isto sexa un feito.

No vocabulario neoprovista o provo é toda persoa que pertence ao movemento. O provotariado é o nome colectivo para o conxunto de todos os provos. Aínda que existe este vocabulario herdado do antigo movemento holandés, o neoprovismo non pretende ser un movemento elitista, senón chegar a todo o mundo, porque non pode haber xerarquías na sociedade actual. Non hai persoas con maior importancia ca outras. Unha persoa pode ser mellor en algo que outra por unha serie de factores neurobiolóxicos primeiro e despois polas súas vivencias. Unha persoa é ela e as súas circunstancias, niso hai unha conincidencia con Ortega y Gasset para explicar o feito da non-diferenzación entre persoas.

A grandes rasgos o Neoprovismo vai disto, aínda que non están pechados os puntos programáticos. O principal é aportar o noso graniño de area para a consecución dunha sociedade de iguais (no ámbito das necesidades, non do pensamento, que a xente pense diferente por favor!).

Con respecto a Aaylah Assumpta: É unha muller sahariana que coñezo dende hai tempo e coa que comezamos a crear este movemento contestatario chamado Neoprovismo, ela foi a que máis teoría donou ao movemento, por iso é a ideóloga. É unha delicia de persoa.

Marcos Valcárcel López dijo...

Noraboa a Gabriel Gavela polos dous textos. Creo que son, cando menos, ben suxerentes e gustaríame que provocasen máis reflexións neste fío.

Anónimo dijo...

¿Pero en serio que o escribiu un alumno? Como coñezo a Gabriel, sei que si. Felicidades, meu.
Maxistral.Un orgullo para a Rita e o Antón e prás Lagoas, home non.
Xa lles gustaría á maioría dos poboadores do autocomplacente "sistema litter - ario galego" facer algo así.
Moi bien, moi bien, moi bien, dicía a miña avoa, gabando algo en superlativo.

Anónimo dijo...

É un alumno do instituto das Lagóas?

Marcos Valcárcel López dijo...

Repito, para XOHAN e para todos: non hai ningún xogo nin nada. É un texto de GABRIEL GAVELA, alumno do IES As Lagoas e fillo dos amigos Antón e Rita. Como dixo esoutro día o L.Gzez Tosar, despois de escoitar a súa lectura por un compañeiro, queda asegurado o Universo Literario Ourensán.

Anónimo dijo...

Creo que Manuel Zabal xa non da clases alí, senón pensaría que lle metéu él o gusanillo no corpo.

Anónimo dijo...

Vostedes lembran cando se montóu no lugar que ocupa eses instituto unha praza de touros? Debéu ser no 75 ou 76.

Anónimo dijo...

Zabal está xubilado, aínda que segue próximo. Non lle deu clases a Gabriel. É un pouco cedo para empezar a falar das influencias no mozo...
Pero aí hai madeira, ou sexa materia por etimoloxía, e o autor, sobre todo coa súa temperá madurez, é o dono das gubias, trenchas e trades, lumes, vernices e serras con que traballala.
Saúde e que os fados sexan propicios.

Anónimo dijo...

O asunto amor/odio é un tema recorrente na literatura cando menos dende Cátulo. O seu coñecido epigrama amoroso di Odi et amo. Quare id faciam? fortasse requiris / Nescio, sed fieri sentio et excrucior.

Este sentimento amor/odio, e o conseguinte tormento, pode trasvasarse -e de feito trasvasouse- a outros obxectos diferentes da persoa amada/odiada: ás distintas representacións do locus (a cidade, o país, ...), por exemplo. De aí que a literatura universal, en especial a contemporánea, estea repleta de relacións amor/odio con todo o que teña que ver coas orixes. Blanco Amor é un caso paradigmático. O amor non correspondido, negado polo obxecto amoroso (a cidade que o viu nacer), devén en odio ao verse rexeitado ou non recoñecido. Don Eduardo queixábase de Ourense neste sentido.

(Vaia forma máis pedante de dicir unha obviedade!)

Anónimo dijo...

Osé y temí, mas pudo la osadía

tanto que desprecié el temor cobarde;
subí a do el fuego más me enciende y arde
cuanto más la esperanza se desvía.

Gasté en error la edad florida mía,
ahora veo el daño, pero tarde,
que ya mal puede ser que el seso guarde
a quien se entrega ciego a su porfía.

Tal vez prüebo —mas, ¿qué me vale?— alzarme
del grave peso que mi cuello oprime,
aunque falta a la poca fuerza el hecho.

Sigo al fin mi furor, porque mudarme
no es honra ya, ni justo que se estime
tan mal de quien tan bien rindió su pecho.

Anónimo dijo...

Sactamente.

Anónimo dijo...

O poema que colgou ARUME é:
Osé y temí; más pudo la osadía,
de Fernando de Herrera

Anónimo dijo...

E falando de provos, el non estará pensando o Gabriel Gavela en presentarse aos comicios municipais en emulación dos holandeses?

Anónimo dijo...

Á atención de Gabriel Gavela:

Estimado -sen retórica- correspondente, retruco a súa petición de comentario sobre o texto seica por vde. lido con ocasión, un tanto sorprendente, de homenaxe. Digo sorprendente, por canto nel parece ser a refutación da homenaxe como práctica motivo, se non fulcral, si como mínimo estruturante. Tanto ten: descanso na súa prosa de labor tan arduo coma a corrección de exames, de certo e por certo menos gratificante; non me disgustaría corrixirlle algún, se non leva a mal a confidencia.

Sendo caso diferente, outorgo gustosa aquiescencia ao dito aquí por outros: ten vde. facundia á par de discurso, calorosamente hai que celebralo. Con todo, aprecio máis desenvoltura no aspecto teórico-expositivo (crónica e teórica do neoprovismo) ca no lírico-esexético arredor de Blanco Amor e algún disque infundado hábito da cultura ou quizá turiferaria occidental. Así como un máis vivaz fluír de pluma no primeiro, sen menoscabo así e todo do segundo.

A pragmática adoita condicionar o discurso lingüístico concreto, e vde. posiblemente quixo suscitar algún incomodo nas autoridades presentes; indicando, sen personalizar, que a impostura -de habela- perde coartada ante ilustración e crítica, se as hai. Gustei do seu evocar a don Eduardo como solitario -sen asento, lin unha vez que o viña definindo alguén- e escindido entre o Ourense e mailo non Ourense; lembrei, obviamente, a James Joyce e tamén a aquel Meu amadour que en "Ditadura das cousas" (Ferrín, Crónica de nós) se nos presentaba como fuxido a "esa cidade, Ouréns, que sempre dixeches odiar e á cal retornas con saudade nas túas crises". Gustei, en parte, porque gusto, parécenme necesarias as homenaxes, evocación e lembranza, por moito, Gabriel, que tamén poida comprender a súa pragmática; sexa esta defensiva, educadora ou bipolar.

Pouco máis me queda por dicirlle de momento. Recoméndolle que tente limitar o uso das preposicións (se se relé, igual encontra algunha parágrafo sobexo en "de"). Lamento -permita o desafogo dun antigo admirador- que aparentemente o pan de Cea perdese algún dos mellores enfornadores, ou mal me indicaron a última vez. E volvo aos meus exames, desexando que estes comentarios sexan acollidos con benevolencia; tal e como, principalmente, foron concibidos.

Anónimo dijo...

Pero, por deus, Saavedra! Non será vostede deses profesores que mortifican os alumnos con tres mil exames por avaliación e ademais amplísimos? Porque non entendo que tarde tantísimas horas en corrixilos (onte todo o día e hoxe tamén). Ou será que é tan meticuloso que le cada un dúas ou tres veces?

Anónimo dijo...

Non, home non. É que, como é tan bó profesor, os alumnos saben moito i escriben sin parar. Se eu fora porfesor, poría unhos exames dificilísimos pra que os deixaran en blanco, e asi correxiría rápido: todos suspensos.

Marcos Valcárcel López dijo...

Boa idea a do XDC. Como non se nos ocorreu antes? Eu tamén son dos dos exames longos, para darlles máis oportunidades ós alumnos (se non saben unha cousa, saberán a outra...). Pero nunca tan completos e pensados como os que fai XMG segundo dixo noutro fío: non me estraña que logo lle leve tanto tempo corrixilos...

Anónimo dijo...

Tiña que ser das Lagóas, tiña que ser. Jejeje.

Anónimo dijo...

E logo por que "jejeje", Don Xohan?

Anónimo dijo...

Have a guess,Etxe!

Anónimo dijo...

Graciñas Marcos por colgar aquí este meu texto. Graciñas tamén ao Señor Xosé M. González (atendida queda a súa interesante e productiva crítica), a Etxeokeai, a apicultor, a xohan da coba e a todos os que sen faguer comentario algún por escrito, reflexionaron nas súas mentes con este texto mentres investían, xenerosos, tempo vital en lelo. Agradézollelo ben.

Un saúdo.

Gabriel Gavela

Anónimo dijo...

Gabri, lein hoxe a túa homenaxe a Blanco Amor e o texto que fixeches. Quería que quedase constancia neste blog, constancia de que tes unha madriña q se sinte moi orgullosa de ti..e que te quere a rabiar.
Espero que atopes este ano o teu camiño na vida e que o elixas ben, coido que así será...tes madeira de escritor, de filósofo..de intelectual, porque non deixas q a vida pase por ti, a disfrutas con todo o que fas e os demás tamén o farán cando te lean ou esten contigo..É unha ledicia ler o que escribes, e a paixón que pos nelo

A túa madriña, prima, irmá...