5 ene 2008


ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
26. Arreite.
O Xosé da Casanova é un ano máis novo ca min.
Ben ha de lembrar.
Que confusión, canto mal amaño, que dozura. - A carne é débil. - Non, a carne é forte. Gaña en valor a segunda das retóricas; se alguén a enunciase, determinada cara enrubiaría, brillaría algún ollo.

O acto sexual pleno está, de boca, inmiscido no máis corrente da vida diaria. Son os anos sesenta e rapaces que xogan ás apandas proclaman “condón de esparto”, unha fórmula coma outra no salto previo á patada no cu; outros, que aprenden ciencias naturais, chámanlle condón de Aquiles a unha articulación fibrosa. Pouco hai que evocar, por innecesario, sobre voces tabú que se volven interxección ou comodín lingüístico, o xeneral Carallo á fronte de todas. Cousa frecuentemente inocua, igual ca no conto do gatiño.

Sobre a unha da mañá, van todos os gatos da Rúa Nova cara á Praza Maior; na Rúa da Cruz encontran un gato pequeno e pregúntalles:
- Onde ides todos xuntos?
- Imos foder.
- Quero ir convosco!
- Que has vir, hom, que has vir. Vaite deitar.
- Quero ir! Levádeme, levádeme!
- Veña, hom, deixa vir o pequeno. Ten que ir aprendendo.
Van logo xuntos por Conde Pallares, chegan á praza e alí, no palco da música, hai unha gata, toda remirada, lambendo nas unllas. Os machos comezan a dar voltas por baixo, unha vez, outra, unha vez, outra. Cando levan doce, o gatiño, que non pode co sono, advirte:
- Bueno, eu fodo outra volta e voume, ¿eh?

Xogos de palabra que fan aqueles a quen os maiores adoitan instruír, igual, a medio de conto e sobreentendido; tal ensino axudará como habelencia nun futuro, pouco agora para termar deste brío que ameaza arroiar en enxurrada. Dando, por veces, en malestar do ignorante ou novicio: de onde tal emanación, inesperada, que eu non activei? Saberá un, pero máis tarde, que polución nocturna non é masturbación (ou pera, ou palla); saberá, tamén, que a cabeza traballa ás veces máis cá man, por moi incrible que pareza.

Todo leva a encontro, ben se sabe. O como é outro choio, que debe explorarse; exploración, proba constante. Á expectativa na verbena da Milagrosa, con bolero; na festa de San Roque, samba. Hai quen vai bailar polo baile, outros por meter man; “mete man quen non pode meter outra cousa”, volve a palabra. Pero elas queren chegar virxes ao matrimonio e no fondo eles entenden, sobre todo pensando no propio casamento; algún concibe inusual interrogante, digno -para os outros- de parvo ou quizá madamita: por que mulleres e non homes?

Amor é outra cousa, e verba de canción. Cando a efusión de abaixo leva incorporado sentimento arriba, dise que un está polo outro. E de súpeto, hai volta de páxina, digo década.

Chegan os setenta, un degoro de franqueza dá en varrer condicionantes. A voz de Bonnie Tyler, o continente da Tina Turner han categorizar: dille abur á nena débil e calada, esa imaxe. No ano 69 un tabú de circunspección rolara co “Je t’ aime, moi non plus”, aínda que na máquina de discos en Los Tilos, rúa do Bispo Agirre, soase unicamente música, non letra. Tres anos despois, difundíase en copia a historia verídica e abraiante do cipote de Archidona; aquel Cela xa sacara a segunda entrega do Diccionario Secreto e algún adolescente especulaba: que será, como posible, “echar un polvo en el vacío”?. Vicente Araguas, aceno de esguello goliárdico nas Voces Ceibes, cantando pornografía medieval desvelaba un vencello cultísimo do homólogo cantigueiro galego e contemporáneo:
A ũu frade dizen escaralhado
e faz pecado quen lh' o vai dizer
ca, pois el sab' arreitar de foder,
cuid' eu que gaj' é de piss' arreitado;
e, pois emprenha estas con que jaz
e faze filhos e filhas assaz,
ante lhe digu' eu ben encaralhado.
Tal dato e texto literario adoita espallalo na cidade algún universitario en vacación; traen así mesmo noticia de que frecuentes mozas non queren ir virxes ao matrimonio, dubidan mesmo ou negan que vaia haber casamento ningún. “Vivir xuntos” quere dicir sen cerimonia nin compromiso. Moito lugués maduro escoita, queda abraiado, escandalizado, logo teme; a onde levará a promiscuidade, que será da miña nena, quen ha coidar do rapaz; e non haberá máis familia, quen me dará netos; e o romanticismo?
Outros maiores dubidan, tamén hai varón que acouga dama acolléndose ao efecto do tempo e o valor do refraneiro. E de certo haberá amor, familia, netos; seguirá patente que o casado, casa quere. Así e todo, en paralelo a certa polémica sobre estabilidade sentimental, o vello modo e motivo de gobernar o desexo volveuse concepto en dúbida. Precepto cambaleante.

27 comentarios:

Anónimo dijo...

Con esta entrega empeza o derradeiro subtramo desta xa ben demorada serie. Espero que non sexa nin demasiado elíptica nin demasiado explícita; segundo gustos ou sensibilidades.

Anónimo dijo...

Eu nuncan souben ónde estaba en Lugo o "Barrio Chinés", si é o que o había...

Unha vez, sendo rapaces, estabamos xogando na rúa e acercóuse a nós un home, con pinta de foráneo. Preguntóunos, nervoso: "Chavales, vosotros sabéis donde está una calle que hai unas señoritas de pie en las puertas?" Nós, sabiamos de sobra o que nos preguntaba, pero fixémonos os cándidos, simulando non entender. "Se refiere Vd a las señoras que reparten la leche?. A las que fregan los portales?".Etc. Ibámolo "puteando" e os circunloquios do fulano, cada vez mais nervoso, facían que nos mexáramos coa risa por dentro. Ó cabo dun pouco, un dos maiores, algo besta, díxolle: "Vostede o que quere é ir ás putas. Pois vaíse por alí e por alá". O home marchóu coma se vira ó demo, e nos xa non aguantamos máis a risa.

Anónimo dijo...

Cando eu era neno, os mozos da aldea metían unha zanahoria (quizáis "cenoura", coma en portugués?) no bolsillo do pantalón antes de sacar a bailar a unha rapaza. Cando estaban bailando, apretaban á rapaza contra ese lado. Elas, incomodadas, arrimábanse pró outro lado, onde as agardaba "a boa" .

Marcos Valcárcel López dijo...

Curiosa a terminoloxía de "señoritas" ou mesmo de "las chicas" para designar as prostitutas. Parece de españolada do cine español dos 70, con Landa e demáis, pero eu teño escoitado esa expresión na rúa algunha vez, mesmo quizais preguntando alguén polo barrio famoso (en Ourense na práctica xa desaparecido: quedará na historia como símbolo de "A esmorga" e nada máis).

Xaime dijo...

Noraboa unha vez máis, Saavedra. Ben bonita e universalmente luguesa a entrega.

Xaime dijo...

No tocante os términos que sinala Marcos, a mín non sei por qué pero chicas era empregado cando falaba unha muller, e señoritas cando falaban os homes.
Eu nascín nunha casa na que o baixo era un bar de chicas, lembro a xefa nos anos 6O e poucos chamada Tina, que pos ollos de un merdán de 10 anos era algo que impoñía

Anónimo dijo...

É curioso o evolucionar do intercambio sexual. No “barrio” en Ourense hóuboas moi famosas, cunhas historias arredor que nin nas mellores fábulas, por exemplo, a “Chichona”, unha señor gorda e da que máis anos levaba no “oficio”, da que dicían que morreran xa un par de homes enriba dela ao darlles un ataque na “pataca”; a “Estrella” do Osorio; a “Teresa” do Mario; a “Isabel” do Epi; a “Zaza”; a “Torera”, etc... Case todas estaban relacionadas cun “protector”, e o seu alcume era coñecido ao relacionalas con el.
O “barrio” sempre foi unha escola de aprendizaxe da vida, en todos os sentidos. Daquela podíase ir alí, tomar unha consumición, dar unha volta, observar, aprender, ver, sentir o transcorrer da vida, todo era a existencia cotiá.
Hoxe só queda o mundo da droga e dous ou tres bares. É un pouco a continuación do cambio dos tempos e os costumes: os dous ou tres bares cando máis clientela teñen é a principio de mes e principalmente polas mañás. Ves entrar a uns cantos clientes, xa metidos en anos, que sospeitas acaban de cobrar o seu subsidio e veñen a satisfacer a chamada do seu instinto, e o motivo de que veñan a esas horas non é outro có de evitar o mundo da droga.

Anónimo dijo...

Estimados señores Valcárcel e Xaime de Lugo: Estiveron ben acertados en sacar o tema. É mesmo alarmante a deturpación á que está a chegar o noso idioma. Sempre se podía pensar que, ao fío do que nos ocupa, “equiparar” semánticamente os termos señorita, chica e prostituta era por causa da influencia do castelán. Mais en português do Brasil, p. ex., é absolutamente inapropiado chamar hoxe en día “rapariga” ou “menina” a unha muller nova, porque infelizmente as connotacións coa figura dunha prostituta son inevitábeis. E para acabar de atrapallar o tema, en Portugal, esa república que comeza nos montes de Lobeira, esa Galiza terminada e normativizada, acabada e normalizada, digo que comeza a ser tamén alarmante a connotación que moça, rapariga, rapaça, menina etc. están a atinxir. E aínda que pareza incríbel, estase a impoñer nesa nación un novo termo para tratar as mulleres novas; é un termo que expresa o máximo respecto; ese termo é “SENHORITA”; non era infrecuente no Brasil, e comeza a non selo en Portugal.
Cos meus respectuosos cumprimentos..

Anónimo dijo...

A mín góstame a expresión portuguesa "as miúdas".

Anónimo dijo...

Os que sean de Ourense, non séi se lembran o asesinato dunha prostituta a mediados dos setenta, nun bar da rúa San Miguel. Foi a primeira veces que comprobéi a manipulación da prensa: O suceso fora tratado coma "crimen pasional", con certo romanticismo. A realidade, contada por alguén presente e próximo ós involucrados, fora moi diferente.

Anónimo dijo...

Esquecín decir que a prensa en ningún momento fixera referencia, nin explícita nin implícita, á condición de prostituta da víctima.

Anónimo dijo...

Por certo, Carqueixa, algús deses "protectores" que nomeou sí que serían digno de entrevistar pra facer un libro da súa vida. O Epi, por exemplo.

Anónimo dijo...

O “Epi” é o único auténtico que queda en Ourense, o último mohicano, o vello rockeiro. Volveu para Ourense hai tres ou catro anos, despois dunha estadía na Coruña, e óelo falar con unha agarimosa nostalxia dos vellos tempos, di que hoxe a droga todo o estragou, que o “barrio” é unha cloaca de “malandros” e que todo vai a peor.
Eu que son moito máis novo que el, sempre o recordo co vaso de leite ou de café na man, nada de alcol, vendo unha partida de naipes, e de vez en cando dando algunha opinión, nada máis. Co seu pose de “señor”, sempre sen unha mala expresión no seu falar, coa pel morena todo o ano, e a roupa sen mácula e impecablemente limpa. Xamais lle recordo un problema ou unha liorta, nin a diferenza da sona que tiñan algúns “protectores”, nunca vin que lle erguera a man a súa protexida nin lle tocara un só pelo.
Quen non recorda o primero Seat 1600 Sport ou a primeira Ducatti 100cc. En Ourense? O “Epi” foi quen de estrealos.
Hoxe segue coa súa saudade dos vellos tempos e contemplando as partidas e “administrando” a súa protexida. E iso que xa debe pasar dos 72 ou 73 anos.
Tamén está o Torero, outro da vella garda, que xa pasa dos 80, mais este o pobre cando te ve só vén xunto a un a pedir que o invites a un café e de paso cóntache as súas aventuras de cando estivo coa División Azul en Rusia.
Estes dous persoeiros do lumpen ourensán daban un bo guión para un bo libro.

Anónimo dijo...

E iso que o tema non ía de putas. Xa que o Xaime non o indica, dígolle ao da Coba que o barrio de Lugo estaba na Rúa do Miño, o chamado Recanto ou Rinconada e parte da Rúa da Tinería; na nosa infancia, subía tamén pola Praza do Campo, onde o aludido Da Pena paraba.

Desculpen se non teño moita moral para seguir con vdes; noutro fío está indicada a causa. Lerei mañá a ben interesante secuela que felizmente suscita este texto.

Que os Reis traian moito. Que xa chegan.

Anónimo dijo...

Sr. XdC o crimen de mediados dos setenta fora na rúa Lepanto, non na rúa San Miguel. Concretamente, fora no bar Albino que estaba a carón do Museo Municipal. Hoxe é unha casa en ruinas que aínda segue alí e que creo acaba de mercar o Concello para ampliar o Museo.
A muller chamábase Eulalia, e xa pasaba dos 40 anos. Era moi pequerrechiña e os mozos que daquela andabamos polos viños metíamosnos con ela e dicíamoslle: “Garrafona, garrafona” e ela dábase a volta e retrucábanos: “Idesme rascar a con…”. Sempre ía acompañada do “Chata”, alcumado así por traballar coma chatsarreiro. O caso foi que un dos seus namorados tivera que ir cumprir unha condena ao antigo cárcere, o que estaba en “Xeneral Franco nº 47”, e cando saíu viuna co “Chata” en nun ataque de ciumes apareceu unha tarde coa escopeta de caza e descerralloulle un par de tiros no bar do Albino.
Como ben sabe foi a noticia do día durante bastante tempo na cidade; moitos fumos a ver no Albino o sitio onde estiveran e recibira a muller os tiros. O tratamento que lle dera La Región non o lembro ben, mais recordo que varios meses despois o que lle pegara os tiros aforcárase na cadea cando estaba a cumprir a condena.
Esta nova recordoa que a estaba a ler o Antonio “Minero”, outro dos “protectores” do “barrio”, en voz alta no bar no xornal La Región, no que participaban a noticia do aforcamento e recordaban aos lectores que no fallo da Audiencia Provincial lle caeran ao home 24 anos de condena, e vai o “Minero” todo cheo de razón e dícenos: non me estrana que se aforcara, ata o xuíz se equivocou na condena.
Tempos idos aqueles, pero de boa lembranza.

Anónimo dijo...

Pero Carqueixa...Eu "flipo" con vostede. Én unha enciclopedia andante da microhistoria de Ourense. Moitas grazas por tomarse o traballo de escribir ese interesante texto aclaratorio.

Se tén visto ó Epi recentemente "flipará" coma mín, polo aspecto "xuvenil" que mantén aínda con eses 72 anos.

Xaime dijo...

Da Coba e Carqueixa, quedan convidados a unha "volta" polo meu barrio en Lugo. Poñan día e hora.
Non lle fago un desaire a Marcos Válcarcel, porque xa ó dín con él.

Anónimo dijo...

Viño, paparotas, "barrio"(que tenés el alma inquieta de un gorrión sentimental...).As súas propostas son sempre bén interesantes, Xaime. É un peligro ir de esmorga a Lugo con vostede. Igual non volvo.

Anónimo dijo...

Saúdos ao amigo Carqueixa... e a ver para cando esa nova e estupenda novela, que xa levamos moitos anos agardando.

Marcos Valcárcel López dijo...

Sr. Xaime: os lectores van pensar mal despois da súa última mensaxe... Aclaremos que foi unha visita histórica-cultural, que coincidiu coa presentación do libro de Xosé Miranda, e que íamos un grupo dunhas quince persoas, coñecendo a microhistoria da cidade e con intencións todas honestas e saudables.

Marcos Valcárcel López dijo...

Creo que Carqueixa nos debe unha gran novela sobre a "canalla" ourensá, totalmente de acordo.

Anónimo dijo...

Xosé m.gonzalez, creo que era na VALENCIANA onde maís se iniciaban os rapaces da provincia...non sí?

Xaime dijo...

A aclaracíón de Marcos é pertinente, pero a visita de Da Coba e Carqueixa será personalizada.

Xaime dijo...

A Valenciana efectivamente era famosa no barrio a principios dos 60, era unha muller alta, esbelta, loira con rizos, cunhos beizos incribles e nai de Tito, compañeiro de xogos, ó que lle mando unhos recordos agarimosos onde esteña.

Anónimo dijo...

Carqueixa, fala vostede do Mineiro. Lembrar que tamén era "industrial en plaza". A súa palimoca non era moi guapa, pero segundo el, traballaba moi ben. Rematou mal o Minas, pasou por Toén e os últimos anos forón penosos. A súa palimoca deixarao só.
Tamén tiñan sona o Jose da Estrella e o Caracol e a súa fermosa Xintana.

Anónimo dijo...

Teña coidado, Bradomín, que os herdeiros de Valle-Inclán igual fan todo o posible porque non se podia usar o seu alias sen o permiso deles.

Anónimo dijo...

Non era tan palimoca cando o deixou só ! Di moi ben o refraneiro , coma case sempre, : "Quen mal anda mal acaba". Calquera forma de explotación é tan ruín, que o pago, para quen a practique, debera estar sempre acorde.