3 feb 2008




CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1993: O ANO DE BLANCO AMOR

Dedicóuselle a Eduardo Blanco Amor o Día das Letras Galegas no 1993 e pódese dicir que foi o ano do autor ourensán polo relevo dos actos celebrados e a bibliografía aparecida. Entre os libros, imprescindibles a excelente biografía de Gonzalo Allegue, Diante dun xuíz ausente (Nigra), e o magnífico estudo de Xavier Carro, A obra literaria de EBA (Galaxia). Ademais recuperáronse os textos A escadeira de Jacob, editado por Anxo Tarrío e este mesmo crítico preparou Primeiras experiencias narrativas de EBA. Tamén se editaron algúns dos seus artigos (Luís Pérez) e parte do seu labor fotográfico (EBA fotógrafo, Clube Cultural Alexandre Bóveda, Ourense). A engadir unha boa Fotobiografía, preparada por Allegue e V. Freixanes; o volume colectivo Sempre en Auria (Xerais), outro da Universidade de Santiago e o monográfico de A Nosa Terra Letra, terra e liberdade. Publicáronse tamén traballos de Francisco Rodríguez, Fernández del Riego, Antón Capelán, Manuel Forcadela, Maximino Cacheiro, Andrés Pociña, Xosé M. Sasilva, María Carme Ares, Xosé M. Enríquez e Xosé María Dobarro, entre outros (tamén deste cronista).

No campo da narrativa, subliñemos a recuperación en Galaxia de dous textos de Otero Pedrayo, Xelmírez (preparado por R. Mariño) e Narrativa breve (por X.Mª Gómez Clemente), ademais da triloxía Charamuscas, de Neira Vilas, que abrangue as novelas Lar, Nai e Pan, con debuxos de Siro, X. Balboa e X.L. de Dios. Víctor Freixanes sacaba outra das súas grandes novelas, A cidade dos Césares, ambientada na colonización da Patagonia do século XVIII, e Suso de Toro, Tic-Tac (Ed. B), unha das súas obras máis relevantes e un punto de inflexión na súa carreira literaria. No rexistro da novela de iniciación podería enmarcarse Os leopardos da lúa (Galaxia), de Ramiro Fonte.A narrativa negra estaba de moda. Vexan. En Sotelo Blanco, Un home que xaceu aquí, de Aníbal Malvar. En Xerais, Tránsito dos gramáticos, de Marilar Aleixandre, finalista do premio Xerais. Ou Un lugar tranquilo (Nigra), de Benito Leiro Conde, ambientada no mundo da droga e o contrabando nas Rías Baixas. César Cunqueiro estreábase na narrativa con Beatum corpus (Ir Indo), retorno ó paraíso da infancia, e tamén facía a súa incursión na narrativa Miguel Vázquez Freire con Galería de esquecidos. Manuel Rivas publicaba En salvaxe compaña e tamén en Xerais aparecían a primeira novela de Carlos Mella, Bieito, Bieito; a segunda novela de Fernández Naval, Tempo de crepúsculo, e a do xornalista portugués Jose Viale Moutinho, Camiñando sobre as augas. Do mesmo ano son Xente de mala morte, de Afonso Álvarez Cáccamo; Pleno ordinario, de E. Valadé del Río; Outros heroes (Positivas), de Xavier López Rodríguez; e Corpo canso (Ir Indo), de M. Riveiro Loureiro. Na narrativa xuvenil, As viaxes do príncipe Azul, de Darío Xoán Cabana; Os Mornias, de Lola González; a reedición de As laranxas de Casares e traducións de O. Wilde, A. Andersch, Kenneth. Grahame e o bestseller nos colexios que foi Eu tamén son maniática, de A.Macpherson e A. Macfarlane.

No hay comentarios: